Novas por contido

Facemos un repaso á situación e espectativas dos concursos de traslados. Contámosche a información que temos de cada un deles.

a) CONCURSO DE VETERINARIOS/AS

Recibíramos o primeiro e único borrador en xaneiro do 2020, alegamos, e non houbo máis movementos. En múltiples reunións preguntamos e esiximos retomalo, e como quen escoita asubiar.

O director xeral de Función Pública (DXFP) ten mencionado que o concurso estaba bloqueado por unha consellería que quería modificar a súa RPT (isto non lle resta responsabilidade, pois puideron sacalo coa RPT vixente e punto, que espabilasen). A consellería aludida (Sanidade), dixo recentemente que eles xa cumpriron, que Función Pública xa tiña unha proposta da súa RPT.

A última RPT de Sanidade retira a cobertura por parte de persoal veterinario de 18 xefaturas de sección (a proposta de CCOO, co apoio de SEPGA). Pero parece ser que esa non era a RPT que bloqueaba o concurso: segundo o DXFP ao longo de setembro teremos negociación da RPT completa de persoal veterinario de Sanidade. 

Así que poñéndonos no mellor dos casos, un par de meses para a RPT, e outro par máis para a publicación do concurso. Veremos se con moita sorte témolo convocado para comezos de 2022.

b) CONCURSO DE FINANZAS

Este é un dos poucos concursos que se move con certa periodicidade (máis ou menos cada catro anos, que comparado cos demais, é maravilloso). Nesta ocasión foi publicado no DOG do 23/07/2021, un mes e pico despois de ser aprobado en Comisión de Persoal.

Subliñamos que neste concurso xa non é preciso confirmar os méritos se hai conformidade, o que vén a solucionar o problema que tivemos noutros concursos e que motivou a exclusión dunha boa parte do persoal (pasou en corpos xerais e en gardacostas). 

c) RESTO DE CONCURSOS DE ESPECIAL, ESCALAS E PERSOAL LABORAL

Non enviaron nin o primeiro borrador do resto de concursos de administración especial nin de escalas de administración xeral. Non teñen a máis mínima intención de mover o asunto por agora (e tal e como van as cousas en Función Pública, poden pasar algúns anos máis). 

De persoal laboral a vontade dos dirixentes políticos da Administración (co apoio de CCOO e UGT) é que nunca máis haberá concurso, en contra do esixido pola CIG.

d) CONCURSO DE CORPOS XERAIS

Para cando?

Ainda que xa publicaron o baremo provisional o 16 de xullo (dous anos e medio despois de que nos enviaran o primeiro borrador do concurso), non contes que en setembro estará todo resolto. Tomao con calma, que o ritmo que levan quenes dirixen o cotarro é outro.

Estaba previsto que cando publicasen ese baremo provisional (que ia ser fai meses, dicían!), darían conta de se retiraban ou non do concurso as prazas ofertadas que están ocupadas por persoal laboral indefinido non fixo (unhas 80-90), tal e como lle propoñíamos dende a CIG, porque ante o retraso dos procesos selectivos aos que tiñan dereito as persoas que os ocupaban, resolver o concurso antes da oposición podía dar lugar a sentenzas de readmisión. Retirar eses postos era a única maneira de rematar co enorme tempo de bloqueo do concurso (na parte de responsabilidade que vai ligada ao retrado dos procesos selectivos) sen caer en inseguridade xurídica.

Pero publicaron o baremo, e deses postos nin pío. Así que preguntamos pola retirada ou non, e a resposta foi que de momento non, que o verían máis adiante segundo fose a evolución dos procesos selectivos, mantendo a previsión de resolver simultaneamente o concurso e os procesos selectivos.

Conclusión:

  • A toma de posesión do concurso vai ser inmediatamente anterior, ou con pouca diferenza temporal, á elección de destino das persoas que superasen os procesos selectivos de acceso libre de corpos xerais.
  • Estes procesos selectivos rematarían, segundo palabras do DXFP, “dentro deste ano”.
  • No mellor dos casos podemos falar de decembro. Pero ollo, que os retrasos e os incumprimentos dos “cronogramas” son algo habitual en Función Pública.

Concorrencia de promoción interna e concurso de traslados

O director xeral de Función Pública xa publicou a súa solución ao conflito no que están as persoas que superaron a promoción interna pero que ao tempo teñen espectativa de obter no concurso de traslados un posto aberto ao grupo superior. A solución é que van poder quedar na praza do concurso pero xa no novo grupo ao que promocionaron. Este problema é causa, como non, do retraso do concurso.

Renunciar a participar no concurso e reclamación ao baremo provisional

Lembra que as bases da convocatoria do concurso (DOG 27/11/2019) indican (base III.6) que as solicitudes de participación vinculan ás persoas solicitantes, pero permite renunciar ata os dez días seguintes ao da publicación das puntuacións provisionais no DOG. Por tanto, se polas razóns que sexa, estás interesado/a a renunciar a participar no concurso, estás en prazo ata o venres 30.

Ese é o mesmo prazo que tes para reclamar ao baremo provisional.

Admitido/a con cero puntos de méritos

O director xeral lembrou que o concurso é un procedemento de concorrencia competitiva. Aínda así, comprometeuse a estudar o caso, pero advertindo que non abriría a porta a que se producise inseguridade xurídica (porta que podería abrir calquera das persoas que si cumpriron co procedemento). 

Nós xa o consultamos coa nosa asesoría xurídica, e tamén o falamos con persoas responsábeis de Función Pública, e concluímos que dende unha óptica xurídica, o tema está complicado, xa que non se trata dun erro emendable, senón do incumprimento dunha base.

Obviamente, a vía xudicial sempre está aberta para calquera e de feito recibimos moitas chamadas insistindo na subsanación de defectos,  mais é unha decisión persoal que deben valorar as persoas afectadas pola exclusión.

Sabemos dalgún sindicato que está a prometer seguir esa vía, mais agardemos que non estean  a vender fume para  gañar afinidades sen opción de chegar a bo porto.

Novas relacionadas

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.