Novas por contido

Función Pública achegounos o listado de postos para a elección de destino de A1.Agrónomos/as e A2.Téc. Agrícolas. Na comunicación recibida indican que o listado é para "efectos informativos", polo que a CIG xa solicitou poder facer alegacións ao listado.

No documento, que podes descargar aquí, aparecen códigos e descripcións da formación, que son os seguintes:

cod_forma - descripción

  • 168 - CARNÉ DE CONDUCIR B1 (MÉRITO).
  • 370 - DOUTORAMENTO EN MATERIA AGRARIA (R.I.).
  • 372 - DOUTORAMENTO EN VITICULTURA (R.I.).
  • 640 - PARA PERSOAL DOUTRA ADMINISTRACIÓN, CURSO DE PERFECCIONAMENTO DE GALEGO (R.I.).

No DOG do 24/01/2024 publican:

- RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024 pola que se fai público o procedemento para a acreditacion dos méritos do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, e para o ingreso nas categorías 19, 32, 38 e 40 do grupo I de persoal laboral da Xunta de Galiza, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022, modificada polas resolucións do 20 de xaneiro e do 6 de febreiro de 2023.

- RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024 pola que se fai público o procedemento para a acreditacion dos méritos do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, e para o ingreso nas categorías 3, 4, 5, 6, 9, 35 e 39 do grupo II de persoal laboral da Xunta de Galiza, e persoal laboral propio do Cixtec (grupo II), convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022, modificada polas resolucións do 20 de xaneiro e do 6 de febreiro de 2023.

As persoas aspirantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos baremables no concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico, ao cal accederán a través da canle de emprego público de Galicia (Fides) no enderezo https://fides.xunta.gal, seguindo o procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e das súas entidades públicas instrumentais.

Unha vez que accedan á canle do emprego público de Galiza (Fides) comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:

a) No suposto de que as persoas aspirantes estean conformes cos datos consultados, porque os méritos baremables neste proceso figuran no estado de validados, non precisarán realizar ningunha actuación.

b) No suposto de que a persoa aspirante non estea conforme cos datos consultados, por non constaren ou por seren incompletos, deberá incorporar a información non rexistrada presentando a solicitude de actualización dos méritos xunto coa documentación acreditativa deles ao abeiro do establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, para que os devanditos méritos se poidan valorar neste proceso.

c) As persoas aspirantes que atopen no seu expediente electrónico persoal erros nos seus méritos nos estados de «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado» deberán presentar alegacións a través de Fides na epígrafe de «inscrición en procesos selectivos», accedendo ao proceso de estabilización desta resolución en que figure inscrito, na epígrafe «que podo facer?», «presentación de alegacións».

O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado de «acreditación documental incompleta» rematará aos dez días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural convocou dun día para outro ás organizacións sindicais a unha xuntanza na que se nos informou de que van facer unha ampliación progresiva do tempo de traballo do persoal de 6 meses do SPIF ata acadar os 9 meses. Así, a idea é que o tempo de actividade anual sería 7 meses no 2024, 8 meses no 2025 e 9 meses no 2026.

Este anuncio da Administración resulta sorprendente pois ata hoxe negábanse a atender a demanda da CIG para a ampliación do tempo de traballo cunha boa organización e xestión do persoal sen aumentar practicamente o custe.

A ninguén se nos escapa que este anuncio fóra de mesa de negociación ten unha intención política provocada pola nosa mobilización prevista para este xoves 25. Loitaremos para que non quede no aire e se plasme nun ACORDO ASINADO.

E si, é unha boa nova, calquera ampliación do tempo de traballo do persoal é benvida!

E como as propostas da CIG sempre van máis aló de medidas illadas, loitamos por un servizo integral de multiemerxencias no ámbito forestal e rural, con dereitos laborais para todo o persoal.

Quédanos un longo camiño por percorrer e levamos moitos anos loitando contra o desleixo e a inacción da Xunta, que ralentiza todo o tempo a negociación dun ACORDO DE CONDICIÓNS DE TRABALLO NO SPIF con DEREITOS LABORAIS PARA TODO O PERSOAL.

