Novas por contido

O 12 de febreiro quedou aprobada unha nova modificación parcial da RPT de Educación co voto en contra da CIG e a abstención do resto das organizacións sindicais (CCOO, CSIF e UGT).

O voto en contra da CIG non é tanto pola RPT en si, se non que se debe a que para a xustificación de creacións e amortizacións de postos seguen a empregar os ratios da Circular do ano 1994 coa que non concordamos por considerala desfasada e que non se axusta á realidade dos centros e tampouco foi negociada en ningún momento coa representación do persoal.

Unha vez máis, e como levamos facendo dende hai máis de 10 anos nas distintas mesas de pseudo-negociación á que nos teñen acostumadas Educación e a Dirección Xeral de Función Pública no que atinxe ao persoal non docente, volvemos a solicitar a apertura dunha mesa para negociar as condicións de traballo. Neste caso, e por primeira vez, o DXFP recoñece que despois do persoal de Política Social e o persoal do SPIF o persoal non docente é o máis numeroso e que se debera abordar a negociación dun acordo pero.... que aínda non toca.

A CIG quere falar xa de:

- Por que o rateo para o persoal de limpeza é de 1.800 metros cadrados por limpador/a e o das empresas que a Xunta contrata para a limpeza de edificios administrativos non supera os 1300 metros cadrados, no peor dos casos?

- Por que cobra o persoal docente encargado de comedor o traballo que fai o persoal non docente ou porque nas ratios non computan todos os comensais e seguen a faltar recursos nos comedores de xestión directa?

- Por que o persoal coidador, intérprete de lingua de signos ou DUE non ten acceso á información precisa para atender debidamente o alumnado con necesidades especiais ou pode facer ata 3 ou 4 itinerancias na mesma xornada laboral sen limitación de desprazamentos e sen a compensación económica destes desprazamentos como si ten regulado o persoal docente?

- Por que na acreditación de competencias nos CIFP hai persoal non docente que ten que abrir e pechar o centro, limpar, facer traballo administrativo pero só cobra por ese traballo o persoal docente?

- Por que nos cursos AFD non hai compensación para o persoal non docente cando están durante todo o ano ocupando as instalacións dos centros de ensino e ademais ese alumnado non computa para esas ratios que se impuxeron?

- Por que nos consellos sociais dos CIFP, onde se aproban as normas do centro incluíndo os horarios do persoal por exemplo, non hai representación do persoal non docente pero si teñen representación os dous sindicatos maioritarios do persoal docente?

- Por que o persoal non docente sempre queda excluído de todos os acordos e normativa que teña que ver coa conciliación e flexibilización e sempre ten atrancos para poder exercer o dereito a AP?

As comparacións evidencian o ninguneo ao persoal non docente por parte da consellería de Educación e de Función Pública, xa que co resto do persoal sí negocia e ata lle ofrece mellores condicións de traballo ás empresas privadas ás que cede os servizos públicos que debera realizar co persoal propio.

Se aínda non.... Entón cando toca? O acordo de condicións de traballo do persoal non docente “pa” cando?

 

 

No DOG do 14/02/2024 publican a RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2024 pola que se fai público o procedemento para a acreditacion dos méritos do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza; no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1; no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, e para o ingreso nas categorías 3, 12, 15, 34, 36, 37, 43, 52, 54, 54B, 66, 71, 94, 98, 100, 101, 103 e 104 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galiza e como persoal laboral propio do Cixtec (grupo III), convocado mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022, modificada polas resolucións do 20 de xaneiro e do 6 de febreiro de 2023.

