Máis que CIG-Autonómica

UGT, CCOO e CIG mobilizaranse o vindeiro día 19 nas principais cidades e vilas galegas

Diante das graves medidas que vén de adoptar o Goberno, as tres organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT acordamos convocar conxuntamente manifestacións cidadás o vindeiro xoves, día 19 de xullo, nas principais cidades e vilas galegas que discurrirán baixo o lema “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen”. O acto central, ao que acudirán os secretarios xerais dos tres sindicatos, será en A Coruña.

Todas as medidas están dirixidas a recortar, unha vez máis, dereitos e precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social, para que finalmente sexan as clases traballadoras quen paguen unha crise que non provocaron, ao tempo que se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores.

Con ese obxectivo o Goberno impón a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses do 60 ao 50%, así como, o endurecemento dos requisitos para o acceso á renda activa de inserción, unha vez esgotado o desemprego; de incrementar os impostos indirectos subindo o tipo xeral do IVE do 18 ao 21% e o reducido do 8 ao10%; de suprimir a paga extra de Nadal das empregadas e empregados públicos e a súa negociación colectiva; de reducir as empresas e fundacións públicas; de delimitar a prestación de servizos por parte dos concellos, reforzando a cambio as deputacións; de liberalizar o sector servizos ou flexibilizar os horarios comerciais; ou privatizar os sectores de transporte ferroviario, portuario e aeroportos, entre outras.

Por iso, facemos un chamamento a que, masivamente, a cidadanía galega poña de manifesto na rúa o seu rexeitamento, tanto a estas políticas antisociais promovidas polo PP, como aos argumentos empregados para defendelos e a forma de escenificalos.