Novas por contido

A Consellaría de Educación impuxo novos horarios e triplicou a carga de traballo polas necesidades derivadas da covid

A CIG-Autonómica vén de presentar conflito colectivo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra a Xunta polo abuso e a explotación laboral que está a padecer o persoal encargado da limpeza dos centros educativos. A Consellería de Educación impuxo novos horarios e triplicou a carga de traballo para atender as necesidades derivadas da covid sen que se producise nin unha soa nova contratación.

Estas modificacións de horario leváronse a cabo sen a negociación previa coa representación do persoal que establece a lei e supón que limpadoras/es que acudían de tarde en horario continuo agora estean ao dispor das direccións dos centros. Xa nos atopamos con cambios de horario de tarde a xornada partida ou incluso a horario nocturno de 22:00 a 6:00 horas.

Ao mesmo tempo lamentamos que a negativa da Consellaría a contratar máis persoal, aumentando a carga de traballo de xeito insostíbel, supon na práctica un abuso e a explotación das traballadoras e traballadores.

Logo de ter presentado alegacións contra esta modificación substancial das condicións laborais, e tras acudir á inspección de traballo, seguimos sen ter noticias da consellaría, polo que optamos agora pola vía da impugnción ante a sala do social do TSXG para deixar sen efecto os cambios introducidos mediante o apartado 'Medidas de prevención básicas. 4.- Medidas xerais de limpeza nos centros' da resolución conxunta ditada polas Consellarías de Educación e Sanidade.

Neste senso, lembramos que a CIG-Autonómica vén denunciando publicamente dende o mes de maio a situación do persoal de limpeza dos centros de ensino a raíz dos distintos protocolos que Educación publicou na súa páxina web sen ningún tipo de negociación previa, a pesar de que en innumerábeis ocasións solicitamos xuntanzas cos seus responsábeis e rexistramos achegas e consideracións a cada un deses protocolos.

Limpeza deficiente

De feito, na última versión destes protocolos unilaterais e non tratados nin cos comités de seguridade e saúde nin cos comités de empresa que afecta directamente ás condicións de traballo do V Convenio Único do Persoal Laboral establécese que “nos supostos nos que existan varias persoas dedicadas a tarefas de limpeza, unha delas realizará total ou parcialmente a súa xornada na quenda de mañá, podendo realizarse rotacións no uso das quendas. Cando as tarefas de limpeza se realicen por unha única persoa realizará parte da súa xornada (polo menos 1/3) en xornada de mañá”.

Isto supuxo que na práctica multitude de traballadoras/es viran modificada a súa xornada, impoñéndoselles nalgúns casos quenda de noite.

A pandemia non pode ser escusa para modificar a xornada laboral nin para triplicar a carga de traballo, xa que supón un desprezo ás tarefas máis esenciais para combater a crise sanitaria como son a hixienización e a limpeza. Ademais, inciden en que a pesar do abuso ao que se está a someter ao persoal as medidas hixiénicas non están garantidas nos centros educativos nos que a limpeza depende directamente da Xunta, xa que isto é imposíbel a custe cero.

O mércores 23 pola tarde participamos nunha xuntanza co director xeral de Función Pública e os sindicatos con presenza na Mesa Xeral (CIG, CCOO, CSIF e UGT), para tratar principalmente sobre a convocatoria dos exames de funcionarización do persoal laboral fixo. Tamén se falou das eleccións de destino dos procesos en marcha e moi por riba do resto de convocatorias de exames.

Funcionarización do persoal laboral fixo

O director xeral de Función Pública informa que os exames van ser en Silleda os días 3 e 4 de outubro (sábado e domingo), en quendas de mañá e tarde. O momento de máxima afluencia vai ser o domingo pola tarde, con 297 persoas convocadas distribuidas por diferentes portas de entrada. 

O evento conta co visto e prace de Sanidade, e segundo a distribución que nos presentaron, o máximo de afluencia por unha mesma porta vai ser de 82 persoas.

Quenes non poidan presentarse a causa do COVID, poderán facer o exercicio máis adiante.

As datas dos exames xa están no DOG, e hai máis información do web de Función Pública (normas de acceso, instruccións, ..).

