Novas por contido

O servizo de autobuses que se presta para o desprazamento de persoas empregadas públicas da Xunta entre distintas localidades, fundamentalmente entre os servizos centrais e o resto das grandes cidades, así como entre estas, lonxe de ser un medio seguro para o desprazamento das persoas aos seus postos de traballo é un espazo de risco para as persoas debido ao uso masivo que se produce dos mesmos.

A responsábel do control sobre o cumprimento da normativa nestes servizos, independentemente de quen contrate eses servizos, é a propia Xunta, que debe adoptar medidas ao respecto. A estas alturas non parece prudente que a Xunta manteña un sistema de barra libre no transporte onde poida haber autobuses con todas as prazas cheas co único requisito de levar máscara.

A isto hai que sumarlle a redución de servizos por parte de RENFE entre varias cidades.

Con autobuses cheos onde non se respecta a mínima separación, onde todos os asentos van ocupados, e tendo constancia de que houbo xente que viaxando neles deron positivo, se vai tomar algunha medida? Vai haber seguimento a quen compartiu autobús coas persoas que deron positivo? Vai a Dirección Xeral de Mobilidade esixir que se adopten medidas preventivas?

A CIG presentou as súas primeiras alegacións ao borrador do teletraballo á espera da primeira xuntanza con Función Pública que terá lugar o martes.

PRIMEIRAS ALEGACIÓNS DA CIG AO BORRADOR DO ACORDO SOBRE A PRESTACIÓN DE SERVIZOS NA MODALIDADE DE TELETRABALLO NA ADMINISTRACIÓN DA XUNTA DE GALIZA

CONSIDERACIÓNS PREVIAS

Dende o pasado mes de marzo coa situación xerada pola pandemia o teletraballo e o traballo remoto realizado dende os nosos fogares conformouse como unha ferramenta chave para evitar a paralización dos servizos administrativos esenciais e tamén permitiu que seguirá funcionando parte do tecido produtivo e dos servizos públicos e privados. O que se pretende regular agora é un Acordo para o teletraballo sen situación de COVID, e dicir unha nova normativa que substitúa á do teletraballo ordinario de 2013.

No medio dunha segunda onda da pandemia que esta a xerar peores datos sanitarios que no mes de marzo e abril non temos implantado o teletraballo COVID na Xunta de Galiza que de resposta as necesidade de protección deste risco laboral nos nosos centros de traballo. Obrigase a mobilizar a milleiros de persoas, compartindo transportes e servizos para poder acudir aos seus postos de traballo que non se consideran seguros pola falla de medidas preventivas específicas fronte ao COVID.

Nós considerábamos o teletraballo ou traballo remoto como a medida organizativa mais eficaz mentres non se preparaban os centros e mentres os medios de protección escaseaban e tendo en conta as previsións de que un segundo pico da pandemia non sería tan forte como o que estamos tendo na actualidade. Agora sin medidas preventivas e coa pandemia en picos históricos o persoal demanda urxentemente un sistema de teletraballo. Esta urxente demanda está a condicionar o propio procedemento negociador xa que se detecta a necesidade por parte das persoas empregadas públicas de buscar respostas e solucións a situacións xeradas polo COVID e non propias da regulación dun teletraballo ordinario.

Dende a CIG Autonómica concluímos que estes feitos exercen unha presión de urxencia negociadora que pervirte a negociación e inflúe negativamente na regulación desta modalidade laboral. A administración é allea a esta demanda e propón ampliar os prazos administrativos ou dispor de ata un ano para dotar de medios materiais ao persoal para exercer o teletraballo en cumprimento do EBEP.

Polo exposto e para avanzar cunha negociación cun debate profundo e serio que avance no teletraballo solicitamos con carácter urxente e previo a esta negociación a IMPLANTACIÓN INMEDIATA DO TELETRABALLO COVID ou traballo remoto e a implantación das medidas preventivas manifestadas no marco da seguridade e saúde laboral.

A NECESIDADE DUNHA REGULACIÓN UNIVERSALIZADA PARA O SECTOR PÚBLICO AUTONÓMICO

Debido a unha regulación restritiva, e ao interese de moitos centros directivos o persoal que ata agora se acollía a esta modalidade de traballo era unha minoría.

A nova regulación do teletraballo ten que rematar con estas restricións e ten que ter carácter universal. Compre avanzar nos dereitos dunha modalidade novedosa e aprender dos problemas que ten o persoal doutros sectores e países onde esta mais arraigada.

