Novas por contido

Seguimos a reclamar a protección e seguridade para todo o persoal de Política Social.

- Constitución do novo Comité: Procedese a constitución do novo Comité de Seguridade e Saúde Laboral facendo a integración do Consorcio Galego de Servizo de Igualdade e Benestar estando presente na videoconferencia, por parte da Administración, representantes do Consorcio.

- Directiva (UE) 2020/739: Dende a CIG reclamase unha aplicación da nova directiva onde se contempla a inclusión de SARS-CoV-2 como patóxeno humano do grupo de risco 3, e se realice unha revisión das avaliacións feitas adaptándoas a esta directiva, ao que se resposta que de momento non é de aplicación nacional polo que imos ter que esperar a que se faga efectiva.

- Centros Consorcio con inminente apertura: comunícaselles que os centros non están preparados, non hai material de protección, xeles hidroalcólicos,... aclaran que o compromiso é que para esa data todo isto estea arranxado. Tamén se lles fala da falta de entrega de uniformidade, en algúns centros pendente dende o ano 2017, a falta de adaptación dos centros e a necesidade de contratar máis persoal para dar cumprido os protocolos establecidos, xa que cos existentes non é posible, como pode ser o caso do colectivo de PSX aos que se lle incrementa considerablemente as súas tarefas, porque nun papel quedan ben, pero o complicado é levalo a práctica. Acordaron mirar todos estes temas e reforzar se era necesario, que xa trataran o tema, ou modificar nos centros o que se considerase oportuno.

- Imposibilidade de manter as distancias de seguridade: Segundo o recollido nas avaliacións de risco biolóxico polo Covid-19, a indicación que se repite de forma xenérica é o uso de mascarilla cirúrxica ou hixiénica e garantir a distancia de seguridade, pero en moitos dos centros pertencentes a C. de Política Social, polo tipo de usuarios os que se atende, moitos deles encadrados nos supostos de excepción da obrigatoriedade de uso de mascarilla, é inviable manter esta distancia, polo que dende a CIG reclamamos que se mude esta indicación pasando a ser necesario o uso de unha mascarilla Ffp2 cando non é posible manter a distancia de seguridade con un usuario que non pode usar mascarilla. Ao que nos contestan que esas son as indicacións que da Sanidade e as avaliacións téñense que rexer por esas normas.

- Persoal vulnerable pendente de informe de valoración de risco: A CIG pide que todo o persoal sensible que non se incorporou o seu posto de traballo e esta pendente de contestación a súa solicitude, non teña que incorporarse ata que se reciban a mesma, pero o representantes do Consorcio din que as valoracións do persoal dos Centros de Día están todas feitas, pero o persoal que se considera que non ten risco para acudir ao seu posto de traballo non vai recibir contestación, de todos xeitos van volver facer unha revisión das solicitudes.

- Material de protección: Exponse a mala calidade dos guantes que se está a entregar ao persoal ultimamente e pídese que se supervise isto, recordase o tratado no anterior comité que chegado o verán con un aumento considerable das temperaturas unha mascarilla cirúrxica por quenda non é suficiente xa que se deterioran moito antes, e as recomendacións son non usar máis de 4 horas.

- Sistema de ventilación: Todos os sistemas de ventilación que precisen filtros, asegurarse de que os que se están empregando sexan os axeitados.

- Empresas limpeza externas: Preguntase se as empresas de limpeza externas están ao tanto dos protocolos de actuación elaborados pola Xunta, ao que responden que si que deberían estar ao tanto e seguir as mesmas indicacións.

- Formación persoal: Séguese a incidir, como no anterior comité, na necesidade de formación para todos os colectivos e centros. Seguen traballando no asunto.

- Escolas Infantís do Consorcio: Está a haber problemas cos termómetros subministrados en algunhas escolas, xa que todos rexistran febrícula, e coas alfombras desinfectantes que o parecer hai en algúns centros pero non teñen idea de usalas ata setembro, cando xa nestes momentos está entrando xente externa ao centro. Quedaron de arranxar o problema.

- Realización de test de detección de Covid-19: Dende a Administración comunícannos que Sanidade está a facer test de cribado nos centros, e que hai persoal que se nega a facelo; sabemos que non se pode obrigar a ninguén, pero consideramos que na situación que estamos non é unha aptitude responsable, así que polo ben de todos solicitamos que ao persoal que llo propoñan realice o test. Aproveitamos para pedir que se realice o test a todo o persoal que empeza de novo, pero contestan que é Sanidade a que determina iso.