CCOO e UGT defenden que se realicen os exercicios con seguridade. CSIF oponse. Para a CIG prima a saúde e esiximos as máximas medidas de protección para os días 3 e 4, e que garantan que non teremos aglomeracións.

Por que tantas presas coa funcionarizacion? Debéramos ter comezado polo concurso de traslados, procesos selectivos de promoción interna, e negociar a equivalencia entre os pluses do persoal laboral e os complementos salariais do persoal funcionario. CCOO e UGT venderon ao persoal laboral cun acordo chapuza que comezou polo que tiña que ser o proceso final.

Se te vas presentar, lembra:

  • Levar o documento acreditativo da túa identidade.
  • Bolígrafo azul ou negro.
  • Podes levar textos legais sen comentarios (si subliñados simples)
  • Non podes levar copia da batería de preguntas.
  • Levar máscara.
  • Non se pode entrar con teléfonos, axendas electrónicas, reloxos intelixentes .. Non se habilitará ningún servizo de recollida de tales dispositivos.

Resto de exames pendentes

O protocolo esposto refírese unicamente aos exames dos días 3 e 4 de outubro (funcionarización do persoal laboral fixo). Os demáis procesos pendentes non teñen data de exame. Aseguran que só convocarán unha vez teñan o visto e prace de Sanidade.

A CIG manifestou que unha cousa é xuntar a 300 persoas en Silleda e outra moi diferente facelo con 15.000, e por moito que Sanidade autorizase, non nos parece lóxico nin prudente. Hai que priorizar o principio de precaución sobre os intereses sindicais ou persoais.

Eleccións de destino

Na Mesa Xeral do 29/07/2020, o DXFP comprometeuse a que na 1ª quincena de setembro (xa non cumpriu) nos convocaría para falar das eleccións de destino, para respostar a se permitirían que as eleccións de destino de promoción interna que van ser provisionais poderían ser voluntarias, e ao conflicto que teñen as persoas que promocionaron e tamén concursaron.

As eleccións de destino de finanzas-A1 (P.I.), C1-xeral (P.I), e veterinarios/as serán provisionais, e arqueólogos/as será definitiva. A convocatoria de elección será telemática o día 6 de outubro. Insistimos en defender que no caso de promoción interna, e sendo destino provisional, acepten que a elección sexa voluntaria ata que haxa que escoller o destino definitivo. O DXFP, quen se comprometera xa fai tempo en dar resposta a esta solicitude, non o acaba de velo. 

A elección de destino do resto de procesos pendentes “irán ao longo de outubro” (DXFP dixit). O que non di é que antes da elección de destino aínda teñen que sair as resolucións definitivas de méritos do A2 e C2 de promoción interna e a resolución provisional de méritos do A1 promoción interna, e posteriormente a isto a resolución dos aspirantes aprobados. Entre isto e o proceso de elección de destino non nos cadra que se poida facer en outubro.

Comezan a chegar as primeiras resolucións das denuncias da CIG ante a Inspección de Traballo. A da Coruña require agora á Consellería de Emprego e Igualdade para que proporcione máscaras ao persoal das oficinas de emprego.

Neste requirimento despois de que a CIG presentase en xullo a denuncia, a Inspección de Traballo insta á Xunta a proporcionar máscaras a todo o persoal, incluído o administrativo, e ven sumarse a outras resolucións e requirimentos que van nesta liña como o das escolas infantís de Política Social. O interesante é que, desta vez a inspectora aclara perfectamente que, aínda de haber biombos e metro e medio de distancia entre os postos, a administración esta obrigada a proporcionar as máscaras. Un avance claro que elimina o custe da súa adquisición para as persoas traballadoras nas oficinas de emprego e garante a seguridade de todos coa obriga de quen ten que dotar en número e calidade adecuada e responsabiliza a empresa do uso correcto deste medio de protección colectivo fronte o coronavirus.

A Xunta viña facendo unha dotación desigual deste medio de protección empregando argumentos como “non é un EPI e polo tanto non estou obrigado a proporcionalo”. Se ben é certo que as máscaras cirúrxicas non son EPI, porque non protexen ao portador/a SI protexen ao resto das persoas traballadoras e usuarias polo tanto son unha medida preventiva colectiva.