 

RUEDA XA QUE TE POS, ISTO É O QUE NOS QUEDA POR FACER!

1. Recuperar os dereitos suspendidos no 2012, como as compensacións por traballar domingos e festivos, os Fondo de Acción Social, gratificación extraordinaria por xubilación, etc.
2. Traballo todo o ano para todas.
3. Un Acordo que nos integre a todo o persoal, sen discriminacións nen diferencias nas condicións laborais.
4. Un servizo 100% público, que apoie ao rural galego e atenda as multiemerxencias.
5. Implantación efectiva de medidas de prevención de riscos laborais.
6. Cotización adicional para os coeficientes redutores para a xubilación anticipada.
7. Plan integral de mellora das instalacións.
8. Plan formativo axeitado e negociado.
9. Conciliación real e efectiva.
10. Regulación das adaptacións de posto por motivos de saúde e posibilidade de optar a un posto alternativo no caso de IPT.
11. Sistema de chamamento de prazas áxil para vacantes, vacacións e baixas.

Mobilízate polos teus dereitos este xoves 25 de xaneiro ás 10:30 horas diante da Consellería do Medio Rural.

 

Coa mobilización e a loita entre todas e todos conseguimos avanzar!!

 

A CIG Administración Autonómica solicita á consellería de Política Social que reconvirta as prazas creadas para atallar a crise asistencial que provocou a pandemia da Covid en estruturais

A CIG presenta un informe e solicitude a Xunta de Galiza demandando a creación da prazas pola necesidade estrutural dos reforzos derivados da crise da Covid, tanto nos centros residenciais de Política Social como do Consorcio de Igualdade e Benestar. Lembramos que a día de hoxe o persoal contratado pola Covid sigue traballando, pero a xestión en cada residencia é diferente, e é completamente caótica, nuns casos entran en carteleira e noutros non contan para as ratios de persoal porque son “reforzos” e lóxicamente non poden facelo. A realidade é que as prazas son moi necesarias para o mantemento do servizo públicoe tender con calidade ás persoas usuarias e a Xunta tamén o recoñece de forma tácita ao manter os contratos vixentes a día de hoxe.

Máis dende a CIG entendemos que levamos xa demasiado tempo con esta xestión improvisada que se converte nunha contratación con consecuencias negativas para a administración e os traballadores xa que os sitúa en fraude de lei. E esta a quedar demostrado que as prazas e o obxecto dos contratos hoxe xa non é unicamente a Covid sinon que é o funcionamento normalizado destes centros. As compañeiras de reforzo hoxe son esenciais, son prazas estruturais e forman parte na práctica do cadro persoal e atenden todas as situacións como o resto do persoal. Nas residencias non so temos Covid, tamen andazos de gripe ou infeccións bacterianas ou situacións de vulnerabilidade de residentes como o aumento da dependencia, etc que requiren que haxa un cadro de personal profesional ben dimensionado. Ademais para manter a atención moitas das veces os dereitos dos empregados públicos vense recortados con denegacións sistemáticas de permisos, etc xa que que con cadros de persoal tan xustos e escasos vense condicionados ás necesidades do servizo.

Por todo iso e xa que nestes días vaise xuntar a Comisión de Seguimento de carteleiras de Política Social lembramoslle a Administración que debe crear as prazas en RPT xa. Dende a CIG vimos a reiterar a necesidade legal da creación das prazas na relación de postos de traballo de maneira urxente, para que se podan ter en conta nos centros e non desaparezan por caprichos de xestión ou interese político.

Son esenciais, son necesarias para o mantemento da calidade do servizo e non poden seguir nunha situación irregular. Non queda outra que convertelas a prazas estruturais.

