- Detalles
Dende a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal comunícannos que, o vindeiro venres, día 23 de maio publicaranse do Diario Oficial de Galicia a Resolución do 21 e maio de 2025 pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso de traslados F0125 - profesores e mestres de taller IPMP e axentes de extensión pesqueira.
- Detalles
Dende a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal Comunicannos que, o vindeiro venres, día 23 de maio publicaranse do Diario Oficial de Galicia as seguintes Resolución do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade autónoma de Galicia, escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia:
- Resolución do 21 de maio de 2025 pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas do concurso de traslados F0124.
- Resolución do 21 de maio de 2025 pola que se fan públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso de traslados F0124.
- Detalles
No DOG do 21/05/2025 publican a RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos, arquitectos técnicos e ciencias.
Elevan a definitiva a relación de persoas solicitantes admitidas e excluídas do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes dos corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos, arquitectos técnicos e ciencias.
A relación de persoas admitidas e excluídas publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galiza na epígrafe de concurso de traslados https://www.xunta.gal/funcion-publica/ concurso-de-traslados/consulta
A listaxe de persoas solicitantes excluídas figura como anexo desta resolución.
- Detalles
A Xunta vai licitar a xestión privada da residencia da Coruña (Eirís) da Fundación Amancio Ortega
A CIG esixe a xestión pública directa das residencias de maiores!
A Xunta volve sacar a concurso para as empresas privadas a xestión dos servizos públicos e licita os servizos de atención de outra máis das residencias de maiores das sete doadas pola Fundación Amancio Ortega. A licitación para a residencia de maiores da Coruña, de 150 prazas, ten unha duración inicial do contrato de dous anos e é prorrogable até cinco. O orzamento é de 7,9 millóns de euros e o valor total do contrato, coas posibles (probables) prórrogas, é de 23 millóns de euros.
A rede pública, de xestión tamén pública, é a única que garante un servizo de calidade e protexe ás persoas usuarias fronte aos abusos das empresas que prestan estes servizos, como xa se víu na pandemia. En estudos realizados tras a COVID19 en persoas maiores en residencias, para avaliar a relación entre o número de falecidos na pandemia posto en relación co tamaño das residencias e a súa xestión (pública ou privada), constatouse que a porcentaxe foi moito maior nas residencias privadas que nas públicas. Elementos como o gasto público, cociente de cobertura, titularidade e tamaño tiveron unha relación directa cos falecementos nos centros residenciais. Na pandemia, o 94,3% das mortes nas residencias galegas nos primeiros 9 meses foi en centros de xestión privada (datos obtidos dunha sentenza do TSXG do 23 de maio de 2022)
Por outro lado, facendo só unha lectura económica, de todas/os é sabido que sobre o que custa prestar un servizo con centros e persoal público, hai que engadir, nos casos de xestión privada, o beneficio empresarial. Comezaron as privatizacións desta residencia da FAO dicindo que ían ir para empresas “sen ánimo de lucro”, pero as grandes empresas queren trincar ben neste suculento bocado que é o sector da atención á dependencia e xa non disimulan co “ánimo de lucro”. E para iso teñen gobernando ao PP, que leva esa máxima como selo de identidade.
Dende a CIG reclamamos que a xestión das residencias sexa pública, con persoal público e a universalidade do servizo de atención á dependencia. As razóns están ben claras!
- Detalles
O pasado venres día 16 de maio tivemos a segunda xuntanza con Sanidade para a negociación da addenda do anexo I do acordo de persoal veterinario saúde pública.
As catro organizacións asinantes do acordo, CIG, CC.OO, CSIF e UGT, acordamos instar que:
1- Retirada da Addenda
2. Convocatoria inmediata do concurso de traslados
3. Calendarización da renegociación do acordo, principalmente no que as condicións de traballo dos matadoiros se refire.
Pola Administración, á vista de que non hai posibilidade de acordo, retiran a addenda e estudarán como afectará a súa ausencia á RPT que tiñan previsto negociar xa que hai postos que desapareceron, ex. supresión de matadoiros, para a convocatoria do concurso de traslados.
- Detalles
A CIG vén de manifestarse esta quinta-feira contra a situación crítica da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), despois de anos dunha xestión opaca, desgaleguizadora e que ignora as necesidades de actualización permanente de todo o persoal pertencente á Administración Xeral da Xunta de Galiza e entes instrumentais.
A CIG convocou unha mobilización co lema, «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO», e fíxoo ás portas da conmemoración do Día das Letras Galegas de 2025, pola situación de secuestro da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e da deriva antigalega, autoritaria, antidemocrática, elitista e partidista, á que está sometida a institución da man da súa directora.