As persoas aspirantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos baremables no concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico, ao cal accederán a través da canle de emprego público de Galiza (Fides) no enderezo https://fides.xunta.gal, seguindo o procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

Unha vez que accedan á canle do emprego público de Galiza (Fides) comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:

a) No suposto de que as persoas aspirantes estean conformes cos datos consultados, porque os méritos baremables neste proceso nas epígrafes de formación continuada, coñecemento da lingua galega e experiencia profesional externa figuran no estado de validados, ou estean incluídos correctamente na epígrafe de experiencia profesional interna, non precisarán realizar ningunha actuación.

b) No suposto de que a persoa aspirante non estea conforme cos datos consultados, por non constar ou seren incompletos, deberá incorporar a información non rexistrada presentando a solicitude de actualización dos méritos xunto coa documentación acreditativa deles, ao abeiro do establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, para que os devanditos méritos se poidan valorar neste proceso.

c) As persoas aspirantes que atopen no seu expediente electrónico persoal erros nos seus méritos nos estados de «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado», ou erros na epígrafe de experiencia profesional interna, deberán presentar alegacións a través de Fides na epígrafe de «inscrición en procesos selectivos», accedendo ao proceso de estabilización desta resolución en que figure inscrito, na epígrafe «que podo facer?», «presentación de alegacións».

O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado de «acreditación documental incompleta» rematará aos dez días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.

O Consorcio exerce presión sobre as súas traballadoras ante a mobilización pola eliminación das titorías e tempo para a programación educativa

Ante a mobilización convocada pola CIG mañá 14 de febreiro ás 11 horas diante dos Servizos Centrais do Consorcio e Política Social en Compostela, o Consorcio de Igualdade e Benestar enviou ás familias e ás traballadoras unha carta comunicando que a información trasladada nos últimos días polas compañeiras de “non ter titorías é unha información errónea”, “De cara a continuar mellorando as condicións laborais dos traballadores, estanse a negociar outros aspectos do acordo, como é a adaptación concreta da programación e titorías...” As compañeiras das escolas trasladaron ás familias información veraz sobre a prestación do servizo despois da comunicación da xerencia aos centros para establecer os novos cadros horarios eliminando os tempos de programación e titorías coas familias.

As negociacións da Xunta e Consorcio cos comités de empresa remataron sen que pola parte da Administración se dera ningunha solución máis que "'autoxestión e autorganización' dentro do tempo 100% de atención directa as crianzas”. Isto é o mesmo que dicir que o traballo que non é atención directa ás crianzas é por vontade e fóra do horario laboral. A ninguén se lle ocorre porse a facer unha titoría con nais e pais atendendo a varias crianzas ou programar mentres estás co alumnado.

E preguntamos,

  • Se ata o 31 de xaneiro tiñamos 2 horas á semana dedicadas á programación educativa, por que agora non?
  • Se como din están abertas as negociacións, por que non hai convocatorias de reunión para solucionalo? Por que pecharon a porta a calquera solución formulada pola representación do persoal?

Este mes é clave no curso académico 2023-2024, as avaliacións deberían estarse a realizar xa, pero non coa cativada no colo.

Estamos a defender os nosos dereitos como traballadoras e a calidade do servizo público.

A horas da mobilización programada, a Xerencia adxunta do Consorcio está a enviar comunicados ás familias para desacreditar ás súas propias profesionais. Este proceder é totalmente reprobable en todos os aspectos. É inadmisible. E, tamén temos coñecemento de comunicados enviados ás traballadoras e incluso acoso, ameazas e presión individual. A mobilización e o conflito é a ferramenta que temos todas as traballadoras para demandar os dereitos laborais e como empregadas públicas tamén para defender un servizo público de calidade.

Somos escolas, non garderías!

 

O Acordo de condicións laborais do persoal do SPIF foi aprobado na Comisión de Persoal do luns día 12 de febreiro

Despois dun tempo de loita e mobilización para conseguir a negociación real dun Acordo de condicións de traballo para os compañeiros e compañeiras do Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Galiza (SPIF), a Administración convocara para o pasado 8 de febreiro unha primeira xuntanza coa que se iniciou un proceso negociador con Función Pública que, tras varias idas e voltas co borrador do Acordo, rematou na Comisión de Persoal do luns día 12 onde quedou aprobado co voto favorable de todas as organizacións sindicais (CIG, CCOO, CSIF e UGT).