Outras xefaturas afirman que “non se lles informou que tiñan que dalas”. Pois ben, non é escusa porque nos si que lles advertimos, informamos e incluso explicamos aquí o Real Decreto que dende xullo obriga a tódalas empresas a dotar de máscaras de protección ao seu persoal.

Seguindo coas escusas para non protexer, algunhas xefaturas incluso chegaron a afirmar que había metro e medio entre postos e polo tanto non eran necesarias telas colocadas no traballo... pero esquecéronse que no centro de traballo hai corredores, servizos, fotocopiadoras, salas de reunión, accesos… e de que non nos teletransportamos!!

É unha verdadeira mágoa que a Xunta siga a xogar coa saúde das persoas traballadoras e das usuarias dos edificios administrativos e que teñamos que facer denuncias masivas por todo o país á Inspección de Traballo, saturando este servizo con cuestións tan básicas coma a das máscaras, para que se recoñeza o noso dereito a un ambiente de traballo seguro. 

A Xunta de Galiza deixa o “SENTIDIÑO” para a súa propaganda institucional e se esquece do seu persoal empregado público.

O 21 de setembro de 2020 publicase na páxina web da Consellaría a apertura do prazo da campaña de vixilancia periódica da saúde para o persoal docente e non docente destinado en centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

É aplicable ao persoal docente e non docente (funcionario e laboral) en activo, que presta servizos nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A inscrición ten carácter voluntario, polo que se realizará previa solicitude das persoas interesadas conforme as instrucións deste procedemento enviadas aos distintos centros de traballo. As persoas responsables dos distintos centros de traballo facilitarán a información necesaria para a inscrición dos traballadores e das traballadoras.

A revisión médica só se pode solicitar electronicamente a través do seguinte enderezo electrónico:

https://revisionmedicaeducacion.xunta.gal

A solicitude de inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a súa tramitación. Toda inscrición xerará un xustificante de consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.

O prazo de inscrición será de vinte (20) días naturais a partir do día seguinte ao da difusión desta campaña na páxina web oficial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

No DOG do 23 de setembro de 2020 publicase a Orde pola que entran en vigor os artigos 14 e 16 do Decreto 37/2006.

Posta en funcionamento do sistema de citacións electrónicas realizarase un proxecto piloto nas listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia e o nomeamento de persoal funcionario interino correspondente aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo.


ANEXO

Corpos, escalas e especialidades (persoal funcionario)

  • A1 2067 Escala de veterinarios.

 

Grupos e categorías (persoal laboral)

  • II-002: ATS. Enfermeiro/a. Practicante. DUE.
  • II-006: Educador/a. Profesor/a especial.
  • IV-003: Auxiliar sanitario. Auxiliar clínica. Auxiliar psiquiátrico/a. Auxiliar de enfermaría. Coidador/a xeriátrico. Coidador/a
  • V-001: Camareiro/a-limpador/a. Axudante de cociña. Pasador/a de ferro-lavandeiro/a. Costureiro/a. Cortador/a. Pasador/a de ferro. Lavandeiro/a.
  • V-011: Limpador/a. Fregador/a. Empregado/a comedor. Empregado/a cociña-pinche. Servizo doméstico. Mozo/a de limpeza. Pinche de cociña. Persoal servizos xerais.


Entrada en vigor o 24 de setembro de 2020.

A Consellería do Medio Rural ten unha previsión de cursos formativos de aquí a final de ano moi insuficiente e deixa fora a parte do persoal do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais.

Ano tras ano vemos coma a Consellería convoca uns poucos cursos de formación dirixidos ao persoal do SPIF para ”cubrir o expediente”. Por iso vimos de presentar unha nova solicitude á Consellería do Medio Rural para que implante un verdadeiro Plan de formación plurianual.

Temos claro que a Consellería ten que formar axeitadamente ao persoal do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, tal e coma se establece na distinta normativa, garantindo que cada traballador/a reciba unha formación teórica e práctica suficiente, e que esta vaia evolucionando acorde cos cambios nas funcións que se desempeñen ou se introduzan novas tecnoloxías ou cambios nos equipos de traballo. Por iso, a formación debería adaptarse á realidade cambiante dos lumes e á prestación de labores de apoio en continxencias no medio natural e rural.

