Novas por contido

Pasou a época de vacacións e a maior parte do persoal xa está reincorporado ao seu posto nos centros de traballo. Función pública comprometérase a regular o teletraballo adaptando a situación sanitaria. Desde entón non tivemos ningunha nova, nin borradores nin reunións da comisión de seguimento.

A evolución da pandemia do Covid-19 na Galiza nos últimos días aconsella implantar medidas urxentes en relación coa presencialidade do persoal nos centros de traballo.

Ademais, ante o próximo comezo do curso escolar da ensinanza obrigatoria, e posto que as actuacións previstas ante a aparición de positivos nas aulas poden provocar o confinamento preventivo ou corentena dos cativos/as (non positivos) e das súas familias, é necesario desenvolver un permiso específico para poder proceder ao coidado dos menores ou para realizar o confinamento familiar coas garantías necesarias. Tamén é necesario un permiso similar no caso do peche de centros de día.

Desde a CIG solicitamos a convocatoria urxente da Comisión de Seguimento do Protocolo para a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención Covid-19.

A CIG presenta denuncia en materia de prevención de riscos laborais, contra a Consellería de Política Social e a súa xefa territorial en Ourense polas ameazas de descontos salariais emitidas pola direccion da residencia de maiores nosa señora dos Milagres en Cabeza de Vaca.

As probas PCR son obrigatorias nestes centros sociosanitarios como indica a Orde do 15 de agosto de 2020, sobre medidas no Acordo do Consello da Xunta de Galiza, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Así no protocolo conxunto da Consellería de Sanidade e da Consellería de Política Social para establecer as medidas específicas que deberán adoptarse nos centros sosiosanitarios, na realización de probas PCR ao persoal dos centros residenciais indica no seu punto 4.3: "Para realizar a PCR, o/a traballador/a contactará co profesional médico de atención primaria que ten asignado. A proba deberá realizarse nun período máximo de 72 horas antes da súa incorporación ao traballo e non se incorporará a traballar ata coñecer o resultado negativo da proba”.

A directora deste centro residencial de maiores da Xunta expuxo no taboleiro unha nota interior dirixida a todo o persoal co Asunto: “probas PCR traballadores”. Nesta nota informativa pon textualmente: “en caso de non dispoñer do resultado nesa data, os días non traballados correrán a cargo do traballador/a”. Esta orde é a que foi denunciada ante a inspección pola CIG-Autonómica de Ourense.

O persoal esta a ter problemas aínda que acudan con antelación requirida para que nos centros de saúde lle fagan a proba PCR previa a volta do período vacacional, baixa, permisosou nova contratación. Esta ameaza de desconto salarial inédita é desproporcionada supón un abuso de autoridade que deixa en desamparo ás traballadoras das residencias.

A día de hoxe os medios de comunicación logo da nosa denuncia, aseguran que a dirección recuou na sua pretensión de descontar ao persoal, porén seguimos a loitar para que situacións destas non se volvan a repetir.

O persoal técnico de incendios continúa despois dun mes coa folga, a persares das represalias e vulneracións da consellería do Medio Rural ao dereito fundamental de folga, e inicia o 2 de setembro "Os mércores verdes"; concentracións ao longo das catro provincias galegas que pretenden trasladar á sociedade a importancia do traballo realizado desde o servizo público para manter "verde" a nosa paisaxe e que se resume en: "Fronte ao lume, silvicultura".

O calendario previsto é o seguinte:
- Concentración en Ourense o día 2 de setembro, ás 11 horas.
- Concentración en Santiago de Compostela o día 9 de setembro, ás 11 horas.
- Concentración en Pontevedra o día 16 de setembro, ás 11 horas.
- Concentración na Coruña o día 23 de setembro, ás 11 horas.
- Concentración en Lugo o día 30 de setembro, ás 11 horas.

Na primeira concentración que se celebrará en Ourense diante do centro de coordinación provincial de incendios forestais (Rúa Villamil e Castro, s/n -Prado Lonia-), pedirase ao mesmo tempo algo tan básico como "Diálogo, Diálogo, Diálogo" para iniciar o camiño dun "NovoAcordoXA!!!".

