Novas por contido

Función Pública achegáranos fai unhas semanas o borrador da relación de prazas que pretendían ofrecer ás persoas que superaron os procesos selectivos de auxiliar de enfermería-IV-003 (promoción interna e cambio de categoría) e camareiro/a-limpador-V-001 (acceso libre e promoción interna).

A referida relación de prazas non viña acompañada de ningún tipo de información adicionalo, como o tipo de destino (provisional ou definitivo) ou os criterios seguidos á hora de seleccionar as prazas.

A resposta da CIG foi:

  1. Que informen o tipo de destino. A xuizo da CIG, debe ser provisional xa que non existe un concurso de traslados previo.
  2. Supoñendo que se trata dun destino provisional, que oferten todas as vacantes, agás aquelas que teñan algún impedimento legal.
  3. Que en todo caso, os criterios, sexan ou non conformes co parecer da CIG, sexan aplicados por igual aos postos que estean nas mesmas condicións, evitando discriminacións entre uns e outros.

O mércores pasado recibimos a resposta de Función Pública. O destino será provisional e fixan os seguintes criterios:

Prazas para auxiliar de enfermería: necesitan 40 prazas, non teñen ningunha vacante sen ocupación, non teñen prazas ocupadas por persoal temporal de menos de 3 anos, así que botan man de prazas ocupadas por persoal temporal de menos de seis anos. Total, que ofertan 45 prazas.

Prazas para camareiro/a-limpador/a: necesitan 125 prazas, e coas ocupadas por persoal de menos de tres anos non lles chegan, polo que tamén botan man das ocupadas por persoal temporal de menos de seis anos, ofertanto así 162 prazas.

A CIG non comparte estes criterios, pero unha vez fixados, teñen que aplicalos a todos os casos por igual. Se sabes dalgún posto que non cumpre, contacta coa CIG.

No DOG do 16 de decembro de 2020 sae publicado o prazo de presentación de solicitudes para a segunda actividade no ano 2021. Poden solicitar o pase á segunda actividade as traballadoras e traballadores fixos e temporais das categorías de bombeiros/as forestais que fagan ou teñan feitos xa no ano 2021 os 60 anos de idade, que non estean acollidos á xubilación parcial e que se comprometan a xubilarse á idade legalmente establecida ou, de seren maiores de 65 anos, no prazo dun ano despois de concedida a segunda actividade.

Para os efectos do pase á segunda actividade, as persoas interesadas terán que solicitar no modelo do anexo II os postos de traballo que figuran no anexo I dese anuncio dos centros situados dentro da súa comarca de adscrición. De non haber postos dentro da súa comarca, poderán solicitar simplemente o pase á segunda actividade para realizar tarefas preventivas ou de apoio loxístico ao Servizo de Prevención e Defensa contra
Incendios Forestais sen vinculación directa á extinción de incendios, ben que tamén poderán pedir voluntariamente postos do referido anexo situados noutras localidades e, mesmo, adscrición a comarcas ou distritos distintos daquel en que prestan servizos.

As solicitudes (anexo II) deberán ir acompañadas do compromiso de xubilación (anexo III) e remitiránselle á Consellería do Medio Rural, que será a competente para realizar a proposta de adscrición a segunda actividade á Dirección Xeral da Función Pública, que é a competente para resolver todas as solicitudes presentadas.

Para os efectos de resolver as adscricións á segunda actividade, terá preferencia quen teña destino definitivo no mesmo ámbito, a seguir quen teñan destino provisional e, por último, quen teña o destino definitivo noutro ámbito. No caso de empate dentro das persoas integrantes de cada un dos tres grupos sinalados anteriormente, terá preferencia na localidade quen teña máis antigüidade e, se persiste o empate, resolverase a prol de quen teña maior idade.

Ten a cualidade de estar en dous estados á vez na mesma mesa de negociación sendo empresa e parte social, representando á Xunta e aos seus funcionarios.

No 1935 o físico Erwin Schrödinger formulou un dos paradoxos máis famosos da ciencia a través dun experimento coñecido como o “Gato de Schrödinger” onde para dar cumprimento aos postulados da mecánica cuántica o gato tiña que estar vivo e morto á vez.

Esta cualidade resulta que tamén a ten o SEPGA. Xa describimos aquí ou aquí como os membros de SEPGA participan nas negociacións dende un e outro lado da mesa. Foilles dado o don da ubicuidade, unha propiedade cuántica é tamén o vello soño do nacionalsindicalismo, agrupar nun sindicato vertical a patróns e obreiros, que é sublimado no SEPGA.