A negociación que levaba sendo paralizada pola Xunta dende hai meses foi difícil, xa que en apenas uns días querian que tragaramos co primeiro borrador que nos puxeron diante (que era un Acordo exclusivamente para o persoal funcionario), pactado en despachos ás costas da representación do persoal, e acompañada dun anuncio electoral do Presidente en funcións o día 23 de xaneiro coa intención de dividir ao persoal e perder a forza conxunta que temos as traballadoras e os traballadores para conseguir melloras nas condicións laborais.

Aínda así, quedan moitas cousas abertas e non podemos dicir con iso que estamos satisfeitos co resultado da negociación, produto por unha parte das présas electorais de “última hora” e por outro da actitude do resto das organizacións sindicais ás que xa lles valía o primeiro borrador. Agora tocará negociar e vixiar no caixón de xastre que é a comisión de seguimento do Acordo.

Para a CIG-Autonómica era esencial que os dereitos laborais atinxiran a todo o persoal, independentemente da súa relación xurídica coa consellaría e do tempo de duración do contrato. Así e grazas á presión mobilizadora, conseguimos que se acollera a todo o persoal. De xeito que un Acordo que inicialmente a Xunta e o resto de sindicatos querían limitar só para o persoal funcionario (700 traballadores e traballadoras) grazas á CIG extendeuse aos 2.200 que compoñen todo o servizo en alto risco.

Foi asumido por todos o sistema único de cartelera para todo o ano con quendas de 10 horas e unha semana tres días e a seguinte catro (LMSD-MXV) que propuxo a CIG no 2022 co Acordo marco regulador elaborado por consenso do persoal despois de ter feito asembleas ao longo do país e xa con anterioridade nunha Proposición non de Lei (PNL) presentada pola CIG no Parlamento no ano 2019. Ao non ter posibilidade de alongamento de xornada (agás en lumes de nivel 2) redúcense os abusos, porén os descansos previstos son insuficientes e reclamamos máis días de descanso de compensación para igualarnos ao cómputo horario anual que temos na actualidade. Para nós a compensación non podía ser exclusivamente económica.

As franxas horarias e o reparto das tarefas ordinarias dentro de quenda non se regulan neste Acordo, farase a proposta na Comisión de Seguimento. Sí introduciron as demandas da CIG de establecer unha hora para xantar ou cear e estender as funcións do V Convenio mentres non se negocien outras específicas, co que esperemos se rematen coas circulares “ordeno y mando” da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Tamén queda fóra a compensación en tempo de descanso como sí se tiña no V Convenio Colectivo Único antes dos recortes do 2012, para este traballo tan perigoso onde a fatiga acumulada aumenta o risco laboral de accidente, e polas que seguimos pelexando no xulgado.

Respecto do plan formativo, será impartido pola EGAP ou a AGASP, dentro dun plan que será negociado.

A mobilización do persoal instou á negociación

Levaban paradas as xuntanzas das organizacións sindicais coa Consellaría do Medio Rural para preparar o borrador do Acordo dende o mes de novembro, a pesar de que a consellería comprometeu un calendario con reunións todas as semanas e non respostaba nin as alegacións. Reuniuse daquela activada pola mobilización e volveu agora outra vez grazas a mobilización do 25 de xaneiro. Así, cada vez que a CIG fixo propostas apoiadas polos traballadores e traballadoras coas mobilizacións, producironse movementos de convocatorias e de avance nos dereitos laborais e na loita contra a precariedade, xa que parte das propostas da CIG foron asumidas polas outras organizacións sindicais e pola Administración, o que confirma o acerto das propostas do noso sindicato.

Agora toca pór en marcha e vixiar o cumprimento de todos e cada un dos puntos recollidos no Acordo, mais tamén de que o anuncio electoral do Presidente en funcións de alongar o tempo de traballo de 6 a 9 meses sexa xa unha realidade en 2024. Cuestión respecto á que denunciamos que esta promesa electoral non foi introducida neste Acordo nin levada ao Comité Intercentros para facela real coa extensión dos contratos.

Ante a cantidade de trapalladas que estamos a escoitar en foros e a ler en informas conxuntos doutros sindicatos, facemos un chamamento a seriedade e a calma. Á vez debemos lembrar que na CIG levamos feito un traballo continuado e constante na defensa do persoal, pese aos paus nas rodas da nosa pretensión de acadar unha funcionarización con garantías e dereitos laborais coñecendo a letra pequena. Seguimos!

