Novas por contido

Coa proposta remátase coa privatización das brigadas do servizo de incendios en varias bases da Galiza, unha demanda histórica da CIG

O venres 14 de abril en reunión previa para a negociación da modificación da RPT coa consellería de Medio Rural explicaron a proposta de creación de prazas para dotar as brigadas helitransportadas das bases de Muiños, O Barco e Queimadelos (Mondariz), ademais de reforzar as de Vilamaior (Verín) e Marroxo (Monforte). Con isto camíñase cara un servizo público na defensa contra os incendios forestais na Galiza, mais estamos vixiantes de como se pretenden artellar as brigadas e a forma de acceso.

Esta creación de prazas é posible coa adición de 1.500.000 euros orzamentados no 2023 para o capítulo 1 de persoal (551B), que é froito da extinción da contratación privada do persoal das bases pero ao que lle suman o orzamento de amortizar 6 prazas. Para poder valorar demandamos unha memoria económica máis completa que compare emprego neto destruído na privada e o seu custo co emprego neto na pública. Ademais lembramos que na CIG opoñémonos a amortizacións sen xustificación funcional e máis se son prazas ocupadas co que mandarían ao persoal a rúa.

Salientamos:

  • Crean 45 prazas de persoal de brigadas helitransportadas lixeiras, polo que non levarían técnico/a de brigada. As prazas se crean coma de persoal laboral aínda que nun futuro serán obxecto da súa funcionarización.
  • Corrixirán o erro que existía no custo anual das prazas, que eran desiguais entre bases.
  • Contemplan a posibilidade de retirar a necesidade de proba física anual (esta cuestión negociaríase máis adiante).
  • As prazas cubriranse transitoriamente por adscrición/comisión de servizos.
  • Valorarán corrixir outras cuestións tales coma a oferta de tódalas prazas de bombeiro/a forestal coma bombeiro/a forestal condutor/a(xa que podería causar problemas na súa cobertura) ou a inclusión das prazas a nivel distrito e non a nivel provincial tal e coma está na proposta actual.
  • Crean 6 prazas de persoal emisorista que prestaría servizo na base das brigadas helitransportadas mentres estea o helicóptero, e no centro de coordinación de distrito o resto do ano.

Ábrese prazo de alegacións desta RPT ata o mércores 19 de abril, podes facernos as túas suxestións aquí.

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos e da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que será o martes 18/04/23, coa seguinte Orde do día:

1. Proposta de acordo sobre as condicións de traballo da clase de Farmacéuticos/as Inspectores/as de Saúde Pública (FISP). Descargar

2. Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Instituto Galego de Estatística (IGE). Descargar

3. Modificación da RPT da consellería de Sanidade. Descargar

As convocatorias e documentación chegaron ao final da mañá do venres 14, e cun luns por medio saturados de asuntos. Non teñen vontade de negociar en condicións, especialmente a consellería de Sanidade.

Resumo de "outros temas" da xuntanza que tivemos o pasado venres 14 de abril co director xeral da Función Pública (DXFP):

RPT de Sanidade

Informa o DXFP que esta RPT está "negociada de fai tempo" e que está para ir á Mesa. Levará amortización de postos vacantes que se transformarán en estatutarios, e adaptan aos decretos de estrutura. Tentarán que no futuro (fala en xeral), cando se adapte a estrutura se adapte a RPT. Non vai a parte de saúde pública (escalas de persoal farmacéutico [FISP] e veterinario, para o que tentarán avanzar nas seguintes semanas). Menciona o acordo dos/das FISP, deixando a súa modificación de RPT para cando haxa acordo.

Procesos de estabilización

Prazas que engaden aos procesos: Publicarán nuns días as prazas que se engaden nos procesos de estabilización que estaban convocadas en procesos selectivos e quedaron desertas. Informa de cambios de números en “A1, A2, médicos, terapia ocupacional, C2 (prazas de grupo IV)”. O luns dará os números.

Cronograma: está pendente de que lle entreguen un cronograma de publicación de listas provisionais de persoas admitidas dos procesos selectivos de estabilización (son 211 procesos).

