A CIG insta a incluír o dereito na normativa sobre pensións e nos Presupostos Xerais do Estado
As seccións sindicais da CIG das cinco Xuntas de Persoal funcionario da Xunta de Galiza, que atinxen a preto de 10.000 traballadoras/es, vimos de presentar un escrito dirixido ao Presidente do Consello Xeral da Seguridade Social –que foi aprobado polas Xuntas de Persoal- a través do que demandamos o recoñecemento do dereito á xubilación parcial para todas e todos os empregados públicos.
Ademais chamamos aos empregados públicos e a toda a cidadanía a mobilizarnos en defensa do sistema público de pensións, cunha manifestación o vindeiro sábado día 26 de xaneiro, ás 12:00 horas, en Santiago de Compostela.
Demandamos a modificación da reforma feita no ano 2011 que eliminou o dereito á xubilación parcial aos 61 anos, como existía até o 31 de decembro, agravando a perda de dereitos co adiamento da xubilación até os 67 anos. Lembran ademais que a central sindical foi a única que mostrou o seu rexeitamento a esa reforma que foi apoiada por CCOO e UGT convocando mesmo unha folga xeral en contra.
Xunto a isto incluímos a demanda de que a lexislación neste ano 2019 desenvolva a normativa sobre a xubilación parcial das persoas funcionarias e da xubilación anticipada para determinados colectivos que desenvolven o seu labor en condicións de penosidade, perigosidade ou especial presión psicolóxica, como xa prevía o Estatuto Básico do Empregado Público, do ano 2007.
Dereito do persoal empregado público
O fundamental é o recoñecemento do dereito á xubilación parcial como un dereito subxectivo con independencia da relación xurídica do persoal, ampliándose o recoñecemento. Por iso reclámanlle ao Director do Consello Xeral da Seguridade Social en Madrid que promova o cambio lexislativo necesario.
No marco desta campaña, a CIG tamén presentou escritos á Ministra de Traballo e levou a proposta á Mesa Xeral de Empregados/as Públicos/as de Galiza e de Madrid e Director Xeral de Función Pública.
A CIG é, unha vez máis, a primeira organización que defende ao persoal funcionario nos seus dereitos obviados por outros promovendo a aprobación desta reclamación nas Xuntas de Persoal e Comités de empresa da Xunta.