Novas por contido

A Xunta anuncia aos catro ventos as datas dos exames de procesos selectivos de acceso libre convocados no ano 2022. Sería todo un exemplo de xestión eficaz se non fora porque as datas previstas (verán do 2023) xa incumpren a previsión das propias convocatorias.

Pero esquece dicir que ademais dos corpos e escalas convocados mediante acceso libre, hai case 1.000 prazas da promoción interna sen convocar.

Imos dar aquí conta das prazas que teñen que convocar desta promoción interna de corpos xerais, e máis adiante falaremos tamén do resto de corpos e escalas.

Para situarnos, as últimas convocatorias de promoción interna foron as derivadas das ofertas de emprego público (OEP) do 2018 e 2019, e dende iso temos tres ofertas de emprego sen convocar: as dos anos 2020, 2021 e 2022, onde ademais se fai constar de que poden acumularse nunha única convocatoria.

As prazas de promoción interna pendentes de convocar serían as seguintes:

 

 PROMOCIÓN INTERNA OEP 2020, 2021, 2022 
Corpo  Prazas 
 Corpo superior (subgrupo A1)  50
 Corpo de xestión (subgrupo A2)  275
 Corpo administrativo (subgrupo C1)  422
 Corpo auxiliar (subgrupo C2)  195
Total 942

 

Os datos desagregados segundo a OEP de procedencia serían:

CORPOS OEP 2020 OEP 2021 OEP 2022
   Quenda xeral   Discapacidade   Quenda xeral   Discapacidade   Quenda xeral   Discapacidade 
 Corpo superior (subgrupo A1)  18 2 9 1 17 3
 Corpo de xestión (subgrupo A2)  93 7 78 7 78 12
 Corpo administrativo (subgrupo C1)  140 10 82 8 158 24
 Corpo auxiliar (subgrupo C2)  46 4 73 7 56 9

 

A cuestión é PARA QUE GARDAN case 1.000 PRAZAS NO ROCHO DA FUNCIÓN PÚBLICA?

Non pode ser que as persoas aspirantes de acceso libre da OEP de 2022 fagan os exames e tomen posesión antes das de promoción interna dunha OEP anterior (do ano 2020), e non pode ser que os procesos de temporalidade da Lei 20/2021, ofertados no ano 2022 e que xa están en fase de inscrición na convocatoria, se resolvan antes que a promoción interna da OEP do 2020.

Función Pública debe convocar XA a promoción interna de corpos xerais.

Isto sen prexuízo da idea que levamos tempo propoñendo de que si se pode acceder á administración pública mediante concurso de méritos, tamén se poida promocionar polo mesmo sistema.

Primeiro que si, despois que non, logo que non sei.. e finalmente, xa con moita xente inscrita nos procesos selectivos, o director xeral de Función Pública confirmou na Mesa Sectorial de negociación de Funcionarios que tivemos o venres 3 de febreiro, que os días de vacacións retribuídas e non desfrutalas que constan na vida laboral si computan para o tempo de experiencia.

Así que se ti es unha das moitas persoas que xa presentaron a súa solicitude de inscrición e xa pagaches as taxas, e se tes días de vacacións retribuídas e non desfrutalas sen meter na solicitude, vas ter que revisar os días de experiencia que declaraches na túa solicitude por se ao sumar eses días de vacacións tiveras máis meses dos que indicaches. E no seu caso, presentar unha nova solicitude (e a devolución das taxas xa pagadas).

Esto afecta ás persoas que presentaron solicitude para o proceso de concurso de méritos, xa que nel tiveron que introducir o número de meses de experiencia. Non afecta a quen vaia polo concurso-oposición, pois neste proceso non se mecanizan nin documentan os méritos por agora.

Estas son as consecuencias do desastre de procesos cheos de incertezas que pactaron Xunta, CCOO e UGT.

