Novas por contido

O xoves 4 de xullo acudimos a unha xuntanza convocada polo director xeral de Función Pública para tratar basicamente o concurso de corpos xerais (fixemos mencións aos outros concursos), RPTs (ver resumo desta parte) e algunha cousa máis.

CONCURSOS DE TRASLADOS

Previsión de corpos xerais e veterinarios

A xuntanza céntrase nas bases do concurso de corpos xerais, sendo a previsión negocialo, e se cadra publicalo, en xullo, abrindo o prazo de solicitude en setembro. A semana que ven van enviar o buzón de postos. E inmediatamente iría o de veterinarios.

Os concursos de especial, escalas e persoal laboral

A CIG manifestou ao que non nos conformamos con estes concursos, que pasaron moitos anos dende o último de especiais e moitas escalas. O DXFP tan só resposta que o de especiais e escalas serían os seguintes, sen máis compromiso. En canto ao concurso de persoal laboral, e conscientes de que non o contemplan no Acordo de Concertación que asinaron CCOO, UGT e Xunta, a CIG insiste na súa convocatoria.

Comisións de servizo

En canto ás comisións de servizo, lembramos que por xuño do 2018, e ante a perspectiva (do DXFP) da inmediata convocatoria do concurso de traslados de corpos xerais, o DXFP manifestou que prorrogarían as comisións de servizo ata a toma de posesión que preveía para decembro/xaneiro. Un ano despois o concurso ainda non está convocado, así que reclamamos a inmediata revogación de todas as comisións de servizo que teñan a prórroga sobrepasada.

Baremo do concurso de corpos xerais (e veterinarios)

  • Obriga de concursar: van fixar algún criterio para os casos en que unha persoa con obriga de concursar non escolla todos os postos. CIG solicita que se regule algo máis a distancia de 30 km, pois xa houbo controversia sobre esto no concurso de escalas sanitarias (DXFP: está conforme).
  • Antigüidade: non fan cambios. Mantemos a nosa proposta de aumentar a 8,64 puntos (equivalente a 36 anos de servizos).
  • Méritos específicos: van valorar eliminar o permiso de condución e titulación académica cando se trate dun requisito imprescindible do posto. A nosa proposta: retiralos todos, e alternativamente reducilos arredor de 1/3 do valor da antigüidade.
  • Grao persoal: non o tocan. Remitímonos ás alegacións escritas.
  • Traballo desenvolvido: neste baremo hai dous aspectos a considerar: 1). A valoración do tempo en comisións de servizos. Co actual borrador valorarían ese tempo, segundo o DXFP porque existe xurisprudencia, pero van estudalo. Todos os sindicatos reclamamos que como noutros concursos, o tempo en comisión de servizo sexa valorado como traballo efectuado no posto de orixe. A CIG argumenta que nun escenario de concurso permanente (e por tanto con poucas comisións), e con criterios obxectivos para a súa concesión, poderiamos discutilo, pero tal e como está a cousa, con unha enorme cantidade de comisións e decididas a dedo, non podemos aceptalo. 2. A CIG insiste en que o actual sistema é excesivamente desequilibrante e solicitamos a súa redución: propomos comezar por un peso equivalente ao 25% da antigüidade e chegar ata o 50%.
  • Tempo de permanencia: dado que romperon a costume de convocar concurso cada dous anos, excepcionalmente a CIG solicita que consideren dar algo máis de puntuación a este baremo nesta ocasión. O DXFP manifesta que van estudar a proposta.
  • Medidas de conciliación: están a valorar aumentar de 12 a 14 ou 16 os anos dos fillos/as para poder acollerse a esta medida. A maiores, a CIG lembra que as medidas de achegamento só son útiles en localidades nas que haxa postos vacantes, algo improbable no rural galego e en moitas vilas pequenas; solicitamos que se posibilite o achegamento aos concellos limítrofes. En canto a maiores a cargo, manifesta o DXFP que non vai neste concurso, pero comprométese a metelo para o futuro (di que podería dar lugar a picaresca polo que terían que estudalo polo miudo e afinar a redacción).
  • Formación: o DXFP anuncia tres cambios: 1) baixan o mínimo de horas de 12 a 8 por curso; 2) actualizarán a data na que comeza a caducidade dos cursos para adaptalo ao atraso que levamos na convocatoria do concurso ; 3) están a valorar o actual límite de 1 punto por curso para aqueles de máis de 100 horas. O anterior está en liña co defendido pola CIG, ao que engadimos: a) A CIG defende que os cursos non caduquen; b) faltan entidades formadoras (universidades, servizo público de emprego, DX de formación, FEGAS, escolas oficiais de idiomas). Caso de que manteñan a caducidade dos cursos, solicitamos a publicación dalgunha nota informativa sobre que cursos non caducarían (o DXFP está conforme, e fai mención aos cursos de xefaturas de sección, negociado, etc.).
  • Titulación académica: A CIG quere recuperar este baremo que retiraron.

