Novas por contido

O Consorcio, por libre, como sempre. Dálle igual pasar por riba da Constitución e da Lei e Emprego Público

A Comisión de listas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB), adoptou a decisión unilateral de modificar as bases das listas de contratación en canto á notificación dos chamamentos, que pasa a ser exclusivamente a través do sistema notifica.gal. Esta decisión non foi nin negociada nin comunicada á representación sindical.

A CIG enviou escrito ao director xeral de Función Pública esixindo a revogación da referida decisión da Comisión de listas, e reiteramos unha vez máis que:

  1. As listas de contratación do CGSIB non cumpren cos preceptos constitucionais de publicidade e transparencia.
  2. Os ámbitos de chamamentos son provinciais, polo que o persoal chamado ten que aceptar contratos cunhas distancias do seu domicilio que non lles permiten conciliar a súa vida persoal e laboral e, a maior parte deles, no ámbito rural e sen transporte público. Por outro lado os contratos precarios que se lles ofertan non lles permiten, en moitos casos, cubrir os desprazamentos e/ou aloxamento.

  3. A Comisión de Seguimento de listas do Consorcio non ten presenza nin control sindical.

  4. Adóptanse acordos unilaterais claramente lesivos para o persoal substituto.

Dende a CIG esiximos a revogación deste Acordo e a transparencia e publicidade nas listas de contratación do Consorcio, mentras non estean integradas nas da Xunta, segundo o Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

TRANSPARENCIA NAS LISTAS DE CONTRATACIÓN XA!!

Na CIG entendemos que o teletraballo é unha modalidade na prestación do servizo que veu para quedarse. Quedou máis que demostrada a súa eficacia tanto na prestación do servizo como, sobre todo, na conciliación da vida laboral e familiar do persoal.

Durante a vixencia do estado de alarma detectamos no persoal que estivo e está a teletraballar, grandes carencias de formación en temas de: administración electrónica, protección de datos, seguridade, teletraballo, etc. Se a iso lle engadimos que as persoas expertas falan de posibles rebrotes da pandemia no mes de outubro (ou mesmo antes), urxe dar unha solución a estas carencias formativas.

A modo de exemplo, na oferta formativa da EGAP hai cursos que cubrirían perfectamente as necesidades formativas do citado persoal:


CV19046 - Implantación da administración electrónica na Xunta de Galicia: REXEL, sede electrónica e NOTIFICA
CV20017 - Certificados electrónicos e sinatura electrónica. Uso de certificados electrónicos no contexto da Xunta de Galicia.
CV20015 - Tramitación electrónica integral na Xunta de Galicia no marco da Lei 39/2015
FC20012 - O teletraballo no sector público de Galicia.
AF20045 - Iniciación á Administración electrónica. Seguranza da información e protección de datos
CV20012 - Seguridade da información na Xunta de Galicia


A maiores, necesítase formación específica sobre a prevención de riscos laborais no teletraballo.

A oferta formativa debe ser o suficientemente ampla para chegar a todo o persoal así como facilitar esa formación tamén na modalidade de autoformación.

Desde a CIG enviamos escrito á EGAP e á Xunta de Galiza solicitando unha oferta axeitada que cubra as necesidades formativas do persoal que está a teletraballar.

Por cuarto xoves consecutivo, o persoal dos centros de atención directa (residencias de maiores, centros de menores, centros de atención a persoas con discapacidade, centros residenciais, etc.) volveuse mobilizar para esixir a recuperación dos dereitos recortados en 2012. Porén, a conselleira de Política Social segue negando unha saída negociada ao conflito e facendo oídos xordos ás xustas reivindicacións dos seus traballadores e traballadoras.

A este respecto, CIG, CCOO, CSIF e UGT lembran que o persoal dos centros dependentes da Consellería de Política Social actuaron desde o primeiro momento coa máxima dedicación, compromiso e profesionalidade para tentar frear a afección da pandemia; pero despois de catro xoves de concentración continuados, Fabiola García aínda non se dignou a chamar as organizacións sindicais convocantes para preguntarlles que están a demandar.

Un servizo público digno e eficaz, única garantía para unha atención de calidade

O que reivindica o persoal non é outra cousa que unha aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos e de cualidade; o incremento de prazas públicas e de xestión directa; a recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados; a transformación de todos os contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa; así como a posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria.