Así no texto proposto e con carácter xeral falta afondar nas seguintes materias para garantir dereitos e concretar a aplicación desta modalidade de teletraballo e que amplían ás do EBEP:

• Dereitos do teletraballador/a (dereito ao mantemento do posto (físico) de traballo; dereito a desconexión dixital; dereito a formación específica que será obrigatoria, previa e continua en competencias dixitais, sempre dentro da xornada laboral; dereito a promoción profesional; dereito a unha axuda económica para a contratación dunha conexión a internet de banda ancha, así como correr asumir o gasto de calquera medida que supoña un custo económico para poder realizar o teletraballo;  dereito a permisos e licenzas, dereito a conciliación, dereito a racionalización do traballo…).

• Deberes do teletraballador/a (horario referencia persoal, deber de dar parte de traballo…).

• Regulación de tarefas susceptibles de ser teletraballadas e que sirvan para configurar e determinar que postos poden ser desempeñados baixo teletraballo.

• Prevención de riscos laborais con especial atención aos riscos psicosociais (a avaliación dos riscos psicosociais debe facerse por parte da empresa e no conxunto da unidade e non cunha enquisa individual) e creación dunha unidade específica como un CSSL propio.

• Compatibilidade con outras modalidades laborais e con medidas de conciliación.

• A administración asumirá a contratación dun seguro que cubra as posíbeis incidencias no relativo á lei protección de datos.

• Mecanismos de control e vixilancia para evitar a discriminación de xénero no emprego e sobre os efectos que esta modalidade laboral pode ter a nivel social (retroceso da corresponsabilidade no fogar, estatísticas de teletraballadores/as) e a inclusión no estudo diagnóstico do futuro Plan de Igualdade para que se podan establecer medidas concretas...).

• Participación dos representantes dos traballadores/as nos mecanismos de control e seguimento desta modalidade laboral. Implantación de medidas que contrarresten e impidan a individualización da relación laboral e garantan a defensa do persoal empregado publico.

Sen prexuízo das consideracións xerais sobre a natureza do texto, e da nosa demanda principal, a IMPLANTACIÓN DO TELETRABALLO COVID, dende este momento e mentres dure a crise sanitaria, queremos achegar a nosa posición sobre aspectos concretos do texto.

1. Ampliar o ámbito subxectivo a todas as persoas empregadas públicas sen exclusións.

A imposibilidade material de poder prestar servizos mediante teletraballo débese á natureza dos postos, non dos colectivos, escalas, corpos ou categorías. Que unha persoa non poida realizar o seu traballo mediante medios telemáticos pola natureza do posto ou por outro tipo de circunstancias ten que concretarse nunha denegación da prestación por teletraballo, non nunha exclusión a priori de todo un grupo de persoas empregadas públicas.

2. O teletraballo non é un permiso nin un sistema de flexibilización horaria. É unha modalidade de prestación de servizos, que non constitúe en si mesmo unha medida de conciliación, e polo tanto non pode substituír as medidas específicas de conciliación da vida laboral e familiar. Ao tempo, debe seguir en vigor todo o sistema de permisos, licenzas e reducións de xornada, así como todas as modalidades de flexibilización horaria.

Neste caso concreto a restrición do horario flexible por razóns de conciliación da vida familiar e laboral, supón a anulación do mesmo, co cal nos manifestamos contra esa restrición.

3. Se ben na actual regulación se contempla o requisito de contar cunha antigüidade igual ou superior aos dous anos de servizo no posto de traballo, isto é propio do momento no que se aprobou onde non existía o teletraballo.

Manter isto supón incrementar as eivas á mobilidade horizontal e vertical, sexan concursos de traslados, promocións internas ou calquera outro sistema.

Ademais, despois de 7 anos de andaina do teletraballo ordinario e da experiencia destes últimos meses, onde se demostrou que este tipo de restrición é innecesaria, dende a CIG propoñemos a súa supresión.

4. Considerar que só o 50% das xornadas laborais se poden prestar baixo o réxime de teletraballo parece a todas luces insuficiente e innecesario e ademais supón unha redución do establecido ata o momento.

5. Outra restrición innecesaria é a de establecer unha porcentaxe de presenza obrigatoria dos efectivos de cada unidade administrativa, (neste caso do 40%).

Partindo de que cada unidade administrativa ten que determinar cales son os efectivos necesarios para a prestación do servizo na modalidade presencial, non parece acaido que se estableza un límite con carácter xeral.

