Só así se pode evitar que a consellaría de Educación faga un uso fraudulento das respostas de nais e pais para atacar unha vez máis a nosa lingua.
A piques de abrirse o prazo de matrícula no ensino Infantil, a CIG fai un chamamento a nais e pais para que seleccionen o galego como lingua da casa cando o centro escolar, por mandato da consellaría de Educación, requira esta información. A CIG considera que só reclamando aulas en galego se pode garantir que as crianzas sexan educadas na nosa lingua e poidan adquirir, no noso idioma, a mesma competencia que van adquirir en español.
Para a CIG, que xunto con outras entidades vén reclamando a normalización plena do noso idioma, o ensino require unha atención especial, xa que malia ser determinante o ambiente familiar para a configuración da lingua dunha persoa, tanto ou máis determinante é o ámbito escolar.
A central sindical considera que é fundamental que os rapaces e rapazas interioricen que o galego é tan útil como calquera outra lingua e que nel se pode ensinar e estudar matemáticas, historia e todo o que se queira. Entende ademais que é moi importante elixir o galego porque, no centro escolar, é onde se socializan con outros pequenos e pequenas e, nesa socialización, é onde se constata que a nosa lingua sae perdendo, pois no patio de xogos acaba por se impor o castelán.
A CIG valora que seleccionando a nosa lingua tamén se apoia ao profesorado máis concienciado para que poida seguir pulando por unha ampla presenza do galego no centro. Porén, só se a maioría dos pais e nais solicitan o ensino en galego, a Consellaría estará obrigada a aceptar que o galego sexa a lingua maioritaria na aula. De non ser así, a Consellaría pode obrigar o docente a dar aulas en español.
A Confederación Intersindical Galega lembra que escoller o galego é a única garantía de que a nosa lingua teña futuro; que é unha forma de defender os dereitos dos nenos e nenas a expresarse con desenvoltura no noso idioma e de avalar o traballo que vén facendo o profesorado na súa defensa, apostando ademais pola súa pervivencia.