SEGUIREMOS INSISTINDO !!

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) deu a razón á CIG e anulou a RPT da CEEI publicada no DOG do 17/07/2018. A CCOO non lle gustou a cousa, e sacou un panfleto poñendonos verdes, chamándonos mentireiros, e misturando cousas. Xulga ti se tes interese: aquí tes a información da CIG, e aquí a resposta de CCOO. E para completalo, esta é a sentenza.

En CCOO misturan dúas Comisións de Persoal diferentes nas que (nas dúas) se modificaron a RPT da CEEI. E chámannos mentireiros porque eles non votaron a favor, que se abstiveron. Esto foi o que ocorreu no punto referente á RPT da CEEI das dúas Comisións de Persoal (CP): 

  • CP do 15/05/2018: CIG vota en contra; CCOO+CSIF+UGT abstéñense.
  • CP do 27/06/2018: CIG vota en contra; CCOO+CSIF+UGT votan a favor.

Cunha simple relectura da nova da CIG podes observar que as referencias que facemos son a esa segunda Comisión de Persoal, e por tanto no que a CIG narramos, CCOO votou a favor, non se abstivo. Foi esa segunda RPT (CP 27/06/2018) a que a CIG demandou no TSXG. Podes comprobalo na sentenza.

Moléstalles a CCOO que fagamos pública unha sentenza polo feito de non ser firme (xa informamos de que cabe recurso de casación ante o Supremo). Pero, acaso unha sentenza do TSXG, á que só cabe recurso de casación ante o Supremo, e que anula a modificación dunha RPT, non ten interese xeral?

Nega CCOO que fose certa a falta de negociación que denunciou a CIG e que a sentenza deixa moi clariño que así foi. Efectivamente algunha parte si se tratou, como foi o caso do “Acordo sobre condisións laborais do persoal de supervisión e seguimento da Formación Profesional para o Emprego”, pero:

  1. Na denuncia da CIG non hai referencias ao Acordo do persoal de formación. Tampouco na sentenza.

  2. O resto, non foi negociado. A propia sentenza deixa por escrito o que denunciou a CIG de que os cambios producidos nas direccións das oficinas de emprego foi feito dun día para o seguinte.

  3. A CIG, o sindicato elixido para representar a máis persoal, nega que existise, e así o recoñece a sentenza, unha negociación real como manda a lei (os formalismos, non contan). Se cadra CCOO si tivo unha negociación extra coa consellería.

  4. Parece de nenos pequenos que CCOO tente desmontar as afirmacións da CIG co argumento de que a negociación coas consellerías de Cultura ou Política Social son peores que coa de Economía.

CCOO critica que a CIG poña en perigo algunhas melloras. E que valor lle dan aos aspectos negativos como a destrución de máis de 90 postos de traballo ou a inxusta e discriminatoria reclasificación das direccións das oficinas de emprego?

Poñemos a túa disposición a sentenza.

As traballadoras e traballadores de Política Social demandan coa súa sinatura que a Consellería actúe na recuperación dos dereitos do V convenio Colectivo Único que se manteñen suspendidos e recortados, e que supoñen unha carga de traballo insostible ao persoal.

Esta sobrecarga veuse aumentada coa crise sanitaria ao producirse e manterse unha situación de excepcionalidade na xestion do persoal e o aforro de de arredor de 800 postos de traballo en residencias de maiores, residencias de menores ou centros de atencion á diversidade da Xunta de Galiza.

Este aforro contabilízase coa amortizacion directa nesta consellería de 140 postos dende 2012 e a non contratación de persoal temporal para cubrir os descansos, vacacions, etc de mais de 600. Nestes datos non están incluídas as residencias do Consorcio de Traballo e Benestar pola opacidade da sua xestión onde nin sequera as listas de contratación son públicas nin poden ser consultadas polas persoas interesadas.

O mesmo día do rexistro das sinaturas, xoves 9, realizáronse as concentracións dos xoves diante dos centros de traballo, concentracións que se materán no tempo ata que a consellería se aveña a abrir unha mesa de negociación para a recuperacion dos dereitos de descanso e distribución de carteleira deste persoal.