Para a CIG, a única forma de que haxa unha garantía de calidade para a atención das persoas maiores, das persoas dependentes, menores e con discapacidade é un servizo público digno, eficaz e de cualidade. Por iso non se entende como a Xunta mantén recortados os dereitos do persoal empregado público dende o ano 2012, cando, baixo a escusa da crise económica, suspendeu a aplicación de varios artigos do V Convenio Único para poder obrigar ao persoal a traballar tres fins de semana consecutivos ou que non teñan dous días de descanso á semana.

Aínda hai persoal de Política Social trasladado a centros privados

Xunto a isto, malia a présa que se deu o Goberno de Feixoo para que Galiza fora a primeira autonomía en saír do estado de alarma, Política Social continúa tendo persoal trasladado para traballar nas residencias privadas, co custe que isto ten para o conxunto das arcas públicas e para o propio persoal que se atopa cunhas condicións moi precarias, achegando o seu esforzo para beneficio das residencias de fundacións relixiosas, de multinacionais e de fondos voitre.

As protesta continuarán

Ante a falta de interlocución, a representación sindical mantén o calendario de mobilizacións e accións de protesta para defender as xustas reivindicacións laborais do persoal, pois resulta inaceptábel que sigan cos dereitos recortados e discriminados fronte a outros colectivos aos que se lle compensan os domingos e festivos traballados, ou mesmo teñen redución da xornada máxima anual por traballar de noite.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT realizan esta convocatoria ante a paralización das negociacións dun novo acordo que regule as condicións de traballo do persoal técnico de incendios da consellería do Medio Rural. A mesa de negociación leva aberta desde o pasado 9 de agosto de 2019, sen que ata hoxe a Administración fose quen de presentar ningunha proposta despois de reiteradas peticións de continuidade das reunións por parte das organizacións sindicais (13/02/2020 e 09/06/2020) e tendo en conta que o periodo extraordinario comezará o vindeiro 1 de xullo.

Este persoal conta cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 que se demostra desfasado polos cambios na consellería, distribución de persoal e condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais; e que foi denunciado polas catro organizacións sindicais o 30 de agosto de 2019. Así, o acordo de 2008 contradí varios preceptos da normativa laboral, polo que reclamamos un NOVO ACORDO que dea como mínimo solución aos seguintes conflitos:

  • Aumentar o cadro persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.
  • Redución do horario anual que supera as 2000 horas.
  • Regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 días de vacacións no verán.
  • Distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.
  • Eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito e establecer un/ha segundo xefe/a de garda por distrito forestal. Diminuír a interinidade, que é do 50%, engadindo todas as vacantes na seguinte oferta de emprego público.

CONCENTRACIÓN LUNS 22 DE XUÑO ÁS 11H
DIANTE DA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
DO PERSOAL TÉCNICO DO SERVIZO DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS DA XUNTA
PARA RECLAMAR UN NOVO ACORDO

No DOG do martes 16 de xuño, e en relación ao concurso de gardacostas, o director xeral de Función Pública dinos que decidiron ampliar tres meses o prazo de resolución do concurso de traslados das escalas de gardacostas, porque “A complexidade e transcendencia dos asuntos para debater no seo da comisión requiren que esa/s reunión/s teñan lugar de xeito presencial, a concentración de todos os membros da comisión nun mesmo recinto non resulta aconsellable...”.

Que non se pode baremar ás 48 persoas admitidas porque a comisión non se pode reunir na etapa de “nova normalidade” habendo espazos dabondo onde facelo cunha distancia de 7 légoas entre eles é tomarnos por idiotas.

Ou sexa que en menos dun mes podemos ir votar e os membros das mesas teñen que estar todo o día alí xuntos, pero os membros dunha comisión de valoración non se poden reunir ata setembro.

É isto o que espera non só ao concurso de gardacostas senón tamén ao concurso xeral e aos procesos de libre e promoción interna que están na fase de valoración de méritos ou posterior?

Coa cara máis dura que o cemento, en consonancia, a xustificación tiña que ser igual de basta e pouco sofisticada.