Todo isto vén a conto porque un membro da Xunta de persoal funcionario de Pontevedra, delegado sindical do SEPGA, vén de ser nomeado en libre designación xefe territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Queren facernos crer que ser membro deste sindigato cuántico implica, segundo eles, que non van ter ningún tipo de problema para compatibilizar a acción sindical co novo cargo directivo.

Pero para nós é evidente que SI, e que na Xunta de Galiza, que está fóra do mundo das partículas subatómicas, quen ostenta a titularidade dun órgano de dirección da Administración xeral non pode ser delegado sindical. Así que lle desexamos sorte a este compañeiro e lle esiximos a súa demisión como delegado sindical.

A CIG, xuntamente coas restantes organizacións sindicais,, sempre instaron de Función Pública que para a cobertura das vacantes de persoal laboral houbese un criterio unificador para todas as consellerías, de xeito que, en primeiro lugar, se ofertasen en adscrición temporal, posteriormente en traballos de superior categoría e, por último, se recorrese ás listas de contratación temporal.

As adscricións e as superiores categorías posibilítanlle ao persoal laboral superar, minimamente, a parálise na convocatoria dos concursos de traslados e dos procesos selectivos de promoción interna.

A Consellería de Política Social convocou neste ano, en adscrición e superior categoría, as vacantes da direccións dos centros sociocomunitarios de Tui, Corcubión, Santa Comba, Mondoñedo.... Sen embargo, para a cobertura da vacante do dirección do Centro Sociocomunitario de Bouzas, a Xefatura Territorial de Vigo de Política Social obviou este criterio xeral; saltouse a oferta en adscrición e superior categoría e ofertou a vacante ás listas de contratación temporal.

Curiosamente, a persoa que ocupaba o 1º lugar para o chamamento da lista de vacantes é moi coñecida dos altos cargos do PP que viñeron ocupando postos de delegadas territoriais da Xunta de Galiza en Vigo, tanto de Lucía Molares como de Corina Porro; máis aínda, esta última foi convidada ao casorio da contratada.

Ás listas de contratación son públicas e todos coñecemos como está a orde de prelación. Polo tanto, quen ten mando en praza pode saltarse o criterio de adscrición e superior categoría e caciquear cos contratos de traballo.

Levamos varias semanas en que o DXFP é o primeiro en levantarse de todas as xuntanzas e mesas ás que el mesmo nos convoca aos sindicatos. E faino tan de súpeto, que quedamos parvos, sen marxe de reacción e coa palabra na boca, sen poder facerlle preguntas ou trasladarlle queixas.

El, quen ata o de agora presumía de respostar a todas as cuestións que as organizacións sindicais lle solicitabamos nas xuntanzas, pese a que á CIG en infinidade de ocasións non nos dou contestación ás preguntas feitas, sorprendeunos agora a todos e todas coa súa nova faceta de “fuxido”. Moito nos tememos que na próxima reunión nos teña desactivado o micro ao resto dos participantes e que el apareza agochado debaixo da mesa ou detrás dunha porta.

Non sabemos se é que sabe algo que non quere soltar, se ten medos ocultos, ou se simplemente manifesta ter remordementos de conciencia pola súa nefasta xestión no cargo que lle impiden respostar ás cuestións.

O certo é que, por lei, os sindicatos, en exercicio do noso papel de representantes dos traballadores e traballadoras, temos dereito á información, e as partes estamos sometidas ao principio de boa fe negocial. Por esas razóns, ata o de agora o DXFP non tiña problemas en respostarnos ás cuestións que lle manifestabamos nas mesas de negociación (ainda que demasiadas veces facíao daquela maneira, facéndose o avión, contándonos unha película ou desculpándose cun “erro miño”).

Parece que as musas non bendeciron a este director cos dons da oratoria ou da locuacidade, polo que agora vaise limitar a contestar só ás preguntas que se lle fagan por escrito. É isto poñer pedras no camiño? Quere impedir o dereito dos empregados públicos a ter información veraz sobre os asuntos que lles afectan? Ou oculta algo?

Semella que o director ou nos quere máis burocratizados aos sindicatos ou, sendo mal pensados, a súa pretensión é non deixar pegada da súa inoperancia nas actas das mesas de negociación, adoptando a decisión salomónica de só respostar ás cuestións que previamente lle presentemos por escrito.

A Xunta ten que protexer ao seu persoal fronte a Covid, identificando ao virus como risco biolóxico do grupo 3 nas Avaliacións de riscos laborais.