Nota final: ten coidado de non computar dúas veces os días de vacacións retribuídas e non desfrutadas se estes días solapan con novos contratos. E vixía tamén que eses días se correspondan con períodos computables á categoría/escala á que te presentas.

A Xunta vai convocar tres novas convocatorias de procesos selectivos de estabilización mediante concurso-oposición, derivados da Lei 20/2021: Química (A1), Bombeiro/a forestal (C2) e Mantemento (agrupación profesional). Outra reviravolta máis, e xa van unhas cantas. E outra vez co voto a favor de CCOO e UGT.

Estas convocatorias disporán dun prazo de 20 días hábiles para realizar a solicitude a partir da súa publicación en DOG (non sabemos cando vai ser). As bases serán similares ás xa publicadas o día 27/12/2022, e modificadas o 23/01/2023.

As principais cuestións comentadas por Función Pública respecto a estes procesos son:

  • Subgrupo A1, escala de Ciencias, especialidade en Química: engaden unha praza máis nesta convocatoria; segue habendo un segundo exame de desenvolvemento de temas; mesmo temario que para o proceso de estabilización desta especialidade do ano 2021.

  • Escala de persoal de mantemento, subgrupo AP: convocan 16 prazas por concurso e 2 por concurso oposición.

  • Escala de auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, subgrupo C2 especialidade de Bombeiro/a forestal: o temario é o mesmo có do ano 2019; a convocatoria é de 56 prazas.

A maiores, e en pleno trámite de inscrición nos procesos selectivos xa convocados, fan un baile de prazas que demostra o ben atadas que teñen as cousas:

  • Provoca que desaparezan todas as prazas de concurso de méritos para persoal funcionario das especialidades de emisorista/vixiante (20 prazas) e bombeiro forestal condutor de motobomba (24 prazas de concurso máis 2 de concurso oposición).

  • Eliminan 51 prazas do concurso de méritos de bombeiro/a forestal do C2. Engaden 56 para concurso-oposición.

  • Engaden 84 prazas para a categoría de bombeiro/a forestal condutor de motobomba coma laborais do grupo IV categoría 033 (de 6 meses ao ano).

  • Engaden unha praza por concurso de xefe/a de brigada (pasan de 16 a 17)

  • Iso sí, manteñen tamén todas as prazas convocadas do persoal das brigadas de 6 meses creadas no ano 2019.

Ante estas cuestións e despois de facer constar unha vez máis que non se nos facilita a documentación en tempo e forma, manifestamos o seguinte:

  1. Este proceder de Función Pública á hora de enviar a documentación é reprobable.

  2. Seguimos insistindo en que os temarios tería que publicalos a EGAP, ou no seu defecto facer constar a bibliografía.

  3. O temario da escala de persoal de mantemento é impreciso e inconcreto.

  4. Os exames de desenvolvemento de temas son subxectivos. A CIG defende os exames tipo test.

  5. E no tema das convocatorias do servizo de incendios teimamos en que teñen que retirar as prazas das brigadas de 6 meses porque foron creadas no ano 2019. E non compartimos a retirada das prazas do concurso. Ante este baile de números pedimos unha explicación do por que de todo este caos pero nos quedamos coas ganas.

  6. Queremos os listados das persoas das 3 oportunidades e cando van publicar tal e coma quedaron o listados das prazas afectadas pola consolidación e estabilización anteriores?

  7. En que categoría se inscriben as prazas do grupo III categoría 11 (encargado/a agrario/a) e 68 (oficial 1ª agrario/a e capataz agrario/a) para concurso de méritos? Non aparecen convocadas por ningures.

  8. Mantemos que Función Pública debe clarificar dúbidas e corrixir numerosos erros das convocatorias e do aplicativo informático, tal e como lle solicitamos a semana pasada.