Datas de exames de procesos selectivos

Refírese a aqueles para os que fai tempo anunciaran o mes de reallización. Agora fai saber que nuns días publicarán as datas concretas.

Negociación das condicións de traballo do persoal FISP

O DXFP anunciara nunha xuntanza previa que enviarían un texto de "acordo" sobre as condicións de traballo do persoal da escala de Farmacéuticos/as Inspectores/as de Saúde Pública (FISP). A CIG indica que xa sabiamos que estaban a piques de enviárnola, que estiveron a negociar cunha asociación que só ten lexitimación para representar aos seus afiliados, cando os sindicatos temos legalmente a representación de todo o persoal. Comunicamos que a CIG non vai asinar o que nos poñan enriba da mesa sen unha negociación real, un debate interno e consultas co persoal ao que representamos.

A primeira (e houbo máis) petición de xuntanza (asinada por CIG, CCOO, CSIF e UGT), para tratar o asunto foi presentada no ano 2017, e nuncia tivemos resposta. Agora non vamos tragar cun documento cociñado ás agachadas da CIG e que queren despachar en dous días. O DXFP resposta que é "probable" que non o levne á Comisión de Persoal para a semana, senon máis adiante, e que sería un texto similar ao do persoal "biólogos/as de zona". 

Enquisa Plan de Igualdade

Na CIG temos constancia da non remisión da enquisa aos enderezos do dominio "edu.xunta.gal". Pedimos que se envíe e se abra novo prazo. Xa avisaramos das dificultades telemáticas que podía haber e isto pode desvirtuar os datos recollidos. Faltan máis de 4.000 persoas por recibir o correo. Solicitamos que abran un novo prazo e a opción de cumprimentar a enquisa en papel.

O DXFP resposta que se interesará polo que puido pasar pero manten a súa postura de que os datos recollidos "son os que son" e a xente non participa.

Concursos de traslados

O DXFP anunciara en xuntanzas previas que ao longo do mes de abril falariamos das prioridades nos concursos de traslados. Como para a presente xuntanza había un punto de "outros temas", a CIG traslada a súa sorpresa por non tratar este tema que demandamos debe ser tratado. 

Insiste o DXFP en que falaremos dos concursos nas vindeiras semanas do mes de abril. Afirma que ao longo do mes resolverán os problemas de estrutura na DXFP (máis medios), o que lles permitirá abordar os procesos “con optimismo”. O 31/12/24 teñen que estar rematados os procesos de estabilización, e para esa data tentarán "sincronizar" as tomas de posesión na maioría dos procesos selectivos co concurso de traslados (di que será imposíbel facelo en todos).

A Xerencia da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) convocounos a unha xuntanza para o día 17 de abril, para tratar unha proposta de pluses salariais no ámbito do persoal laboral da axencia. Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar.

Nunha ollada rápida, a proposta é un despropósito. Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG

Como todos os anos, durante a campaña de realización do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) desde a CIG ofertamos o servizo de realización da declaración da renda a todos aqueles afiliados e afiliadas que teñan as cotas ao día (no caso de non estar por algún motivo pódense regularizar).

Lembrámosche que temos en marcha un sistema para pedir cita que está habilitado na seguinte ligazón: https://oficina.cig.gal/renda da web da CIG no que poderás escoller quenda para facer a túa declaración.

Se tés algún problema para solicitar a cita a través da web tamén te podes anotar chamando á túa comarca de referencia.

Con carácter xeral o prazo para presentar a declaración da renda remata o 30 de xuño. Recordamos que as cantidades satisfeitas en concepto de cotas sindicais desgravan no teu IRPF. Simplemente tés que indicar a cantidade satisfeita no cadro 0014 da túa declaración.

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal e da Mesa Xeral de Empregados Públicos que serán o luns 17/04/23. Tamén estamos convocados a unha xuntanza previa para o venres 14/04/23. Esta é a Orde do día:

RPT de Funcionarización dos postos de persoal laboral das categorías V-001 e 011 (limpeza e cociña)

Vai á Comisión de Persoal. Posteriormente terá que aprobalo o Consello da Xunta e publicarse no DOG para que poidan proceder coa funcionarización do persoal laboral fixo.

