Novas por contido

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos que será o venres 17 de marzo, coa seguinte Orde do día:

1. Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) referente ao proceso de funcionarización de postos de traballo de persoal laboral correspondente ás especialidades de persoal de limpeza e cociña (V-001 e V-011). Descargar

2. Modificación da RPT da consellería do Mar. Descargar.

3. Modificación da RPT de Política Social e Xuventude consistente na transformación dunha praza de laboral en funcionario (non achegan documentación).

4. Modificación da Orde de flexibilidade horaria por conciliación familiar. Descargar.

Estamos tamén convocados a unha xuntanza que será a véspera, para tratar os mesmos asuntos.

Fomos convocados a unha xuntanza da Comisión de seguimento do teletraballo. Pola parte sindical asistiu só a CIG, como único asinante do Acordo. Dende a súa publicación en DOG fai algo máis de dous anos (07/01/2021), tan só houbo dúas xuntanzas da comisión de seguimento, a última en decembro de 2021. Por tanto, o primeiro que reclamou a CIG é que se cumpra o pactado en canto á periodicidade trimestral das xuntanzas.

O director xeral de Función Pública (DXFP) traslada os seguintes datos numéricos:

  • A decembro do 2022 levan concedidas 2.073 solicitudes. Aumentan en relación aos anos anteriores o número de solicitudes e de persoas en teletraballo. Van enviar datos desagregados por grupo, sexo e consellería.
  • Recibiron 49 solicitudes “especiais”, das que concederon 13 e denegaron 33. Son solicitudes que exceden os máximos que prevé o acordo (50% das xornadas, 40% de presenza) ou referidas a postos non susceptibles de teletraballar.
  • Sobre os medios tecnolóxicos, no último ano emitiron 601 informes, dos que 517 non solicitaron medios, 49 si os solicitaron e outros 35 xa dispoñían de medios da Administración. Todas as solicitudes de medios tecnolóxicos foron atendidas.

Sobre os medios tecnolóxicos, a representación da CIG informou de que había un desaxuste entre Sanidade e Amtega que estaba a dificultar a concesión de teletraballo por indispoñibilidade de medios. O acordo da Comisión Técnica é que Sanidade dote ao seu persoal dos medios, máis pasou un mes e seguimos igual. O director de Función Pública comprometeuse a solucionalo.

Informa o DXFP que a Comisión Técnica acordou requirir o visto e prace da persoa supervisora como condición para aceptar as peticións de xornadas de teletraballo que exceden o número de horas da xornada ordinaria (as superxornadas).

Tamén falamos das denegacións sistemáticas que se están a producir en determinados tipos de centros. Puxemos enriba da mesa os casos de centros en que se está a producir a denegación do teletraballo resultando incoherente coas concesións en servizos idénticos (por exemplo, diferenzas entre os mesmos servizos das xefaturas territoriais).

Din que revisaron as denegacións que reclamamos, na maioría dos casos denegadas pola necesidade de atención permanente ou continuada. Recoñecemos a necesidade de prestar a atención presencial, pero hai centros que teñen persoal abondo para organizar quendas que permita compatibilizar as dúas modalidades de traballo coa atención requirida.

Para rematar, esixindo o cumprimento do que a CIG pactou coa Xunta, demandamos a entrega da relación de solicitudes presentadas (autorizadas e denegadas), a todas as organizacións sindicais con representación na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CSIF e UGT).

Estes días estase a realizar o acto de elección de destino da convocatoria do ano 2019 da especialidade de Bioloxía. Función Pública rompe co criterio que viña empregando este último ano: ofertar tantas prazas como aspirantes superaran os procesos selectivos para evitar que salten interinos/as con prazas afectadas polas estabilizacións extraordinarias, e unha vez resolto o asunto da temporalidade e antes de que tomen posesión estes, facer unha toma de posesión definitiva con todas as prazas vacantes para o persoal do 2019.

A CIG cuestiona que Función Pública non informou previamente dos criterios que ía seguir para esta toma de posesión en destino provisional. A resposta tardía basease en que oferta máis prazas ocupadas xa que non chegan as “vacantes puras sen requisitos específicos”. Ademais as prazas ocupadas por persoal laboral indefinido non fixo en praza de funcionarios/a agás que a sentenza o diga, non teñen reserva de praza ata o proceso de estabilización. Coa lei 20/2021 as prazas se identifican para contabilizar e ofertar no proceso extraordinario de estabilización, máis se esta é a razón, por que non ofertan todas e que escollan libremente as persoas que superaron o proceso? Porque unhas si ou outras non? Por que non enviaron os criterios e os listados coa información das prazas antes do prazo para poder comprobar que é certo? Por que tanta opacidade?