6. O mesmo ocorre cando se dispón que un día de cada semana todo o cadro de persoal de cada unidade administrativa preste servizos de forma presencial simultaneamente. Se ben nunha situación de normalidade isto pode ser aceptable, na situación actual non parece aceptable.

Ademais restrinxe a posibilidade de prestar servizos mediante teletraballo a 4 días laborables o que significa en moitos casos e conxugado co límite do 40% que o número de xornadas que se poidan realizar mediante teletraballo se vexan reducidas aínda máis. Propoñemos a supresión deste punto.

7. Dereito á racionalización do traballo. A persoa traballadora debe coñecer semanalmente cal é o plan de traballo para poder organizar axeitadamente  o mesmo.

8. Non parece tampouco acaido a ampliación de tres meses máis para a resolución das solicitudes en curso.

Se nestes meses de pandemia se demostrou que en breve prazos se podían resolver as solicitudes de teletraballo covid, esta prolongación de prazos parece un atranco máis e non unha solución garantista para as persoas traballadoras.

9. Tamén consideramos excesivo o prazo de ata un ano para facilitar os medios para o teletraballo.

10. Os dispositivos facilitados garantirán a inviolabilidade do domicilio, quedando expresamente prohibidos o uso de videocámaras e micrófonos como sistema de control, así como o acceso remoto fóra do horario laboral e os programas de control e monitorización do traballo que non se cingan exclusivamente á comprobación do cumprimento dos obxectivos.

11. Tampouco se contempla o dereito á desconexión dixital. A existencia de xornadas flexibles e de controis horarios non debe implicar a conexión permanente máis que no tempo efectivo de traballo, do mesmo xeito que no traballo presencial. En ningún caso a administración poderá esixir a realización de tarefas nin a recepción de documentación fóra do horario da xornada laboral.

12. O tempo no que se produzan incidencias técnicas (caídas de enerxía, caídas do provedor de servizos de internet, fallos nos equipos, etc.) que provoquen a interrupción do traballo, en ningún caso serán imputables as traballadoras, sendo ese tempo computado como traballado, polo que non se poderá pedir recuperación algunha do mesmo.

REALIDADE SOCIAL: 441 NOVOS POSITIVOS ACTIVOS, SATURACION DO SISTEMA SANITARIO, 21 CONCELLOS EN NIVEL 3, MOITOS DELES CONFINADOS, E UN POSIBLE CONFINAMENTO PERIMETRAL DA GALIZA…
OUTRA REALIDADE: A DIRECCION XERAL DE FUNCION PUBLICA GARANTE A SEGURIDADE DO SEU FUTURO PERSOAL?

Mentres a situación sanitaria na Galiza alarma polos positivos que non deixan de medrar; achegándonos ao colapso dos servizos sanitarios, Sanidade regula limitacións e a Dirección Xeral de Función Pública fai mutis e  nin resposta coa paralización dos procesos selectivos nin dos seus prazos (segue a facer o que mellor se lle da: propaganda nos seus medios de comunicación e recicla a mesma oferta de emprego público xa anunciada a primeiros de ano).

Entón a ver se respostan as seguintes preguntas que teñen que ver coa seguridade xurídica e coa igualdade de oportunidades que deben rexer tódolos procesos e actuacións das AAPP:

  • Como poden compatibilizar a prohibición de reunións de non convivintes e que poidamos desprazarnos milleiros de persoas a facer un exame?
  • Os/as aspirantes confinados/as nas súas vilas ou nas súas casas, agardando PCR ou por ser contactos estreitos con positivos poderán acudir ou que se pretende facer nestes casos?
  • Sería igualdade de trato para todos/as que uns se poidan examinar e outros non ou o fagan máis adiante?
  • Farase cargo Función Pública das responsabilidades que poidan derivarse de posíbeis contaxios ou se lavarán as mans?

No referente ao tema sanitario cuestionamos os informes da consellería de Sanidade por obsoletos e seguimos a requirir a revisión das medidas preventivas en base ao novo escenario. Esiximos seguridade para o persoal opositor e tamén para o traballador que vai estar alí, e por suposto esiximos a aplicación do principio de prevención e que se atenda a situación psicosocial do persoal opositor pois xa son bastantes inseguridades e temores a padecer ca saúde no dia a dia da pandemia como para engadir a incertidume dun proceso selectivo no que se está a xogar o seu futuro laboral.