Entra en vigor a Orde TES/1180/2020, do 4 de decembro, por la que se adapta o Real Decreto 664/1997 coa incorporación do Sars-Cov-2, responsable da Covid 19, como risco biolóxico de grupo 3 na lexislación laboral.

Na CIG demandamos a necesidade de adaptar as Avaliacións de riscos laborais ao risco biolóxico da Covid 19, xa que o 3 de xuño a Directiva (UE) 2020/739 xa establecera unha categoría de risco de contaxio máis elevada que a prevista nas Avaliacións que estaba a realizar Cualtis. Os seus efectos son, por exemplo, a identificación de a qué postos e cando se ten que proporcionar máscaras FPP2 ou establecer maiores medidas fronte aos aerosois.

Así tamén o constatou a inspección de traballo en varios requirimentos e resolucións, ante as denuncias da CIG á Xunta, onde indica "[..] debe atenderse a sua clasificación como AB do grupo 3, ante a modificación aprobada pola Comisión Europea [..]".

A consideración do axente biolóxico nun ou noutro grupo responde a capacidade infecciosa, segundo o criterio de capacidade que ten o virus para acusar unha enfermidade e a súa gravidade, a posibilidade da sua propagación e que exista ou non unha profilaxe ou tratamento eficaz. En definitiva, esta declaración, é a que serve para determinar as medidas preventivas e de protección dos traballadores contra os riscos para a súa saúde.

A pesar do anterior a Xunta fixo caso omiso pasando por riba sen escrúpulos do deber de protección do seu persoal fronte este risco laboral e do principio de precaución que o rexe.

Agora non lles queda outra: o 10 de decembro de 2020 incorporouse á normativa laboral directa coa modificación do anexo II do Real decreto 664/1997, de 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo. Así o termo «Coronaviridae», con clasificación no grupo 2, substitúese polos seguintes termos e clasificación no 3: “Coronaviridae (F) Betacoronavirus (G) Coronavirus del síndrome respiratorio agudo grave (SARS-CoV) Coronavirus del síndrome respiratorio agudo grave 2 (SARS-CoV-2)(1) ..

En conclusión, a Xunta ten que modificar e elaborar urxentemente adecuadas Avaliacións de riscos laborais dos centros de traballo cos seus protocolos ou plans para establezan as medidas preventivas reais ao risco do virus da Covid 19 (grupo 3).

Vai xa para un ano, cando a Xunta de Galiza nos facilitou o famoso "buzón" de postos vacantes para o concurso xeral, retirou varios deles coa desculpa de que se ian amortizar. Xa daquelas a CIG non o creu, pois entre os postos que retiraban estaban varias xefaturas de sección.

Durante a negociación, a CIG solicitou que se incluíran todos os postos que estaban vacantes. A Xunta, a través da súa Dirección Xeral de Función Pública, non aceptou a proposta da CIG, argumentando que os postos a amortizar non podían saír no concurso xa que terían problemas se adxudicaban postos que no medio do proceso eran eliminados. Función Pública responsabilizaba as distintas consellerías, axencias ou entes públicos da decisión de cubrir ou amortizar as prazas. Ata podemos comprender a súa lóxica.

En plena negociación da relación de prazas vacantes a convocar no concurso, atopamos cunha sección que retiraban por proposta de amortización e que para sorpresa de todos e todas, estaba ofertada para cobertura mediante Comisión de Servizos. O posto foi o PXA110000215770077, denominado “xefatura de sección no centro de destino Axencia para a modernización tecnolóxica de Galiza (AMTEGA)”.

A Xunta, mófase do seu persoal

A CIG amosoulle o seu malestar aos negociadores de Función Pública, pois non é lóxico que oferten en Comisión de Servizos un posto que retiran do concurso de traslados porque din que o van a amortizar.

Isto é unha insensatez por parte da Xunta, xa que as Comisións de Servizo, entre outras motivacións, teñen que ser por imperiosa e urxente necesidade de cobertura, estar vacantes e dotadas orzamentariamente.

A CIG exixíulle explicacións a Función Publica e o único que nos dixeron foi que era AMTEGA, neste caso, quen dixo que se ia a amortizar o posto, e que de momento non o fixo.

Nesa relación de postos vacantes tamén se retiraron a praza PXA20000215770013, denominada xefatura de sección de xestión económica no centro de destino Axencia de Turismo de Galiza (ATURGA), polo mesmo motivo que o anterior, amortización. E cal foi a nosa que fai uns días tamén saíu ofertada en comisión de servizos.

