Novas por contido

Anda CSIF repartindo unha nota desinformativa que nos está xerando centos de chamadas e consultas para confirmar o que nela nos contan:

2. LOS EMPLEADOS PÚBLICOS RECUPERAN DESDE EL SÁBADO TODOS LOS MOSCOSOS, DÍAS LIBRES Y VACACIONES POR ANTIGÜEDAD

Despois de felicitar a Feijoo e anotarse o tanto das esmolas do Partido Popular e de Montoro grazas “as súas presións” (sic), din que os empregados/as públicos/as recuperaremos dende o sábado todos os moscosos, días libres e vacacións por antigüidade.

Pois ben, resulta que non. Que na Galiza non aplicaron os suficientes pascales de presión para que todo iso se faga efectivo ou que a “presión” que aplicaron foi sobre eles mesmos e agora están sometidos a un síndrome hiperbárico que lles produce alucinacións.

O texto do Real Decreto-lei 10/2015 é claro e no seu artigo 2.2 que engade unha disposición adicional décimo cuarta ao EBEP se establece que: “As Administracións Públicas poderán establecer ata dous días adicionais de permiso por asuntos particulares ao cumprir o sexto trienio, incrementándose como máximo nun día adicional por cada trienio cumprido a partires do oitavo”.

E no seu artigo 2.3 que engade unha disposición adicional décimo quinta ao EBEP se establece que: “As Administracións Públicas poderán establecer ata un máximo de catro días adicionais de vacacións en función do tempo de servizos prestados polos funcionarios públicos”.

E dicir que se establece de xeito potestativo para cada Administración a posibilidade de ampliar os días adicionais de asuntos persoais e os de vacacións.

E o caso é que a Xunta se negou na Mesa Xeral do día 15 de setembro á esixencia da CIG de non levantarse da mesa ata ter negociado a recuperación dos días adicionais, xa que na Administración do Estado entraron en vigor de xeito case inmediato.

Por tanto, dando resposta a todas as consultas que nos estades facendo, polo de agora os empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza só temos 7 días (6 + 1 por sábado festivo) de asuntos persoais (e así aparecen no PORTAX) e 22 días hábiles de vacacións ou parte proporcional segundo o tempo traballado.

Isto ata que se aproximen as eleccións do 20 de decembro e o Partido Popular volva a ceder ás “presións” de CSIF para darnos un regalo de Nadal.

Outras novas recentes

Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...