Hoxe, día 19 de xaneiro de 2024, tralas xuntanzas da Comisión de Persoal e da Mesa Sectorial de persoal funcionario, quedou claro que a Xunta segue a impoñer un modelo de procesos selectivos e promocións internas que fan que o persoal teña que superar toda unha carreira de obstáculos. E desta a Xunta impuxo o seu modelo en contra do criterio de tódalas organizacións sindicais.

Para nós, é inaceptábel convocar oposicións puras e duras mentres exista unha temporalidade tan alta na administración. Sempre defendemos o concurso oposición como sistema de acceso, pero aínda máis tendo en conta o contexto actual. A maiores, tampouco compartimos as probas selectivas con criterios de corrección non obxectivos, e nestas convocatorias seguen a haber exames de temas, orais e de lectura.

Tampouco podemos aceitar o feito de ter unha promoción interna tan dura cando estamos neste momento de entrada de persoas na administración por concurso de méritos, hai que pararse a pensar e negociar un marco e modelo axeitado, que permita acceder dende calquera escala do subgrupo inferior que teña a titulación. Esta sempre foi unha reivindicación da CIG que agora cobra inda máis sentido. A Xunta rectificou e agora a antigüidade para acadar a puntuación máxima nestes procesos é de 24 anos de servizo, pero de pouco vai servir se os procesos de promoción interna son tan duros e con tan poucas prazas que poucas persoas traballadoras chegan á meta.

A Xunta non quere adaptarse aos tempos e todo isto vai na merma do seu persoal.

A maiores do anterior, en Rogos e Preguntas:

  • Remitirán a semana que ven as prazas para a elección de destino das enxeñerías agronómica e técnica agrícola. Primeiro elixirán os do A1 (enx. agronómica) e logo A2 (técnica agrícola).A resolución será conxunta. Todos os que aprobaran a promoción interna quedan na súa praza porque os postos están abertos. A prioridade de elección para as persoas participantes polo acceso libre será:
    • Primeiro pola maior antigüidade da oferta.
    • No caso de que a oferta sexa do mesmo ano, primeiro o proceso de estabilización e logo o de libre. Este criterio aplicarase en vindeiras ocasións. Dende a CIG solicitamos esta prioridade de elección da estabilización con respecto ao acceso libre e agradecemos que por parte de Función Pública se atendera á nosa reivindicación.
  • O mércores 24 de xaneiro vaise publicar a resolución para a apertura de prazo de acreditación de méritos do concurso de méritos do A1 e A2. Haberá un prazo de 10 días hábiles para presentar a documentación dos méritos que non consten no FIDES.
  • A vindeira semana tentarán tamén remitir as prazas de elección de destino de gardacostas.
  • Nuns días remitirán tamén os postos para o concurso de traslados da escala de Consumo.
  • RPTs:
    • Están traballando na RPT do Consorcio facendo adaptacións dos niveis.
    • Van crear 33 prazas na RPT do Consorcio e 3 prazas en centros residenciais e 14 en escolas infantís na RPT de Política Social.
    • Nos vindeiros días irá a Mesa e Comisión de Persoal a RPT de Educación.
  • Non se pode introducir no FIDES a titulación académica inda porque non está aberta esa pestana.
  • Proximamente anunciarase a data de realización dos exames da promoción interna cruzada vertical.

 

Hai máis de 3.000 compañeiros/as que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar


Un mes despois de que a Xunta coñecera a chegada destes residuos as praias non ten mobilizado a ningún medio propio (a maiores do habitual nesa zona en calquera época do ano) para o seu control, coordinación ou recollida aínda que á CIG-Autonómica cónstalle que o persoal si llo pediu e ofreceuse voluntario.

A Consellaría de Medio Ambiente ten persoal de campo, vixiantes de recursos, peóns e oficiais de recursos naturais e axentes ambientais en todo o territorio. Máis de 3.000 compañeiros e compañeiras que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar.

En concreto, que no colectivo de persoal funcionario hai 107 axentes; 2 axentes ambientais coordinadores; 19 axentes territoriais e 35 axentes zonais. E no colectivo de persoal laboral, 63 peóns forestais; 3 técnicos/as ambientais; 15 técnicos/as superiores ambientais e 98 vixiantes de recursos naturais.