Esta praza tíñana reservada para un amigo adecuado que non chegou ata uns meses despois de publicar o concurso. Por iso con esta praza non foron tan descarados como coa primeira. Isto é un pitorreo.

Rematamos dicindo que a CIG, a maiores da denuncia pública, vai ir ao xulgado para facer valer a normativa, ante esta desvergonzaría de Función Pública, que é a que autoriza a cobertura por comisión de servizos dos postos das distintas consellerías, axencias e demais entes públicos que fan trapalladas e pisan as normativas sobre este tema para reservar as mellores prazas de concurso para cando apareza un amigo adecuado.

Con dez meses de restraso dende a súa negociación e aprobación, a Consellería de Facenda publica no DOG do venres 11 de decembro as convocatorias dos procesos selectivos seguintes:

  • Acceso libre e promoción interna na escala de veterinarios/as, subgrupo A1. Ir a DOG.
  • Proceso selectivo extraordinario de consolidación á categoría I-005, titulado/a superior veterinario/a de persoal laboral. Ir a DOG.

Estas convocatorias, que recollen as prazas ofertadas nos anos 2017, 2018 e 2019, foron negociadas a finais do 2019 e comezos do 2020, e aprobadas finalmente na Comisión de Persoal do 4 de febreiro de 2020. Tiveron que pasar dez meses ata ver a súa publicación no DOG. 

Estes ritmos non son lóxicos, pero nesta Administración acaban sendo os normais. Así se entende que as últimas veterinarias e veterinarios nomeados, DOG do 6/11/2020 (fai pouco máis dun mes), corresponden á Oferta de Emprego Público do ano 2015 (DOG 10/03/2015). Vamos, cinco anos e medio de nada despois.

Por medio houbo un conato de concurso de traslados. O borrador enviáronolo ainda co turrón na boca, o 08/01/2020. Uns días despois enviamos as nosas alegacións. E punto final, nunca máis se soubo, nin xuntanzas, nin mesas de negociación, nin nada. O que obrigou a que os anteriores nomeamentos referidos (da OEP-2015), tiveron que darlles destino provisional, non definitivo.

Esiximos ao director xeral de Función Pública e ao conselleiro de Facenda, que retomen a negociación e convocatoria do concurso de traslados.

Nota final: tarde e mal, pois a convocatoria do proceso de consolidación ten erros na relación de prazas ofertadas.

O persoal dos centros de  dependentes da Consellaría de Política Social desenvolveu hoxe unha nova xornada de mobilizacións, que aproveitou para denunciar o deterioro deste servizo público como consecuencia da nefasta xestión da Xunta de Galiza.

Trátase da protesta número 23 que convocan as centrais CIG, CCOO, CSIF e UGT para reclamar a recuperación dos dereitos laborais recortados coa escusa da crise xa que, segundo sinalan dende os sindicatos, ao único ao que se dedicou a Xunta do PP dende o ano 2012 a respecto do persoal ao seu servizo foi a “recortar brutalmente” os dereitos recollidos no V Convenio Colectivo Único. Ademais, acusan o Goberno galego de levar a cabo unha constante redución do cadro persoal e dos medios materiais, “situación que se volveu insostíbel coa pandemia da Covid 19”.

Esta política de persoal, que se traduce nunha porcentaxe de interinidade de máis do 50%, está a provocar que os centros se atopen baixo mínimos, que as traballadoras/as padezan sobrecarga de traballo e que os índices de accidentes de traballo e baixas por enfermidade profesional alcancen porcentaxes nunca vistas. “A Consellaría de Política Social é a que máis accidentes de traballo acumula en toda a Xunta”, sosteñen.

Ao mesmo tempo, critican que o departamento autonómico non foi quen sequera de implementar un plan de continxencia nas súas residencias nove meses despois do comezo da pandemia. “A día de hoxe, cando se fala de que a curva comeza a aplanarse, nas residencias seguimos con 30 compañeiras/as contaxiadas/os e sumamos 234 positivos confirmados nesta última onda, só entre o persoal”.

Calendario de asembleas

Ante este "desleixo" a respecto do persoal e do servizo público “estamos a mobilizarnos cada xoves diante dos centros de traballo e diante da Xunta en Santiago, mais a conselleira Fabiola García segue a ignorar a chamada ao diálogo e á negociación que lle facemos dende a representación do persoal, polo que as centrais convocantes acordamos aumentar a presión con máis accións reivindicativas”.