Esta directora, dende que entrou, está a corromper a EGAP cunha xestión opaca e clientelar na selección do persoal formador. Unha EGAP onde a demanda de formación das empregadas e empregados públicos é directamente ignorada, con ofertas raquíticas e que non se axustan ás necesidades reais dos empregos na Administración.
Na CIG denunciamos que levamos tempo propoñendo solucións e loitando non só contra os incumprimentos dos fins da EGAP, senón mesmo contra os da propia normativa do seu funcionamento, como non facer as memorias anuais ou non reunir o Consello Reitor nos prazos establecidos. E o máis importante: a directora rebélase contra o galego, negándose a cumprir os fins da EGAP de fomento, difusión, normalización e capacitación na nosa lingua. Somos testemuñas dunha clara viraxe cara ao castelán en todas as actuacións, tanto na formación como nos actos públicos e manifestacións institucionais.
Salientamos a ignominia da lingua na raquítica oferta da formación en linguaxe administrativa, onde é unha lotería acceder a estes cursos para a capacitación lingüística e fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galegas. E tíñano doado: podían manter os contratos do persoal lingüista todo o ano e deixar de abocalo a unha precaridade insultante para unhas empregadas e empregados públicos na Galiza.

Exemplos claros do desfasamento da oferta formativa da EGAP témolos no caso dos cursos de linguaxe administrativa galega, onde houbo 5000 solicitudes para 900 prazas; ou tamén no caso dos cursos de igualdade e violencia de xénero, onde houbo 5601 solicitudes para 850 prazas. E que podemos dicir dos cursos de COMDIX-Certificación galega de competencias dixitais? 11911 solicitudes para 1889 prazas.
Queren que a EGAP se manteña na oferta formativa tradicional, desatendendo as propostas que se saian das típicas tarefas de oficina. Así, a directora non quere nin oír falar de formación para outras persoas empregadas públicas, como as cociñeiras, o persoal de limpeza, coidadores e coidadoras, gardacostas ou o persoal que traballa nos parques naturais.
Os plans anuais de formación non satisfán a demanda real do persoal nin no referido ao número de prazas, nin canto ás áreas de especialidade atendidas. Estes plans obvian as enquisas directas ao persoal que si se fan noutras escolas de administración pública; e incluso tiran ao lixo as que se lle fan ao persoal nos propios cursos; amais de ignorar as propostas feitas polo persoal a través da representación sindical.
A calidade da formación é cada vez peor, e non se controlan nin os materiais nin a calidade lingüística. E cada vez hai máis empresas que dan formación sen control nin nos requisitos, nin no persoal formador, e nin sabemos o diñeiro público que gastan nesas contratacións.
A opacidade chega tamén ao persoal formador: a dedocracia impera na EGAP. Non se dan contas de nada, nin de quen, nin de canto, nin de como. Os procedementos e criterios de inscrición e selección do persoal formador e a súa aplicación non son públicos, nin se dá conta no Consello Reitor.
Recentemente chegáronnos denuncias de que unhas poucas persoas acumulan moitas horas impartindo formación, e incluso de que o fan «dentro do seu horario laboral na Administración».
Levamos tempo denunciando, tamén, a situación precaria da biblioteca da EGAP, atendida por empresas privadas e en claro declive na súa actividade. Moito persoal non sabe nin da súa existencia. Unha denuncia que reiterabamos no último Consello Reitor en decembro. Pois ben, o mes pasado a biblioteca pechaba as súas portas sen solución de continuidade.
O punto de inflexión desta situación crítica da EGAP foi a supresión de todos os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas de 2024, que se viñeran celebrando ininterrompidamente dende había 38 anos; unha supresión sobre a cal a dirección da Escola non daba nin a máis mínima explicación, evidenciando alto e claro que a xestión levada a cabo non está á altura dos fins e obxectivos polos que a EGAP existe.
A pesar das reiteradas propostas e demandas de información ao longo destes anos para acadar unha mellora substancial da xestión da EGAP a todos os niveis, non se albiscou por parte da dirección da institución un cambio de rumbo encamiñado a cumprir cos fins reais que ten marcados pola lei, a garantir unha oferta suficiente de formación para todo o persoal por igual —sen discriminacións— e a xestionar de xeito transparente, eficiente e eficaz, escoitando ao persoal empregado público.
Por todo o dito, a CIG esixímoslle á Consellaría de Facenda e Administración Pública un xiro de rumbo e un cambio urxente na dirección para que se garanta unha EGAP transparente, receptiva, coherente e respectuosa cos fins para os que foi creada.