Cronograma de actuacións e traballos polo Acordo Marco

É curioso ler que se nos acusa de non achegar nada e torpedear a negociación deste Acordo. Pois ben, os feitos e a cronoloxía falan por sí sós, a non ser que algúns interpreten que a mobilización do persoal e a denuncia pública sexan accións que na vez de manifestar a opinión e vontade dos traballadores e traballadoras sexan pedras do camiño da Administración.

 

DATA FEITO
Marzo de 2022 Enviámoslle á Xunta a nosa proposta de Acordo Marco Regulador das condicións do persoal do SPIF
Xullo de 2023 Queixa dirixida á Valedora do Pobo por mor da ausencia de regulamentación das condicións laborais do persoal do SPIF
1 de setembro de 2023 Presentamos no Rexistro Central da Xunta máis de 700 sinaturas do persoal para solicitar un Acordo Marco Regulador que partira dos dereitos do VCCU
9 de novembro de 2023 Convocatoria da primeira xuntanza do Acordo de condicións do persoal do SPIF
13 de novembro de 2023 O persoal mobilizouse xunta coa CIG para demandar un Acordo de condicións para todos e todas con traballo estable todo o ano
22 de decembro de 2023 Presentamos alegacións ao documento de borrador que nos enviou a Consellería do Medio Rural o día 5 de decembro de 2023
25 de xaneiro de 2024 Mobilización do persoal en San Caetano. Levabamos dous meses e medio sen novas da Administración
1 de febreiro de 2024 Nova xuntanza do Acordo

O luns 12 de febreiro quedaron aprobadas as bases dos concursos de traslados de corpos xerais e de enxeñarías, arquitectura e ciencias, os dous coa abstención de CIG. A publicación en DOG tardará unhas semanas, tempo no que aínda poderemos alegar ás prazas.

As bases destes dous concursos son case idénticas ás dos concursos dos últimos meses (incendios, axentes medioambientais, consumo e gardacostas). Pero nesta ocasión houbo un condicionante que impediu o voto favorable da CIG: a incerteza das prazas que van a ofertar. Déronnos un borrador de postos o mércores 7, e prazo para alegar ata o venres 9. E xa o luns 12 quedou aprobado sin que poidamos facer un traballo serio de revisión das prazas.

Nas bases engadiron dúas cuestións propostas pola CIG:

  • As prazas ocupadas por motivos de saúde e rehabilitación, que por imperativo legal non poden ser ofertadas como vacantes, si serán ofertadas como potenciais vacantes (resultas). As persoas que as ocupan están obrigadas a concursar, e ata agora, si obtiñan posto no concurso, a praza ocupada quedaba libre para comisións de servizos. Agora, si obteñen destino, a praza ocupada vai ser ofertada (resultas). Serán 13 postos (18 nesta situación, menos 5 que non poden participar no concurso por non ter destino definitivo).

  • Para a conciliación por agrupamento familiar, corrixen un dos requisitos da convivencia, que esixía que o domicilio fose simultaneamente o do/a cónsuxe/a e fillos/as.

Solicitamos máis axustes na antigüidade, no traballo desenvolvido, nos méritos específicos, formación .. Pero o director xeral de Función Pública (DXFP) pechou a posibilidade de facer cambios, polo que estas bases serán iguais que as dos concursos dos últimos meses.

Respecto das prazas, o DXFP comunicou que aínda podemos alegar ata a publicación dos concursos no DOG. Sabemos que van engadir e retirar prazas pola RPT de Educación que se aprobou o mesmo día; e que engaden postos pola funcionarización de prazas de persoal laboral. En total serían uns 180 postos novos en corpos xerais. Retiran 5 postos de confrarías; tamén retiran os postos ocupados por persoas con discapacidade intelectual; 17 por falta de dotación orzamentaria; 1 ou 2 con reserva por incapacidade; tamén hai algún posto ocupado por persoal indefinido non fixo que non está contabilizado nos procesos de estabilización (todos os que foron a estabilización pola Lei 20/21 si van saír ofertados). Serían unhas 2.900 prazas para corpos xerais, e algo máis de 600 para enxeñarías+arquitecturas+ciencias, ofertadas como vacantes que só vamos a poder revisar e alegar posteriormente, polo que abstivémonos na votación.