O martes 9 de xuño recibimos o borrador de criterios de reparto do FAS-2019. Un ano máis, continuan os recortes iniciados no ano 2011 que deixaron o FAS en case nada.

A proposta de reparto repite a práctica desaparición do FAS que comezou no 2011 coa liquidación de máis de 7 millóns de euros e a limitación a unha única modalidade, a de atención a persoas con discapacidade. 

En todos estes anos o goberno de Feijoo non amosou a máis mínima intención de reverter os recortes do FAS. Xa que logo, as alegacións da CIG volven ser similares ás de anos anteriores, tendo en conta que, a maiores, nesta ocasión procede discutir a conveniencia ou non de incorporar medidas para minguar posíbeis consecuencias do COVID-19 no persoal empregado público da Xunta de Galiza (por exemplo, a necesidade de dixitalización do persoal e dos seus fillos e fillas).

Non podemos perder o horizonte de que o obxectivo do FAS non é unha retribución pola categoría profesional ou o traballo realizado, senon unha acción que axude a mitigar a maior ou menor carga económica que sufra un/unha empregado/a público/a en función das súas circunstancias familiares, sanitarias, sociais.. 

A primeira circunstancia é xa a económica: un mesmo gasto ten unha maior incidencia nas rendas máis baixas. Por eso, a CIG defende unha distribución dos importes do FAS inversamente proporcional ao nivel de renda das familias. 

Queremos recuperar todas as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes do 2011 (gastos por estudos do persoal ou fillos/as, gastos bucais, gafas, etc. E a partir de aí, falamos. 

O importe global actual é ridículo. Mantemos a nosa reivindicación de chegar ao 1% da masa salarial. Pero como mínimo, para comezar a discutir, recuperar os importes subtraídos no 2011. Para facernos unha idea do que falamos e da evolución que esto levou, vai un cadro coas modalidade e importes dos anos 2010 e 2019:

 

FONDO DE ACCIÓN SOCIAL

2010

2019

 CONTÍA GLOBAL

 9.136.392 € 

 2.000.000 € 

 CONTÍAS MÍNIMAS POR MODALIDADES

Atención á discapacidade 1.300 € 2.160 €
Xubilación 3.500 € 0 €
Fillos/as menores 150 € 0 €
Estudo de fillos/as 90 € 0 €
Estudo do persoal da Xunta 200 € 0 €
Adquisición de vivenda 1.532 € 0 €
Maiores a cargo 200 € 0 €
Gastos sanitarios (tratamentos, próteses) 60 € 0 €
Gastos sanitarios (produtos alimentarios) 60 € 0 €

 

Para rematar, queremos compatibilizar as axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar camiña á inversa e no canto de pular por uns servizos sociais públicos e de calidade, afonda no modelo de xestión privada que tantas mortes e sufrimentos provocou na crise sanitaria do COVID-19.

Recentemente vense de iniciar un procedemento de licitación, aínda sen resolver, do servizo asistencial de atención diurna dos centros de atención a persoas maiores de Cd Begonte. Cd Cospeito, Cd Lourenzá, Vc Alfoz (vivenda comunitaria), Cd A Pobra Do Caramiñal, Cd Vilagarcía, Cd Rois, Cd Curtis, Cd Miño, Cd Oleiros-Galeras, Cd Culleredo, Cd As Pontes, Cd San Sadurniño, Cd Ferrol – Caranza, Cd Ferrol – Esteiro, Cd Ares, Cd Vigo-Coia, Cd Vigo-Valadares, Cd Baiona, Cd Mondariz, Cd O Porriño e Cd Tomiño.


Durante a pandemia da COVID-19, as persoas dependentes foron as máis vulnerables ante a infección polo virus e, especialmente, as persoas usuarias de institucións residencias. Esta situación, que se traduciu nunha intolerable mortalidade afectou, sobre todo, aos centros privados e tivo moita menor incidencia nos centros públicos que, a pesar dos recortes en persoal só superados pola manifesta profesionalidade das empregadas e empregados públicos, foron moito máis eficientes na protección das persoas usuarias.