Os sindicatos presentamos comunicación de "preaviso" de folga do persoal técnico de incendios forestais ante a consellería e a autoridade laboral. A folga vai ser a partir do día 1 de agosto.

Este mércores, 8 de xullo, e ante o nulo avance das negociacións dun novo acordo que regule as condicións de traballo do persoal técnico de incendios forestais da consellería do Medio Rural, as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, vimos de preavisar a convocatoria dunha folga legal coas seguintes características:

  1. A convocatoria de folga realízase logo do acordo da asamblea de traballadores e traballadoras e das organizacións CIG, CCOO, CSIF e UGT, sindicatos con representación na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos da Administración Autonómica de Galiza.

  2. A folga comezará dende as 0 horas do día 1 de agosto de 2020 e terá unha duración indefinida, afectando aos postos de traballo do persoal técnico de incendios forestais da consellería do medio rural (grupos A1 e A2 das escalas de enxeñeiros/as técnicos/as forestais e enxeñeiros/as de montes).

  3. O obxectivo da folga é que a Administración Autonómica regule as condicións de traballo nun novo acordo coas seguintes características:

    • Aumentar o cadro persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.

    • Redución do horario anual que supera as 2000 horas, moi por riba do límite legal máximo.

    • Regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 días de vacacións no verán.

    • Distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.

    • Eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito e establecer un/ha segundo/a xefe/a de garda por distrito forestal.

    • Segunda actividade e coeficiente redutor para a xubilación anticipada.

  4. A folga declárase por non teren chegado a resultado satisfactorio as negociacións previas coa Administración.

O TSXG ratificou a condena do xulgado do social de Lugo que condenou á Xunta a indemnizar a súa viúva, xa que o goberno galego recorrera a sentenza. Agora o TSXG considera acreditada a falta de dilixencia por non previr o risco adecuadamente.

O pasado sábado 27 de xuño fixo 5 anos da morte do noso compañeiro Enrique Casanova, que perdeu a vida defendendo ao patrimonio natural do país da lacra dos incendios forestais.

Esa lacra que o goberno do señor Feijóo parece que non quere combater e que ano tras ano arrasa o noso rural sen que o goberno do PP mude o seu modelo de xestión forestal baseado en especies de alta combustibilidade, que unido á nula prevención de riscos laborais no persoal de incendios, deixa clara a súa responsabilidade nas mortes producidas ao longo dos anos.

Pouco ou nada mudou desde aquel fatídico 27 de xuño do 2015 no que nos deixou Quique. Deixounos na soidade, na soidade á que a Xunta obriga a traballar aínda hoxe aos axentes ambientais. Deixounos realizando a gran labor de defender a nosa terra coa súa propia vida. Deixounos demostrando quen quere realmente o noso rural. O noso rural quéreo esa xente que loita coma Quique día a día pola defensa deste país e pola defensa do seu patrimonio natural. Pero á Xunta iso élles igual: para eles somos pouco máis ca números, números que poden traballar con deficiencias no sistema de comunicacións, sen protocolos de seguridade, con formación deficiente, e nin falar de segunda actividade ou de xubilación anticipada. O persoal de incendios somos simplemente números que se manexan dende os centros de coordinación.

Así que insistimos, nada lles importamos aos que gobernan as persoas que nos adicamos a combater eses incendios forestais. Demóstrao que estivesen sen convocar o Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios máis de 2 anos e logo cun facer autoritario e neglixente desprezan medios como máscaras de calidade, bombas de osíxeno ou refuxios de auxilio. Hoxe falamos de Quique pero de seguir así seguiremos caendo e lamentándonos por outras, porque nada ou pouco cambiou en 5 anos.

Na sentenza demostrouse a actitude de deixadez da Xunta na morte de Quique Casanova e sinálase a necesidade de mellorar a seguridade de todos os que traballamos en incendios. Dous son os elementos chave polos que se condena á Xunta de Galiza pola falta de dilixencia nas medidas preventivas: o primeiro feito é o de non ter retirado a Quique da actividade directa de extinción polas súas condicións de saúde tras telo solicitado reiteradamente e despois de vixilancias de saúde con protocolos e avaliacións deficientes. O segundo elemento é o de manter o traballo en solitario na extinción de incendios forestais, feito que condicionou a evacuación e primeiros auxilios no caso de producirse un accidente ou como neste caso un infarto.