En cando ao concurso de arquitecturas, enxeñarías e ciencias (A1 e A2), falta confirmar que outras escalas van poder participar no concurso para as prazas que teñan compartidas.

Concluíndo: as bases destes dous concursos xa están aprobadas, seguen o mesmo modelo que os concursos recentes; tardarán algunha semana en ser publicadas en DOG, tempo durante o que poderemos alegar ás prazas (contactar coa CIG).

Para os concursos que aínda faltan por convocar, o DXFP limítase a respostar que nas seguintes semanas traballarán na RPT de Política Social, paso previo a convocar o concurso das escalas sociais. E ningunha información máis do resto de concursos.

A CIG segue a esixir que se convoquen TODOS os concursos, de TODAS as escalas, para que TODOS estean rematados a 31 de decembro deste ano. E mantemos o noso obxectivo dos concursos permanentes.

Nesta funcionarización expres que a Función Pública mete nunha mesa “multiasuntos” consolídade a discriminación salarial do persoal dos centros agrarios da Xunta.

Nos centros de AGACAL prometeron unha mesa de negociación de pluses no ano 2021, cando se aprobou tamén ás presas, a primeira relación de postos de traballo (RPT). 

Esta negociación finalmente non foi adiante a pesar de que logo das mobilizacións do persoal dos centros en maio de 2023, a Xerencia do Agacal e a Dirección Xeral da Función Pública volveron facer novamente a comprometerse a negociación dos pluses e da RPT.  Sen reunións dende o 1 de setembro do ano pasado, agora e en apenas dous días sacan a RPT de funcionarización para nunha mesa xeral multiasuntos previa ás eleccións políticas para despachar a funcionarización e con ela o salario do persoal do Agacal que vai quedar sen os pluses no salario funcionarizado. Sen discusións dos postos non entendemos por que un peon/a agrario nun centro do Agacal ten que ter menor salario que un que fai o mesmo traballo en Medio Rural Fontefiz, por exemplo. pero non so pasa cos peons agrarios, os peons forestais teñen un salario e un complemento de destino diferente se estan en Medio Rural ou en Medio Ambiente.

Non se nos escapa que a cita electoral ten moito que ver coas presas, pero non por iso poden barrer cos dereitos do persoal. Queremos unha negociacion de pluses e recoñecemento dos complementos na RPT que retribúan o traballo que realmente se fai e a penosidade, a toxicidade, as quendas e outros conceptos do V Convenio Colectivo se deben introducir no complemento salarial dos postos. 

A igual traballo non hai igual salario 

Pervértese o de “a igual traballo igual salario” nesta Administración pública. Xa que os pluses que ten recoñecido parte do persoal conseguíronse nos xulgados e non se estenderon ao resto de traballadores que ocupan postos iguais e realizan as mesmas funcións e horarios e ademais teñen os mesmos riscos. Con esta decisión do Agacal , resulta que a dia de hoxe temos moita variabilidade nos soldos entre centros e traballadores, incluso en postos iguais no mesmo centro de traballo. 

Os pluses foron gañados no xulgado, o Agacal négase a recoñecelos “de oficio”.

Todas as demandas de recoñecemento de complementos anteriores a 2011 foron gañadas nos tribunais. Coa entrada en vigor da Lei 36/2011 Reguladora da Xurisdición Social, e a imposibilidade de recorrer as sentenzas con compensacións económicas inferiores a 3000€, algunhas demandas non puideron ser recorridas polas persoas interesadas se perdían en primeira instancia. Esto creou unha situación de discriminación para o persoal, xa que o cobro dos complementos neste momento non está rexido por criterios técnicos nin negociados, senón en que "tiñan que ser mais rápidos/as" ao presentar as suas demandas.