 

AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS POLA CIG

O último borrador que temos é de data 27/03/2019 (preme aquí para descargalo). Pasou moito tempo, así que vai un resumo das alegacións que presentaramos daquelas sobre este borrador:

Cuestións previas:

  • Queixámonos pola enorme demora que leva a convocatoria do concurso. Dende que comezaron as negociacións das bases xenéricas para todos os concursos (xuño/2017), nunca se chegou a pechar o asunto. 
  • Trasladamos o malestar dos traballadores e traballadoras de escalas, administración especial, e persoal laboral, ao ver que os seus respectivos concursos de traslados están tamén bloqueados sen que poidamos transmitir unha data sequera aproximada da súa convocatoria.

Requisitos de participación

A obrigatoriedade de permanecer dous anos desempeñando un posto definitivo como requisito para participar no concurso, é aplicábel cando o posto foi obtido por concurso. Esta esixencia non é de aplicación cando o posto fose obtido mediante libre designación segundo o texto presentado. Como somos coñecedoras de casos en que un funcionario/a que obtivo destino nun concurso fora nomeado inmediatamente para un posto de libre designación (moitas veces mediante comisión de servizo), solicitamos que a obtención dun posto por concurso impida durante un tempo por determinar a obtención dun novo posto mediante libre designación ou en comisión de servizo.

Obrigatoriedade de concursar

A base 2.a) establece que as persoas que cumprindo a obriga de concursar a todas as prazas situadas a 30 km, non obteñan destino, seralle adxudicado de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública un posto definitivo de entre aqueles que quedaran vacantes.

Se ben é certo que as persoas referidas teñen a posibilidade de solicitar todos os postos ofertados, caso de que decidan limitarse a cumprir coa obriga e non seleccionar máis postos de entre todos os vacantes, finalmente a decisión do posto adxudicado queda a decisión arbitraria da Dirección Xeral da Función Pública. Solicitamos, para estes casos, fixar algún tipo de criterio obxectivo.

A maiores, botamos en falta algunha regulación sobre o método para o cálculo da distancia de 30 km, ademais que o texto debe introducir a palabra ata ou semellante para que teñan cabida as distancias menores a 30 km. Este problema xa se deu no concurso de traslados de escalas sanitarias: nese concurso o órgano convocante, a Dirección Xeral de Recursos Humanos de Sanidade, non tiña claro como facelo efectivo, tivo que acudir á Dirección Xeral de Función Pública, quen tampouco o tiña claro. Fai falla regular algo máis (ferramenta, punto de referencia, ..).

Antigüidade

  • Estamos conformes, tal e como temos solicitado noutras ocasións, en valorar este mérito en fraccións mensuais.
  • Solicitamos aumentar a puntuación máxima a 8,64 puntos, o que permitiría valorar ata 36 anos de servizos.

Méritos específicos

  • A CIG defende que é a empresa a que debe formar ao seu persoal, e que os méritos específicos constitúen unha barreira que dificulta a mobilidade do persoal. Xa que logo, mantemos a nosa proposta defendida durante a negociación do baremo xenérico, de retirar os méritos específicos e, caso de non facelo, reducir significativamente o seu peso, arredor de 1/3 do valor da antigüidade (tanto no máximo total como na valoración do tempo de experiencia).
  • Na xuntanza do 31/10/2017 sobre o baremo xenérico, o director xeral de función pública comprometera a palabra de rebaixar a puntuación deste mérito. Reclamamos o cumprimento da palabra dada.

