Novas por contido

No DOG do 31/03/2020 publícase a resolución do Novo Acordo do Centro de Coordinación Operativa (CECOP) dos que destacamos os seguintes artigos que afectan a divesos aspectos da xestión de persoal :

Bolsas de agarda de emprego temporal ou interino

Para acadar unha máis áxil cobertura das necesidades de persoal, poderán adoptarse medidas extraordinarias na xestión das listas derivadas do Decreto 37/2006:

  • Os chamamentos faranse telefonicamente nos termos do artigo 14 do Decreto 37/2006.
  • No suposto de non existiren aspirantes nas categorías profesionais de médico/a (grupo I, categoría 2), ATS (grupo II, categoría 2), auxiliar de clínica (grupo IV, categoría 3), e outras de perfil sanitario, acudirase ao procedemento establecido no artigo 7.5.b).b.1.2 do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia ou, opcionalmente, ás listas de selección temporal xestionadas polo Servizo Galego de Saúde nos termos da Resolución conxunta da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde e da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda pola que se establece o procedemento para a cobertura temporal de postos nos respectivos ámbitos, ante o incremento da carga asistencial derivada da atención do SARS-Cov-2
  • De non existiren integrantes das listas dispoñibles para ser chamados e non sexa posible acudir ao procedemento establecido no artigo 7.5.b).b.1.2 do V Convenio, poderase acudir á relación de penalizados da categoría profesional correspondente que solicitaron a reincorporación nas listas ou aos integrantes das listas que solicitaron a suspensión das citacións e a reincorporación ou aos que solicitaron a inclusión nas listas no mes de marzo de 2020 ou, opcionalmente, á relación de penalizados que non solicitasen a reinclusión nas listas.
  • No suposto de inexistencia de integrantes das listas e imposibilidade de acudir ao procedemento regulado no artigo 7.5.b).b.1.2 do V Convenio, en postos pertencentes á categoría profesional de auxiliar de clínica (IV-3), poderá accederse opcionalmente a persoal doutras listas de contratación temporal na categoría profesional de xerocultor/a (grupo IV, categoría 43), cuxas listas foron aprobadas provisionalmente, ou na categoría profesional de auxiliar coidador/a (grupo IV, categoría 4), seleccionando nestes últimos supostos a integrantes das listas que estean en posesión do título de formación profesional de grao medio de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría ou equivalente.

O establecido nestas medidas ten vixencia limitada á duración do estado de alarma/ alerta sanitaria e ás súas prórrogas, de ser o caso.

Acordo sobre a realización de funcións do persoal do Servizo de Incendios como servizo de asistencia á emerxencia no rural en concellos de menos de 5.000 habitantes:

Dende esta resolución o servizo poderá levar a cabo desinfeccións tamén en concellos de máis de 5.000 habitantes, ou en zonas exteriores de centros de servizos sociais de carácter residencial doutras tipoloxías, cando así o determine a Administración autonómica por así requirirse en atención ás circunstancias e necesidades concorrentes.

Medidas respecto do persoal da Consellería de Política Social e entidades do sector público autonómico dependentes:

  • A Consellería de Política Social e as entidades do sector público autonómico dependentes dela poderán impor servizos extraordinarios ou modificar a prestación de servizos de calquera tipo de persoal sanitario vinculado coas residencias de maiores e outros centros sociosanitarios, coa finalidade de atender as necesidades de atención en calquera residencia de maiores ou outros centros sociosanitarios.
  • Así mesmo, sempre que sexa necesario para garantir a referida asistencia ou, en xeral, a protección das persoas, bens e lugares, poderá impor ao persoal non sanitario ao seu servizo, servizos extraordinarios ou modificar a súa prestación de servizos.
  • Estas medidas poderán ir dirixidas tanto á realización das propias funcións da categoría de pertenza do persoal a que se require como á encomenda de funcións distintas das correspondentes ao posto de traballo, categoría ou especialidade. Así mesmo, poderán adoptase medidas en materia de xornada de traballo e descanso, permisos, licenzas e vacacións e reducións de xornada, ainda que deberá garantirse que a suma dos descansos que deban ter lugar no conxunto dunha semana non sexa inferior a setenta horas, cunha media de descanso entre xornadas de traballo de dez horas, e utilizando de maneira racional os recursos humanos dispoñibles e non será de aplicación ás mulleres que se encontren en estado de xestación.
  • Cando sexa preciso atender a cobertura das necesidades indicadas acudirase preferentemente ao persoal destinado nos centros da consellería ou entidades do sector público dependentes que estean cerrados por ter sido suspendida a súa actividade.
  • Dentro do persoal dispoñible seguiranse os seguintes criterios de preferencia, sempre que sexa posible de acordo coas circunstancias e a urxencia da situación que se presente: 
  1. Ofrecemento voluntario do persoal. 
  2. Proximidade xeográfica do posto de traballo do persoal afectado co centro en que se precisan os seus servizos.
  3. Menor idade. 
  4. Menores cargas familiares.
  • As autoridades ou servizos da consellería e entidades do sector público dependentes poderán, coa urxencia que o caso requira e da forma máis efectiva posible, comunicar ao persoal a encomenda dos servizos ou funcións que sexan precisos, preferentemente por escrito ou de calquera outra maneira que quede constancia, sempre que isto sexa posible. Cando a orde atendendo ás circunstancias deba ser verbal, procurarase a súa formalización por escrito cando sexa posible.

Supostos de insuficiencia ou inadecuación do persoal de Consellería de Política Social ou das entidades do sector público dependentes:

Nos casos en que para a atención das necesidades concorrentes se prevexa a insuficiencia ou inadecuación do persoal dispoñible na Consellería de Política Social ou entidades do sector público dependentes, comunicaranse as necesidades de persoal á Dirección Xeral de Función Pública, para que esta proceda a identificar, coa maior urxencia posible, persoal empregados públicos ou traballadores coas categorías ou titulacións adecuadas doutras consellerías ou entidades do sector público autonómico de que haxa constancia na dita dirección xeral, indicándolles que quedan á disposición da Consellería de Política Social ou entidades do sector público dependentes que teñan a necesidade de persoal e en expectativa de recibir as ordes pertinentes destas.

A Dirección Xeral de Función Pública terá en conta os mesmos criterios de preferencia expresados:

  1. Ofrecemento voluntario do persoal. 
  2. Proximidade xeográfica do posto de traballo do persoal afectado co centro en que se precisan os seus servizos.
  3. Menor idade. 
  4. Menores cargas familiares.

Unha vez identificadas as indicadas persoas, comunicarase á Consellería de Política Social ou entidades do sector público dependentes, para que estas lles poidan dar as pertinentes ordes de servizos extraordinarios.

No caso de inexistencia ou insuficiencia de persoal poderase acudir ao chamamento ás bolsas derivadas dos decretos de listas, ao Servizo Público de Emprego ou a calquera outro procedemento extraordinario consonte coa urxencia da cobertura das necesidades de persoal que se considere axeitado e máis áxil.

Retribucións do persoal a que se refiren os artigos anteriores:

As retribucións que percibirá o empregado público ou traballador nos casos establecidos anteriormente polas funcións ou servizos encomendados e durante o tempo que as desempeñaron non poden ser inferiores ás retribucións de postos similares da mesma categoría dentro da RPT da Consellería de Política Social coa inclusión dos complementos de penosidade, perigosidade, toxicidade e/ou de especial dedicación.

A Consellería de Política Social aboará un complemento comprensivo das ditas diferenzas tanto en soldo, se for o caso, como nos distintos complementos sinalados. As horas extraordinarias que procederen tamén serán aboadas pola Consellería de Política Social.