Ademais, esta teima en deixar ao persoal de campo sen complementos para a funcionarización ten moito que ver coa estratexia de AGACAL de emprobrecer todos os postos á vez que pouco a pouco está a privatizar traballos de campo e de limpeza.

A funcionarización deseñada por XUNTA+CCOO+UGT rompeu coa estrutura salarial do persoal funcionario 

O criterio de meter o salario do persoal laboral cos pluses en complemento de destino afonda no problema e se mostra ineficaz e inxusto.  O normal sería que foran introducindo os pluses nos complementos específicos diferenciais que son os que retribúan as condicións específicas do posto. Pero, para iso tiñan que ter comezado por negociar as condicións de traballo e as funcións pero esa non era a sua intención, nos queren sen dereitos laborais.

Con isto todos o persoal peon agrario que desenvolven funcións con x riscos, penosos, con fitocidas, gando, traballo a quendas etc, cobrarian o mesmo porque nos seus postos estarian recoñecidas as suas cuestions específicas e a isto sumariamoslle iguais dereitos laborais. 

A funcionarización do Agacal empobrece ao seu persoal

E, como as cousas non se fixeron ben, agora temos un problema grave, o personal do Agacal quedou empobrecido polos seus postos, niveis baixos con riscos altos ao non ter recoñecidos os pluses en moitos postos. 

No Centro de Recuperación da Fauna Autóctona de Fonte Fiz (xestionado pola Consellería do Medio Rural), en Vilamarín, xa hai tempo que correxiu esta diferencias nos pluses ao estender os pluses gañados por sentenza, como así fixeron en moitas consellerías e temos presionado nese sentido en cada RPT.  Se queren poden solucionalo xa, é sinxelo, tomémolo como referencia para uniformar os complementos salariais de todos os demais centros que comparten tarefas, como en Mabegondo. É posible eliminar as discriminacións. 

Agora o que vai ser difícil é concursar co caos de niveis que provocaron na AP. Quen vai querer ir para o AGACAL?


  COMPARATIVA FUNCIONARIZACIÓN AP RECURSOS NATURAIS ESPECIALIDADE RECURSOS NATURAIS E FORESTAIS 

POSTO NIVEL

COMPLEMENTO ESPECÍFICO

PLUSES RPT DE ORIXE
PEÓN/OA FORESTAL
MEDIO AMBIENTE E CIF LOURIZAN
14

7.456,76

B10 // B11 // B18
PEÓN/OA FORESTAL
MEDIO RURAL
13

7.024,22

B10 // B11

PEÓN/OA AGRARIO/A
CENTRO DE RECURSOS
ZOOXENÉTICOS DE GALIZA

14

7.192,78

B10 // B11 // B14 // B18

PEÓN/OA AGRARIO/A
AGACAL

12

6.855,66

DIVERSOS

PEÓN/OA AGRARIO/A
CIFP "A GRANXA" (PONTEAREAS)

10

6.517,98

B14

PEÓN/OA AGRARIO/A
XEFATURAS TERRITORIAIS

10

6.517,98

 

B10  COMPLEMENTO SALARIAL DE SINGULARIDADE POR PERIGOSIDADE
B11  COMPLEMENTO SALARIAL DE SINGULARIDADE POR TOXICIDADE
B14  COMPLEMENTO SALARIAL DE SINGULARIDADE DE ESPECIAL DEDICACIÓN
B18  COMPLEMENTO SALARIAL DE SINGULARIDADE POR PENOSIDADE

O persoal funcionario da Consellería do Mar destinado na Lonxa de Cariño carece de calquera tipo de aseo sanitario nas súas instalacións de traballo.

As instalacións da Lonxa de Cariño están a sufrir un alarmante deterioro xeral, con pingueiras e fallos estruturais que motivaron que a entidade Portos de Galicia pechara as súas instalacións e trasladase ao seu persoal deixando ao persoal da Xunta de Galicia sen aseo e nunhas condicións sanitarias inadecuadas, inseguras e que incumpren a normativa básica .

O abandono de Portos de Galicia supuxo que se lles pechara o acceso ao único aseo sanitario en condicións aos funcionarios da Consellería de Pesca.