A nosa proposta é establecer un Plan de formación plurianual (2021-2024), debidamente estruturado para manter a operatividade do servizo, formación que ten que ser realizada durante a xornada laboral e impartida por persoal propio da Administración. Esta debería ser a recollida no Real decreto 624/2013, de 17 de setembro, que establece os módulos formativos que debería ter todo o persoal englobado na categoría profesional de bombeiro/a forestal, e no Real Decreto 1031/2011, de 15 de xullo, onde se establecen as cualificacións profesionais que corresponden á Familia Profesional Seguridade e Medio Ambiente, tal e como levamos solicitando en varias ocasións incluso a través de varias PNL. A maiores, deben establecerse outros cursos específicos adaptados ao uso das novas tecnoloxías e á condución de vehículos todoterreo.

Para a CIG a formación é a clave para ter un SPIF estable, profesionalizado e versátil, cun persoal máis preparado para atender as continxencias no medio natural e rural, respondendo así ás demandas do persoal do SPIF e da cidadanía.

Cando falta unha semana para comezar outubro hai demasiadas cousas atrasadas, esquecidas ou incumplidas en Función Pública.

Temos que remontarnos ao 29 de xullo (fai case dous meses) cando tivemos a última xuntanza oficial co director xeral de Función Pública. Dende entón, a súa ilustrísima tan só se dignou a sentarse cos seus amigos de CCOO e UGT coa escusa da “Comisión de seguimento do acordo de concertación”, a quenes facilitou información que vai moito máis aló do que debería ser materia desa “comisión”, ocultando por tanto a información ao sindicato que ten máis representación de todo o persoal ao servizo da Administración Autonómica, a CIG.

O que segue é un repaso á situación actual de varios asuntos, e a súa comparación cos compromisos que o DXFP transmitiu na MX do 29/07/2020:

Procesos selectivos e oferta de emprego

  • Probas de funcionarización do persoal laboral fixo: primeira semana de outubro. No web de FP anuncian eso mesmo. A día de hoxe non existe ningunha información oficial do ruxe-ruxe de que serían os días 3 e 4 de outubro.
  • Procesos que xa tiveron algún exame: compromiso de outubro. Sen información oficial.
  • Primeiros exames da oferta das escalas de servizos sociais e corpos xerais (incluíndo libre, estabilización, consolidación e promoción interna): comezarían a partires da segunda quincena de outubro ou primeira de novembro. Sen información oficial.
  • Negociación das bases das convocatorias pendentes: en setembro/outubro. Sen información oficial.
  • Negociación da oferta de emprego do 2020: despois do verán. Sen información oficial.

A CIG pon en cuestión a conveniencia de retomar os procesos selectivos por razóns sanitarias. En todo caso a Xunta non elaborou (ou polo menos non nos informaron) un plan preventivo, nin nos trasladou oficialmente que vai pasar con quen non poida presentarse por estar en corentena.

Eleccións de destino

  • Arqueólogos, finanzas A1 (P.I.), veterinarios e C1-xeral (P.I.): sería na segunda quincena de setembro. Sen información oficial. Os amigos do DXFP falan do 6 de outubro.
  • Previamente, na primeira quincena de setembro, sindicatos e Administración teríamos unha xuntanza para falar, entre outros, das anteriores eleccións de destino; de se os/as de promoción interna poderían voluntariamente non escoller o destino provisional; ou do protocolo de elección telemático que ainda está sen discutir. Tamén sobre o conflito de dereitos de quen teña que escoller destino e ao tempo participase no concurso de traslados. Sen información oficial.
  • Os demáis procesos pendentes elixirían destino ao longo do mes de outubro, segundo información extraoficial.

Teletraballo

  • Comprometérase a enviar “pronto” un borrador (que nunca chegou), e que na primeira quincena de setembro teriamos a negociación da modificación normativa. Houbo negociacións na Administración do Estado, mentres que a Xunta non moveu un só papel.
  • A información que o DXFP transmitiu aos seus amigos é que “a semana que ven” haberá unha reunión de FP coa DX de Avaliación para rematar o primeiro borrador.