Xunto a isto a Xunta conta con medios e vehículos e que están preparados. Ademais, no caso das e dos axentes ambientais pode activarse o período extraordinario cun sistema de gardas, polo que pasan a facer xornadas de 12 horas e poden mobilizarse por todo o territorio nacional.

Porén, a Consellaría de Medio Ambiente considerou que non era necesario, ignorando as capacidades do seu propio persoal que poderían ter unha función relevante, non só no control, senón tamén na coordinación de que as tarefas de limpeza non danaran áreas protexidas como os complexos dunares, especies catalogadas ou alteraran zonas de nidificación nestas contornas de alta sensibilidade ambiental. Ángeles Vázquez na súa batalla política preferiu minimizar a crise ambiental e despois derivar a responsabilidade contra o Gobierno na vez de mirar para dentro e contar co seu propio persoal tanto técnico como o de campo.

Para que contratar empresas?

Segundo a propia Administración, o persoal da Consellería do Mar e o persoal da zona da Consellería de Medio Ambiente si fan súas funcións en carteleira e zona habitual, sen activarse ningún reforzo porque non é necesario e non é un Prestige . Por iso preguntámonos entón por que contratan empresas? Para que fan falla voluntarios/as? Para que pedir recursos da Administración do Estado?

Ignorar ao persoal propio non é a primeira vez que sucede coa Consellería de Medio Ambiente de Ángeles Vázquez, pois nos lumes que asolaron a Rede Natura ou mesmo os Parques Naturais, nestes anos, non activou nin sequera o período de gardas dos seus axentes ambientais (período extraordinario) para contar con maior cobertura de persoal, nin antes nin durante nin despois, para xestionar as posibles tarefas de restauración ambiental.

Antes, ou ao tempo de contratar ao persoal de empresas públicas, como nestes días fixo con SEAGA e TRAGSA, debería ter solicitado ao outro persoal de emerxencias que ten a Xunta por toda Galiza, comarca a comarca: os bombeiros e bombeiras forestais e o axentes ambientais da Consellería de Medio Rural, que traballan as 24 h todos os días do ano e poderían traballar desde a primeira chamada. E temos tamén a mais de 600 compañeiros e compañeiras fixos e fixas descontinuas en período de suspensión de contrato. En síntese, máis de 3.000 efectivos preparados en emerxencias no medio natural ignorados.

Dende a CIG-Autonómica lembramos que no caso do Prestige si se mobilizou a todo este persoal, tarde e mal, cando xa se autoorganizaran. Por iso lamentamos que non se aprendera desa experiencia. A realidade é que non existe un protocolo nin unha planificación clara para estas emerxencias, sexan do nivel que sexan, máis cando hai que actuar rápido e a Xunta ten os medios, ten o persoal no territorio e ten o coñecemento.

O día 16/01/24 as catro organizacións sindicais asinantes do Acordo sobre as condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude solicitamos a convocatoria urxente da comisión de seguimento do antedito acordo, co fin de tratar as seguintes cuestións:

  • Carteleiras para o ano 2024.
  • Asuntos particulares dos días 24 e 31 de decembro de 2023.
  • Noite de domingo ou festivo.
  • Convocatorias das subcomisións.

Pois...dito e feito. Función Pública acaba de convocar a comisión de seguimento para o venres 19 de xaneiro.

Sorprende a celeridade de Función Pública ao convocarnos só dous días despois de terllo solicitado. No pasado non ten amosado tanta rapidez, polo que agardamos que non sexa flor dun día e que non teña nada que ver con que esteamos a un mes das eleccións autonómicas...

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de administración especial da Administración Xeral da Xunta de Galiza, escalas de enxeñeiros/as, enxeñeiros/as técnicos/as, arquitectos/as, arquitectos/as técnicos/as e ciencias, e da escala de axentes de inspección de consumo da Admón. Xeral da Xunta de Galiza, con prazo para presentar alegacións ata o día 22 de xaneiro de 2024.