Dende a CIG denunciamos esta grave incumprimento do RD 486/1997 de 14 de abril en materia de disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo diante da Xefatura Territorial da provincia da Coruña e diante da Subsecretaria de Pesca; pero dende marzo do ano 2023 todo foron palabras sen feitos: que tiñan que pedir autorización ao ente de Portos para usar as súas instalacións, que tiñan que mandar persoal técnico para avaliar as obras, que si facer un presuposto , que si era máis caro , que porían un aseo de obra, etc. diante de tamaño desinterese por solucionar esta carencia ao persoal e a CIG non nos quedou máis remedio que denunciar diante da Inspección de Traballo que a Administración Pública Galega pretende manter ao seu persoal nunha situación de indignidade, máis propia da era preindustrial.

A inspección evidentemente constatou a falta de calquera tipo de aseos e levará a cabo as actuacións pertinentes pero dende a CIG preguntámonos se a saúde, a dignidade do seu persoal non pesa para a Consellería do Mar, ou como non serán sancionados como o sería calquera empresa privada non lles importa, ou como son só 3 traballadores non teñen a mesma dignidade?. Ou é que neste momento están todos moi ocupados en atender outras tarefas porque tampouco a Delegada Territorial da Xunta en Galicia se reuniu coa CIG para tratar este tema e outros asuntos de vital importancia para o persoal da Xunta de Galicia na comarca de Ferrolterra malia terllo solicitado por escrito.

Mobilizámonos o mércores 14 de febreiro contra a decisión da Xunta e máis do Consorcio de suprimir ás horas de programación e titorías de escolas infantís.

Esta medida supón un novo atentado contra os servizos públicos que afectará á calidade do servizo ao eliminar a programación educativa, as xuntanzas coas familias, a preparación dos materiais e as avaliacións de resultados que resultan vitais para o desenvolvemento educativo das crianzas de 0 a 3 anos.

Na CIG-Autonómica consideramos que eliminar estas actividades converte un servizo público integral e educativo nun servizo asistencial de menor calidade. 

  • En que se vai diferenciar unha escola infantil da Xunta dunha gardería?
  • Pretende Xunta converter as escolas infantís en lugares onde aparcar as crianzas na vez de ter un tempo de desenvolvemento educativo propio e adaptado á súa idade e a cada cativo/a?
  • Queren deteriorar o público para igualarnos co privado?

Nas escolas da  Axencia Galega de Servizos Sociais estas actividades de programación educativa e titorías xa as foron eliminando pouco a pouco nos últimos anos; agora pretenden facer o mesmo coas do Consorcio. 

Non imos aturar máis ataques ás escolas públicas  e loitamos por que se RESTITÚA XA o MODELO EDUCATIVO EN TODAS AS ESCOLAS INFANTÍS DE XESTIÓN PÚBLICA, e os tempos de programación dentro do horario laboral

Mobilízate coa CIG, o mércores 14 de febreiro ás 11 h, diante do Consorcio (San Lázaro) e ás 12 h diante da Xunta (San Caetano)

No DOG do 09/02/2024 publican:

- RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas do Servizo de Gardacostas de Galiza (SGG).

- RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo de xestión da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de inspectoras e inspectores de consumo e do corpo administrativo da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de axentes de inspección, especialidade de consumo, da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.

Están obrigados/as a participar nestes concursos:

a) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza ou dos corpos e escalas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza obxecto destas convocatorias que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo, de acordo co disposto no artigo 97.5 e a disposición transitoria quinta da LEPG. Deberá solicitar todos os postos de acordo coa base VI.2.

b) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou dos corpos e escalas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza obxecto destas convocatorias que se encontre adscrito por motivos de saúde ou rehabilitación a un posto de traballo en distinta localidade daquela na que teña o seu destino definitivo estará, en aplicación do disposto no artigo 89 da LEPG, obrigado a participar no concurso debendo solicitar todos os postos adecuados ao seu corpo, escala e especialidade, situados na mesma localidade do posto ao que figure adscrito provisionalmente.

