Novas por contido

Segundo nos informan de Función Pública, está prevista a publicación da Resolución da Dirección Xeral da Función Pública, do 20 de outubro de 2023, pola que se fai pública a actualización definitiva de méritos correspondentes ao ano 2022 dos integrantes das listas de contratación temporal a que se refire o artigo 12 do dito decreto, no DOG do luns 30/10/2023.

As listas das categoría 1 (camareiro/a-limpador e outras) e 11 (limpador/a e outras) do grupo V de persoal laboral foron pechadas consecuencia da funcionarización destas na lista I-E-209R (escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de limpeza e cociña), polo que non figuran nesta actualización definitiva. A lista funcionarizada xa entrou en xestión cos servizos do ano 2022 computados.

A CIG está farta de tratar estes asuntos en interminábeis mesas de negociación onde case nunca nada da froitos. E como a nosa tradición é mobilizadora, cremos que as persoas empregadas públicas temos que comezar a movernos e demandar que o dereito a poder concursar, promocionar ou a ter horarios racionais SI ten cabida na Administración autonómica.

Por iso convidámoste a participar nas asembleas informativas que organizaremos sobre os concursos de traslados, sobre a promoción interna non convocada e sobre a demanda de redución da xornada laboral.

  • Compostela (San Lázaro): venres 10/11/23, ás 11h, salón de actos - Sanidade
  • O Barco de Valdeorras: xoves 9/11/23, ás 12h, salón de actos - Casa grande de Viloira
  • Compostela (San Caetano): mércores 8/11/23, ás 11h, salón de actos 2 - San Caetano
  • Ourense: martes 7/11/23, ás 12h, salón de actos de Medio Rural, Florentino Cuevillas
  • Pontevedra: venres 27/10/23, ás 11h e ás 13h, sala de conferencias do edificio administrativo
  • Vigo: xoves 26/10/23, ás 11h e ás 13h, salón de actos do edificio administrativo

A tres horas do inicio da mesa previa á que as organizacións sindicais estamos convocadas hoxe 25 de outubro, Función Pública vén de engadir un novo punto na orde do día cun borrador da convocatoria do proceso selectivo para o ingreso na escala técnica de axentes en xestión medioambiental do corpo de técnicos de carácter facultativo de administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo B.

Lamentablemente non é a primeira vez e estamos seguros que non vai ser a última, que virán máis porque xa empeza a ser un comportamento habitual nesta administración. Non resulta de recibo, nin ético nin formal engadir un novo punto na orde do día a tres horas do comezo da xuntanza.

Este proceder de Función Pública vai en contra do principio de boa fe negocial que debe presidir toda negociación e así llo faremos saber na propia xuntanza. Obviamente a CIG negarase a tratar hoxe este asunto e pedirá a retirada do mesmo da orde do día.

Descarga a proposta. Se tes algo que comentar, contacta coa CIG.

 

 

Función Pública vén de remitirnos unha nova documentación da funcionarización OPE 22-23 e da funcionarización por PI horizontal específica.

Descarga a documentación da funcionarización OPE 22-23. Alegacións ata o 30 de outubro.

Descarga a documentación da funcionarización por PI horizontal específica. Alegacións ata o 27 de outubro.

Se queres comentar algo, contacta coa CIG.

Función Pública vén de convocarnos a dúas xuntanzas, mesa previa o mércores 25 e Mesa Xeral o venres 27 de outubro. Na orde do día traen un novo borrador de Orde pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

Se tes algo que comentar, contacta coa CIG. Descarga o novo borrador.

Función Pública vén de convocar ás organizacións sindicais a unha xuntanza previa para o mércores 25 de outubro e unha Mesa Xeral para o venres 27 sobre a RPT de Política Social. Para ambas xuntanzas envían a mesma documentación. Con carácter previo a estas xuntanzas tivemos outra xuntanza o pasado venres 20 de outubro.

Resulta sorprendente, ou non tanto coñecendo como "traballa" Función Pública e tendo en conta que o prazo de alegacións remata mañá, nos envíen xa a documentación para ambas xuntanzas. Isto pode significar dúas cousas: ou van a pasar ampliamente das alegacións ou terán que enviar unha nova documentación unha vez analizadas as alegacións que lles enviemos. Un exemplo máis da vontade negociadora desta Administración.

Descarga a documentación. Se tes algo que comentar, contacta coa CIG.

 

Continúa a liorta xudicial polo dereito a traballar no sector público nos periodos de inactividade do persoal fixo descontinuo. O Tribunal Supremo admitiu a tramite o recurso de casación da CIG para discutir se o réxime de incompatibilidades se aplica nos periodos de inactividade dos contratos fixos descontinuos

Aló polo 2020, a instancia da CIG, un traballador fixo descontinuo de 6 meses do SPIF gañara unha sentenza que lle outorgaba o dereito a traballar no concello durante o periodo de suspensión do seu contrato. Naquel momento a Xunta recorreu aquela sentenza ante o TSXG e gañou, abocando ao traballador a non poder traballar nos periodos de suspensión do seu contrato ao denegarlle a compatibilidade.

A interpretación torticeira da norma de incompatibilidades que fai a Administración autonómica para asoballar e abusar sobre o seu persoal atenta contra o dereito ao traballo das persoas, o que as aboca a unha vida de miseria xa que teñen que subsistir por debaixo do IPREM (o indicador da pobreza para o 2023 está nos 600 euros brutos mensuais).

