Novas por contido

O mes de febreiro está a ser moi movido: aplicación da reforma laboral na administración galega, concurso de traslados de corpos xerais, eliminación e peche de postos de traballo,  regulamento de vacacións, permisos e licenzas, ...

O primeiro que destacamos é que o concurso de corpos xerais xa está publicado (DOG do 26/02/2013). As negociacións deste concurso foron unha nova mostra do desprezo que os responsábeis políticos do PP teñen cos empregas e empregadas públicas. As bases son insoportábeis por múltiples razóns, destacando o feito de que priman especialmente ao persoal que é ou que foi libre designación. En canto ás prazas, hai todo tipo de circunstancias restritivas: centos de prazas que retiran do concurso porque as consellarías decidiron amortizalas, prazas que non aparecen porque a consellaría de turno non a incluiu na súa RPT, ou habilitacións que supostamente ofertarán nun futuro concurso específico (o mesmiño conto deste mesmo goberno cando retirou as xefaturas de servizo que nese intre pasaran a ser de concurso polo goberno anterior).

Relacionado co anterior, aprobaron a relación de postos de traballo da Axencia Tributaria de Galiza mantendo as xefaturas de negociado vacantes so para C1 e retirándoas do concurso de traslados. Estas prazas quedan pechadas e bloqueadas por unha hipotética creación dun novo corpo da escala de finanzas. Xa veremos como queda o conto.

Consecuencia da Lei de Orzamentos, queren eliminar un milleiro de postos de persoal funcionario, o 10,8%, ao que temos que sumar os postos de persoal laboral. Nesta liña comezaron os primeiros movementos nas consellarías de Traballo e Medio Rural. No primeiro caso, aplicando inclusive as xustificacións da última reforma laboral, algo que contradí a palabra do señor Feijoo. En Traballo xa van dúas veces que nos convocan aos sindicatos a unha mera xuntanza informativa. Negámonos a sentarnos na mesa con alguén que non teña verdadeira vontade e capacidade de negociación. A nosa posición a coñecen: xa van varias roldas de prensa e denuncias públicas conxuntas de todos os sindicatos deste "ERE encuberto". CIG, CCOO, UGT e CSIF agardamos que retiren a proposta e que a interlocución sexa dende a instancia política pois a decisión de amortizar é política e non técnica.

Mentres os tempos veñen así de malos, a Consellaría de Cultura e Educación convocounos a unha xuntanza para tratar unha reforma da súa relación de postos de traballo que é toda unha mostra do moito que lle preocupa a este goberno os servizos públicos e o seu persoal:

  • Crean unha nova vicesecretaría xeral
  • Crean dúas novas xefaturas de servizo
  • Abrir un subdirección a administración local.

Nada máis tocan nesta proposta para a que non hai problemas de diñeiro, pero mentres, temos constancia de que pretenden amortizar 48 postos de funcionarios/as dos corpos xerais en centros docentes. Fixemos unha rolda de prensa cos afectados e seguiremos na loita en canto nos presenten a RPT onde pretendan amortizar eses postos.

A CIG enviou proposta a Función Pública para abrir unha negociación na liña da resolución publicada pola Administración Xeral do Estado que recolle unha serie de dereitos que melloran o disposto no RD 20/2012. A Administración aceptou a petición da CIG e sentouse a negociar. De entrada, vamos conseguir algún día máis de asuntos propios cando haxa festivos que coincidan en sábado.

Sabendo que os empregados públicos seguimos a mobilizarnos en varias comarcas, e non só na loita contra os Orzamentos, a Administración é consciente de que ten que rebaixar o nivel de conflitividade social que cos seus recortes e cos do Goberno do Estado está xerando. As mobilizacións non son un xeito simbólico de expresar o noso malestar contra as medidas do goberno, senón que son un instrumento real que pode permitir facerlle fronte aos recortes, xa que calquera político, e no PP son conscientes, sabe que un clima social conflitivo acaba pasando factura política. De aí que poidamos considerar que cando a Administración volve a retomar o borrador de Instrucións de vacacións, permisos e licenzas o fai para rebaixar a tensión social. É polo tanto unha vitoria das nosas mobilizacións. 

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna corpos xerais; funcionarización en excedencia (para CP 17/11/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 17 de  novembro, coa seguinte Orde do día: Convocatoria do proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo que está na situación de excedencia. Descargar Convocatoria de promoción interna ao corpo superior-A1. Descargar Convocatoria...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...