POLA DEMISIÓN DA DIRECTORA, NON AO SECUESTRO DA EGAP!
- Detalles
Na Comisión de Persoal do mércores 14 de maio, quedou aprobada a Resolución pola que se convoca o proceso selectivo para as especialidades de patrón/patroa e mecánico/a da escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galiza.
Son 23 prazas, mediante o sistema de oposición, repartidas do seguinte xeito:
- Patrón/patroa: 10 prazas, das que 1 está reservada para persoas con discapacidade, e 3 para promoción interna para persoas da escala de axentes de Gardacostas.
- Mecánico/a: 13 prazas, das que 1 está reservada para persoas con discapacidade, e 4 para promoción interna para persoas da escala de axentes de Gardacostas.
As bases foron negociadas previamente na Mesa Sectorial de Funcionarios/as (MSF) o día 8 de maio (se é do teu interese, podes ler o noso resumo: ligazón).
Respecto do borrador que levaron á MSF, fixeron os seguintes cambios:
- Requisitos de titulación: poñen os que indica a Lei do Emprego Público de Galiza (LEPG).
- Indican que o exame das dúas especialidades serán simultaneamente.
- Permiten rebaixar o corte ata 40%, pero só ata completar o número de prazas.
Na intervención da CIG manifestamos o seguinte:
- Poucas persoas candidatas haberá que teñan as titulacións para presentarse ás dúas especialidades. Pero podería ser, así que non queremos o exame simultáneo, para que as persoas candidatas que cumpran cos requisitos poidan presentarse ás dúas escalas.
- Aceptaron a posibilidade de baixar o corte ao 40% se co 50% non chegan a 4 persoas por praza. Pero a rebaixa ata o 40% vai ser ata completar unha persoa por praza. Isto pode implicar que non queden persoas con puntuación para as listas de substitución. A CIG reclama restaurar a posibilidade de baixar o corte ao 40% ata completar 4 persoas por praza.
- Defendemos a forma de acceso mediante concurso-oposición, para recoñecer así ás persoas con experiencia.
- O requisito de permiso de conducir non está na LEPG. Xustifican en que si está na Relación de Postos de Traballo (RPT). Entón, o que teñen é un desaxuste entre o que pon a LEPG e a RPT que teñen que corrixir. Insistimos en que deben axustarse aos requisitos da LEPG.
- O primeiro exercicio ten dúas partes. E cada unha desas partes ten un corte individual. A consecuencia é que en realidade son dous exercicios eliminatorios. Queremos que o corte sexa global para o exercicio, non para as partes.
Finalmente a convocatoria quedou aprobada co voto en contra de CIG e CSIF, e a abstención de CCOO e UGT.
- Detalles
No DOG do 14/05/2025 publican a RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinadas escalas e especialidades da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.
As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe <listas de contratación>, e no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012.
As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para presentaren reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Consellaría de Facenda e Administración Pública, no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).
Fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario das escalas que se relacionan:
Corpos e escalas (persoal funcionario)
Grupo Corpo/ escala Denominación
C1 209U Escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal xefe de brigada.
C2 207S Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de emisorista/vixilante/a fixo/a.
C2 207T Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal-condutor de motobomba.
C2 207U Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal.
- Detalles
O teletraballo é unha modalidade de prestación de servizos que compre manter na nosa Administración, resultado da negociación colectiva na que se acadou o Acordo coa CIG en decembro de 2020. O obxectivo foi substituír ao “teletraballo da Covid” e que tivera a maior vocación de permanencia posible e, deste xeito quedou regulado na Orde do 14 decembro de 2020 pola que se publica o Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galiza.
Mais estes meses estamos a ver como en determinadas unidades tentaron limitar o teletraballo ou incluso chegaron a suxerir a idea de que non se ían conceder determinados días. Na CIG avisamos de que isto non se podía facer “as bravas” e que se tiña que seguir o procedemento establecido. Porén, quedamos preocupadas/os ante o aumento de manifestacións contra o teletraballo por parte de persoas que teñen responsabilidade na xestión do persoal en varios departamentos e centros directivos, polo que falamos coa Dirección Xeral de Emprego Público por se houbera cambios unilaterais por parte da Administración, cousa que non íamos admitir.
Entón, que hai de certo nos rumores sobre a deriva antiteletraballo?
- SI, hai unha petición de datos de teletraballo ás consellerías por parte da DXEP, que son necesarios para poder convocar ás comisións, a técnica e a de seguimento.