Os postos vacantes ofertados neste concurso publícanse no anexo I destas resolucións.

Presentación de solicitudes (de participación e de elección de postos):

1. Para participantes da Xunta de Galiza en servizo activo na súa escala de participación, accedendo ao Portal do Empregado no enderezo electrónico https://portax.xunta.es

2. Para os que atopen en calquera situación distinta da referida no punto 1, a través do Portal da web corporativa da Dirección Xeral da Función Pública no enderezo electrónico https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/

A solicitude, e de ser o caso a documentación adicional, deberá presentarse electronicamente a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galiza e ata o día 23 de febreiro de 2024 incluído, e dirixirse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellaría de Facenda e Administración Pública.

 

O xoves 8 de febreiro participamos nunha xuntanza co director xeral de Función Pública (DXFP), para falar de diversos asuntos. Entre eles, os concursos de traslados de corpos xerais e o das escalas de enxeñarías, ciencias e arquitectura (A1 e A2). O luns 12 van quedar aprobados na Comisión de Persoal.

Na intervención da CIG, a primeira queixa foi polos tempos. Levamos anos a voltas cos concursos permanentes, e nin sequera temos un concurso anual. Meses en que ás nosas preguntas respostan indicando as prioridades, pero non os prazos. Prioridades que nen sequera cumpren.

De súpeto, envían os borradores dos concursos sen tempo a moita discusión. E envían a relación de prazas vacantes con só dous días para revisar e alegar. Esto é inaceptable, pois falamos de 3.500 prazas entre os dous concursos.

O DXFP afirma que aínda que se aprobe o luns, haberá marxe para revisar e alegar ás prazas, ata a publicación en DOG (segundo conta, sería unhas semanas máis adiante).

En canto ás prazas que serán ofertadas, serían todas as vacantes agás aquelas que as consellerías certifiquen que queren amortizar en futuras RPTs. A CIG reclama que se convoquen todas, pero si levan adiante a retirada de postos por propostas de amortización, sería inaceptable que se concedan comisións de servizos a tales postos.

Na relación de vacantes estarían incluídas as afectadas pola lei da temporalidade (Lei 20/21), as 125 de persoal laboral vacantes que van a funcionarizar (82 de A1, 30 de A2 e 12 de AP). Engadirían tamén as prazas nas que os/as titulares xa teñen data de xubilación para as próximas semanas. Serían un total de uns 200-300 postos máis para corpos xerais que enviarán aos sindicatos este venres.

Da negociación das bases non hai moita marxe. Estes dous concursos seguen o modelo exactamente igual que os negociados e convocados nos últimos meses (gardacostas, consumo, incendios e axentes medioambientais). O único que modificaron é unha das reivindicasións da CIG: aceptan que os postos ocupados por motivos de saúde, postos que non poden ser convocados como vacantes, si sexan ofertados como "potenciais vacantes" para o caso de que quen os ocupa, que está obrigado/a a concursar, obteña outro destino. Porén, a CIG insiste en que hai que mudar cousas, como engadir as prazas que están para ser cubertas por Concurso Específico (si non son quen de executar estes procesos, que recualifiquen urxentemente as RPTs para pasalas a Concurso Ordinario), ou axustar os valores dos méritos, pois existe desequilibrio entre algúns deles.

En canto ás previsións de prazos, o DXFP manifesta que vai ser todo moi rápido, coa intención de que estes concursos estean resoltos e coa tomas de posesión, antes de finalizar este ano 2024, algo que á CIG, polas experiencias pasadas, cústalle crer. Os concursos estarían resoltos uns meses antes, pero a toma de posesión quedaría adiada ata rematar os procesos extraordinarios de estabilización (Lei 20/21), que por imperativo legal ten que ser antes do 31/12/2024. Para entón, a toma de posesión do concurso de traslados e do persoal dos procesos selectivos serían actos coincidentes no tempo.

Respecto doutros concursos, informa que en próximas semanas estarán a traballar na RPT de Política Social, para a continuación convocar o concurso das escalas sociais. Nada di do resto de concursos que quedan pendentes. Pero todo isto xa quedará para o novo goberno.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...