Novas por contido

A CIG denuncia a desidia de Traballo e Benestar de Ourense coa residencia de maiores Nosa Señora dos Milagres

Rolda de prensa residencia cabeza de vaca ourense 20 de decembro de 2011A central nacionalista alertara hai un mes de varios casos de sarna e agora xa se contabilizan máis de 40
Dende a CIG-Autonómica critican a desidia da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Ourense no que respecta á atención dos centros de maiores. A central nacionalista denunciara o pasado día 7 de novembro que na Residencia do Maior Nosa Señora dos Milagres había varios casos de sarna entre os residentes e os/as empregados/as. “A día de hoxe, e por culpa da deixadez tanto da dirección do centro coma do xefe territorial do departamento autonómico, José Selas, os casos elévanse a máis de 40, dos que máis de 20 son traballadores/as do centro”, censuran. Diante disto, reclaman o cese inmediato do director do centro e do responsábel autonómico.

Dende a CIG critican o incumprimento do protocolo de actuación, o que ao seu xuízo provocou un importante problema de saúde pública. “Cando nos entrevistamos coa dirección do centro e co xefe territorial dixeron que se estaba a facer o que mandaba o protocolo de actuación que o servizo de Epidemioloxía deseñou para este centro”, explican.


Tanto a central nacionalista como o propio comité de empresa solicitaron o protocolo de xeito oficial, “e o único que se nos deu foi un documento cunha serie de pautas no que non aparece nin firma nin selo de ningún organismo”, sosteñen. Con todo, consideran que o protocolo comezouse a aplicar no centro “tarde e mal”. Tarde, explican, porque se iniciou a súa aplicación sobre 15 días despois de aparecer a primeiro caso diagnosticado. E mal, segundo a súa opinión, por varios motivos:

  • O protocolo estipula un tratamento tópico a todas as persoas, traballadoras e residentes do centro, que ten que ser aplicado á vez; “pois ben, aquí, primeiro aplicóuselle o tratamento so ás persoas diagnosticadas”. Días despois , vendo que os casos aumentaban, decidiron aplicarllo a tódolos traballadores e os residentes de dous módulos. Semanas despois aplicáronlle o tratamento a un terceiro módulo. “A día de hoxe aínda falta por aplicar o tratamento aos residentes de dúas plantas, é dicir, hai uns 70 residentes neste centro que inda non recibiron o tratamento preventivo.
  • No que se refire ao material profiláctico (batas, guantes, etc.), nun primeiro momento só se lle subministraba unha bata por quenda a cada traballador, cando o protocolo estipula que cada vez que se entre na habitación dun afectado se cambie de bata. “Houbo momentos que se quedaron sen batas. Esta fin de semana pasada non había guantes,o que denota unha total falta de previsión por parte da dirección e unha total despreocupación”, lamentan. En ningún momento se lle subministrou ó persoal traballador gorros e calzas, “e sabemos que hai unha traballadora contaxiada á que lle saíron as lesións na cabeza”.
  • No que atinxe ás medidas de desinfección, o protocolo di que todo o centro se someterá a unha limpeza exhaustiva que incluirá tanto as habitacións dos residentes como todas as zonas comúns, e dita limpeza deberá ser diaria ata que a epidemia desapareza. Por outro lado, a roupa de todos os residentes ten que ser embolsada ou lavada a altas temperaturas. “Pois ben, aplicar esta parte do protocolo e mantela no tempo é imposible se non se incrementa o numero de traballadores/as, para o que é necesario a contratación de máis persoal”. Esta é outra das partes que non está disposta a asumir a xefatura territorial de Traballo e Benestar, denuncian.


Finalmente, consideran que esta falta de rigor trae consigo as seguintes consecuencias:

  • Hai moita preocupación e malestar no persoal do centro pola maneira en que dende a dirección e dende a xefatura territorial se xestionou este problema.
  • A día de hoxe hai entre 40 e 50 persoas afectadas entre traballadores/as e residentes.
  • Hai persoas que un mes despois de recibir o tratamento volveron infectarse.
  • Hai módulos no centro que seguen sen ser desinfectados porque o persoal por quenda é insuficiente.
  • Hai residentes que aínda non recibiron o tratamento preventivo.
  • Despois de dous meses do primeiro diagnosticado seguen aparecendo casos.
  • Falta de coordinación absoluta entre a xefatura territorial, a dirección do centro, o servizo de Epidemioloxía da Consellería de Sanidade e a mutua de accidentes de traballo.


Finalmente, dende a CIG-Autonómica esixen o cese inmediato do director da Residencia do Maior “Nosa Sra dos Milagres” e do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Ourense, "xa que teñen demostrado de continuo a súa incompetencia".

Outras novas recentes

Venres, 10 Xullo 2026

A conselleira de Política Social defende os intereses do empresariado do sector das escolas infantís e esquece a traballadoras e crianzas

Conselleira Fabiola: presente a dimisión xa! Gabinete de crise A conselleira de Política Social declara que se o goberno central aproba unhas novas ratios, coas cifras que se publicaron, acábase a gratuidade das escolas infantís. Cal gratuidade? A que, cos nosos impostos, lle pagamos ás empresas que prestan este servizo? Ás empresas que teñen as traballadoras co SMI ou por...
Xoves, 09 Xullo 2026

Eleccións de destino das escalas sociosanitarias

Despois do desastre de convocatoria de elección de destino destas escalas onde se duplicaron prazas, se ocultaron prazas sobrantes do concurso, meteron prazas que non pasaron polo concurso, meteron en varias escalas prazas con requisitos non esixidos na convocatoria sen aumentar en igual número ás sen requisitos, sacaron listados con xubilados e falecidos, etc, etc, etc......
Xoves, 09 Xullo 2026

Coeficientes redutores de Gardacostas: a consellería segue inactiva e non cumpre

O luns 06/07/2026 tivemos unha xuntanza coa Consellería do Mar pola pretensión desta de iniciar un novo procedemento para o acceso á aplicación dos coeficientes redutores ao existir unha nova norma. Como xa dixemos aquí, o novo decreto é máis restritivo, pon máis atrancos e é menos garantista. A consellería pretendeu colar que a vía aberta pola CIG ao promover o...