Os mercores veredes

 

COMUNICADO CONXUNTO

A Consellería do Medio Rural está a vulnerar os dereitos fundamentais do persoal técnico do servizo de prevención de incendios forestais en represalia pola folga indefinida que mantén o colectivo dende o 1 de agosto.

A Consellería do Medio Rural ven de aplicar descontos ilegais nas nóminas do persoal técnico do SPIF, coa finalidade de “amedrentar e desmobilizar” a quen está a secundar a folga indefinida.

En represalia polo éxito da folga convocada e secundada de forma maioritaria polo persoal técnico do SPIF dende o 1 de agosto, Medio Rural ven de aplicar descontos salariais ilegais nos días en que os traballadores prestan servizos en cumprimento dos servizos mínimos.

CIG, CCOO, CSIF e UGT denuncian que, a pesares do estrito cumprimento dos servizos mínimos estipulados pola Administración, que dan fe da máxima responsabilidade e compromiso do colectivo có servizo público de prevención e extinción de incendios, a Consellería decidiu, en un claro acto de mala fe, coaccionar aos traballadores aplicando descontos ilegais nos días de traballo por servizos mínimos, incumprindo a normativa vixente e tentando de forma ilegal impedir o exercicio do dereito a folga.

Dende a CIG, CCOO, CSIF e UGT cualificamos esta actuación de antidemocrática, antisindical e contraria aos dereitos fundamentais e ás liberdades públicas.

CIG, CCOO, CSIF e UGT denunciamos que a Consellería segue a desoír os permanentes chamamentos ao diálogo feitos dende as organizacións sindicais e non fai máis que aumentar a crispación dun colectivo, que xa leva máis de 27 meses reclamando á Administración que se sente a negociar.

Por todo elo, dende as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, e o comité de folga do persoal técnico forestal, comunicamos aos traballadores afectados o noso acordo para formular a correspondente demanda xudicial por vulneración grave de dereitos fundamentais, reclamando na mesma o cese inmediato desta actuación e a reposición integra das cantidades retidas de xeito ilegal.

CIG-Autonómica denuncia niveis de hixiene mesmo inferiores aos do curso pasado.

A CIG-Autonómica denuncia que a consellería de Educación non prevé o aumento do persoal de limpeza nos seus centros educativos e alerta de que as escolas de Infantil, Primaria, institutos de ESO, Bacharelato, educación especial, escolas oficiais de idiomas, conservatorios e Formación Profesional da Xunta de Galiza van abrir as portas sen a seguridade suficiente fronte ao COVID-19 ao non poder garantirse a hixiene, desinfección e limpeza axeitada das súas instalacións.

Para a CIG é inasumible o “Protocolo” que pretende impor a Xunta porque aumenta as tarefas de limpeza sen aumentar o cadro de persoal. A este respecto denunciamos que Educación pretende, segundo se desprende do protocolo, que haxa persoal nos centros polas mañas, durante aproximadamente 3 horas cada día, e que se limpen determinadas zonas varias veces no día. Entón, quen vai facer a limpeza de tarde se se traslada unha persoa para a mañá, se antes este persoal xa tiña unha elevadísima carga de traballo e non lle sobraba tempo de xornada para facer máis?”

Co traslado dunha persoa de tarde para tarefas COVID para a mañá provócase que, na práctica, non se dea feito unha limpeza ordinaria pola tarde e moito menos unha limpeza COVID.

Limpeza covid

Na limpeza COVID hai que facer un varrido e fregado de todas as superficies, como se se tratara dunha limpeza xeral, pero nun só día. Como exemplo poñamos nun instituto medio de 700 alumnos/as, con tres limpadoras/es para duas entradas, tres laboratorios, unha biblioteca, seis zonas de baños cos seus servizos e duchas, pavillón e ximnasio, salón de actos, secretaría, conserxería, sala de atención ás familias, zona de despachos de dirección e despachos de departamentos, sala de profesorado, patio cuberto e beirarrúas de acceso.

Ante este listado abrumador de labores, é imposíbel que dúas persoas limpen todas as superficies de contacto cada día e, algunhas delas, varias veces ao día.