Grao persoal

  • A CIG propón limitar o máximo da puntuación deste apartado a aqueles méritos que só se poidan obter en concurso ordinario de traslados. É dicir, que a puntuación máxima se obteña no grao 26. Caso de que manteñan a súa postura de puntuar todos os graos, propomos crear unha dobre escala diferenciando os incrementos de nivel ata o 26 e incrementos inferiores para nivel superior a 26 ata o 30.
  • Propomos fixar o incremento de cada nivel de grao persoal equivalente á puntuación de medio ano de servizos prestados (0,12 puntos).
  • Entendemos que o grao consolidado é un dato coñecido por Función Pública e que esixir a súa formalización non é máis que incrementar a burocracia e carga de traballo para a propia Dirección Xeral. Propomos que este dato sexa valorado de oficio suprimindo o trámite de formalización.

Traballo desenvolvido

Na proposta que agora nos presenta Función Pública hai un cambio moi importante e que suporía a rotura do consenso ao que chegamos durante a negociación do baremo xenérico: a valoración do tempo traballado en comisión de servizo. Na proposta inicial do baremo xenérico (xuño/2017) facía mención expresa a valorar o tempo en comisión de servizo:

A puntuación do traballo desenvolvido realizarase atendendo ao posto ou postos de traballo efectivamente desempeñados, computándose, para estes efectos, o traballo desenvolvido na situación de comisión de servizos ou adscrición provisional.

A CIG alegou o seguinte (22/06/2017):

Mentres que as adscricións temporais e superiores categorías do persoal laboral están sometidas a criterios de obxectividade, no caso das comisións de servizo do persoal funcionario non existe obxectividade algunha. A súa concesión é discrecional, sen criterio obxectivo, polo que non podemos máis que rexeitar absolutamente calquera decisión de valorar o traballo desenvolvido en comisión de servizo mentres non exista obxectividade na súa concesión.

Na xuntanza do 25/10/2017, o Director Xeral comprometeuse a estudar a xurisprudencia existente e, no caso de manter a valoración das comisións de servizo, dixo que negociarían unha regulación sobre a súa concesión. Posteriormente, na xuntanza do 31/10/2017, comunica que retiran a valoración do tempo traballado en comisión de servizo, efectivizando a súa palabra no documento entregado o 8/11/2017:

O traballo desenvolvido na situación de comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do funcionario.

Chegados a esta proposta de concurso ordinario de corpos xerais, observamos que desaparece calquera referencia ás comisións de servizo. Vemos aquí un acto consciente por parte da Administración que vai en contra do consenso ao que chegamos polo que a CIG reclama o cumprimento da palabra. Na CIG rexeitamos radicalmente a consideración do traballo desenvolvido en comisión de servizos pois esta figura de cobertura temporal de postos está sometida a unha absoluta discreción e negámonos a que dea lugar a un recoñecemento de mérito.

Con esta puntuación un ano de traballo desenvolvido en nivel 10 equivale a 1/20 do valor de un ano de antigüidade. En nivel 12 esta razón pasa a ser de 1/6,6. E, en nivel 26, o valor de un ano por traballo desenvolvido e antigüidade son case equivalentes. Como vemos, o desequilibrio de puntuación entre niveis resulta excesiva.

Polo que a CIG propón que o peso do traballo desenvolvido comece por arredor do 25% da antigüidade, chegando escalonadamente ata un valor equivalente ao 50% do valor da antigüidade para o nivel máximo.

Tempo de permanencia

Sendo o ideal o estado de concurso permanente, e alternativamente o concurso anual, o habitual anteriormente nesta administración en corpos xerais era o concurso bianual. Pero desta volta, non se cumpre a cadencia habitual polo que, por primeira vez en moito tempo, as persoas que obtiveron praza no concurso anterior, van poder concursar neste concurso. Elas non son responsábeis de que a Administración faga as cousas mal, pero as persoas que non obtiveron posto, séntense moi prexudicadas. O día en que cheguemos a concurso anual ou permanente as cousas serán diferentes, pero nesta ocasión, podería ser procedente considerar dar algo máis de peso ao mérito de tempo de permanencia no posto.

