Novas por contido

Chegando a mediados de outubro estamos a padecer unha vaga de lumes propia dun caloroso verán e o Goberno da Galego o único que se lle ocorre é ocultar datos e ten a caradura de presentarse no Parlamento para dar como finalizada a campaña mentres Galiza arde.

Levamos tempo denunciando a falla de medios materiais e humanos e o desprezo que se mostrou pola profesionalidade dos traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais ao contratar persoal a mediados de xullo e despedilos aínda non rematado o mes de setembro. A realidade e que hoxe a provincia de Ourense esta a ser especialmente castigada pola barbarie incendiaria, arden centos de hectáreas,  e na páxina web da Xunta hai poucas novas ao respecto (Minimizando os lumes e negándose a dar datos de incendios de menos de 20 has).

Non será este sindicato o que pretenda sacar proveito da catástrofe que representan os incendios, pero o que non faremos tampouco será deixar de denunciar feitos gravísimos que contribúen a que a situación empeore.

DENUNCIAMOS:


  1. O operativo anti-incendios está ao 40% do habitual no verán por diferentes razóns:
    • A Xunta rescindiu centos e centos de contratos, tanto do persoal laboral do SPDCIF como da empresa pública SEAGA. Destacar especialmente o despedimento dos conductores de motobombas a 23-24 setembro contratados a mediados xullo pola Xunta de Galicia ( PLADIGA ).
    • Non se cobren as baixas, permisos, vacacións... nin as vacantes (hai brigadas con só 2-3 persoas, cando o establecido son 5-7).
    • No caso do persoal funcionario, Axentes forestais e Técnicos/as de Distrito, tampouco se cubren vacantes, permisos nin baixas de longa duración o que fai que haia escaseza neste persoal que dirixe os incendios forestais e traballa na súa coordinación dende os 19 Distritos Forestais.
  2. Os Axentes Forestais non están en período de gardas (período extraordinario), polo que o persoal esta a ampliar as súas quendas moi por enriba do limite establecido na normativa, chegando a duplicar (14h continuadas) para atender o traballo na extinción dos incendios forestais. Destacar que no caso dos Axentes Forestais traballan cun Acordo de Condicións de Servizo, do 2004, que se demostra caduco e obsoleto e que a pesar das denuncias e solicitudes de negociación das organizacións sindicais a Xunta de Galicia non convocou unha soa xuntanza dende que entrou o PP no Goberno.
  3. A Xunta oculta deliberadamente datos de incendios, tanto do número total como das dimensións dos mesmos (coma exemplo que na páxina web o luns non hai datos dos numerosos lumes do fin de semana, Cenlle, Castrelo de Miño, Monterrei, Montederramo…)
  4. Os Distritos están sen persoal de vixilancia nas torretas durante toda a xornada polo que a detección dos lumes é máis tardía.
  5. Aqueles camións autobombas que se avarían non son reparadas coa prontitude precisa e os que hai non traballan 24h pola falta de conductores a pesar da súa necesidade.
  6. Dado que os medios propios non abondan, estanse a botar man diariamente do persoal voluntario de protección civil (112) os que  realizan prolongadas xornadas de traballo.
  7. Estanse a utilizar masivamente os medios aéreos para compensar a perda de persoal de terra.
  8. As BIIF (Brigadas de Investigación de Incendios Forestais) da Xunta de Galicia foron desmanteladas polo Goberno de Feijoo, cuestión amplamente denunciada dende CIG-Autonómica. A investigación dos indicios é a clave para a detención dos delincuentes incendiarios.
  9. A seguridade e saúde dos traballadores do SPDCIF non esta garantida desde o momento que a Xunta nega as Avaliacións de Prevención de Riscos nin da formación en materia de seguridade como xa temos denunciado en numerosas ocasións.
  10. O Indice de Risco Diario a día de hoxe, 10 de outubro, segundo páxina da Consellería de Medio Rural é de moi alto e extremo en todo o interior de Galicia e a Xunta de Galicia tiña datos da seca deste mes de outubro.

Todos estes feitos poñen de manifesto a total ineficacia da Xunta de Galicia, que tan só se encomendan ao cambio do tempo para combater o lume. Nunca tanto desprezo e inoperancia se ten posto de manifesto por parte de quen ten a responsabilidade na loita contra os incendios. Agora os traballadores e traballadoras da loita contra o lume estamos ao límite das nosas forzas, traballamos arreo e esiximos dignidade e respecto por parte da Consellería de Medio Rural.

Polo que dende a  CIG-Autonómica instamos á dimisión de Samuel Juarez, Conselleiro de Medio Rural, e esiximos  ao Presidente da Xunta a un trato respectuoso e responsable cos traballadores e traballadoras do SPDCIF. E que de a cara ante os cidadáns e explique por qué arde Galiza? Por que non se traballa na detención dos delincuentes incendiarios?

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...