Novas por contido

Están CCOO, CSIF e UGT a renegociar a carreira profesional con Función Pública?

Pois parece ser que por fin son conscientes de que a carreira profesional que pactaron coa Xunta ten eivas importantes, polo que xa se atreven a propoñer “interpretacións” na “comisión de seguimento” dos acordos que asinaron.

Pero se o que queren é ser un pouco máis ambiciosos e corrixir os problemas en serio, non queda outra que alterar algunha das indicacións dos acordos, pois “interpretar” cousas que vaian en contra dos acordos publicados é meter inseguridade xurídica por medio.

Na negociación dos acordos de carreira profesional (carreira administrativa para o persoal funcionario, e complemento do desempeño para o persoal laboral), tamén participou moi activamente a CIG, pero finalmente a Xunta marcou o límite, que foi aceptado por CCOO e UGT (e CSIF para o persoal funcionario). Aplaudiron coas orellas, e agora veñen os problemas.

Pero limitarse a "interpretar" o que está escrito non é suficiente se o que necesitamos é modificar algunha cousa dos acordos. É dicir, hai que facer cambios no sistema de carreira profesional, renegocialo, e así fixemos as nosas propostas para mellorala:

  • Ir a un sistema aberto permanentemente, sen prazos de solicitude. É dicir, que adquirir un grao da carreira sexa como cos trienios: comezas a cobralo en canto cumpres os requisitos, sen agardar a que publiquen unha convocatoria para solicitalo. Así as persoas que cumpren os requisitos non teñen que agardar a que alguén decida publicar ou non unha orde de convocatoria. Cun sistema aberto permanentemente e mantendo os prazos deixaría de existir un sistema ordinario e outro extraordinario e quedaría implantada un único modelo. E á vez poderíase abrir á porta ao cobro dos graos III e IV para aqueles compañeiros e compañeiras que xa levan moitas décadas traballando na Administración.

  • Abrir un prazo de repesca do sistema extraordinario de 2022 polo reducido prazo de solicitude. Foron demasiados casos de compañeiros/as que non o solicitaron en prazo, especialmente persoas que traballan en centros illados e non se decataron, ou quen por motivos de estacionalidade (como o persoal de incendios), estaba de vacacións xusto no medio do prazo de solicitude. Aínda que hai que modificar o acordo para suprimir os prazos de solicitude e deixala permanentemente aberta, para aquelas persoas ás que xa lle pasou desta vez, permitirlles que soliciten a carreira, con carácter retroactivo, e habilitar tamén para que as persoas que estaban en IT podan percibir a carreira xa que teñen dereito.

  • Persoal funcionario de carreira ao que se lle recoñeceu o grao I porque se lle valorou o tempo traballado noutras administracións, e que agora queda fora do grao II porque co novo sistema ese tempo non se lle conta. A CIG advertiuno na negociación pero non lle importou á Xunta, CCOO, UGT, e nisto tamén a CSIF (que si asinaron o acordo do persoal funcionario).

  • Restaurar o dereito á carreira a aqueles compañeiros e compañeiras que xa a estaban a cobrar e lla suspenderon (persoal laboral fixo que non aceptou a chantaxe da funcionarización ou simplemente suspendeu, recoñeceuselles o grao I, pero finalmente non puido ou non quixo funcionarizarse).

  • Suprimir a esixencia da funcionarización. Todos os sindicatos temos claro que o sistema de carreira é un novo concepto retributivo que se adquire mediante o cumprimento dun mínimo de anos de servizos e outros condicionantes, como a formación. Pero .. como é posible que dous sindicatos, CCOO e UGT, tragaran coa chantaxe da Xunta, de que o persoal laboral fixo só entre na carreira se acepta pasar obrigatoriamente a persoal funcionario?

    O persoal funcionario de carreira xa tiña o dereito no sistema anterior. Tamén o tiña o persoal laboral fixo que aceptara a funcionarización. O persoal funcionario interino e persoal laboral temporal tamén entrou, porque non lles quedou outra despois de que a CIG o gañara nos tribunais de Xustiza. Pero segue a quedar fora o persoal laboral fixo que non acepte a funcionarización. Estes son os únicos que continúan fora, porque así o quixeron a Xunta, CCOO e UGT.

Por suposto, que non renunciamos a que se recoñeza a carreira a quen xa no 2019 debería ter dereito, e con efectos retroactivos. Tamén esiximos que se resolvan as solicitudes dos centos de persoas que cumprindo os requisitos non cobran aínda hoxe a nova carreira profesional.

