Novas por contido

Na Comisión de Persoal do venres 21 de maio tratáronse os seguintes asuntos: indemnización por auxilio a tribunais de selección de educación, convocatoria de tres procesos selectivos das escalas de finanzas, e diversos asuntos no apartado de rogos e preguntas (procesos selectivos, concursos, funcionarización, listas de agarda e conciliación por fillos ata 18 anos).

Indemnizacións por auxilio a tribunais de educación

A proposta inicial limitábase a incrementar de 25 a 35 € brutos/día as indemnizacións ao persoal auxiliar dos tribunais de educación. 

A CIG solicitou unha negociación máis ampla, pero en todo caso que aparecese unha referencia expresa ao persoal subalterno e de limpeza, e deixar constancia que se trata dunha colaboración voluntaria.

Finalmente, o importe pasou a ser de 40 €, introduciron expresamente ao persoal subalterno e de limpeza, e queda constancia en Acta que sempre será voluntario. Ver documento final.

Con estes cambios, a CIG votou a favor da modificación. O mesmo fixeron CCOO e UGT. CSIF abstívose.

Convocatoria de procesos selectivos das escalas de finanzas

Foron aprobadas as seguintes tres convocatorias:

No caso da promoción a A1 (tanto a separada como a que vai con libre), restrinxen a participación exclusivamente á escala técnica de finanzas. A postura da CIG é permitir a participación dende calquer escala sempre que se teña a titulación, e sempre recíprocamente en todos os casos. Defendemos que dende as escalas/especial se poida ir a xeral, e ao revés. Os responsábeis políticos da Administración non o permiten.

Para a promoción á escala técnica de finanzas, A2, pode participar calquer C1, pero sempre que tivese 2 anos no corpo administrativo. Por tanto, non pode participar calquer C1.

En A1 manteñen o exame oral e non hai ningún de corrección obxectiva (test). En A2 si hai un test, pero é precisamente o que menos puntos vale. As distintas probas non eliminan partes do programa entre si. Non aparece a nota de corte nas bases. A antiguidade a valorar na fase de concurso da promoción interna quédase curta (12 anos de servizos). En A2 non hai diferenza algunha (en temario, probas ou corte) entre promoción interna e acceso libre.

E para rematar, hai unha incongruencia entre a fase de concurso de acceso libre de A1 e A2:

  • Na escala superior de finanzas-A1, a experiencia profesional en A2-finanzas puntua o dobre que en calquer outro corpo/escala (por exemplo, A1-finanzas). Priman o tempo traballado na escala técnica-A2 por riba do tempo traballado na propia escala superior-A1.
  • Na escala técnica de finanzas-A2, é xusto ao revés, pois a experiencia na propia escala técnica, puntua o dobre que en calquer outro corpo/escala. Priman o tempo traballado na propia escala técnica-A2.

As tres convocatorias foron aprobadas co voto en contra dos catro sindicatos con representación (CIG, CCOO, CSIF e UGT).
 

Rogos e preguntas

Convocatorias de oposicións de escalas santiarias: unha vez máis insistimos en coñecer as previsións da negociación e convocatoria das prazas de escalas sanitarias das ofertas de emprego dos anos 2018, 2019, 2020 e 2021, que están integramente sen convocar. Despois de repreguntar, por fin dígnanse a respostar algo: afirma o DXFP que en dúas semanas darán datas coas previsións, e que nas convocatorias acumularán as ofertas de todos os anos. Insistiremos.

Datas de exames de corpos xerais: preguntamos pola previsión do primeiro exercicio de subalterno e todo o de promoción interna, sen data anunciada. O DXFP deulle voltas ao asunto, pero nada novo.

Concursos: para variar, preguntamos polas previsións, tanto do xa convocado (corpos xerais), como os non convocados. E outra vez sen resposta.

Funcionarización do persoal laboral fixo: preguntamos pola previsión dos nomeamentos, das modificacións das RPTs, así como dos exames dos recén convocados. O DXFP limítase a informar de que nas bases xa consta que os exames serán aos dous meses da convocatoria, e de que a negociación das RPTs será primeiro de Admón. xeral (“no prazo máis breve posible”), e despois as escalas sociais. 

Metodo do cálculo dos 30km de distancia para concursos: informa o DXFP que nuns días publicarán no web un método de calculo dos 30 km de distancia que constan nos concursos de traslados para a obriga de solicitar postos do persoal en adscrición temporal ou a disposición. Di que está feito polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), e os cálculos son sobre as traxectorias das estradas. Non coñecemos o texto, pero en todo caso era necesario a concreción do método, pois en múltiples ocasións tivemos conflito co método de cálculo e era necesario regular o método.

Concellos limítrofes para os concursos de traslados: informa o DXFP que nos vindeiros días publicarán no web unha relación de concellos limítrofes para aplicar nos concursos de traslados no baremo de medidas de conciliación. Tamén está feito polo IET.

Conciliación por fillos ata os 18 anos: informa o DXFP que nuns días remitirán unha proposta de regulamento sobre as medidas de conciliación por fillos ata 18 anos prevista na Lei de impulso demográfico.

Unificación das listas de substitución persoal funcionario/persoal laboral: informa o DXFP que a semana que ven haberá xuntanza para falar do asunto.

Outras novas recentes

Venres, 04 Setembro 2026

A Consellería do Medio Rural coloca adhesivos nas motobombas “Prohibido subir á parte superior agás persoal autorizado con equipo anticaida"

O que non resulta admisible é establecer unha norma de seguridade sen dotar previamente os vehículos e o persoal dos medios necesarios para poder cumprila. Hai que  cumprir a norma SI, pero co material adecuado: 1. Real Decreto 1215/1997 • Art. 2: definición de equipo de traballo. • Anexo I, apartado 1.6: risco de caída superior a 2 m → varanda ou protección colectiva...
Mércores, 09 Setembro 2026

A CIG advirte do risco de colapso dos cursos de galego da EGAP

A Xunta asigna dous cursos simultáneos de teleformación ao persoal da Secretaría Xeral da Lingua, cuxos postos son a media xornadaA CIG esixiu á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude a ampliación inmediata e con efectos retroactivos da xornada do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua para garantir os cursos de...
Mércores, 09 Setembro 2026

Modificación RPT; datas actos de elección destinos; SPIF; oficinas emprego; finanzas (CP 09/09/26)

Á Comisión de Persoal do mércores 9 de setembro, foi como único punto da orde do día a proposta de modificación de varios postos na Relación de Postos de Traballo (RPT) das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración, e de Presidencia, Xustiza e Deportes, a causa da execución de sentenzas de persoas que reclamaron destino definitivo no posto que ocupaban en provisional....