A Lei 21/2021, de 28 de decembro, de garantía do poder adquisitivo das pensións e doutras medidas de reforzo da sostibilidade financeira e social do sistema público de pensións, establece na súa disposición final cuarta o seguinte:

Co obxecto de preservar o equilibrio entre xeracións e fornecer a sostibilidade do sistema da Seguridade Social a longo prazo, se establece un mecanismo de equidade interxeracional do seguinte xeito:

A partires do 2023, e durante 10 anos, fixarase unha cotización adicional finalista que destinada ao fondo de reserva da Seguridade Social nunha porcentaxe do 0,6% coa seguinte distribución:

a) unha porcentaxe do 0,5% será a cargo da empresa.

b) unha porcentaxe do 0,1% a será a cargo da persoa traballadora.

Esta disposición normativa foi recollida na Lei 31/2022, de 23 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2023.

Polo tanto, a partires do 1º de xaneiro do 2023 e ata o ano 2032, as nosas nóminas incluirán un novo concepto "mecanismo de equidade" que suporá unha cotización adicional do 0,1% sobre a base de cotización por continxencias comúns.

No DOG do 01/02/2023 publican a RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá publicidade á campaña de vixilancia periódica da saúde para o ano 2023 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galiza.

É aplicable a todos/as os/as traballadores/as da Administración xeral da Xunta de Galicia, agás o persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación, formación Profesional e Universidades, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento, que está dispoñible no Portax (Portal do empregado público da Xunta de Galiza) ou do Opax (Oficina virtual do persoal da Administración de xustiza).

O prazo de inscrición rematará transcorrido 4 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás para o persoal de nova incorporación, persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

Modifican a RPT sen aplicar a sentencia 214/2020 gañada pola CIG

Na reunión celebrada o 25/01/2023 sobre a RPT da Consellería de Economía, Industria e Innovación, constatamos a nula intención da conselleira en abordar as consecuencias da sentencia 214/2020 gañada pola CIG que anulaba a modificación da RPT do ano 2018.

Na CIG propuxemos que hai que volver a negociar as eivas da RPT anulada (prazas amortizadas, outras desaparecidas sen xustificación, algunhas duplicadas, traslados de localidades sen xustificar, incoherencia entre os presupostos e RPT, etc.), iniciando así un proceso de revisión da RPT dende a nulidade da mesma, e non entrando ao xogo da consellería de dar por válida unha RPT anulada.

A Consellería, o mesmo que a Dirección Xeral de Función Pública, mantén no seu informe sobre a execución da sentenza que a “Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vaian adaptando as súas relacións de postos de traballo aos seus respectivos decretos de estrutura en vigor, executarase a sentenza nos seus propios termos”, polo que a consideran xa negociada, e seguirán adiante coa modificación actual.

Os escasos cambios que aceptou a Consellería respecto da súa proposta inicial foron: intentar evitar algunha amortización de postos e manter as xefaturas de sección de minas tal e como estaban (como A1-A2 escalas EME5/ESE4). Non modificarán as aperturas a outras administracións (a A12 e A11), non crearán en RPT as prazas do LOMG con sentenzas de indefinición ó estar afectadas pola Lei 20/2021 (crearanas, din, cando remate este proceso, o cal é incoherente coa propia memoria funcional onde si crean 3 prazas para outras tantas sentenzas de indefinición). E se isto no fose pouco, infórmannos sen remitir documentación algunha da apertura dun posto C1 a outras administracións (A11).

Enviaran os cambios na RPT a Facenda e aos sindicatos mais adiante, e continuarán o proceso de tramitación na Mesa Xeral e na Comisión de Persoal, sen facer ningunha reunión mais.

Todo isto é unha farsa de negociación, un incumprimento da sentenza e unha mofa ao persoal, xa que na RPT anulada do 2018 foran amortizadas 90 prazas e a Secretaría Xeral Técnica non quere entrar a valorar a súa execución ao considerar o tema finalizado.

Na CIG seguiremos loitando por mellorar o emprego e a as condicións dos traballadores desta consellería.