Hai cambios no nivel mínimo, pois aceptan que quede no 10 (e non no 9 como pretendían). Descargar

Anteproxecto de Lei de igualdade efectiva entre mulleres e homes de Galiza

Vai á Mesa Xeral como paso previo á súa aprobación en Comisión de Persoal. Descargar.

Publicada a convocatoria das probas libres para a obtención do título de Técnica/o en Educación Infantil, ciclo formativo de grao superior CSSSC01 Educación infantil da familia profesional Servizos socioculturais e á comunidade

Os módulos que forman parte da oferta e que non se poden superar mediante as acreditacións son: MP0020 Primeiros auxilios e MP0022 Empresa e iniciativa emprendedora. O módulo MP0021 Formación e orientación laboral pódese validar con todas as unidades de competencia (UC) acreditadas por procedemento de acreditación, un ano de experiencia laboral e Prevención de Riscos Laborais (PRL) de nivel básico segundo o Real Decreto 39/97 (30 horas ou máis), contidos detallados e certificado, antes da matrícula en FOL, polo que só haberá que matricularse por libre de:

  • MP0020 Primeiros auxilios
  • MP0022 Empresa e iniciativa emprendedora

Os outros módulos dos que hai que matricularse cando se teñan superados todos os demais son: Formación en centros de traballo (prácticas), Proxecto de atención á infancia e FOL. Das prácticas e de FOL hai que matricularse igualmente para solicitar a validación. Polo tanto, unha vez obtidas as acreditacións mais superados os módulos por libre, quedaría matricularse destes tres módulos.

Lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes de inscrición para participar nas probas libres de formación profesional presentaranse na secretaría de calquera centro público en que se oferten probas libres para a obtención de títulos LOE, malia que non sexa o centro elixido en primeira opción.
A solicitude poderá realizarse mediante o asistente informático vía web. Logo de realizada, a aplicación informática xera un impreso de solicitude que terá que ser entregado para a súa validación en calquera centro educativo de Galicia con oferta de ciclos de formación profesional sostida con fondos públicos. Se este impreso non se entrega en prazo, a solicitude non terá carácter oficial e non se considerará realizada para os efectos da admisión.

Prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes de admisión (período ordinario) vai do 17 ao 28 de abril de 2023 ata as 13:00 h.

Na ligazón da convocatoria figuran tamén as instrucións para facer a solicitude, que se deberá realizar usando o asistente informático na seguinte ligazón asistente informático (Solicitude web), que estará activa só a partir do 17 de abril. Tamén aparece relacionada toda a documentación que é preciso achegar e que as persoas interesadas cumpre que vaian xa recompilando.

A Consellería de Medio Rural convocounos a unha xuntanza para o día 14 de abril, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT) pola creación de postos adscritos ás brigadas helitransportadas. Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar.

Para a aprobación desta proposta falta que o asunto pase pola Mesa Xeral, votación en Comisión de Persoal, Consello da Xunta e DOG. Supoñemos que tamén haberá un prazo para presentar alegacións escritas.

Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG

A elaboración dun Plan de Igualdade conta con diferentes fases reguladas na correspondente normativa como son o Compromiso da organización e a Elaboración da diagnose, que necesita da recollida de datos cuantitativos e cualitativos (enquisa) para poder avaliar as carencias e propor solucións. Estas fases son necesarias para poder elaborar o Plan de Igualdade, a súa implantación e o seguimento das medidas propostas.

O mércores 12 de abril é o derradeiro día para realizares a enquisa, que podes encher dende o móbil ou o ordenador persoal. Non se poden responder varias enquisas dende un mesmo ordenador (mesma IP).

É necesaria a participación masiva nas respostas a este cuestionario para poder facer unha diagnose da situación da igualdade de oportunidades e de trato na Administración.

As administracións públicas están obrigadas a dotarse dun plan de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación dende o ano 2007 (Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes).