Cando xa era venres, día 18 de setembro, ás 14:07 do día e por tanto a piques de rematar a xornada para moita xente, recibimos na CIG-Autonómica un correo electrónico no que se nos traladaban unhas novas instrucións sobre o teletraballo en relación ao COVID-19. 

O que recibimos era a instrución conxunta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia e da Dirección Xeral da Función Pública, e que afectaba a este réxime de teletraballo que remataba precisamente o luns 21 de setembro. Por tanto, o primeiro que temos que dicir é que novamente actúan tarde e mal.

O segundo que temos que dicir é que no seu día a CIG asinou un acordo con Función Pública sobre esta e outras cuestións referidas ao COVID-19 e ao teletraballo, e que entre outras creaba unha comisión de seguimento que, novamente, se pasan polo forro, xa que a nova instrución foi decidida unilateralmente pola Administración sen informar nin negociar nada coa representación sindical dos traballadores e traballadoras.

O terceiro é que voltan a meter no saco de “circunstancias especiais” todas as necesidades que, ao xuizo das persoas responsabeis da Administración, se poidan dar (persoal sensible, contactos de positivos, confinados/as con sintomas, etc.). 

E cuarto, o teletraballo por motivos da pandemia non deber xirar en exclusiva sobre as circunstancias do traballador/a (cargas familiares con imposibilidade doutras alternativas), senón ter en conta a óptica do centro de traballo e ser quen de permitir permisos de teletraballo simplemente por reducir as ratios de presencialidade nas oficinas sen ter que demostrar conciliación, circunstancias especiais, nen gaitas...

Para rematar, non nos gusta que nos tomen o cabelo: o día anterior, xoves 17, falamos cunha persoa responsábel de Función Pública quen nos trasladou que o teletraballo polo COVID remataba porque xa pasara a situación excepcional.

Función Pública confirma que os primeiros exames, comezando pola funcionarización do persoal laboral fixo, van ser na primeira semana de outubro.

A Xunta decidira por maio aprazar todos os procesos selectivos ata pasar o 1 de outubro. Segundo o conselleiro de Facenda, porque llo pediron algúns sindicatos nunha conversa entre amigos (non existiu negociación). Daquelas a CIG defendeu que non era bo paralizar todo ata unha data determinada, que o correcto era reactivar todo en canto as condicións o permitisen, fose antes ou despois do 1 de outubro.

Chegamos a esa data, e o nivel de contaxio volve a ser perigoso. Que facemos? Debe a Xunta retomar os procesos selectivos?

A maioría das consultas que recibimos do persoal laboral fixo que se presenta á funcionarización é que se adie o seu proceso (que segundo informan en Función Pública, vai ser xa na primeira semana de outubro). Por contra, entre a xente que se presenta por acceso libre hai intereses contrapostos entre quenes queren retomar xa os procesos, e quenes pensan que a situación non o aconsella.

A decisión que tomaron o conselleiro de Facenda e o director xeral de Función Pública, non negociada (polo menos coa CIG, o sindicato maioritario da Administración Autonómica), ten moitas eivas:

  • Están prohibidos certos eventos que agrupan a moita xente, como verbenas, espectáculos deportivos, etc. É máis seguro que eso xuntar a facer un exame a varios milleiros de persoas nun recinto por moi grande e amplo que sexa?

  • Teñen previsto un plan preventivo ante o COVID-19 que garanta a saúde das persoas que se presenten aos exames? Se existe, a CIG non o coñece.

  • Que solución lle van dar ás persoas que ainda non estando contaxiadas teñan obriga de gardar corentena e por tanto non se poidan presentar? Vanlle dar a opción de presentarse pasada a corentena? Ou obrigarán á xente a saltarse a corentena, mesmo a non acudir ao médico ante unha sospeita de contaxio ou contacto para que non lles decreten un confinamento?

  • A Xunta de Galiza lánzase a retomar os procesos selectivos. A pesares da dificultade que suporá vincular posíbeis contaxios co evento masivo, van asumir responsabilidades coas persoas que se contaxien? 