O mércores 22 de febreiro participamos na Comisión de Persoal cos seguintes puntos da Orde do día: 1) RPT de Vicepresidencia 1ª e Consellería de Economía, Industria e Innovación; 2) RPT de Sanidade. En rogos e preguntas falamos do estado de varios procesos selectivos, da promoción interna, do salario dos funcionarios e funcionarias en prácticas, do carné de conducir das categorías de condución, integración do Consorcio, funcionarización e Lei de igualdade

RPT DE VICEPRESIDENCIA 1ª E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

Sen cambios respecto da proposta que trouxeron á Mesa Xeral, a CIG entende que non se está a executar a sentenza que gañamos e anula a RPT. CIG vota en contra. CCOO e UGT abstéñense. CSIF en contra.

RPT DE SANIDADE

Trátase da funcionarización dun posto vacante de persoal laboral para dar a posibilidade de adxudicación de destino a unha persoa de novo ingreso na especialidade de médico. CIG, CCOO e UGT votamos a favor. CSIF abstense.

ROGOS E PREGUNTAS

A CIG fai preguntas sobre os seguintes asuntos:

  • Auxiliares administrativos-C2 en prácticas: Na Resolución onde ser regula o período de prácticas establece que estas persoas teñen un horario “..entre as 7,45 e as 15,15 horas, NO DESTINO resultante…”. Co cal se lles tería que aplicar o disposto no artigo 141.1 da LEPG: “Se o curso selectivo ou o período de prácticas se realizar desempeñando un posto de traballo, percibiranse ademais as retribucións complementarias correspondentes a este.”. Que paguen os complementos de destino e específico dunha vez!! Ademais: hai xente que tiña a flexibilidade nun posto de persoal interino e agora tena denegada. O director xeral de Función Pública (DXFP) limitouse a respostar que cobran o que establece a normativa para o persoal en prácticas.

  • Promoción interna corpos xerais: queremos comezar a negociar xa. O DXFP sinala que hai que pechar outros asuntos.

  • RPT de Sanidade, paralizada en decembro do 2022. Insistimos en querer explicacións, xa que estaría a paralizar o concurso de persoal veterinario e obrigar a que en nada haxa dúas promocións en destino provisional. O DXFP volve a dicir que están a traballar nela, con xuntanzas con sanidade.

  • Elección de destino persoal subalterno: levan dende novembro esperando polo acto de elección de destino. Son os únicos que faltan de corpos xerais. Para cando o acto de elección de destino? Di o DXFP que tentarán sacar as prazas para a toma de posesión entre a semana que ven e a seguinte.

  • Elección de destino OEP social: pedimos datas. Resposta do DXFP: terapia ocupacional pendente de enviar a DOG, sairá a semana que ven; auxiliar enfermaría pendentes de que o tribunal saque o baremo definitivo; educadores “está en mans do tribunal”, pendente de rematar; traballo social “pendente de rematar”; enfermería están agora coa documentación; fisioterapia xa está enviado a DOG. Nas vindeiras semanas irán saíndo un ou dous.

  • Prazas de condutores/as do grupo III e IV: Preguntamos por que eliminan o requisito do carné de conducir E para as prazas de condutores do grupo III categoría 063. Nas listas de contratación esixen carné C+E (ata o de agora era así) e agora mudan de criterio e piden o mesmo carnet para as prazas de condutor dos grupos III e IV. Van ter problemas para levar a cabo algunha das tarefas da categoría, por exemplo para conducir bañeiras e semiremolques na AXEGA. O DXFP comprométese a ver se hai algún erro.

Máis información do DXFP

  • Orde de integración do Consorcio, está para publicarse.
  • RPTs de MR e de grupo V: esperan negocialas no mes de marzo.
  • Funcionarización do persoal laboral que remataron os procesos selectivos que remataron agora: xa están na OEP e preparando as negociacións da funcionarización.
  • Lei igualdade: aclarase que está convocada para este venres pola consellería unha negociación sectorial previa respecto a parte que afecte ao persoal empregado público. Posteriormente virá a MX e CP.

Xa nesta nova dimos conta do escándalo que supón ter en espera por non se sabe qué a 205 persoas dun proceso convocado no 2019.

Pois ben (ou mellor dito MAL), parece que o director xeral de Función Pública está disposto a batir outro récord persoal coa Escala de persoal funcionario subalterno: esta vez se trata de sacar un listado de admitidos dun proceso selectivo sen resolver o anterior e onde moitas das persoas que aprobaron o anterior tiveron que matricularse neste novo proceso do mes de xuño.

