Novas por contido

A situación que se está a vivir en Ourense por mor da vaga de lumes que se vén padecendo estes días pode cualificarse xa de catástrofe ecolóxica. Unha catástrofe que está sendo provocada pola deixadez, inhibición e por unha política forestal equivocada e desfasada.

Por iso, desde a CIG-Autonómica solicitamos que se decrete para o Macizo Central de Ourense o nivel 2 e para os parques naturais o nivel 3, cando xa se levan queimado 25.000 ha. E por suposto  esiximos que se depuren responsabilidades políticas coa dimisión do conselleiro de Medio Rural e do Director Xeral de Montes.

A Xunta de Galiza ten que recoñecer primeiro que se lles foi das mans a situación; segundo, que estamos ante unha catástrofe e terceiro que hai que mudar a política forestal. Resulta unha canallada que desde distintas instancias e no propio Parlamento de Galiza se intente atribuír parte da responsabilidade aos traballadores, nun intento da administración por ligar os incendios forestais coa súa situación laboral.

Esta situación pon en evidencia a incapacidade para xestionar a política de incendios e urxe convocar a todas as partes implicadas para tratar de redefinila.

Cómpre lembrar que a finais de setembro recortáronse os medios de extinción, o que provocou, entre outras cousas, que agora as torretas de vixilancia estean pechadas entre as 22:00 e as 12:00 horas, o que está a impedir a detección temperá, incrementando os tempos de resposta –que segundo o Pladiga deberían estar entre os 20 ou 40 minutos-, o que ten como consecuencia que os conatos acaben por converterse en grandes incendios.

A isto engádese a descoordenación absoluta desde os centros de coordinación de distrito de Ourense, onde asegura que a día de hoxe, non se sabe onde está sequera o Xefe de Servizo.

Desde a CIG-Autonómica denunciamos que a Xunta de Galiza ten manipulados os datos en materia de incendios, porque non se corresponden cos que manexan os traballadores, logo de croquizar as zonas afectadas para medir a extensión queimada porque teñen que facelo a man, ao non dispor de medición por GPS.

Segundo os datos dos traballadores, no Parque Natural do Xurés, onde a Xunta di que terían ardido 800 ha, a eles cónstanlles 2.700 ha e no Macizo Central, só no concello de Maceda, o lume tería afectado a 1.450 ha, fronte as 850 que recoñece a administración e, en total, chegaríase a unhas 10.000 ha.

Falta de medios humanos

Boa parte desta situación é consecuencia do cese progresivo de traballadores que se produciu a partir do 13 de setembro. A tempada de alto risco está fixada entre o 1 de xullo e o 30 de setembro. Durante ese período e tal e como estaba previsto no Pladiga 2011, deberían estar en activo 6.052 traballadores/as dos servizos de extinción do SPDCIF e Seaga. Prazas que, desta volta, nin sequera chegaron a cubrirse ao completo, ao limitarse a realizar 2.963 contratacións.

Durante o período de alto risco, en Ourense, estaban en activo un total de 185 cuadrillas das que 139 eran de Seaga e 46 da Xunta de Galiza. Cada cuadrilla conformada por un xefe, un condutor de motobomba e 5 peóns. Fronte a isto, o 18 de outubro, contra as 17:00 horas, que é cando máis persoal hai, só operaban 50 cuadrillas, 10 por distrito, é dicir, unha media de 200 traballadores.

Reforzar o dispositivo propio

Esta situación, agora incontrolada, podería terse evitado, á vista dos indicios que había de que no mes de outubro se deran unhas circunstancias climatolóxicas como as que finalmente se constataron e de que xa o 27 de setembro estaba ardendo Ourense, aínda sen chegar a alcanzar os niveis actuais. Medio Rural debería ter mantido o operativo previsto para o período de alto risco ou, unha vez confirmada a crítica situación provocada pola vaga de lumes, debería ter recuperado, con carácter de urxencia, ao persoal que foi cesado en setembro, reforzando primeiro o dispositivo propio, e logo, en todo caso, reclamando -se as circunstancias así o requiriran- apoio externo.

Neste sentido, o labor da UME é de disuasión, desenvolvendo unha acción preventiva durante o período de alto risco e fundamentalmente para salvagardar os bens non forestais. Non se pode tirar do de fóra cando se despediron medios propios o 30 de setembro e logo acusalos porque marchan. A Xunta de Galiza ten competencias exclusivas en materia de extinción e de detección.

A Xunta de Galiza está mesmo chamando a voluntarios de protección civil do 112 para ir apagar incendios forestais.

A esta falta de medios humanos engádese a falta de medios materiais, desde motobombas que non funcionan ou para as que non hai persoal que as conduza até deficiencias como falta de lanternas para operar pola noite ou mochilas para as que solicitaron que se renovaran os arneses e que levan atadas os traballadores de extinción como poden.

Isto e o exceso de traballo está a provocar baixas no persoal que teñen como consecuencia que se dea a situación de ter 20 brigadas traballando pero só 22 persoas.

Desmantelamento das brigadas de investigación

Burgos lembra que cada ano, en Galiza, se producen entre 4.000 e 9.000 incendios forestais, dos que só un 8% se deben a neglixencias, o 1% a lóstregos e o resto serían intencionados. Porén, mentres a Xunta de Galiza afirma que estamos ante incendios provocados, non se produciu ningunha detención porque “o PP cando chegou ao goberno desmantelou as brigadas de investigación de incendios forestais, que son as que se dedican a detectar os indicios e probas que permitirían coller aos que prenden os lumes”.

En todo caso, sinala non só a gravidade das perdas ecolóxicas, senón tamén as perdas económicas que se derivan desta situación. “En Manzaneda, o gasto de extinción superou os dous millóns de euros e só en Castro de Escuadro, as perdas ecolóxicas en arborado supoñen 400.000 euros. Por iso xa hai quen está falando de solicitar a declaración de zona catastrófica”.

Isto sen entrar a cuantificar as enormes perdas derivadas da acción do lume nos parques naturais. “O parque do Xurés desapareceu do mapa”, lamenta Fernando García. Por iso, para os traballadores de extinción o sentimento, como afirmaba Zeltia Burgos, é estes días de “tristura e desolación”.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...