Quique aínda despois de deixarnos segue a defender aos seus compañeiros e ao noso patrimonio natural coma sempre fixera.

Grazas Quique

A CIG-Autonómica denuncia que a Consellería de Medio Rural da un paso máis cara a desconexión da vida no rural galego ao obrigar as persoas solicitantes de cortas de uso doméstico a relacionarse cunha aplicación dixital.

As oficinas de atención desta consellería como os distritos e comarcas forestais e oficinas agrarias comarcais cada vez máis perto do peche, este paso segue ao desmantelamento de formación e labores de asesoramento polas oficinas comarcais aos propietarios de parcelas agrarias e forestais, os novos procedementos para a obtención de permisos e a obriga da relación telemática dos produtores.

O pasado mes de maio publicouse o novo decreto de aproveitamentos forestais (DECRETO 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galiza) que recolle como principal novidade que todas as solicitudes teñen que tramitarse de forma dixital. Este feito fundamentado na axilización da tramitación administrativa (reclamada pola industria) comporta unha dura consecuencia para as persoas do rural aos que se lles impide poder facer as solicitudes de uso doméstico (cortas pequenas para leñas) de forma presencial nas oficinas da administración. 

De esta forma a partir do 9 de xuño (data da entrada en vigor do novo decreto) toda a persoa que queira solicitar un aproveitamento de madeira ou leñas independentemente que teña un uso comercial ou doméstico, ten que facelo de forma telemática e ter un certificado dixital ou unha chave 365. Caso contrario comporta acudir a unha xestoría e pagar por unha tramitación (temos constancia de custes de uns 60€ por xestorías en distintos lugares) ou no peor dos casos deixar de facer o trámite ante a existencia dunha barreira dixital imposta sen alternativa.

Desde a CIG pedimos que se busquen solucións de servizo público para o rural e que a brecha dixital que quere impoñer o conselleiro de Medio Rural. Apoiando unha vez máis á industria sen garantir o servizo publico as persoas  persoas usuarias do medio rural. Na CIG na defensa da actividade tradicional da Galiza rural como valor prioritario para a pervivencia do país loitamos pola cohesión social e mantemento dos servizos directos aos cidadán e propuxemos achegas que finalmente se incorporaron á lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galiza. Destaca o seguinte parágrafo da exposición de motivos: “Na súa configuración será necesario ter en conta a especial dispersión no medio rural, que abrangue máis do oitenta por cento do territorio de Galiza, así como a necesaria dotación suficiente de medios humanos e materiais para a atención da rede”. Esta mesma norma indica no seu artigo 12.2. que a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galiza prestarán especial atención aos factores que poidan agravar as dificultades de relación dixital, en particular a idade, a localización no medio rural ou a situación de precariedade económica ou de exclusión social. 

Para poder resolver esta situación desde a CIG reclamamos o desenvolvemento da disposición adicional terceira da lei de Administración Dixital de Galiza vinculado a asistencia á cidadanía no relativo aos medios tecnolóxico (o punto segundo di: “Coa finalidade de garantir o acceso igualitario aos servizos dixitais durante o proceso progresivo da incorporación do uso dos medios dixitais na sociedade, as oficinas de atención á cidadanía e de rexistro poderán desenvolver actuacións específicas tendentes a favorecer a progresiva incorporación, familiarización ou desenvolvemento do uso dos medios dixitais por parte dos colectivos que especialmente o requiran”) e a aplicación do rexistro do persoal funcionario público habilitado (capítulo V desta mesma lei), para que os empregados públicos incluídos neste rexistro podan actuar en nome dos administrados e realizar as tramitacións telemáticas.

Cando se lle preguntou ao actual conselleiro pola tramitación telemática das solicitudes de corta, nun dos actos de campaña feito nas redes (ver minutos 12 a 14), mentiu de forma descarada, indicando que este trámite podía facerse nos concellos ou nas oficinas de medio rural. A realidade indícanos que todo isto non é posible posto que non están desenvolvidos os elementos humanos e materiais necesarios que o poden poñen en marcha en base á norma indicada con anterioridade. Polo tanto, señor conselleiro deixe de enganar aos cidadáns do medio rural axilizando trámites só para os intereses dunha parte e póñase a traballar para reducir a brecha dixital e dar servizo a cidadanía tal e como lle obriga a lexislación actual.

