Novas por contido

No DOG do 27/11/2019 publican a Resolución pola que convocan o concurso ordinario de traslados do persoal funcionario de corpos xerais.

O prazo de presentación de solicitude é dende o seguinte á publicación e ata o día 19 de decembro incluído. Tanto a solicitude como a xustificación de méritos e impreso de emenda deberá realizarse electrónicamente. Na solicitude inicial non se escollen as prazas.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarán no DOG o listado de prazas e haberá un prazo de 15 días hábiles para presentar a solicitudes de postos. No listado que publicarán aparecerán as prazas vacantes no momento inicial da convocatoria máis os postos das persoas que solicitaron participar no concurso. É dicir, non haberá fase de resultas, pois todos os posíbeis postos que son ou poden quedar vacantes, van poder ser escollidos. Evidentemente se a unha persoa non lle dan destino, o seu posto non será adxudicado a ninguén.

Os concursos de traslados deberían ser anuais. En corpos xerais viñan sendo bianuais, pero desta vez pasouse máis dun ano da súa periodicidade habitual. Todo porque Función Pública meteuse a abrir múltiples frentes que non deu pechado. O primeiro foi que nos tiveron máis dun ano dando voltas á negociación dunhas bases comúns a aplicar a todos os concursos. Posteriormente engadiron a negociación asuntos e asuntos (funcionarización, decreto de provisión, escalas, adaptación das RPTs á LEPG, ...). 

A trampa: traballo desenvolvido e tempo en comisión de servizos

As bases do concurso conteñen algo que queremos pensar que é un erro. Pois se foi algo consciente implica que o director de Función Pública non ten palabra e acabará a cousa no xulgado. Referimonos á valoración do tempo traballado en comisión de servizos no apartado de traballo desenvolvido (base V.4.1).

Xa dende o primeiro borrador deste concurso de traslados había un cambio neste sentido e que rachaba o consenso ao que chegaramos durante a negociación do que sería un baremo xenérico común a todos os concursos de traslados. Na proposta inicial dese baremo xenérico (xuño/2017) facía mención expresa a valorar o tempo en comisión de servizos que recoñecía como traballo desenvolvido no posto en comisión. A CIG alegou contra eso, e finalmente na xuntanza do 31/10/2017 o director xeral de Función Pública comunicou que retiraban a valoración do tempo traballado en comisión de servizos, efectivizando a súa palabra no documento entregado o 8/11/2017 ( “o traballo desenvolvido na situación de comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do funcionario”).

Chegados á negociación do concurso de corpos xerais, xa dende o primeiro borrador desapareceu toda referencia ao tempo en comisión de servizos, o que é un acto consciente da Administración que foi en contra do consenso acadado na negociación das bases xerais. Coa retirada desas referencias, entende a CIG que o tempo traballado en comisión de servizo valorarase no posto en comisión, non o de orixe.

Este asunto foi o principal cabalo de batalla durante a negociación, e finalmente na Comisión de Persoal do 2/8/2019, o director xeral de Función Pública manifestou que o tempo en comisión de servizos sería valorado como traballo no posto de orixe.

Coa publicación da convocatoria do concurso no DOG do 27/11/2019 observamos que continúa sen existir referencia algunha ao tempo en comisión de servizo, o que sería un incumprimento da palabra dada polo director xeral de Función Pública na negociación. Subliñar que a CIG, ante os cambios de última hora anunciados polo director xeral na Comisión de Persoal do 2/8/2019 en que se aprobaron as bases do concurso, decidiu finalmente abserse na votación. De saber a CIG que a convocatoria non recollería a palabra dada polo director xeral, o voto tería sido, sen dubida algunha, en contra.

A CIG ven de dirixirse por escrito a Función Pública solicitando a inmediata publicación dunha corrección de erros que faga valer a súa palabra. De non facelo, estariamos ante un engano na negociación que nos obrigará a levalo á xustiza. Ver escrito.

Rematamos co que temos manifestado ao director de Función Pública durante a negociación: todos sabemos que as comisións de servizo non están sometidas a criterios obxectivos (porque aos responsabeis políticos da Administración non lle interesa). Por tanto, non podemos aceptar a valoración dun mérito que depende exclusivamente da vontade dalgunhas persoas. O día que os responsábeis políticos acepten fixar criterios obxectivos, estaremos dispostos a discutilo.

En canto aos demáis concursos, o último que se nos dixo foi:

  • Persoal veterinario: enviarán borrador entre finais de novembro e primeiros de decembro.
  • Resto de Administración especial: Función pública di que se vai por cos borradores cando comecen os traballos co concurso xeral.
  • Persoal laboral: Negan a concurso de traslados previo a funcionarización. Nós seguimos coa teima da súa necesidade, xa que van pechar a moito persoal en escalas sen posibilidade logo de moverse como antes.

Outras novas recentes

Xoves, 09 Xullo 2026

Coeficientes redutores de Gardacostas: a consellería segue inactiva e non cumpre

O luns 06/07/2026 tivemos unha xuntanza coa Consellería do Mar pola pretensión desta de iniciar un novo procedemento para o acceso á aplicación dos coeficientes redutores ao existir unha nova norma. Como xa dixemos aquí, o novo decreto é máis restritivo, pon máis atrancos e é menos garantista. A consellería pretendeu colar que a vía aberta pola CIG ao promover o...
Venres, 10 Xullo 2026

Actos de elección de destino (CP 10/07/26)

Nesta xuntanza do 10 de xullo da Comisión de Persoal tratamos a situación caótica dos actos de elección de destino. O propósito da CIG é trasladarmos información completa e transparente e que se negocie, algo que botamos en falla. A modificación da resolución da elección de destino das escalas sociosanitarias (DOG do 13 de xullo) incluirá a eliminación de persoas falecidas...
Venres, 10 Xullo 2026

Modificacións das RPTs do Medio Rural e de Presidencia, Xustiza e Deportes (CP 10/07/2026)

Na modificación da RPT do Medio Rural os postos creados son insuficientes e non prevalece o sistema ordinario de provisión de postos, aínda que se incluíu o posto no acordo do SPIF. Canto á RPT de Presidencia, Xustiza e Deportes, non tiveron en conta o incremeto de media hora en todos os postos de persoal limpador, non aceptaron o aumento do complemento específico dun posto...