Si as vacantes son insuficientes e non saen todas á elección de destino o que está facendo a administración é decidir quen se queda e quen se vai. E non con criterios precisamente obxectivos.

E aquí temos un problema engadido, o persoal denuncia que a excesiva temporalidade dalgúns centros deixa no aire a traballos enteiros de investigación que están comezados con persoal interinos. Como se permitiu unha temporalidade do 90% entre o persoal investigador?

Outro problema para esta toma de posesión son os requisitos específicos nos postos dunha mesma especialidade que limitan a sua cobertura. Vemos que na administración os requisitos aumentan en cada modificación da RPT e, xa o viñamos avisando, non se poden por trabas para a toma de posesión. Como vas ter dous anos de experiencia en investigación se acabas de entrar na administración? É lóxico tantas prazas pechadas co requisito dun doutoramento específico cando non se esixen para acceder á especialidade?. Que sexan mérito pero non requisito. Din que os van quitar…pero non sería lóxico que mudaran primeiro a RPT e logo ofertaran as prazas?

 

Expoñemos a continuación os criterios que nos enviou a DXFP o venres 10 ás 15 horas:


DOG NÚM 227, xoves 28 de novembro de 2019

ORDE do 22 de novembro de 2019 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo facultativo superior, escala de ciencias na especialidade de bioloxía, da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir trinta e unha (31) prazas, do corpo facultativo superior, escala de ciencias na especialidade de bioloxía, da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, correspondentes á oferta de emprego público do exercicio 2018, segundo se detalla:

– Oferta de emprego público do exercicio 2018, aprobada polo Decreto 160/2018, do 13 de decembro (DOG núm. 239, do 17 de decembro): dezaoito (18) prazas de acceso libre das que unha (1) está reservada á quenda de persoas con discapacidade. E trece (13) prazas do proceso de consolidación do persoal indefinido non fixo, das que dúas (2) están reservadas á quenda de persoas con discapacidade (segundo se indica no anexo IV).

Nº Aprobados: 31 Aprobados en prazas de consolidación: 2
Interinos aprobados : 7

Necesitamos al menos 22 prazas mais para a elección de destino

Temos 10 vacantes puras pero 7 delas tiñan requisito indispensable:
370 DOUTORAMENTO EN MATERIA AGRARIA (R.I.).
374 DOUTORAMENTO EN MATERIA FORESTAL (R.I.)
376 DOUTORAMENTO (R.I.).
694 EXPERIENCIA INVESTIGADORA SUPERIOR A DOUS ANOS EN TOXICOLOXÍA OU DOUTOR EN MATERIAS RELACIONADAS CO MEDIO MARIÑO (R.I.)
695 EXPERIENCIA INVESTIGADORA SUPERIOR A DOUS ANOS EN PATOLOXÍA OU DOUTOR EN MATERIAS RELACIONADAS CO MEDIO MARIÑO (R.I.).
697 EXPERIENCIA INVESTIGADORA SUPERIOR A DOUS ANOS EN ACUICULTURA OU DOUTOR EN MATERIAS RELACIONADAS CO MEDIO MARIÑO (R.I.).

1. De RCP sacamos unha listaxe de prazas vacantes, puras ou con interinos/temporais, abertas á escala de bioloxía.
2. A listaxe de prazas resultante remítese ás consellerías afectadas (Mar, Medio Ambiente e Medio Rural) para alegacións e sobre todo, como a maior parte das prazas están abertas á escala de biólogos e a outra escala (químicos, ciencias do mar..) teñen que indicarnos que prazas podemos utilizar para a toma de posesión de biólogos.
3. Recibidas as alegacións das consellerías atopámonos que 21 das prazas tiñan requisito indispensable polo que tivemos que ofertar todas as prazas vacantes para ter polo menos 31 praza sen requisito.
Nº PRAZAS OFERTADAS: 46 das que 14 teñen requisito indispensable

370 DOUTORAMENTO EN MATERIA AGRARIA (R.I.).
374 DOUTORAMENTO EN MATERIA FORESTAL (R.I.).
376 DOUTORAMENTO (R.I.).
717 EXPERIENCIA MÍNIMA DE DOUS ANOS EN PROGRAMAS DE CONTROL E TÉCNICAS DE ANÁLISE DE MICROBIOLOXÍA E PATOLOXÍA DE MOLUSCOS E PEIXES (R.I.).