Podes descargar as propostas nas seguintes ligazóns:

Na seguinte ligazón podes descargar o borrador de postos a ofertar no concurso de inspección de consumo.

Se resulta do teu interese, contacta coa CIG.

O director xeral de Función Pública vén de convocar ás organizacións sindicais a dúas xuntanzas (Mesa Sectorial de Funcionarios e Comisión de Persoal) que terán lugar o venres 19 na que se tratarán varios procesos selectivos.

Na Mesa Sectorial de Funcionarios Públicos discutiranse as bases de convocatoria dos seguintes procesos selectivos de promoción interna separada correspondentes á OEP do 2021.

Na Comisión de Persoal someteranse a votación as bases dos seguintes procesos selectivos de acceso libre que foron "negociados" previamente na Mesa Sectorial de Funcionarios do 12/01/24:

 

 

O vindeiro xoves 25 de xaneiro terá lugar en San Caetano unha mobilización do persoal do SPIF por un servizo de emerxencias, unhas condicións de traballo dignas para todas e pola eliminación da precariedade laboral.

A Xunta non arranca coa negociación dunhas condicións de traballo para o persoal funcionario e laboral que traballamos cos lumes e sigue adiando e dando bandazos sen sentido. O persoal levamos reclamando a negociación dunhas condicións de traballo dignas bastante tempo e esiximos que non se paralicen as negociacións.

A consellería de Medio Rural e o resto de OOSS non queren avanzar na negociación, querenos sen dereitos laborais e condicionar todo a unha funcionarización chantaxeada coa carreira profesional e sen garantías laborais previas e por eso están a facer o posible para adiar o proceso negociador, antes por partes agora todo xunto logo ….¿que dirán? O tempo pasa e non temos unha xuntanza dende o pasado 09 de novembro nin a admon respostou as alegacións presentadas).

E mentras pasan os días o persoal funcionario do servizo está sen condicións laborais,o persoal laboral cos dereitos suspendidos por unha lei do ano 2012 que se empeñan en manter para seguir cos recortes, e os compañeiros e compañeiras de 6 meses condenados á precariedade e a pobreza.

Pretenden dividirnos e establecer clases de dereitos co ultimo xiro da negociación onde directamente exclúen ao persoal laboral, a máis da metade dos bombeiros e bombeiras forestais do servizo. Todas xuntas somos mais fortes e non podemos permitir que afonden na diferenciación que leva a discriminación.

Na CIG loitamos polo emprego de calidade e temos claro que o servizo de prevención de incendios forestais é un servizo que non pode unicamente adicarse a “apagar lumes”, SOMOS UN SERVIZO que atende as MULTIEMERXENCIAS e a Xunta de Galiza segue a ignorarnos e a ningunearnos. E temos o exemplo clarísimo estes dias cando nunha crise ambiental gravísima que está a sufrir as nosas costas non mobiliza a ningún so recurso propio ignorando asas capacidades e implantación do persoal do servizo de incendios en todo o territorio galego.

O persoal coa CIG defendemos o servizo público, reivindicamos e aportamos propostas de cara a facer valer os recursos propios e públicos da GALIZA, incluídos na lei de emerxencias de Galiza e sendo un servizo esencial, cada avance segue a ser unha loita de todos e todas as traballadoras e agora é o momento de termos un BO ACORDO DE CONDICIÓNS LABORAIS PARA TODO O PERSOAL; SEN EXCLUSIÓNS NIN DISCRIMINACIÓNS ABSURDAS.

Por todo isto, entendemos que hai que seguir dicindolle alto e claro á Consellería de Medio Rural que o persoal non quere seguir así.

Avanzamos loitando, mobilízate coa CIG o vindeiro 25 de xaneiro diante da Consellería do Medio Rural en San Caetano.

Haberá autobuses. Se queres apuntarte contacta cos delegados/as da CIG.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...