E o que urxe de todo isto é que convoquen dunha vez o acto de elección de destino, porque é o único proceso dos corpos xerais que queda sen resolver.

O que está a acontecer coas persoas que veñen de tomar posesión tras o proceso selectivo convocado no 2019 para o corpo auxiliar é esperpéntico.

Nas bases se contempla un período de prácticas. A cuestión é que na propia Resolución onde ser regula o período de prácticas se establece que estas persoas teñen un horario “..entre as 7,45 e as 15,15 horas, NO DESTINO resultante…”.

Co cal se lles tería que aplicar o disposto no artigo 141.1 da LEPG segundo o cal “Se o curso selectivo ou o período de prácticas se realizar desempeñando un posto de traballo, percibiranse ademais as retribucións complementarias correspondentes a este.”. Terían, polo tanto, dereito a cobrar non só o soldo base e trienios (no caso de habelos) senón tamén o complemento de destino e o específico. Pero o que lles aplican é o que establece a propia lei cando non se prestan servizos nun posto de traballo, cousa falsa xa que tomaron posesión e están a horario completo cada un no seu destino.

Isto sen falar da inutilidade de ter que soportar un soporífero curso da EGAP durante 4 horas diarias dunha materia con contidos non actualizados (unha versión atrasada de Libreoffice), e da que xa deron mostra patente do seu coñecemento aprobando un proceso selectivo (aínda que a Xunta rizara o rizo esta vez facendo un exame práctico de informática sen ordenador).

Ao ter coñecemento destas circunstancias e de que non van cobrar as retribucións mensuais completas esixímoslle ao director xeral de Función Pública na Mesa Xeral do venres 17 de febreiro que faga os trámites para que estes/as compañeiros/as cobren as retribucións íntegras. O director limitouse a dicir que o mércores daría resposta.

O venres 17 de febreiro participamos na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos. Previamente houbo unha xuntanza ás furtadelas entre responsábeis políticos da Administración e os sindicatos CCOO e UGT. A maiores dos puntos da orde do día, en rogos e preguntas falamos doutras cuestións que poden ser do teu interese.

1.RPT de Vicepresidencia primeira e consellería de Economía, Industria e Innovación

Dende a CIG reiteramos que se tiña que retirar a proposta de modificación da relación de postos de traballo (RPT) para previamente executar a sentenza gañada pola CIG. Hai que retrotraerse ao documento anterior. Repiten as mesmas eivas e tiran para adiante sen unha negociación real baixo o principio de boa fe.

2.RPT de Sanidade

Non temos nada en contra de que recualifiquen un posto vacante de laboral que pasaría a ser de persoal funcionario para posibilitar a adxudicación de persoal de novo ingreso na especialidade de médico.

Aproveitamos para pedir explicacións pola paralización da anterior proposta de modificación a RPT de Sanidade, enviada aos sindicatos a comezos de decembro do 2022, e que estaría a paralizar, unha vez máis, o concurso de traslados de persoal veterinario, cos efectos negativos que iso ten en dúas promocións de veterinarios que quedarían en destino provisional. Resposta o director de Función Pública que están a “pechar” a proposta, e seriamos convocados por Sanidade en “días ou semanas” (sic).

3.Modificación do Anexo de equivalencias do decreto de funcionarización (165/2019)

Apenas tivemos 24 horas para estudar a proposta, e sen oportunidade de presentar propostas. CCOO e UGT si tiveron esas opcións, polo que o director xeral recúa e teremos un prazo de alegacións previo a unha nova xuntanza.

En todo caso, o director xeral deixa claro que estamos a falar de equivalencias entre categorías de persoal laboral e escalas/especialidades de persoal funcionario. Non de crear novas escalas/especialidades.

4.Rogos e preguntas

  • Promoción interna, para cando? Resposta: “cando teñamos tempo para negociar todo”.

  • Queixa polo salario reducido do persoal de C2 en prácticas. Denunciamos a situación dos funcionarios/as en practicas que están a facer o curso de formación obrigatorio e logo seguen a traballar no posto. A pesar de estar a cumprir co artigo 141 da LEPG, xa que están a desempeñar un posto de traballo logo da toma de posesión, pois se lles penaliza ao non recibir o soldo integro (cos seus complementos) e solo recibir o soldo base. Para colmo aquelas persoas que eran interinas e tiñan teletraballo ou flexibilidade quedaron sen el a pesar de seguir no mesmo tipo de posto. Ampliar nova.