 

A Consellería de Infraestruturas e mobilidade convocounos a unha xuntanza para o día 16 de marzo, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar.

A documentación que achegan é incompleta, faltando a táboa de equivalencias, un dos documentos que máis axudan a visualizar os cambios.

  • Creación dunha nova xefatura de servizos en servizos centrais. Financian este posto mediante a destrución de dous postos.
  • Crean outros 5 postos de traballo, todos en servizos centrais e todos xefaturas de diferentes niveis. Son financiados coa destrución de 8 postos de traballo (un de Lugo, outro de Pontevedra, e os demáis de servizos centrais).
  • Fan cambios nas áreas funcionais e nas observacións dalgúns postos.

Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (Amtega), convocounos a unha xuntanza para o día 13 de marzo, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Se é do teu interese, aquí tes a súa proposta: descargar.

Nunha ollada rápida, a proposta implica:

  • Crean unha "xerencia de proxectos" no ámbito de Política Social e Educación. Este posto quedará aberto a xeral/especial/informática e tamén docentes.
  • Para financiar a creación anterior, destruen dous postos (analista-programador en Compostela e xefatura de negociado en Pontevedra).
  • Abren unha xefatura de sección para poder ser ocupado por persoal funcionario de corpos xerais.

Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG

O día 28 de febreiro a Mesa do Parlamento de Galiza levou a mesa un documento de borrador de Plan de Igualdade, coa finalidade de que as organizacións sindicais convocadas o validaramos, máis non podemos darlle tal validez a un documento no que dende o primeiro momento non cumpre o requisito de negociación colectiva prevista na Lei Orgánica de Igualdade.

Os Plans de Igualdade nas AAPP constitúen, en si mesmos, un proceso de negociación, do que forman parte as seguintes fases:

1) Publicación do Compromiso Institucional da súa elaboración.
2) Constitución da Comisión Negociadora, que ten que ser Paritaria.
3) Aprobar o regulamento da comisión negociadora.
4) Elaboración da diagnose.
5) Concreción do propio plan co fin de implementar as medidas.

Porén, as organizacións sindicais, confirmamos que non fomos convocadas, procedendo a Administración a constituír unha Comisión de Igualdade sen capacidade real nin efectiva de negociación. É unha cuestión de forma que perverte a elaboración do Plan dende o principio e que ten consecuencia directa no resultado. Non é que o Plan elaborado estea “ben ou mal feito” e que simplemente non se negociou.

A elaboración dun Plan de Igualdade é de obrigado cumprimento para todas as administracións públicas, que non depende do número de traballadores/as, e imos con 7 anos de atraso. Non podemos nin debemos aceptar que o I Plan de Igualdade para o persoal ao servizo do Parlamento non sexa un procedemento negociado de toma de decisións.

O inexplicable proceder da Administración do Parlamento

Ante a falla de Xunta de Persoal, a Administración do Parlamento convocou unha asemblea para elixir a persoal da propia administración e conformar unha comisión sen capacidade negociadora, en vez de convocar as organizacións máis representativas, que son as que na ausencia de Xunta de Persoal teñen a capacidade de negociar. Tampouco se nos informou deses pasos para elaborar o Plan de Igualdade.

Podemos entender que non era mala a intención e que actuaron seguindo o asesoramento privado que contrataron, pero na práctica, o que pasou e que non se deu capacidade de negociación aos traballadores e traballadoras, pervertendo completamente o proceso que agora resulta fallido, tendo que comezar de novo despois de todo un ano de traballo e moitos esforzos perdidos.

Hai que constituír urxentemente a Comisión Negociadora

Mais agora hai que tirar para adiante e aportar solucións, desta forma as organizacións sindicais presentes na Mesa de negociación do Parlamento, CIG, CSIF, CCOO e UGT demandamos que se constitúa URXENTEMENTE a Comisión Negociadora para a realización do I PLAN DE IGUALDADE PARA O PERSOAL AO SERVIZO DO PARLAMENTO en base a normativa e cun procedemento negociado.

No DOG do 10/03/2023 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2023 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal empregado público destinado na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza, e na Administración institucional, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Os cursos realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata o 20 de marzo de 2023.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.