Deste xeito, anuncian que levarán a cabo un calendario de asembleas nos centros de traballo para tratar as demandas específicas do persoal destes centros e decidir as novas accións mobilizadoras e de presión social. “Ante a ineptitude da Xunta non imos quedar paradas/os, como tampouco imos ceder ante o intento de deterioro deste servizo público de atención ás persoas”.

A CIG acorda esta modalidade de prestación de servizos cunha normativa que busca a súa consolidación, universaliza o teletraballo e mellora a nova regulación marco incorporada ao EBEP. 

Trátase do teletraballo ordinario que ven substituír a regulación do 2013 e que non é comparable ao teletraballo Covid derivado da emerxencia sanitaria. Porén a pandemia mostrounos que se pode teletraballar e que necesitabamos unha regulación máis universal e organizada por unidades para que todos e todas poidamos acceder nas máximas condicións de igualdade.

A solicitude é individual e voluntaria, está suxeita a autorización, os medios os proporcionará a Xunta (dáse o prazo máximo dun ano, pero a inexistencia de medios non paralizará a autorización, podéndose usar medios própios), e non se derrogan as anteriores concesións. 

Con esta regulación non desaparece o posto físico de traballo e os dereitos laborais serán os mesmos que no traballo presencial, aos que se engaden outros polas condicións especiais do traballo dende o fogar.

O servizo público garántese cunha atención presencial na unidade do 40%, un mínimo que pode ser rebaixado. Estableceremos quendas de teletraballo de xeito compartido,  evitando a percepción social negativa de cara ao persoal empregado público.

Poderemos teletraballar o 50% das xornadas mensuais, aínda que este máximo pode ser superior en base a un plan individual de traballo. O persoal de unidades que combinan a atencion ao público, como as oficinas agrarias comarcais, os centros educativos ou os rexistros, poderán teletraballar tras un informe motivado baseado nas circunstacias específicas da unidade. Tamén poderá solicitalo o persoal con réximes combinados de servizos.

O teletraballo non é un permiso senón que é unha modalidade de traballo. Polo tanto, os permisos e licenzas serán os mesmos que na presencial, e tamén se deben respectar horarios e flexibilidades por conciliación. Somos conscientes de que o teletraballo facilita a conciliación sobre todo no aforro de tempo nos desprazamentos pero non é unha medida de conciliación en si mesma. 

Aínda así, este réxime laboral na nosa sociedade é profundamente novidoso, polo que temos que intentar evitar os seus efectos negativos. Preocúpanos a individualización do traballo e das relacions laborais, os riscos sicosociais derivados do illamento e de compartir o espazo casa-traballo, unha volta atrás á corresponsabilidade no fogar que supoña retroceso na igualdade entre homes e mulleres, as diferenzas entre servizos pola baixa dixitalización dos expedientes, ou a falla de control fronte a externalización coa proliferación de asistencias técnicas.

Para a vixilancia e control do Acordo, os sindicatos imos recibir información periódica. E caso de que non funcione, ou simplemente conveña modificalo, marcamos unha vixencia de tres anos.

Este Acordo ten que ser acompañado por outros plans que mitiguen os seus efectos polo que perseguimos os seguintes compromisos: elaboración dunha vez por todas do Plan de Igualdade da Xunta no que se inclúa a diagnose específica do teletraballo, un plan de dixitalización específico, e a actualización dos dereitos de conciliación. 

A nova normativa do teletraballo entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no DOG. Porén, algúns departamentos están xa a desbloquear as solicitudes de teletraballo, como Cultura, Vicepresidencia ou Política Social.

Compre, ademáis, a mellora da comunicacion activa para facilitar a representación e defensa do persoal pola CIG. Recorda que ademais da páxina web e doutras canles de difusión temos un sistema de consultas en liña e unha rede de locais para que contactes connosco.

Outras novas recentes

Luns, 29 Abril 2024

A xestión de persoal do Consorcio: desatención e desleixo

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral. Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados. Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e...
Xoves, 02 Mai 2024

A administración pública galega en apoio ao pobo Palestino

Cesamento do fogo xa! Israel ten que rematar coa agresión a Palestina e finalizar a ocupación! As administracións públicas, baixo o principio de servizo á cidadanía, non deben xestionar decisións políticas que supoñan alimentar a agresión de Israel a Palestina. O conflito en Gaza, xunto ás duras restricións que o goberno israelí impón a Cisxordania, teñen un impacto...