Recibimos proposta de modificación da RPT da Axencia Galega de Turismo (ATURGA) e da Presidencia da Xunta. Temos de prazo ata o mércores 1 de febreiro para presentar alegacións escritas. Posteriormente seremos convocados a unha xuntanza para discutir a proposta.

Se tes algo que dicir sobre estas RPTs, podes contactar coa CIG.

Seguen os problemas co aplicativo e as dúbidas das persoas interesadas nos procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021. A modificación das bases, publicadas en medio do prazo de inscrición (no DOG do 23 de xaneiro de 2023), aumentaron as incertezas.

A modificación das bases foi unha actuación opaca de Xunta con CCOO e UGT da man, feita fóra das mesas de negociación (dúas semanas despois aínda non se nos entregou o documento que contén a proposta votada a favor por estes sindicatos, e ao que CIG e CSIF negámonos a votar).

A falta de criterios nidios, recollidos nun acordo publicado, vai producir inseguridade xurídica nestas convocatorias que son das máis complicadas dos últimos anos, tanto polo volume de prazas como pola excepcionalidade do concurso de méritos que mandata a Lei 20/2021.

Co fin de ordenar o proceso, dotalo de maior seguridade e transparencia ao mesmo, consideramos que Función Pública debe ampliar a través do seu web a información sobre as cuestións que expoñemos dun xeito claro e conciso. Polo que, é o noso deber insistir nas cuestións que seguimos a recibir sobre eivas do funcionamento do proceso e solicitamos que sexan contestadas coa máxima brevidade posible para dar resposta as persoas traballadoras e aspirantes afectadas:

Problemas na aplicación (sistema Fides)

  • Problemas co CELGA requirido para grupos IV-C2: non deixa Celga 3, esixe meter o 4.
  • Non lles deixa completar a solicitude ás persoas que están inactivas nestes intres.
  • Non introduce de oficio a formación do expediente electrónico (formación EGAP e outra).
  • Non permite meter as probas superadas nas escalas de persoal xerocultor e PSX (e tampouco traslada os puntos a formación).
  • Segue a aparecer o pago de taxas previo ao cálculo de puntos para ver se chegas ao mínimo.
  • Se fas unha nova solicitude na mesma categoría/escala obriga a pagar taxas de novo.