Os centros de atención diúrna, ao estaren pechados, non participaron desta situación de desatención das persoas. Porén, ante a inminente apertura destes centros de día e para a protección da saúde e a vida das persoas dependentes, na CIG consideramos obrigada e imprescindible a reversión da xestión á titularidade pública e así o vimos de solicitar nuns escritos dirixidos á Xerencia do Consorcio, á Secretaría Xeral Técnica e á conselleira de Política Social.

POR UNS SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS E DE CALIDADE!

Comezou a consellaría decindo que se aprobaran os protocolos específicos revisados na anterior reunión indicando que os van publicar porque xa foron aprobados (supoñemos que unilateralmente pola consellaría), que incluíran algunhas apreciacións como a intensificación das limpezas, o coidado coa ventilación e algunha apreciación sobre a subministración de máscaras e adaptacións sanitarias.

Sobre os protocolos especificos que presentaban comentamos as alegacións que xa achegáramos por escrito, que (ademais do indicado na reunión anterior de esixir a prolongación do teletraballo, as dispensas por persoas con persoas a cargo, a esixencia de inspección de todas as ventilacións forzadas ou a subministración de máscaras para todas as persoas traballadoras) se resumen en:

Sobre a inspección de comercio na petición de dotación de medios electrónicos para non usar pepel cumprindo co protocolo  (PDAs como outras inspeccións) e sobre as indicacións para a limpeza de automóbiles reclamamos que se unificasen todos para que non houbese indicacións diferentes en cada un deles; sobre a recomendación de non haber intercambio de veículos dixemos que non se pode cumprir ao ter que usar os do parque mobil por carecer a inspección de automobil proprio.

Sobre os SMAC, xa na anterior reunión perguntáramos en que situación estaban e como sería a reincorporación e contestaron que os espazos garantían a separación entre traballadores, que a atención sería por cita e con potenciación de conciliacións telemáticas, para o que estaban trballando coa Amtega para os equipamentos e para a formación dos traballadores.

Sobre os centros de formación insistimos no caso do Centro de Novas Tecnoloxías co GAIN para que se marcasen claramente os fluxos de circulación e a separación de persoas de ambos centros.

Sobre o protocolo específico dos centros de formación, no que están incluidos os CIFP, indicamos a necesidade de especificar en cada apartado recomendacións que se dan, no mesmo protocolo, máis adiante, como a instalación de colectores de residuos con pedal, a hixienización de luvas no caso de usalas, e a información por medios de cartaces sobre medidas xenéricas de hixiene e coidado, distancias e aforo máximo de persoas por cada local. Tamén sobre os aseos, que se sinalizase claramente quen poderá facer uso deles: público xeral, alunado, funcionariado, profesorado...

Dos Centros de formación contestou especialmente ao Centro de Nova Tecnoloxía indicando que falaron co GAIN e que a información que deron é que as medidas que tomaron garanten a separación de espazos e que fixeron unha reordenación  e colocaron anteparos. Que a instauración de turnos só a contemplaban cando os espazos non permitan a adaptación e a separación.

O xefe territorial de Ourense comentou que no SMAC hai duas conciliadoras e unha sala equipada para quen non teña medios telemáticos e que o control de acceso está garantido porque o edificio en que están conta con seguridade privada.

Mentres o SERGAS publica unha resolución onde se establece un procedemento telemático para a elección de destino dos aspirantes que superaron procesos selectivos na Administración xeral non se move nada.

Hai unha serie de procesos selectivos, tanto libres como de promoción interna, que como sinalábamos aquí, só lles falta ou publicar unha resolución da baremación provisional de méritos ou da definitiva, ou incluso que simplemente falta publicar a resolución de aprobados ou convocar o acto de elección de destino.

Pero Función Pública prefire avisarnos con dous meses de antelación que agosto vai ser inhábil a efectos de cómputos de prazos destes procesos.

Para solucionar este asunto NON FAI FALTA ningunha acción extraordinaria. Basta con sacar as resolucións XA, porque en moitos casos nin sequera hai ningún prazo aberto.

E o que realmente FAI FALTA é vontade. E aquí son tan culpábeis a Administración como as persoas que forman parte dos tribunais. Eles tamén son os responsábeis de que procesos que se poden realizar en varios meses estean paralizados varios anos.

