Novas por contido

Antes de finais de xaneiro podería haber unha proposta formal de RPT. En 2-3 meses rematará a fase de integración do persoal informático das consellarías.

O mércores, 5 de decembro, tivo lugar unha reunión da Xunta de Persoal dos Servizos Centrais con representantesda AMTEGA para falar de diversas problemáticas do persoal trasladado ás novas instalacións da Cidade da Cultura. A dita reunión foi solicitada a comezos de setembro para tratar o tema da deficiente comunicación do transporte público e de novo, a mediados de outubro, para tratar varias queixas do persoal con relación ao traslado.

Autobuses e aparcadoiros

  • Acceso dos autobuses: actualmente a lanzadeira do transporte interurbano de empregados públicos xestionada por Mombus efectúa dúas paradas no complexo da Cidade da Cultura. A queixa que formula o persoal da AMTEGA é con relación á segunda parada que se atopa bastante lonxe do acceso ao seu centro de traballo. A peor situaición atópana ao saír, onde teñen que agardar entre 5-10 minutos á intemperie, sen nigún elemento ou marquesiña onde resgardarse do vento e a chuvia. Comunícannos que xa o falaron coa Fundación Cidade da Cultura que é a responsable das instalacións e seguridade e que valoran dúas solucións: acceso polo tunel subterráneo ou instalación de marquesiñas. Desde a CIG entendemos que o acceso polo tunel é a solución máis rápida xa quen non conleva a realización de obra algunha e os problemas de seguridade poderíanse solventar cun control de acceso á entrada e saída do persoal. Porén, para o bus urbano entendemos que se debería instalar unha marquesiña. En calquera caso, instamos á AMTEGA a que axilice canto antes este tema dada a época do ano na que nos atopamos na que se dan as peores condicións meteorolóxicas. Quedan de chamarnos nun par de semanas.


  • Horario dos buses de transporte urbano: a AMTEGA informa que conseguiu do Concello duplicar os servizos nas horas de entrada e saída da maioría do persoal. En calquera caso, recordámoslle que os autobuses continúan chegando ás horas en punto, co cal non se adecúan ao horario xeral de 7:45 a 15:15. Comunícannos que o Concello está aberto a falar e que comentarán o de axustar os horarios dos buses, canto menos, na entrada e saída da maioría do persoal; tamén comunican que solicitaron aumentar a frecuencia do bus urbano de 1h a 30 minutos.


  • Uso do aparcadoiro subterráneo: coma no caso do acceso polo tunel das instalacións depende tamén da Fundación Cidade da Cultura. Segundo informan os traballadores existe un aparacadoiro cun só andar en funcionamento que usa o persoal da fundación. Desde a CIG proporemos que a fundación habilite os outros andares do aparcadoiro para que tamén poida ser usado polo persoal da Xunta de Galiza.


Presenza de cámaras de seguridade enriba dos postos de traballo

Informamos que se vulnera a Lei Orgánica de Protección de Datos ao non estar visiblemente informada a presenza das ditas cámaras. A AMTEGA descoñece se as ditas cámaras están funcionando ou non e nos remiten, de novo, á Fundación Cidade da Cultura. Segundo nos informan traballadores as ditas cámaras non só están gravando senón que están monitorizando en tempo real.

Insistimos que as cámaras teñen que poñerse nos accesos ás diferentes salas, non no medio destas, e indicamos ademais que se poden producir ocos de seguridade ao controlar desde estas cámaras os contrasinais de acceso que uso o persoal para xestionar acceso ás ferramentas informáticas da Xunta

Adecuación dos locais ás necesidades do persoal

No momento de presentación do escrito, o traslado era aínda recente e dábanse varias deficiencias nas instalacións (sobremasificacións nalgunhas zonas, mesas pequenas, ausencia de espacio de armarios, ausencia de papeleiras, etc.). Os propios traballadores e os representantes da AMTEGA indican que isto se foi corrixindo e actualmetne non se presentan inconvenientes no traballo diario.

Presenza de ao redor de 40 traballadores e traballadoras de empresas externas

Denunciamos a presenza de 40 traballadores e traballadoras de empresas externas que levan a cabo traballos informáticos mesa con mesa co persoal informático da Xunta de Galiza. Os representantes da AMTEGA din que actualmente hai 31 persoas “non Xunta” dunhas 5 ou 6 empresas. Insisten tamén en que contratan servizos, non xente, e xustifica a presenza física destes traballadores externos na necesidade para desenvolver as funcións contratadas.

Desde a CIG facemos unha defensa do persoal propio para as cuestións informáticas e recordamos que, en todo caso, as asistencias técnicas están para apoiar ao persoal propio e non á inversa. Tamén recordamos que en época de crise os axustes de persoal comezan habitualmente polos servizos subcontratados e non polos servizos propios como parece indicar, por exemplo, a eliminación de prazas da oferta da elección de destino do A2 informática por “próxima amortización”. Destacamos tamén o aforro que supoñen os medios propios xa que non se van cartos no beneficio empresarial e solicitamos datos concretos dese proceso de recuperación de funcións propias do persoal informático da Xunta. Por último, solicitamos as medidas que se están tomando para evitar casos de cesión ilegal de traballadores.

A representación da AMTEGA responde que as posibles denuncias de cesión ilegal están controladas xa que os horarios son diferentes, o material é da empresa, aínda que están na mesma sala, están separados e as ordes as reciben só da empresa. Fan fincapé en que se trata dunha situación transitoria e que para o ano hai unha contrata que remata de reducen de 17 asistencias técnicas a dúas; trátase dun servizo que, unha vez desenvolto, será asumido por persoal propio.

Desde a CIG indicámoslle que solicitaremos por escrito información concreta sobre as contratas, a súa duración, funcións, razóns polas que non poden ser atendidas por persoal propio, etc.

Outras novas recentes

Luns, 22 Xuño 2026

RPT de Aturga, concursos de traslados, vacacións e asuntos propios, devolución de taxas (MSPF 19/06/2026)

Na Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSFP) do venres 19 de xuño tratamos a modificación da RPT de Aturga, e preguntámoslle á DXEP sobre varias cuestións a respecto dos procesos en marcha: as tomas de posesión das escalas sociais, as devolucións dos pagamentos de taxas de procesos selectivos do SPIF anulados, o concurso F0425, a IT no momento da elección de destino e as...
Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en varias escolas oficiais de idiomas de Galiza no curso académico 2026/27. Os...
Venres, 19 Xuño 2026

Plantón sindical a Educación na negociación da RPT ata que non negocie un acordo para o persoal non docente

O pasado venres 12 de xuño a Consellaría de Educación convocou ás organizacións sindicais (OOSS) para negociar unha modificación da RPT sen aportar documentación algunha o que precipitou ter que adiarse esa xuntanza para o día de hoxe, venres 19 de xullo a petición da parte social e logo de remitir un borrador para a mesa. Hoxe, venres 19, a CIG e as outras OOSS presente na...