Erros ou cuestións dos procesos de estabilización

  • Vacacións retribuídas e non desfrutadas que veñen recollidas na vida laboral: entendemos que deben contar para cómputo de tempo no concurso de méritos e concurso-oposición. Mais esta cuestión, que xa presentamos en varias ocasións, non ven recollida nin nas preguntas xerais nin nas aclaracións publicadas no DOG.
  • Seguen sen solucionarse ou aclararse as cuestións da titulación requirida para lingüistas, linguaxe de signos e outras.
  • Solicitamos os informes de idoneidade emitidos pola consellería de educación, e que sexan publicados para que as persoas aspirantes saiban se cumpren os requisitos.
  • Na escala de expertos/as lingüistas, creada na LEPG empregando a Lei de medidas que acompaña a lei de orzamentos do 2020, non houbo ningún proceso selectivo ata a data. Entendemos que a puntuación de exercicios non pode ser valorada e se debe incrementar na formación (7,5).
  • Por outra parte a cuestión que está de fondo é que a equivalencia de laborais a funcionarios/as persiste a pesar de que nestes caso existen convocadas prazas de laborais neste proceso (titulado/a superior lingüista) que son independentes, polo que de persistir na equivalencia esta debera ser recíproca.
  • Reiteramos a nosa petición de que naquelas escalas nas que hai un conflito de titulación, porque a que hoxe se solicita é diferente a que se lle esixiu con anterioridade ao persoal para ocupar esa praza, se alongue o proceso a prazos máximos para permitir que as persoas traballadoras saquen o título requirido.
  • Non se sabe aínda se van valorar os exames superados dos procesos selectivos do Consorcio. E isto causa un problema: se non se valoran deberían incrementar a puntuación da formación en 7,5 puntos. Isto en xeral, pero en particular, no caso de xerocultores/as e PSX resulta que xa non dá opción a meter exames aprobados pero tampouco incrementa a puntuación.
  • A nova redacción do punto III.1.1, apartados a) e b), fai que non se puntúe nada polo tempo traballado no Sergas (estatutarios/as interinos/as ou eventuais). Este cambio radical fai que as solicitudes xa solicitadas poidan estar erradas: se esta era a intención da Administración teñen que comunicalo a todas as persoas que xa fixeron a solicitude con anterioridade.
  • Existe un número importante de persoas que a pesar de terse presentado e aprobado procesos na Administración Autonómica, non aparece ningún resultado cando realiza a consulta no web de Función Pública.
  • As prazas fixas-descontinuas das residencias de tempo libre non están identificadas, e tampouco se indica que a puntuación mínima vaia ser 0,10 como no caso das prazas fixas-descontinuas do SPIF. E polo tanto se as persoas que xeran praza non chegan ao mínimo para poder inscribirse, que dereitos van ter no caso do cese?
  • A listaxe de prazas do web de Función Pública debe estar asinada ou validada para que poda ser empregada polas persoas que teñan interese en reclamar (xa foron publicadas varias versións diferentes).
  • Traballadoras subrogadas dos concellos nos que teñen unha sentenza onde se recolle o seguinte: "declaro o dereito á demandante a ser considerada persoal laboral indefinido deste último, con categoría profesional de educadora infantil, e con antigüidade dende o 2 de xaneiro de 2008 (a data de subrogación é o 01/06/2008) e condeno ao demandado a estar e pasar por esta declaración". O recoñecerse isto nunha sentenza poderían computar o tempo traballado durante eses seis meses?
  • Persoal das 3 oportunidades da antiga Lei de Función Pública (enx. tec. agrícolas, axentes forestais e vixiantes pesqueiros…): seguen a figurar como persoal funcionario interino e cobrando como tales. Necesitan unha resolución individual onde diga que son persoal laboral fixo, porque se non terán que matricularse.
  • Inclúen un novo requisito de agudeza visual ao persoal emisorista do grupo V, que non foi negociado na Mesa Xeral de Empregados Públicos nin votado na Comisión de Persoal.
  • Puntúa o tempo traballado en administracións doutros estados da UE?
  • No caso dunha persoa interina anterior ao ano 2016 que cumpre as condicións previstas na DA8 da Lei 20/2021, mais a praza que ocupa non sae no proceso, se é cesada, ten dereito a compensación económica prevista na lei? A onde se presenta se na escala na que está a traballar non saen prazas?
  • Hai que presentarse ao concurso-oposición destes procesos de estabilización (a pesar de que apenas saen prazas) para que os exercicios superados puntúen nas listas de contratación?

Sobre as prazas convocadas

  • Seguimos sin saber si se van incrementar as prazas en base ás alegacións presentadas.
  • Tampouco temos a listaxe de prazas de estabilizacións anteriores que se dixo que se ía publicar. Se non a temos non podemos comprobar.
  • Retiráronse da convocatoria as prazas de varias escalas, posto que se dixo que as persoas que as ocupaban e que xeraban ditas prazas xa tiñan estabilidade de seu. Solicitamos xustificación ao respecto. Entendemos que moitas delas non cumpren con ese requisito polo que solicitamos que se recuperen as prazas.
  • Fixaron o criterio de quitar as prazas de escalas a extinguir. Entón, porque permanecen as de axentes ambientais do C1 que tamén é unha escala a extinguir? En todo caso vaise producir unha concentración de persoas aspirantes para esas dúas prazas.

Función Pública actualizou no web o seu FAQ (preguntas frecuentes) sobre os procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021. Descargar

Por outra banda, lembramos que o día 23/01/2023 publicaron no DOG a modificación das convocatorias e dos temarios.