- SI, hai malas interpretacións ou confusións, incluso ignorancia ou mala fe nalgunhas direccións territoriais e servizos, que aproveitando a solicitude de datos quixeron limitar o teletraballo fora do procedemento establecido, na vez de falar co seu persoal e acordar para manter o 40% de presenza nalgunhas datas.
- SI, é certo que os permisos e vacacións do persoal teñen prioridade sobre a modalidade de prestación de servizos de teletraballo. Hai que facer cadrantes para deixar o servizo cuberto.
e,
- NON hai limitacións nin restricións do Acordo de teletraballo publicado. O procedemento esta vixente na súa totalidade e, nestes momentos, tampouco hai proposta de modificación enriba da mesa.
- NON hai ningún tipo de instrución limitante dende a Dirección Xeral de Emprego Público, nin de número de xornadas nin de días da semana.
- NON chegou a Emprego Público ningunha resolución de suspensión ou revogación do teletraballo nestes meses.
Aínda que concordamos que pode ser necesaria unha análise do seu funcionamento para mellorar as eivas que se atopen, lembramos que unha aplicación incorrecta nalgunha unidade ou algún abuso puntual dalgunha persoa teletraballadora non pode dar lugar a unha limitación xeral deste réxime de prestación de servizos. E compre introducir unha fórmula que permita equilibrar nas unidades esta prestacións de servizos. NON se pode admitir que co mesmo traballo e na mesma unidade a unhas persoas se lles conceda o 50% das xornadas e a outras tan so un día a semana.
Somos conscientes de que hai máis cuestións que mellorar polo que se tes propostas, contacta coa CIG.
E por suposto, se intentan restrinxir sen motivo o teu teletraballo, se o queren facer a través de ordes verbais e sin resolución, se cho revogan ou si consideras que existen problemas, non dubides en contactar coa CIG.
- Detalles
Mediante a modificación do Real Decreto 383/2008 o Goberno pretende reducir os dereitos de xubilación do persoal bombeiro forestal establecendo límites a aplicación dos coeficientes redutores.
O proxecto de modificación do Real Decreto 283/2008 pretende rebaixar e escalar os dereitos de xubilación anticipada incluídos na Lei 5/2024, do 8 de novembro, básica de bombeiros forestais. Nesta lei igualábanse os dereitos de xubilación de bombeiros forestais co do resto de bombeiros cuns coeficientes redutores do 0,20. Porén, neste momento está en proxecto reducir estes dereitos no noso persoal bombeiro forestal, establecendo unha discriminación intolerable en relación co resto de bombeiros, xa que sinala un límite de 59 anos (con 35 ou máis cotizados) ou 60. Polo que, aínda que podas anticipar máis a idade de xubilación logo de aplicar os coeficientes redutores, non vas poder e vas ter que esperar a cumprir os 60.
Ademais, por se esta fora pouca limitación, vai ser condicionante que non se poda xubilar máis do 10% dos bombeiros forestais e vaise implementar a norma “a prazos” polo que os/as que lle toque no 2025 so poderán reducir 2 anos e no 2026, 4 anos, que se contarán a partir da idade ordinaria de xubilación (hoxe nos 66 anos e 8 meses). Un “sinsentido” que xunto coa elevada idade media do cadro de persoal vai a producir unha acumulación de solicitudes nos anos vindeiros, que como consecuencia atrasarán o dereito a xubilar.
| IDADE ORDINARIA XUBILACIÓN | IDADE CO PROXECTO DE COEFICIENTES | |
| 2025 (-10% bombeiro forestal) | 66 anos + 8 meses | 64 anos + 8 meses (so adiantas 4 meses) |
| 2026 (-10% bombeiro forestal) | 66 anos + 9 meses | 62 anos + 9 meses (so adiantas 3 anos + 3 meses) |
Como cuestión adicional non van poder aplicar coeficientes redutores aqueles compañeiros e compañeiras que están en Incapacidade Permanente sen outra actividade laboral, o que precariza de novo a quen está nunha situación máis desfavorable.
Co que loitamos para conseguir os coeficientes redutores non podemos dar nin un paso atrás!, por iso dende a CIG, vimos de presentar alegacións no trámite de participación pública, aberto ata o 19 de maio aquí.
E, lembramos a importancia de respectar os dereitos de participación do persoal, polo que as organizacións sindicais que temos a consideración de máis representativas deberemos poder negociar estes cambios normativos dentro das mesas de negociación legais do estado español, e ter a oportunidade de por freo a esta clara discriminación consecuencia dos “pactos sociais” ás agachadas.
Coa CIG na rúa, a loita continúa!