No DOG do venres 3 de xullo de 2020 vén de publicarse a resolución do 23 de xuño de 2020 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 16 de xullo de 2020.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de cursos que se pode solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.

O día 29 de xuño rexistramos un escrito onde se recollen diferentes erros das novas aplicacións CORWEB e CORPRI, desenvolvidas e promovidas pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

Algúns dos erros detectados son:

  • falta de tempo de adaptación para o uso das aplicacións,
  • falta de formación,
  • falta de previsión nos accesos directos dos visores necesarios para cumprimentar os diferentes partes dos informes,
  • non ter en conta a normativa existente en canto o uso do NIP por parte dos Axentes,
  • a inclusión de varias referencia catastrais no mesmo expediente o que dificulta o seu informe, etc.

Estas aplicacións impoñen a obriga de presentar de xeito telemático todas as solicitudes de aproveitamentos, sin medidas nin tempo para a súa adaptación, limitan o acceso ás persoas usuarias ao servizo publico ademais de dificultar o control polo persoal axente e técnico dos aproveitamentos forestais.

Por todo isto, a CIG solicitou por escrito que se corrixan as disfuncións detectadas e se cre un grupo de traballo para facer seguimento da posta en marcha das aplicacións.

Ante a paralización sen acordo das xuntanzas coa consellería do Medio Rural por falta de propostas concretas por parte da administración, as organizacións sindicais convocan a terceira teleasemblea de persoal técnico de incendios forestais para o vindeiro luns 6 de xullo ás 21h.

Nesta nova convocatoria darase conta das distintas xuntanzas mantidas coa consellería e aprobaranse as medidas que se porán en marcha nas vindeiras semanas para seguir solicitando de forma lexítima un novo acordo que regule as condicións de traballo de forma efectiva.
Ante a negativa da administración de presentar unha proposta, o persoal técnico de incendios farase escoitar.

Por un NOVO ACORDO XA!!!!

Recollemos nun único arquivo todos os postos vacantes iniciais do concurso de traslados de corpos xerais (DOG 27/11/2019), xunto con todas as potenciais resultas, e os códigos correspondentes ás escalas, formación e observacións.

O arquivo contén nove lapelas. A primeira cos postos de todos os grupos (vacantes e resultas unidas). As cinco seguintes, só os postos dun grupo. As seguintes son as indicacións dos códigos de escalas, formación e observacións.

Os datos están collidos directamente do Portax. Simplemente os agrupamos nun único arquivo.

Descargar.

Outras novas recentes

Venres, 10 Mai 2024

A CIG solicita unha xuntanza urxente con Medio Rural para tratar as melloras laborais das/os axentes ambientais

A CIG vén de solicitarlle á conselleira do Medio Rural unha xuntanza urxente, dado que vemos necesario tratar os seguintes puntos dos acordos de melloras laborais para a escala de axentes facultativas/os medioambientais: Redacción do regulamento de funcións da nova escala de axentes técnicas/os en xestión ambiental. Grupo B. No momento no que se chegara ao 40% de axentes...
Mércores, 15 Mai 2024

Souto de Leixa: o público é servizo, o privado beneficio

O goberno de Alfonso Rueda volve a ofertar a mans privadas a xestión do centro ocupacional Souto de Leixa, que atende a persoas adultas discapacitadas, e que xa leva varios lustros dunha desastrosa xestión privada. Nesta ocasión queren concederlle unha concesión por 12,7 millóns en 4 anos. Alá polo ano 2010 as nais e pais de alumnado do centro “Souto de Leixa” agardaban...
Martes, 14 Mai 2024

Vixilancia de estradas: a Xunta paraliza o proceso de promoción interna mentres privatiza as funcións que tería a nova escala

Chegounos á CIG información de que na redacción dos novos pregos de contratación da conservación de estradas feitos pola AXI se está a incluír que as empresas privadas fagan as funcións de vixilancia de explotación (informes, denuncias, vixilancia do dominio público, etc), que deben estar reservadas a persoal funcionario da administración. Estas funcións están sendo...