Novas por contido

Pois si, cumpriu a palabra que nos deu fai dúas semanas, de que o venres 7 de maio publicarían no DOG a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos xerais.

Pero aí remata o cumprido. Porque se vamos uns meses para atrás, a palabra era que esa mesma resolución publicaríana en marzo, que o baremo provisional sería para marzo/abril e a resolución definitiva para xullo. Así que como mínimo levamos dous meses de atraso sobre o previsto e case ano e medio para publicar un puto listado, porque iso é o que é unha relación de persoas admitidas.

Pero, dous meses de atraso non é nada no calendario do director xeral, sempre e cando non teñamos en conta a demora que acumulamos:

  • Convocouse a finais do 2019 (ano e pico máis tarde do previsto).
  • Publicaron a relación de prazas a solicitar (vacantes máis resultas) a finais de xuño e 2020 (estaba previsto para xaneiro [aquí ou aquí] dese ano).

Total, que estamos en maio de 2021, pasaron case tres anos dende que tiña que ser convocado no 2018 e ano e medio dende que se convocou no 2019, e non se albisca nin a baremación provisional (tentarán que sexa en maio, din), nin a definitiva, nin a resolución, nin a data de toma de posesión. E iso que é o único concurso que está activo, hoxe, na Administración da Xunta de Galiza.

Concurso de persoal laboral

A decisión política do goberno de Feijoo é que nunca máis haberá concurso de traslados de persoal laboral, porque decidiron que todo o persoal vai ser funcionario. Dende unha óptica sindical, temos un problema: CCOO e UGT concordan totalmente co goberno, e comezaron a casa polo tellado.

O concurso de traslados de persoal laboral é algo previsto no V Convenio Colectivo, polo que con ese argumento a CIG, xunto a CSIF, presentamos demanda xudicial polo incumprimento do convenio. A CIG defende que aínda que todos e todas pasasen a ser persoal funcionario, antes teñen dereito a un concurso de traslados como persoal laboral.

Concurso de escalas e administración especial

Onde agocha Barreiro os concursos de administración especial e escalas?

Hai que rebuscar moito para atopar a convocatoria do último concurso de administración especial. Pasaron xa oito anos e medio dende que o convocaran no Nadal do 2012, resolto en abril de 2014.

De escalas de administración xeral, vai por barrios:

  • Informática: convocado en xuño/2013, resolto en abril/2014.
  • Outros son máis próximos (dous, tres anos de marxe): estatística, gardacostas, finanzas, etc.
  • E de moitas máis escalas simplemente xa nin memoria temos.

O concurso de persoal veterinario comezamos a “negocialo” en xaneiro do 2020. Daquelas enviaran un borrador; alegamos por escrito. E nunca máis. En marzo deste ano dignáronse a respostarnos algo ante a nosa insistencia: seica estaban pendentes de que Sanidade modificara a súa RPT. Non hai máis información nin movementos.

Fai uns días enviaron un borrador do concurso de finanzas. Ese borrador era para marzo, pero finalmente conseguiu chegar en maio.

Como dato curioso dicir que as escalas de gardacostas tiveron un único concurso en toda a historia desas escalas. Alucinante!

Concurso específico

Os sindicatos chegaramos a un acordo co goberno bipartito de que as xefaturas de servizo e inferiores serían postos de concurso, agás aqueles postos que cumpriran unha serie de criterios que xustificasen a súa cobertura mediante libre designación. Esta medida non se chegou a materializar, xa que nada máis chegar ao goberno, o Presidente Feijoo reverteu o pacto: impuxo que os servizos e algunhas seccións, serían cubertas mediante libre designación ou concurso específico.

A CIG rexeita esta forma de cobertura, que ven a ser unha libre designación por cinco anos, cunha entrevista persoal, que vai implicar o sometemento á vontade da persoa superior que vai ter que elaborar un informe.

Pasaron mais de dous anos dende que en marzo do 2019 fora aprobado o Decreto de mobilidade que habilita o Concurso Específico, co voto en contra de todos os sindicatos con presenza na Mesa Xeral (CIG, CCOO, CSIF e UGT), e nen tan sequera foi publicado en DOG. Pasan os anos e non hai no horizonte ningunha sinal de que algún día se poña en marcha. E mentres tanto, son moitas as xefaturas de servizo e sección que levan anos cubertos en comisión de servizo, cos seus ocupantes amarrando outro posto que tampouco pode ser ofertado en concurso ordinario.

Concurso de traslados: 8.000 postos adxudicados e resolto en menos de 3 meses... pero falamos de docentes

En xaneiro deste ano faciamos unha comparativa co que ocorre en ensino, onde todos os anos executan dous concursos nos que se adxudican 8.000 postos. Un deses dous concursos se resolve en dous meses e medio, e o outro en seis meses. Así todos os anos.

Para que nos fagamos unha idea, e arredondando, podemos dicir que no concurso xeral de Función Pública ofertáronse 4.700 postos, 1.900 vacantes na primeira fase e 2.800 de resultas. Nin é anual, nin é para todos os corpos, nin se resolve en seis meses.

Outras novas recentes

Venres, 24 Abril 2026

Corpos xerais: teñen un lío monumental coas eleccións de destino e non dan información

Na Comisión de Persoal de hoxe, 24/04/2026 voltamos a esixir que nos convoquen xa á reunión á que se comprometeron. Na Mesa Xeral do 21/04/2026 comprometéronse a convocarnos a unha xuntanza de carácter técnico para solventar o problema dos actos de elección de destino. Nin nos enviaron datos, nin a listaxe de postos. Non podemos saber cantos postos quedaron vacantes da fase...
Luns, 20 Abril 2026

Comité de Seguridade e Saúde Laboral - Política Social (15/04/2026)

O 15 de abril tivemos a xuntanza do CSSL da Consellaría de Política Social e tratamos os asuntos que deseguido se indican: Na Residencia de Maiores das Gándaras veñen trasladando dende hai un tempo que hai un problema de gases na lavandaría. De feito, algunhas das traballadoras acudiron á Mutua por reaccións alérxicas que lles causaron a baixa laboral. Con respecto a isto,...
Mércores, 15 Abril 2026

A CIG logra que as traballadoras da AGASS teñan protección ante o risco biolóxico no embarazo

A CIG, hai xa dez anos, que logramos a protección das traballadoras embarazadas das escolas infantís do Consorcio, fronte o risco biolóxico no embarazo, tras unha sentenza dun xulgado do social de Vigo, ratificada polo TSXG. Non foi doada a aplicación plena da sentenza e a implementación dun protocolo que protexera as traballadoras embarazadas dende o momento que...