Os sindicatos convocantes manteñen as mobilizacións previstas para os vindeiros días
A xuntanza celebrada este luns 12 entre o comité de folga de xustiza e os directores e subdirectores de Función Pública e Xustiza rematou sen acordo. Continúa así a folga indefinida e mantéñense as mobilizacións convocadas para os vindeiros días, nomeadamente as manifestacións que están previstas para o vindeiro xoves nas distintas cidades galegas, e as asembleas nas que o comité de folga explicará en que consistiu a xuntanza.
Segundo explica o representante da CIG no comité de folga, os representantes da administración preferían centrar na cuestión económica o debate e ofreceron unha suba duns 15 euros por corpo respecto da proposta que presentaran con anterioridade. Deste xeito agora a proposta da Xunta sería dun incremento de 90€ para Xestión; de 76€ para tramitación e de 68€ para auxilio.
Ademais reducirían as tres anualidades a dúas aplicando o 50% dese incremento para 2019 e o 50% restante para 2020, unha diferenza tamén respecto da proposta anterior xa que do outro xeito a suba completaríase en 2021.
Fronte a isto, a proposta sindical foi de incrementos de 100€ para 2018, que aceptarían que se atrasaran até marzo, cando a administración conta con que estean aprobados os orzamentos xerais do Estado, desaparecendo así a restrición de incremento retributivo para 2018.
O resto das subas serían de 75€ para 2019 e de 50€ para 2020, acadando un incremento total de 225 euros.
Negociación global, non só económica
Con todo, para as/os representantes do comité de folga os temas a abordar terían que ir máis alá da cuestión económica, temas que foron presentado punto por punto, limando asperezas na cuestión das amortizacións das 106 prazas previstas e no tema das 36 prazas de consolidación, posteriormente abordouse a cuestión as amortizacións e finalmente chegouse ao das baixas por incapacidade temporal. Un punto no que “a negativa da administración foi rotunda”, afirma o representante da CIG que explica que “consideraron que a distancia aínda era moita”.
Con todo, os representantes de Función Pública e Xustiza da Xunta de Galiza comprometéronse a volver convocar unha nova xuntanza esta mesma semana para seguir avanzando na negociación, polo que se manteñen as mobilizacións previstas, incluídas as manifestacións que previsibelmente se celebrarán o xoves ás 12:00 horas en todas as cidades galegas. Ademais entre este martes e o mércores, onde non sexa festivo, están convocadas asembleas para expor a todo o persoal do sector o falado na xuntanza.