Mais agora temos unha boa nova, o día 17 de outubro notificáronnos a admisión polo Tribunal Supremo do recurso de casación interposto pola CIG sobre o réxime de incompatibilidades do persoal temporal descontinuo.

En concreto, o Tribunal Supremo deberá pronunciarse sobre:

“Determinar si el periodo de inactividad laboral en las relaciones laborales del personal temporal discontinuo, debe considerarse como desempeño de actividad en el sector público y, como tal, sujeto en consecuencia al régimen de incompatibilidades regulado en la Ley 53/1984, de 26 de diciembre, de Incompatibilidades del personal al servicio de las Administraciones Públicas.”

Ao albor desa boa nova, o mesmo día 17 de outubro, na mesa xeral de Orzamentos, a CIG esixíulle de novo á Administración que permita compatibilizar e traballar ao seu persoal fixo descontinuo nos periodos de suspensión do contrato.

Na CIG estamos ansiosas en que se faga xustiza e que o Tribunal Supremo cree xurisprudencia para que a Xunta non lle negue nunca máis a ningún outro/a compañeiro/a o poder traballar no período de inactividade do contrato.

A Consellería de Medio Rural comprometeuse a convocar mesa para negociar as condicións laborais do persoal do servizo de incendios forestais, grazas a presión que exerceu o persoal coas súas peticións. Pasan os días e polo de agora non temos nin proposta nin convocatoria da Administración. Nós si lle enviamos algo para traballar, un borrador de acordo marco regulador e o anexo de incendios.

E mentres, os compañeiros e compañeiras de seis meses quédalles pouco para que os larguen para casa xa que a suspensión do contrato comeza o vindeiro 2 de novembro, 6 meses sen cobrar e sen poder traballar no sector público.

O luns 16 e martes 17 de outubro a Administración convocou a Mesa Xeral para tratar a lei de medidas e a lei de orzamentos 2024. Na CIG pedímoslle que ampliaran o contrato de 6 a 12 meses do personal do SPIF e o traslado dos dereitos do V Convenio Colectivo (coa introducción dunha disposición á Lei de Emprego Público de Galicia), para que non se perderan dereitos e que partiramos disa base mentres negociabamos as condicións de traballo específicas para todo o persoal do SPIF. Negáronse outra vez, como no 2022 e no 2021.

Non é de estrañar, quérennos sen dereitos laborais e funcionarizados, somos máis baratos.

Isto é o que perdemos:

  • Promocións internas ao 50%
  • Adscricións provisionais obxectivas e superiores categorías
  • Roupa e calzado de traballo (agás EPI)
  • Descansos e compensacións por traballar domingos e festivos
  • Dereito a negociar a carteleira anual
  • Límites de activación dos periodos de alto risco
  • Trienios iguais para todos e de 33,15 euros.
  • Acordo de xubilación parcial…

Somos pacientes, somos traballadoras, somos servizo público, pero….OS DEREITOS LABORAIS… PARA CANDO?

O día 10 de outubro de 2022 tivo lugar unha xuntanza para expoñerlle ás OOSS a acta única que quere implantar a Conselleira de Medio Rural.

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, despois de máis de 2 anos dende que se tivera a primeira reunión e de que a CIG presentara alegacións por escrito a unha proposta de modelo de acta única, a administración explicou cal vai ser o funcionamento da nova aplicación “SIRFOG”. O acceso a esta aplicación deberase facer a través da Intranet da Xunta, co usuario corto e contrasinal.

A aplicación servirá para tramitar o inicio de calquera denuncia das distintas leis que afectan a Consellería do Medio Rural (lei de montes, lei de incendios, lei de recuperación de terras agrarias...).

A acta confeccionarase na aplicación e xerará unha acta que será enviada directamente ao Servizo Técnico Xurídico para a iniciación do procedemento. A través da mesma plataforma o Servizo Xurídico poderá solicitar unha aclaración de acta ou comprobar o estado da mesma.

Deste xeito todas as actas quedaran arquivadas e en todo momento se poderá facer unha procura por DNI ou referencia catastral para localizar unha acta.

O día 17 de outubro tivo lugar unha xornada formativa para coñecer a aplicación da "acta única" e para a tramitación das actas de inspección.

Dende CIG solicitamos que os traballadores/as teñan acceso ao catastro para poder cumprimentar os datos da persoa titular das parcelas inspeccionadas. A administración infórmanos que iso a día de hoxe non é posible, pero que ven posible que a propia aplicación extraia os datos directamente do catastro.

A dúas horas escasas do comezo da xuntanza de hoxe con Función Pública, achégannos un novo punto para a orde do día cunha proposta de modificación da RPT de Política Social, pola que crean varios postos nos Equipos de Valoración da Dependencia e da Discapacidade e nos equipos de Protección do Menor das xefaturas territoriais. Tamén propoñen a modificación de seis postos de director/a de Centro Sociocomunitario para adaptala á realidade vixente.

As formas e a vontade negociadora debe primar en toda negociación. Aínda que esta modificación supoña a creación de postos de traballo, non é de recibo que traian esta proposta a correr e sen darnos tempo a analizar algo do que temos coñecemento hoxe e que non se negociou previamente coa consellería.

Podes descargar a proposta nesta ligazón e se queres comentar algo, podes poñerte en contacto coa CIG.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...