  • Proceso selectivo de incendios, pendente de resolución: listado de méritos case rematado. Di que é unha baremación complicada polos servizos previos en entidades e polos contratos como persoal fixo-descontinuo. Serían unhas 2.000 persoas a baremar. O mércores dirá algo máis de datas.

  • Toma de posesión de ordenanzas e fisioterapia: o día 20 sae no DOG a elección de destino.

  • Resto de tomas de posesión: “nuns días ou semanas”

  • Listas de substitución (valorar o último proceso selectivo): queremos que nos convoquen para falar sobre a valoración do último exame. Dende a CIG cremos que hai que darlle unha volta xa que o proceso de estabilización extraordinario desvirtua e muda as regras no medio do xogo. Propomos que se busquen solucións como poder optar entre as dúas ultimas notas.

  • Queixa porque acaban de mudas o listado de prazas a estabilizar: din que simplemente reordenaron os listados e engadiron algunha praza que aceptaron. Unha chapuza máis nuns procesos xa convocados.

  • Observadores/as de pesca: non poden ir mesturados na escala de mantemento xa que as súas prazas teñen requisitos específicos de titulación. Propomos que se queden laborais polo de agora unha categoría propia, e que asi non perdan o réxime especial do mar que lles permite embarcar.

A Dirección Xeral de Función Pública convocounos a unha Comisión de Persoal extraordinaria que será o mércores 22/02/2023, coa seguinte Orde do día:

1. Modificación da relación de postos de traballo (RPT) da Vicepresidencia Primeira e consellería de Economía, Industria e Innovación. Descargar

2. Modificación da RPT de Sanidade. Descargar

Despois de anos sen Plan de Igualdade e de negociacións que non levaron a ningures, a Xunta publica o compromiso de elaboración do Plan de Igualdade.

As administracións públicas están obrigadas a dotarse dun plan de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación dende o ano 2015 (Real decreto lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público).

Xa van máis de sete anos que teriamos que ter un plan de igualdade e seguimos negociando despois de moitos paros. Agora, publican o Compromiso, que é un dos requisitos iniciais neste proceso de elaboración do Plan de Igualdade.

Contamos con que en non moito tempo cheguen a todo o persoal as enquisas que avalíen os aspectos cualitativos da situación actual en canto a igualdade, para elaborar o diagnóstico.

A CIG traballa para intentar conseguir que se elabore un plan de igualdade que sexa unha ferramenta útil para a igualdade efectiva entre mulleres e homes na Administración Autonómica, e non só unha obriga e un requisito para as administracións á hora de conseguir subvencións ou cumprir formalmente coa normativa estatal e europea.

No DOG do 20/02/2023 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2023 pola que se convocan as actividades de formación continua en materia de idiomas para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG).

Poderá participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais de Galiza e de administración e servizos (PAS) das universidades do SUG, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria para cada un dos casos no anexo II.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata o 1 de marzo de 2023.

O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a tres.

Debido á alta demanda dos cursos de idiomas na modalidade de teleformación, establécense as seguintes limitacións:

– Cada persoa só poderá solicitar un nivel por cada idioma ofertado na modalidade de teleformación.

– Non se poderá solicitar o mesmo nivel cursado na anterior convocatoria.

Criterios de selección

1. Proba de nivel nas actividades de idiomas de teleformación:

Durante o prazo de presentación de solicitudes, todo o persoal que desexe solicitar algún dos niveis das actividades de lingua inglesa, francesa, alemá e portuguesa impartidas na modalidade de teleformación terá dispoñible unha proba de nivel orientativa.

As persoas que estean interesadas en realizar a proba de nivel deberán acceder á aula virtual da EGAP no enderezo <https://egap.xunta.gal/aulavirtual/> utilizando o mesmo usuario e contrasinal que na zona de matrícula. Neste caso, despois de realizar a proba de nivel deberanse matricular nas actividades formativas que se correspondan co nivel obtido.

2. Proba de nivel nas actividades de idiomas presenciais e telepresenciais:

A proba de nivel realizarase con anterioridade ao inicio da actividade, para os efectos de seleccionar grupos o máis homoxéneos posibles.

Novo pau xudicial. O TSXG condena á Xunta por violar a liberdade sindical e non negociar a RPT da Consellería de Política Social

Tras a denuncia da CIG, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declara nula a relación de postos de traballo da Consellería de Política Social por falta de negociación coa representación do persoal.