O ratio actual de persoal de limpeza nos centros educativos é de 1800m2 por cada limpador/a e en base a isto deséñase o cadro de persoal. Nel están incluídos servizos cos wc, alicatados, mesas, cadeiras, ventas, portas, manillas, mamparas e cristaleiras de conserxería, laboratorios con cada fregadeiro e banqueta, estanterías, mesas da sala de profesorado, taquillas, entradas, sala de comedor ou cafetería, patios... Un traballo xa de por si duro e mal valorado, para o que, desde a CIG, levamos anos pedindo a súa revisión e que agora co COVID non só non se revisa e aumenta o persoal senón que se incrementa a carga de traballo, por parte da consellería de Educación con autoritarismo e sen ter en conta ao persoal afectado, nin á súa representación legal e mesmo obviando aos Comités de Seguridade e Saúde laboral.

A maiores, este persoal non recibiu formación algunha en materia de prevención fronte ao COVID, nin se sabe de que EPIs van dispor, sobre todo para limpar zonas de alta concentración de virus, como poden ser os WC e lavabos ou se disporán de servizo de lavandaría para desinfectar a súa roupa de traballo.

Diante desta situación, a CIG-Autonómica conclúe que estamos diante dunha desfeita que deixa en grave risco ao colectivo de traballadoras e traballadores máis vulnerable fronte ao COVID.

  • As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT denunciamos publicamente que a Consellería de Medio Rural está vulnerando o dereito fundamental na Folga indefinida do persoal técnico do servizo de prevención de incendios forestais da Xunta de Galiza.
  • A Consellería de Medio Rural ven de practicar o "esquirolismo patronal", ao entregarlle a dirección de obras a persoal alleo á Administración, entre outras prácticas que vulneran o dereito á liberdade sindical.

O persoal técnico forestal do SPIF, denuncia que a Consellería de Medio Rural carece de estratexia e de plan de traballo para as persoas encargadas de coordinar a loita contra os incendios forestais no noso País. O colectivo está en folga indefinida desde o 1 de agosto e denuncia irregularidades por parte da Consellería do Medio Rural na aplicación dos servizos mínimos legalmente establecidos.

O vixente acordo que regula as súas condicións de traballo, que data do ano 2008, está desfasado, entre outras razóns, polos cambios na Consellería, pola distribución de persoal e polas condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais e porque o número de técnicos actualmente é insuficiente para afrontar todos os retos que require o coidado e aproveitamento dos nosos montes. Por este motivo non está asegurada a capacidade de resposta do sistema e do cadro de persoal ante unha situación tan difícil como son os incendios forestais, o que deixa desprotexido o servizo publico. Este acordo foi denunciado polas catro organizacións sindicais o 30 de agosto de 2019, despois de tentar a súa modificación desde maio de 2018, xa que require actualizar diversos preceptos da normativa laboral, polo que é necesario acadar un NOVO ACORDO que dea como mínimo solución aos seguintes conflitos:

  • Aumento do cadro persoal que garanta un mellor servizo público de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.
  • Transformación do exceso de xornada anual (500 horas de dispoñibilidade), na contratación de mais técnicos por distrito.
  • Regulación do traballo en fins de semana, festivos, e período estival, mediante gardas e descansos compensatorios.
  • Distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais.
  • Eliminación da dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito, establecendo un/ha segundo xefe/a de garda por distrito forestal.
  • Regulación da segunda actividade.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, ante o nulo avance das negociacións dun novo acordo que recollese estas reivindicacións do persoal técnico de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, acordamos convocar unha folga indefinida desde o día 1 de agosto de 2020.

No desenvolvemento da folga e na aplicación da Orde de servizos mínimos, que inicialmente foron pactados, estanse a producir determinados incumprimentos e comportamentos ilícitos que resumimos nos seguintes puntos:

  • Externalización da dirección dos contratos de obra, substituíndo ao persoal técnico que está en folga por persoal alleo, practicando o que se denomina “ESQUIROLISMO PATRONAL”.
  • Imposición de cambio de cuadrantes e calendarios de traballo, o que supuxo que en determinados días e distritos se pasase, dos servizos mínimos pactados do 66%, a uns servizos mínimos do 100%. Ademais, a modificación dos cuadrantes e calendarios de traballo dos xefes de distrito, provocou que se incumpra, durante dous días cada semana e nos 19 distritos, a presenza en servizo mínimo dun xefe de garda nos centros de coordinación de distrito.
  • Modificación a través dunha instrución da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal do procedemento de entrega, recepción e seguimento dos lotes de madeira en xestión pública; encomendando determinados traballos que lle corresponde realizar ao persoal técnico dos distritos forestais que secunda a folga a outros colectivos, coa única finalidade de “rebentar ou minimizar os efectos da folga”, nun claro acto de vulneración da liberdade sindical.
  • Presións, coaccións e pseudo ameazas, para que se realicen os informes e executar distintas tramitacións non recollidas dentro da orde de servizos mínimos, que establece claramente que o traballo a realizar en período extraordinario serán só "para as tarefas de coordinación e de dirección de medios de extinción de incendios".
  • Envío de correos selectivos, o pasado venres 21 de agosto, e non a todo o persoal afectado pola folga, correos, baixo o pretexto de facer o seguimento da mesma, onde se daban instrucións de notificar no caso de deixar de secundar a folga (unha clara intromisión no libre exercicio do dereito de folga).

Pois así as cousas, as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT e o Comité de Folga do persoal técnico forestal acordou formular a correspondente demanda xudicial, por vulneración grave do dereito fundamental do exercicio de folga, así como a posible prevaricación do Sr. Conselleiro e da Secretaria Xeral Técnica de Medio Rural, por externalizar a dirección de obras “a propósito” de que estaban facendo algo que a xurisprudencia recolle como “ESQUIROLISMO PATRONAL”.

A falta de diálogo e negociación da consellería do Medio Rural empurrou ao persoal técnico de incendios forestais a iniciar o 1 de agosto unha folga indefinida; sen resposta algunha por parte da Administración no que vai de mes. Na actualidade o seguimento da folga é masivo (por riba do 80%, exceptuando o persoal de libre designación) e continuado na totalidade dos distritos forestais e nos catro centros de coordinación provinciais.

Ante esta situación as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, convocan concentracións de apoio á folga nas catro provincias, con carácter rotativo cada dous días. Na provincia de Lugo celebrouse o luns 17 de agosto a oitava mobilización no décimo sétimo día de folga indefinida co lema “Se somos esenciais, Novo Acordo Xa!!!!”, no que se pretende resaltar a situación duns profesionais considerados “esenciais” na súa labor de traballo de emerxencias e que pola contra a Administración fixo deixadez de funcións ao non negociar un novo acordo de condicións de traballo. O actual acordo (do ano 2008) foi denunciado fai un ano e está desfasado polos cambios na consellería, distribución de persoal e condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais. Co acordo vixente, non temos asegurada a capacidade de resposta do sistema e do cadro de persoal ante unha situación tan difícil como son os incendios forestais o que deixa desprotexido o servizo publico.

As vindeiras mobilizacións celebraranse nas seguintes datas e lugares:

  • Ourense: 19 de agosto - Rúa Villamil e Castro, s/n (Prado Lonia) 32004
  • Pontevedra: 21 de agosto - Rúa María Victoria Moreno nº 43, 36003.
  • A Coruña: 23 de agosto - Rúa Vicente Ferrer 2, Monelos, 15008.

O DOG do 17 de agosto vén de recoller a resolución da Consellería de Política Social para a apertura das escolas infantís o 1 de setembro baixo a sombra da Covid-19, sen a existencia dun protocolo preventivo válido e consensuado.

A Xunta acorda abrir os servizos e centros de atención á infancia como son as escolas infantís 0-3 anos, os puntos a atención á infancia, casas niño, espazos infantís e ludotecas, sen un protocolo válido de actuación preventivo consensuado nin tratado no respectivo Comité de Seguridade e Saúde Laboral. O texto de protocolo que teñen pendurado na web de Politica Social é de imposible cumplimento se non se amplían os medios humanos e materiais. En conclusión: a Xunta quere unha incorporación a custe cero. 

Destacamos que non se fixeron as preceptivas Avaliacións de riscos laborais dos centros ao risco biolóxico do COVID19 e que tampouco se adaptou o seu “Plan de reactivación no ámbito infantoxuvenil en relación ca infección polo virus SARS-COV2.