Señor director xeral de Función Pública, señor conselleiro de Facenda, poñan por diante a saúde das persoas e en consecuencia reflexionen se os datos sanitarios aconsellan ou non retomar xa os procesos selectivos, elaboren un plan preventivo (que deben trasladar á representación sindical), estuden as consecuencias do que pode implicar agrupar a milleiros de persoas ou deixar sen exame a quenes, contaxiados/as ou non, teñan que gardar corentena.

A CIG Autonómica solicítalle ao Conselleiro de Medio Rural que aparte ao seu director xeral de Defensa do Monte logo das súas declaracións na CRTVG e ademáis propómoslle medidas urxentes para parar esta vaga de lumes.

Nesta fin de semana pasada houbo numerosos incendios na Galiza, e na provincia de Ourense arderon segundo datos da propia Xunta máis de 7.000 hectáreas en tan só dous días.

Nestes momentos moitos dos incendios que asolan o noso País están activos e con grandes dificultades de control. Un destes incendios afectou gravemente ao Parque Natural do Xurés e á súa reserva integral (calcinando, segundo indican os medios, mais de 3000 ha). Pero tamén se viron afectadas outras zonas de masas forestais de grande valor, vivendas, cultivos, granxas e infraestruturas pondo en perigo á poboación.

En medio de toda esta situación, o director xeral de Defensa do Monte, manifestou nunhas declaracións á RTVG que “xa esperaban unha forte actividade incendiaria”. Dende a CIG entendemos que a situación metereolóxica favoreceu esta situación, pero o que non se entende é que “sabendo que ía suceder” non se tomen medidas excepcionais de prevención e reforzos específicos de vixilancia nestas zonas, así como nos espazos de alto valor ambiental. Esta situación é repetida e tres anos despois dos lumes acaecidos en outubro de 2017, seguen sen implantarse moitas das accións que se recollían no informe do grupo de expertos, a pesares do compromiso explícito da Xunta. Pero sobre todo, segue sen facerse unha verdadeira política preventiva e sen dotar ao SPIF dos medios materiais e persoais suficientes.

Independentemente de instarlle a que actúe neste sentido e fortaleza dunha vez o sistema de defensa contra incendios na Galiza e, que avalíe as responsabilidades da sua consellería, dende a CIG solicitamos actuacións urxentes:


1. A cobertura urxente e automática de vacantes, baixas, licenzas e permisos.
2. Débese dar  información urxente aos delegados e delegadas dos comités de seguridade e saúde laboral dos accidentes acaecidos nos lumes nestes días (dos que temos coñecemento polos medios de comunicación ou polo propio persoal do SPIF), pero sobre todo deben cubrirse as baixas que se xeneran de xeito inmediato para non comprometer as brigadas.
3. Asegurar que os protocolos de coordinación e intendencia están a funcionar e dar as instrucións precisas, xa que o sistema está superado nos distritos de máis actividade incendiaria.
4. Solicitar axuda e coordinarse coa consellería de Medio Ambiente e Vivenda para dispor do persoal de campo con criterios de vixilancia preventiva e dirección e apoio na extinción.
5. Activar todas as torretas ou vixilancias fixas que temos (o 50% están pechadas), para que poidan facer detección precoz dos incendios.
6. Apartar da responsabilidade ao equipo que leva anos na dirección da extinción de incendios forestais que se recoñece incapaz, en base as declaracións vertidas polo director xeral de Defensa do Monte.

Para a Confederación Intersindical Galega os danos no patrimonio natural e forestal da Galiza, nas infraestruturas, vivendas e o risco vital que xeran os incendios forestais son de grande preocupación e importancia. Defendemos un servizo público, forte, dotado, capacitado e seguro, e hoxe queremos de novo transmitir o noso apoio e forza incondicional a todo o persoal que nestes días esta a loitar contra o lume na nosa patria.

 

Outras novas recentes

Xoves, 02 Mai 2024

Os deberes para a nova directora de Función Pública

Representantes da CIG-Autonómica acudimos o martes 30 de abril a unha xuntanza de cortesía convocada pola nova directora xeral de Función Pública (DXFP), que agora pasa a chamarse Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (en diante, DXEP). Na xuntanza estaban presentes a nova DXEP, Nuria Aguilar Vázquez, e o anterior DXFP, José María Barreiro.  A...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...