Lamentablemente esta é unha práctica habitual da Administración Autonómica en moitas das RPTs e en cuestións que afectan ás condicións de traballo do seu persoal. De feito, non é a primeira vez que a xustiza tumba unha relación de postos de traballo.

A instancia da CIG o TSXG anulou tamén a RPT da Consellería de Economía, Emprego e Industria, publicada o 17/07/2018, por vulneración do dereito á negociación colectiva, vulneración do procedemento, ausencia de avaliación orzamentaria e falta de motivación dos actos administrativos.

A RPT da Consellería de Política Social modificada o 3 de agosto de 2021 foi declarada nula por falta de negociación real

Cumpre lembrar que nesa modificación da RPT da Consellería de Política Social suprimíronse 6 postos de traballo, creáronse 9 e mudaron as condicións de 95 postos, entre persoal funcionario e laboral. Todo isto sen unha xustificación axeitada e sen enviar a documentación ás organizacións sindicais con tempo suficiente para ser analizada e para poder alegar e negociar.

Reprende á Xunta de Galiza pola práctica habitual da Dirección Xeral da Función Pública na Mesa Xeral de Empregados Públicos

Resalta o tribunal que tan só 2 días para examinar a documentación non é prazo suficiente e tíralle das orellas a Xunta pola saturación de asuntos na mesma Mesa, o que dificulta a negociación efectiva de cada un deles. O pan de cada día en absolutamente todas as mesas de negociación que convoca!

“Difícilmente, en tan escaso período de tiempo, pueden aglutinarse la exposición de la propuesta, las opiniones previas de los asistentes y, en definitiva, una negociación real”

Por sentencia de este mismo Tribunal, de fecha 19 de febrero de 2014, se estableció que <<…el derecho a “negociar” supone algo menos que el derecho a conseguir “acordar”, pero algo más que el derecho a “informar”… en las Mesas de Negociación se han de debatir todas las propuestas, y negociar significa proponer cuestiones, modificar criterios, apuntar soluciones o problemas, detallar elementos, en fin, negociar significa plantear y tratar todo el amplio abanico de opciones que puedan plantearse y tratarse ante un concreto punto de debate. …>>.

A Comisión de Persoal non é unha mesa de negociación

Sobre o uso que está a facer da Comisión de Persoal para validar asuntos que non foron acordados nas mesas de negociación, o tribunal lémbralle á Xunta textualmente:

“dicho órgano colegiado de la Administración es ajeno a los procesos de negociación, en cuanto solo cumple funciones de asesoramiento y coordinación de cara a la negociación propiamente dicha, como ya tuvo ocasión de señalar esta misma Sala y Sección, en sentencia de 17 de junio de 2020 (PO 336/2018). De ahí que en esa reunión solo se haya procedido a la votación de la propuesta con el siguiente resultado: Voto en contra de CIG, CCOO, CSIF, UGT. Pese a ello, el Director General de Función Pública declaró aprobada la propuesta con los votos en contra citados.”

O fallo anula e obriga a renegociar en condicións a RPT e impón custas xudiciais á Xunta

En conclusión, tras estes argumentos o tribunal fallou anular a relación de postos de traballo, publicar ese acto, renegociala cumprindo as garantías negociais e impón custas xudiciais. Agardamos que a Administración non recorra esta sentenza en casación prolongando a súa agonía e aumentando o gasto público.

A CIG esixe o cese do Director Xeral da Función Pública

Na CIG valoramos moi positivamente este fallo no que a Xustiza aclara que a maioría dos actos negociais que executa a nosa Administración son meros actos de paripé. Porén este Director Xeral da Función Pública xa leva varias sentenzas deste tipo, de vulneración da liberdade sindical e o dereito á negociación colectiva do seu persoal, e non aprende, polo que solicitamos de novo o seu cese.

 

 

Recibimos proposta do Fondo de Acción Social do ano 2022. Temos ata o día 23 para presentar alegacións (contacta coa CIG).

Nun vistazo rápido observamos que este documento e clavadiño ao do ano pasado (FAS 2021). So cambian as contias polas que se ten dereito a solicitala. Nen sequera aumentan o presuposto.

Como todos os anos (sen que acepten mover unha letra), solicitamos a recuperación o Fondo de Acción Social (FAS) anterior o 2012.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Luns, 29 Abril 2024

A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Primeiro de Maio en Galiza

Traballo digno, pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo Precarización das condicións laborais e de vida A situación ds altos prezos da cesta da compra e a baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións, o aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e o medre da poboación en risco de pobreza e de...
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...