E tamén compre cambiar determinados actos como fixo o SERGAS substituíndo o ridículo “bicamáns” das eleccións de destino por un procedemento telemático.

Mentres, empregados públicos da promoción interna están perdendo dereitos, entre eles os de natureza retributiva, ao grao, aos trienios, ao complemento de carreira profesional, á mobilidade, e no caso dos aspirantes de libre a TODOS os dereitos inherentes á súa condición de persoas funcionarias.

A que esperan os tribunais e Función Pública?

Un ano máis, Función Pública perpetúa a discriminación a gran parte do seu persoal ao non aplicarlle o horario de verán.

No canto de regulamentar o horario de verán de xeito permanente, a Dirección Xeral de Función Pública enviou unha nota informativa que é un corta e pega das notas informativas de anos anteriores.

O horario de verán vai adiante sen negociación coas organizacións sindicais. Pese a compremeterse a remedialo, o director xeral da Función Pública afonda na discriminación e deixa fóra unha vez máis, ao persoal que ten horario especial, traballa a quendas ou xa ten unha redución de xornada previa. A CIG demanda que o horario de verán sexa de aplicación a todo o persoal, e se non pode ser aplicado que se ofreza algún tipo de compensación en forma de descanso.

Ao tempo, na CIG seguimos a esixir a ampliación do horario de verán para quen teña conciliación familiar, do 1 de xuño ao 30 de septembro, a semellanza do que dispoñen as traballadoras/es da AGE como un dereito consolidado desde o ano 2016:

Por motivos de conciliación da vida familiar e laboral, os empregados e empregadas públicos con descendientes ou persoas suxeitas á súa tutela ou acollemento de ata 12 años de idade, siempre que convivan co solicitante e dependan deste, estando ao seu cargo, poderán acollerse a esta modalidade de xornada intensiva dende o 1 de xuño e ata o 30 de setembro. Este dereito poderá exercerse tamén o ano en que o menos cumpra a idade de 12 anos.

Igualmente poderá acollerse a esta modalidade de xornada intensiva [..] quen teña ao seu cardo persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%, sempre que convivan co solicitante e dependan deste.

E a mesma esixencia mantemos coa famosa bolsa de horas do 5%, vinculada á conciliación, que continúa sen regularse. Na AGE xa a están a gozar hai tempo. Ao longo da negociación do Acordo de concertación que asinaron UGT e CCOO, a CIG defendeu que esta bolsa de horas do 5% non estivese ligada exclusivamente á conciliación, senon que fose de aplicación a todo o persoal, de xeito que se puidese converter nunha especie de “bolsa de horas positivas”. Pero, unha vez máis, non quixeron.

 

Outras novas recentes

Venres, 10 Mai 2024

A CIG solicita unha xuntanza urxente con Medio Rural para tratar as melloras laborais das/os axentes ambientais

A CIG vén de solicitarlle á conselleira do Medio Rural unha xuntanza urxente, dado que vemos necesario tratar os seguintes puntos dos acordos de melloras laborais para a escala de axentes facultativas/os medioambientais: Redacción do regulamento de funcións da nova escala de axentes técnicas/os en xestión ambiental. Grupo B. No momento no que se chegara ao 40% de axentes...
Mércores, 15 Mai 2024

Souto de Leixa: o público é servizo, o privado beneficio

O goberno de Alfonso Rueda volve a ofertar a mans privadas a xestión do centro ocupacional Souto de Leixa, que atende a persoas adultas discapacitadas, e que xa leva varios lustros dunha desastrosa xestión privada. Nesta ocasión queren concederlle unha concesión por 12,7 millóns en 4 anos. Alá polo ano 2010 as nais e pais de alumnado do centro “Souto de Leixa” agardaban...
Xoves, 16 Mai 2024

Sonia Rodríguez-Campos González suprime na EGAP os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, vixentes dende hai 38 anos

Rueda dá un paso máis na vergoñenta desgaleguización da Xunta de Galiza da man de Sonia Rodríguez-Campos González, directora da Escola A Xunta de Galiza creou polo Decreto 163/1982, do 1 de decembro, a E.G.A.P., co carácter de órgano administrativo sen personalidade xurídica propia. Posteriormente, mediante a Lei 4/1987 pasou a ser unha entidade autónoma dependente da...