Dende a CIG, levamos anos e anos esixindo un Plan que sexa unha ferramenta útil para a igualdade efectiva entre mulleres e homes na Administración autonómica e non só unha obriga formal para cumprir coa normativa estatal ou europea, ou un requisito que xustificar á hora de conseguir subvencións.

A pesares das nosas discrepancias, tras anos de intentos fracasados e de non tomarse en serio a negociación nin o ter un Plan de igualdade de oportunidades para homes e mulleres, imos conseguindo que se materialicen pouco a pouco as fases da súa elaboración.

Dende a CIG seguimos traballando para que a igualdade sexa real e se removan todas as discriminacións.

O pasado 31 de marzo tivo lugar unha xuntanza para negociar o Fondo de Acción Social do ano 2022. A proposta que entregou a Administración segue a vir unicamente con axudas para para atención de persoas con discapacidade, polo que segue a manter limitadas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

Todos estes recortes no FAS comezaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do estado español xa ten levantado todas as limitacións de orzamento que puideran ser xustificación destes recortes.

Nesta proposta que nos presenta a Administración, a única novidade con respecto o anterior FAS é o aumento do nivel das rendas anuais das persoas causantes, que se ve incrementado este límite dos 13.300 euros do ano pasado ata os 13.510. A cantidade desta axuda fica en 2.160 euros por causante, exactamente igual que no ano 2021 e no 2020, así que non se actualizou nen tan sequera co IPC.

Na CIG insistimos nas alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:

  • Recuperación de todas as modalidades (axudas) do FAS que tiñamos antes dos recortes, e aumentalas progresivamente.

  • Recuperación dos importes subtraídos no 2012 e chegar ao 1% da masa salarial.

  • Compatibilizar as axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.

  • Que todas as axudas que se concedan sexa proporcional o nivel de renda das familias.

  • Solicitamos que esta axuda se meta en nómina tamén no persoal funcionario, co mesmo sistema de petición que ten o persoal laboral, por unha sola vez, ata que se perda o dereito a cobrala. De non facerse así supón un agravio para o persoal funcionario público que ten que facer a petición cada ano e entregar a documentación xustificativa e, dado que vai case con dous anos de atraso, podería quedar sen cobrar se cambian as circunstancias da persoa causante e/ou a solicitante.

  • No referido a solicitudes debe darse como opción prioritaria a presentación por sede electrónica cun procedemento propio para o FAS, permitindo que se poida presentar tamén por rexistro, tal como parece no artigo 5.

  • Os prazos para solicitar o FAS non deben coincidir en ningún caso co mes de agosto. Se non se aceptan as demandas de modificación total do documento e a apertura dunha negociación para a recuperación dos nosos dereitos, a publicación debe facerse canto antes para así podermos garantir o pagamento do FAS dentro do presente ano.

  • A resolución e aboamento do FAS debe ser no mesmo ano natural da convocatoria para evitar ter que recorrer a declaración complementarias do IRPF.

  • Que estas alegacións da CIG cheguen a alguén con capacidade para cambiar o Fondo de Acción Social. En definitiva, queremos un auténtico Fondo de Acción Social ao que se poda acoller todo o persoal empregado público da Xunta que vaia máis aló dunha simple liña de axudas para atención de persoas con discapacidade.

A maiores dixemos que nos parece inxusto que compañeiros e compañeiras de MUFACE, que prestan servizos para a Administración autonómica e mesmo para outras administracións, teñen dereito a axudas que a Xunta de Galiza non contempla neste FAS. Queremos igualar en positivo, engadindo as axudas que faltan.

Preguntamos por cando teñen previsto publicar o FAS. Respostan que sairá a finais de abril.

Adiantaron que van cambiar o modelo de FAS, que vai a ser aberto e permanente a partir do ano 2024. Din que se negociará e que sairá a diante o que vote a maioría.

En definitiva, queremos un auténtico Fondo de Acción Social ao que se poda acoller todo o persoal empregado público da Xunta que vaia máis aló dunha simple liña de axudas para atención de persoas con discapacidade.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...