Novas por contido

Na xuntanza “técnica” do martes 1 de outubro para tratar o buzón de postos non se pecharon os asuntos. A convocatoria continúa pendente dos postos e dunha modificación da RPT de Educación que tiña que estar feita fai un ano.

Rematou a xuntanza coa “previsión” dunha nova xuntanza polo buzón de postos e o aviso de que o 16 de outubro (“ou á semana seguinte”) habería unha Mesa Xeral, co que a convocatoria estaría pendente de que a publicasen no DOG a finais de outubro.

Así que xa veremos se finalmente van publicar en outubro este concurso xeral que tiña que estar publicado en setembro do ano pasado.

Función Pública fainos aos sindicatos introducir as alegacións aos postos mediante unha aplicación informática, e resulta que por erro informático ou descoñecemento dalgunhas persoas da propia Función Pública, non accederon ás alegacións que mecanizamos (unicamente revisaron as presentadas en papel). Por tanto, a maioría das alegacións estaban sen atender. En consecuencia, van revisalo e convocaranos a unha nova xuntanza.

Din que non sempre teñen os datos ao día das prazas que quedan vacantes recentemente (excedencias, xubilacións, falecementos ..), pois as consellerías non actualizan os datos con dilixencia. Pois xa saben, que Función Pública se poña as pilas e llas poña a quen sexa responsábel de actualizar os datos. O que non é aceptable é que haxa prazas vacantes dende fai un mes e non aparezan para o concurso.

O director de Función Pública di que ten intención de ofertar todas as vacantes posibles. A CIG está conforme con este plantexamento. Isto é, que a CIG defende que sexan ofertadas en concurso todas as prazas vacantes sen exclusión agás aquelas que teñan algún tipo de impedimento legal ou xudicial que o impida. Incluímos aquí as prazas que as consellerías queren retirar por proposta de amortización (sabemos que moitas veces é un conto que ao final só serve para agochar prazas).

Aseguran que a nova aplicación que xestiona o concurso probárona no recente concurso de gardacostas e agás algún problema e axuste funcionou correctamente. A previsión que fan é que estaría resolto nun prazo de seis meses. Así que estamos a falar de pouco antes do verán do ano que ven.

En canto á elección de destino das persoas que aprobaron por promoción interna, proceso ao que non lle falta moito para rematar, aquí o problema é que non é o mesmo a situación en localidades como Vigo ou Ourense, nas que hai unha enorme demanda de prazas cunhas moi cativas posibilidades de ascender por concurso, e a situación en Servizos Centrais, por exemplo, onde hai moitas máis posibilidades por existir vacantes que non se cobren. Semella que en principio van escoller destino antes que se resolva o concurso, pero xa se verá segundo vaian as cousas.

Dos demais concursos pendentes non hai novidades. O último que temos é do 2 de agosto: a negociación do concurso de veterinarios sería en setembro/outubro (cousa que xa non vai ser) e o de especiais negociariase unha vez publicado o de veterinario. Os de outras escalas de xeral tampouco se sabe.

Por se alguén quere darlle voltas á cabeza coas súas posibilidades futuras: informa o DXFP que nos seguintes dous anos vamos ter unhas 1.300 xubilacións entre o persoal dependente de Función Pública.

Outras novas recentes

Mércores, 15 Xullo 2026

Concurso Específico de persoal técnico de Medio Rural: a crónica dun concurso á carta

O martes 14 de xullo, discutimos con Medio Rural a súa proposta de Concurso Específico para os postos de xefaturas de distrito forestal. Constatouse unha máxima da moi rica e variada gastronomía galega: igual que temos caldo de repolo, de nabizas ou de grelos coas miles de variantes comarcais e incluso familiares, a Xunta pretende emulala nos concursos específicos.  O...
Mércores, 15 Xullo 2026

Xuntanza con Medio Rural: coeficientes reductores e concurso específico para o persoal técnico

Na xuntanza do día 14 de xullo coa Consellaría de Medio Rural sobre o persoal enxeñeiro de montes e enxeñeiro técnico forestal, tratouse, entre os puntos da orde do día, as bases para a provisión de postos de concurso específico (consulta pinchando aquí a información deste punto) e a solicitude de coeficientes redutores para a xubilación anticipada. Coeficientes redutores A...
Venres, 10 Xullo 2026

Listaxes provisionais de axudas aprobadas do Fondo de Acción Social

No DOG do 10/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade. Fan...