Os criterios de selección que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na páxina web da EGAP e poderán ser consultados na seguinte ligazón https://egap.xunta.gal/ecloud/s/ eBXtEfnF8MGqCJB, sen prexuízo dos criterios específicos establecidos na epígrafe «persoal destinatario» de cada actividade formativa incluída no anexo II desta resolución.

O Goberno estatal elaborou un “Proyecto de Ley básica de bomberos forestales” cheo de boas intencións pero baleira de contido

A proposta que entrou o 28 de febreiro para comezar a tramitación parlamentaria no Congreso dos Deputados/as, aprobaríase nas vindeiras semanas en forma de Lei e é de caracter básico polo que afecta a todo o persoal bombeiro forestal. En breve comezarán os trámites de emendas para os grupos parlamentares.

Ainda que o texto mellora outros borradores anteriores, para a CIG é unha oportunidade perdida se non se solucionan cuestiónsbásicas como a xubilación anticipada ou as enfermidades profesionais. Son precisamente estes dous aspectos fundamentais os que xustificarían unha norma básica. Defendemos que as condicións laborais se melloren mediante a negociación colectiva e non se impoñan por lei. 

Os bombeiros e bombeiras forestais galegas temos moito que dicir desta proposta de norma básica: 

Seguridade e saúde laboral. Danse un ano para facer un regulamento de riscos laborais: porque non o fan agora? Queremos que se recoñezan xa no catálogo de enfermidades profesionais a protección da saúde coa perspectiva dos factores idade e xénero e tomarse en serio os riscos laborais desta profesión.  

Xubilación opaca.  Nin é anticipada cos coeficientes redutores nin é directa. Ademais deberíase sinalar unha idade máxima de xubilación, ou imos estar ata os 67 anos apagando lumes?. 

Retroceso nos dereitos laborais básicos. Poderían establecerse descansos entre xornadas de só 10 horas, co que se rebaixaría o establecido actualmente no Estatuto dos Traballadores/as e no V Convenio. No camiño da funcionarización sen dereitos á que nos aboca a Xunta é unha cuestión perigosa: temos que negociar xa un Acordo marco propio e deixarse de inventos na lei básica. 

Precariedade laboral. A pesar de que a recoñecen, non establecen ningunha medida para paliala. Se queremos un servizo público profesional que traballe en multiemerxencias, ben dotado e formado, deberase traballar todo o ano. 

Servizos públicos ou…privados? Renuncian a un sistema público de extinción de incendios forestais. Na CIG non o facemos, témolo claro: servizos públicos con empregados/as públicos!

Igualdade efectiva sen medidas concretas, imposible. Se queremos avanzar en dereitos e igualdade entre mulleres e homes, temos que ter en conta o ambiente laboral masculinizado, a dificultade para facer efectivos os dereitos de conciliación, o factor de sexo nos riscos laborais (sexa pola sensibilidade aos tóxicos das mulleres ou polo dereito a EPIs nos que se teña en conta as diferencias anatómicas), a protección da maternidade, etc. 

Son asignaturas pendentes que se deixan ao abeiro dun “posible” Plan de Igualdade. Si na Xunta levamos 15 anos sen o I Plan de igualdade, canto poden tardar en facer un para os bombeiros e bombeiras forestais?

Norma realizada ao marxe das organizacións que non decimos “SI Buana”. A CIG, pese a ter a consideración de organización sindical “máis representativa", non fomos chamados para negociar. Non se convocou mesa de negociación algunha, furtáronnos poder reclamar o que é de dereito para todos os bombeiros e bombeiras forestais. 

Pactaron con outros ao marxe do marco legal e así de pobre quedou o Anteproxecto. Unha mágoa porque dende a Galiza temos moito que dicir xa que, por desgraza, temos experiencia sobrada nos lumes.

Se queres coñecer o texto e enviarnos as túas consideracións, faino aquí. Nós trasladarémosllas aos grupos políticos do Congreso dos Deputados/as  e loitaremos para que as defendan no trámite parlamentario.

 

Temos na Administración Autonómica 320 persoas que aprobaron o proceso selectivo do corpo auxiliar administrativo (subgrupo C2), pero que a diferenza doutros procesos anteriores, non foron nomeados/as persoal funcionario de carreira, senón en prácticas, obrigados/as a realizar un curso formativo durante un mes, porque así o contempla a convocatoria.

Estas persoas están no posto de traballo que lles foi adxudicado en destino provisional, e no que continuarán ata que dentro duns anos se resolva o seguinte concurso de traslados e posteriormente escollan o que será o seu destino definitivo.

