Novas por contido

Queremos denunciar os incumprimentos reiterados da Xunta de Galicia, en materia de seguridade e saúde laboral, para cos traballadores e traballadoras que prestan os seus servizos na prevención e extinción de incendios forestais e nos de conservación da natureza.

A punto de comezar a campaña de incendios de 2011, o persoal que se vai enfrontar ao lume aínda non coñece a avaliación de riscos do seu posto de traballo, se as medidas de prevención son as adecuadas, se a roupa de traballo e equipos de protección individual son os adecuados aos riscos aos que están expostos, ou se as pautas de comportamento ante unha situación de emerxencia son as oportunas e teñen eficacia.

Esta situación estase a dar aínda despois das reiteradas denuncias que temos formulado desde a CIG ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social, que se remontan a outubro de 2009, momento no que nin tan sequera estaban feitas as Avaliacións de Riscos (catorce anos despois de publicada a Lei de Prevención de Riscos !!!). Naquel momento, e só pola denuncia da CIG, unha actuación rápida, efectiva e contundente da Inspección de Traballo obrigou á Xunta a facer as avaliacións de riscos e establecer o Plan de Prevención.

A Consellería cumpriu a esixencia da Inspección pero nunca lle fixo entrega ao persoal de incendios, nin sequera aos seus representantes, do contido das avaliacións nin das medidas de prevención. Ou sexa, exactamente igual que se non se tiveran feito.

Desde entón, este Sindicato ten denunciado en repetidas ocasións este novo, e se cabe máis grave, incumprimento. A Inspección chegou a darlle un prazo de dous meses para que as avaliacións fosen entregadas a todo o persoal e expostas en cada un dos centros de traballo, prazo concedido en xullo de 2010, xusto hai un ano, sen que Medio Rural se dignara a cumprir dito requirimento.

Así as cousas, o persoal segue sen ter coñecemento e información de todos os riscos aos que está exposto (posíbeis contaminantes, primeiros auxilios, protocolos de actuación, embarazo e lactación, equipos de protección etcétera) cando unha nova campaña está a piques de comezar.

A Xunta incumpre a lexislación, desprotexe aos seus traballadores e traballadoras (chegando mesmo a poñelos en situación de risco para a súa integridade) e conculca os seus dereitos. E a Inspección de Traballo amosa a súa faciana máis inoperante e ineficaz permitindo que unha Administración Pública se mofe desa maneira dos seus requirimentos.

Facemos á Consellería de Medio Rural responsábel de manter a centos de persoas expostas a riscos laborais graves que poden poñer en perigo a súa vida e a súa saúde, ao tempo que denunciamos a pasividade inexplicábel da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Ourense, pasividade que resulta maior canto maior é a envergadura da empresa da que se trate e máis grande é o poder que ten.


Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...