Medidas de conciliación

  • Faltaría incluír nas medidas de reunificación familiar a circunstancia de ter persoas maiores dependentes a cargo ou que pola súa elevada idade requiren unha maior atención.
  • Coa proposta da Administración, estarían excluídos do baremo de reunificación familiar aquelas persoas que residan en localidades nas que non existan postos de traballo vacantes, independentemente de que si existisen en localidades próximas ás que poderían estar interesados/as. Isto é, que non sería o mesmo reunificar unha familia que resida nunha vila/cidade e aquela que viva nun núcleo de poboación sen servizos periféricos da Xunta (aínda que existise nunha localidade próxima). Cabería aplicar algún tipo de criterio de distancia, como os 30 km aos que se refire a base I.2.a).
  • A educación primaria dura ata os 12 anos. A secundaria obrigatoria (e a mínima para comezar a traballar) é aos 16 anos. Cal é a idade adecuada para que un menor estea capacitado para viaxar ou cociñar autonomamente ou sen que as persoas adultas incorran en responsabilidade por desatendelos? Solicitamos unha reconsideración do límite de 12 anos aplicado a fillos/as menores aumentandoo ao menos ao criterio que solicitamos para acollerse as medidas de conciliacion familiar (14 anos+curso escolar).
  • Solicitamos a separación do máximo de puntuación das medidas de conciliación e igualdade de xénero do máximo aplicado ao traballo desenvolvido e tempo de permanencia.

Formación

  • Non estamos conformes coa limitación temporal da validez dos cursos de formación, pois rexeitamos que vaia ao lixo o esforzo temporal, económico e na vida persoal que lle supón formarse as persoas, máis cando o beneficiario desa dedicación resulta ser a propia Administración.
  • En canto ás entidades organizadoras, solicitamos a inclusión de: universidades, Servizo Público Estatal de Emprego, dirección xeral de Formación, FEGAS e escolas oficiais de idiomas.
  • Fixar un máximo de 1 puntos por curso implica considerar unicamente as 100 primeiras horas de cada curso. Pero existen cursos de 300 e máis horas. Non nos parece correcto deixar sen recoñecer o esforzo destas horas xa que non se valoran. Solicitamos eliminar o máximo de puntuación por curso.

Titulación académica

Do mesmo xeito que defendemos a valoración de calquera curso de formación, consideramos que a titulación académica tamén é un mérito a ter en consideración, sempre que non sexa requisito para o posto, polo que solicitamos a súa inclusión dentro do apartado de formación.

Polo grupo á que pertence o funcionario

A proposta de Función Pública equivale que cada incremento de grupo equivale a aplicar unha diferenza de 4,2 anos de antigüidade. Propomos rebaixar a diferenza ao equivalente a 3,3 anos: Agrupación profesional: 1 punto; C2: 1,8 puntos; C1: 2,6 puntos; A2: 3,4 puntos; A1: 4,2 puntos.

Outras novas recentes

Venres, 15 Marzo 2024

Xubilación anticipada para o persoal axente ambiental, XA!

A CIG insta a xubilación anticipada para o persoal das escalas de axentes ambientais á Xunta de Galiza e na Lei básica que se está a tramitar no Congreso dos Deputados/as A CIG insta á Xunta de Galiza para que dea cumprimento do Acordo sobre as condicións de traballo dos axentes forestais e medioambientais de Galicia asinado coas organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT o 11...
Luns, 11 Marzo 2024

Convocatoria do concurso de traslados de escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos, arquitectos técnicos e ciencias

No DOG do 11/03/2024 publican a RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos, arquitectos...
Venres, 15 Marzo 2024

Que pasa coas gardas dos axentes do Servizo de Patrimonio Natural?

O Servizo de Patrimonio Natural en Ourense un ano máis queda sen periodo extraordinario ao comezo da tempada de pesca, e repetirá a tempada de caza sen reforzo do persoal. Do resto, a pesar das demandas de ampliación, seguen co periodo recortado de dous meses Unha das tarefas fundamentais dos axentes ambientais que traballan no Servizo de Patrimonio Natural é a vixilancia e...