Demandas da CIG:

  • Asegurar a protección das traballadoras, especialmente sensibles e embarazadas.
  • Negociación do Protocolo de incorporación cos cativos/as.
  • Avaliación de Riscos Laborais e adaptación do protocolo a cada centro de traballo por persoal especializado xa que cada centro é diferente.
  • Establecer unha persoa directora e coordinadora para COVID-19 formada e liberada da actividade docente nas aulas.
  • Negociación de carteleiras de traballo e revisión das solicitudes de conciliación e flexibilización do persoal.
  • Axustar o horario dos centros á matricula actual ó establecemento de burbullas ou illas de convivencia que dificulten o espallamento o contaxio negociada co persoal.

Dende a CIG-Autonómica entendemos que ás escolas infantís igual que outros servizos públicos deben funcionar coa máxima normalidade posible pero parecenos unha irresponsabilidade social intolerable da Xunta de Galiza que se faga sen seguridade.

As traballadora embarazadas das Escolas Infantís do Consorcio, teñen recoñecido o risco biolóxico para o embarazo e a lactancia natural dende o momento que o comunican á empresa (se ben é certo que a pesares de denunciar en repetidas ocasións, a Mutua demora a suspensión do contrato até as tres semanas que lle permite a Lei).

Pois ben, neste momento, a Mutua está dando as suspensións de contrato a partir da semana 20 de embarazo, polo que non se contempla o risco biolóxico recoñecido até o de agora (anterior ao risco por COVID).

Non se teñen en conta nin a sentenza do TSXG, que recoñece o risco biolóxico, nin o que recolle a avaliación de riscos de Qualtis e mais o documento de postos exentos de risco para o embarazo e a lactancia natual, que establecen que hai que apartar do servizo a estas traballadoras.

Ademais dalgunha certificación que xa lle chegou a algunha traballadora, están dicíndolle de palabra, cando van facer a xestión, que o risco vai considerarse dende a semana 20.

Dende non hai moito tempo a Mutua manda facer probas serolóxicas para ver a inmunidade, pero obvia que os citomegalovirus e parvorirus (frecuentes en crianzas de cero a tres anos) non producen inmunidade aínda que se teñan pasado, e xeran malformacións e abortos.

É importante que as traballadoras embarazadas se manifesten por escrito en desacordo coa Mutua, coa certificación a partir da semana 20 porque, se non rectifican, haberá que adoptar, en cada caso, as medidas que se estimen oportunas.

No DOG do 04/08/2020 publican a Resolución pola que se amplía o prazo para expedir e presentar a certificación dos méritos emendados para o concurso de traslados de corpos xerais.

- Expedición dos certificados de xustificación dos méritos por parte das unidades de persoal: ampliado ata o 29 de setembro de 2020.

- Presentación, por parte dos/das concursantes, dos certificados realizados polas unidades de persoal: ampliado ata o 9 de outubro de 2020.

Outras novas recentes

Xoves, 16 Mai 2024

Sonia Rodríguez-Campos González suprime na EGAP os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, vixentes dende hai 38 anos

Rueda dá un paso máis na vergoñenta desgaleguización da Xunta de Galiza da man de Sonia Rodríguez-Campos González, directora da Escola A Xunta de Galiza creou polo Decreto 163/1982, do 1 de decembro, a E.G.A.P., co carácter de órgano administrativo sen personalidade xurídica propia. Posteriormente, mediante a Lei 4/1987 pasou a ser unha entidade autónoma dependente da...
Mércores, 15 Mai 2024

Souto de Leixa: o público é servizo, o privado beneficio

O goberno de Alfonso Rueda volve a ofertar a mans privadas a xestión do centro ocupacional Souto de Leixa, que atende a persoas adultas discapacitadas, e que xa leva varios lustros dunha desastrosa xestión privada. Nesta ocasión queren concederlle unha concesión por 12,7 millóns en 4 anos. Alá polo ano 2010 as nais e pais de alumnado do centro “Souto de Leixa” agardaban...
Mércores, 15 Mai 2024

Convocado o concurso de traslados da Administración xeral da Comunidade Autónoma

No DOG do 15/05/2024 publican a Resolución do 13 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEPAP, antiga D.X. de Función Pública), pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza. Observación 1: neste momento NON se solicitan as prazas...