Na actualidade desenvolven as funcións do posto de traballo que lle son asignadas no seu actual destino, compatibilizándoas coa formación obrigada pola convocatoria do seu proceso selectivo.

A realidade é que están a prestar servizos no posto adxudicado nun acto de elección de destino. Pero as retribucións que van cobrar son as básicas (soldo base e trienios), excluídas por tanto as retribucións complementarias (complementos de destino e específico), e includo en moitos casos se lles nega o dereito a cobrar os trienios.

Por tanto, van cobrar menos da metade do que no pasado cobraban as persoas que ingresaban no mesmo corpo.

Así o establece o decreto de provisión de postos e a LEPG para o persoal funcionario en prácticas. Pero a mesma norma prevé que se estas persoas desempeñan un posto de traballo, entón cobrarían a totalidade das retribucións. E este sería o caso.

O que se formula agora é como actuar no caso de que só lles paguen as retribucións básicas.

O Regulamento publicado o 9/2/23 non contén disposición ningunha que impoña a retribución (soldo base + antigüidade) ao persoal funcionario en prácticas por desenvolveren as funcións propias dun posto de traballo. O único que determina ese regulamento é, literalmente, isto:

"2º. As persoas que ocupan postos como persoal funcionario de carreira na Xunta de Galiza poderán acollerse ao disposto no artigo 129 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza (licenzas para a realización de estudos sobre materias directamente relacionadas coa Administración pública) e deberán prestar servizos efectivos na praza adxudicada como consecuencia da elección de destino; neste caso, poderán optar entre percibir as retribucións que correspondan pola condición de persoal funcionario de carreira ou as retribucións previstas para o persoal funcionario en prácticas. Esta petición deberán cursala na súa propia consellería"

Semella lóxico (formalmente) que o Regulamento non dispoña nada contra da Lei (sería impugnábel se contiver disposicións contrarias á mesma). En consecuencia, non parece que a vía sexa impugnar o regulamento. Aínda así, se alguén quere presentar un recurso de reposición ao regulamento, ten de prazo ata o día 10 de marzo.

Se o que fixer a Administración, unha vez que o persoal funcionario tome posesión do posto de traballo, fora pagarlles só o salario base + antigüidade, como se non estiveren a desenvolver as tarefas propias do posto (malia estaren a desenvolvelas), o xeito de actuar vai depender do que faga a propia Administración. Segundo o caso, podería ser necesario impugnar a primeira nómina recibida ou podería proceder outro tipo de impugnación subsidiaria, por precaución, seguindo doutrina existente do Tribunal Supremo. 

En definitiva, que o impugnable non sería a norma, senón a nómina ou, subsidiariamente, a actuación material da Administración pola vía do feito. Para isto os/as interesadas terían un prazo de 4 anos para reclamar unha cantidade devindicada e non percibida.

No caso do persoal que xa prestara servizos nunha administración e teña recoñecidos os servizos prestados ou incluso xa tivera devindicado trienios como persoal interino e agora vexa como lle negan o pago dos trienios, a vía é a mesma. Neste caso a actuación da Administración é aínda peor porque a literalidade da LEPG é que se deben pagar os trienios incluso aínda que non se estivese desempeñando un posto.

Sobre a cuestión do tempo que estes/as compañeiros/as van estar en prácticas e si se lles vai ofertar destino provisional como persoas funcionarias de carreira, como non hai nada disposto, dende Función Pública nos din que unha vez que rematen este mes de prácticas os nomearán de inmediato como persoas funcionarias de carreira. Estaremos vixiantes de que así o fagan.

E independentemente da actuación individual que cada quen queira levar, a CIG seguirá insistindo nas mesas de negociación no deber da Administración de pagar as retribucións completas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou no DOG do 06/03/2023, a Resolución pola que convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) no ano 2023.

A convocatoria vai destinada ás persoas maiores de 16 anos, e as probas serán realizadas nos meses de maio/xuño de 2023, nas localidades de Santiago de Compostela e Ponferrada. 

As solicitudes preséntanse pola sede electrónica da Xunta, no prazo de 15 días hábiles a contar dendeo o seguinte á publicación desta Resolución en DOG.

Outras novas recentes

Luns, 29 Abril 2024

A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Primeiro de Maio en Galiza

Traballo digno, pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo Precarización das condicións laborais e de vida A situación ds altos prezos da cesta da compra e a baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións, o aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e o medre da poboación en risco de pobreza e de...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...