  • Resolución pola que se modifica a convocatoria dos procesos selectivos extraordinarios de estabilización mediante o sistema de concurso. Descargar.

  • Resolución pola que se modifica a convocatoria dos procesos selectivos extraordinarios de estabilización mediante o sistema de concurso-oposición. Descargar.

  • Resolución pola que se modifican os temarios que rexerán os procesos selectivos para o ingreso no corpo de xestión e corpo facultativo de grao medio do subgrupo A2 dos procesos de estabilización. Descargar.

  • Resolución pola que se modifican os temarios que rexerán os procesos selectivos para o ingreso no grupo C1, B e III. Descargar.

Por mor das modificacións das convocatorias ampliaron o prazo de inscripción, que pasou a ser ata o día 17 de febreiro.

Lembra: os temarios foron publicados no DOG do 22/12/2023, As convocatorias de concurso-oposición no DOG do 27/12/2021. E as convocatorias de concurso no DOG do 26/12/2021.

Se necesitas axuda coa solicitude, contacta coa CIG.

A CIG gañou o conflito colectivo ante o TSXG, que declara nula a cláusula contractual na que se suspendía o contrato ao persoal substituto nos períodos de vacacións no que pechan as escolas infantís

Nas escolas infantís da rede pública de cero a tres anos, a Administración galega castigaba ao persoal substituto ao non cotizar, non cobrar e non ter acceso á prestación por desemprego durante o período de vacacións, na que lles suspendían o contrato aínda que as persoas traballaran todo o ano.

A xeneralización desta cláusula inxusta nos contratos de traballo por parte da Consellería de Política Social xeraba graves prexuízos para o persoal afectado.

Esta cláusula establecía o seguinte:

“As vacacións anuais serán de (__) proporcionais ao tempo traballado segundo o convenio.

En calquera caso, e en aplicación do estabelecido no artigo 45.1 b) do Estatuto dos Traballadores e das Traballadoras, durante o período de pechamento da Escola Infantil o presente contrato ficará suspendido, fincando exoneradas as partes contratantes das súas obrigas recíprocas de traballar e remunerar o traballo durante tal período. “

Agora, o TSXG ditamina que a dita cláusula é nula e condena ao Consorcio:

“Estimando no esencial a demanda de Conflito Colectivo interposta pola Confederación Intersindical Galega contra o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar [..]

1º) A incorporación dunha cláusula, idéntica predisposta e adherente, en todos os contratos de interinidade por substitución de traballador/a con dereito a reserva de posto, pola que o empregado adquire o dereito, e o/a empregado/a substituto/a contrae a obriga de suspender a relación laboral durante os períodos de vacacións e festas escolares das Escolas Infantís, no se axusta a dereito [..]

3º) -A cláusula incorporada en todos os contratos de interinidade por substitución do traballador/a con dereito a reserva de posto, pola que o empregador/a adquire o dereito a suspender as relacións laborais das persoas traballadoras substitutas durante os períodos de vacacións e festas escolares das Escolas Infantís nas que prestan servizos, é nula por opoñerse a normas de dereito necesario.

4º) Aas persoas traballadoras afectadas pola aplicación desa cláusula teñen dereito a manter activas as súas relacións laborais durante os períodos de peche por vacacions e festas escolares das Escolas Infantís, sempre que ese réxime sexa o que se le aplicaría á persoa traballadora substituída. Condenamos á parte demandada a estar e pasar polo declarado.”

Ponte en contacto coa CIG e reclama os teus dereitos!!

Outras novas recentes

Luns, 29 Abril 2024

A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Primeiro de Maio en Galiza

Traballo digno, pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo Precarización das condicións laborais e de vida A situación ds altos prezos da cesta da compra e a baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións, o aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e o medre da poboación en risco de pobreza e de...
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...