Esta  PARALIZACION URXENTE dos procesos selectivos e dos seus prazos administrativos para evitar a caducidade duraría ata que se reduza a situación de risco sanitaria provocada pola pandemia da Covid 19 e que se garantan a saúde e a seguridade nos mencionados procesos, atendendo a informes sanitarios que teñan en conta os novos datos epidemiolóxicos da nosa comunidade e sexan innovadores na prevención e remedio ante un horizonte de evolución dos contaxios tan incerto.

Mentras tanto, instamos a que FP concentre os seus esforzos nos asuntos que non representan problemáticas de saúde e levan moito tempo de retraso como son: resolución do concurso xeral, tomas de posesión inmediatas dos corpos que están á espera, convocatoria dos concursos de escalas e de corpos especiais, do concurso específico e do concurso de persoal laboral.

Loita e resistencia do persoal da consellería de Política Social

Suspéndense as mobilizacións previstas para esta semana pola grave situación sanitaria que provocou a implantación de novas restricións do dereito de reunión en toda a Galiza.

A de mañá, 22 de outubro, sería a 17ª xornada de loita e reivindicación do persoal de Política Social e aínda seguimos sen noticias da conselleira de Política Social, Fabiola García. Esta conselleira continúa actuando como a peor patronal e fai oídos xordos ás reivindicacións do seu persoal.

En plena segunda onda da pandemia temos que seguir a reclamar medios materiais e de seguridade, máis persoal e información como a dos contaxios de compañeiros e usuarias ou incluso que a realización das probas PCR non se impoñan no día libre e a unha hora e media de desprazamento co custo a cargo do traballador/a.

O persoal que atendemos e coidamos as persoas nos centros residenciais non desfalecemos no empeño e seguimos a resistir con actitude combativa ante a ineptitude dos cargos da consellería. Non temos dúbida da calidade do servizo que aportamos grazas o noso esforzo e, a pesares do intento da Xunta de deterioralo, e esiximos o reforzo dos centros residenciais da consellería. A Xunta ten que negociar xa as condicións de traballo, tanto do persoal dos centros de atención da propia Consellería como do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF, o vindeiro xoves 29 de outubro temos previstas xuntanzas cos grupos parlamentares co fin de impulsar a consecución dos seguintes obxectivos para o fortalecemento deste sistema público e da defensa do seu persoal.

• REFORZO DE MEDIOS MATERIAS,SEGURIDADE E PERSOAL ANTE A PANDEMIA
• A DEVOLUCIÓN DOS ARTIGOS DO CONVENIO RECORTADOS NO 2012
• A DEFENSA DUNS SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS, DIGNOS E DE CALIDADE
• INCREMENTO DE PRAZAS PÚBLICAS DE XESTIÓN DIRECTA
• FIN DA PRECARIEDADE NO SECTOR PÚBLICO
• A TRANSFORMACIÓN DOS CONTRATOS PARCIAIS A XORNADA COMPLETA

Tras os requerimentos da CIG, a consellería de Educación ultima a contratación de persoal de limpeza por acúmulo de tarefas e así atende parcialmente as nosas demandas

A CIG Autonómica celebra, que por fin, a consellería de Educación comprendera que o persoal de limpeza dos centros de ensino tiña unha sobrecarga de traballo inviable , xa que hoxe vén de autorizar unha serie de contratos na modalidade de acumulo de tarefas ata xuño do vindeiro ano. Era visto que sen mais persoal é imposible atender a unhos mínimos de limpeza para parar a covid nos nosos centros educativos: a desinfección e a hixienización dos espazos é imposible sen máis medios materiais e sen máis persoal.

Porén e aínda que valoramos a medida tamén recordamos a necesidade dun plan preventivo específico para este persoal con alta probabilidade de contaxio.

Dende a CIG sabemos que a Xunta non cambiou o seu parecer porque si, porque se lle ocorreu agora, senón que vén derivado das accións que dende o pasado maio vimos desenvolvendo na defensa da seguridade e saúde do alumnado e familias dos centros educativos e do seu persoal. Concretamente coa interposición dun conflito colectivo pola modificación substancial das condicións de traballo impostas a este persoal e que terá lugar a finais de novembro e tamén pola denuncia presentada na Inspección de Traballo que xa deu lugar a varios requirimentos da autoridade laboral.

Aínda así, temos que dicir, que non é suficiente xa que este tipo de contratos soamente se autorizaron para algúns centros, non é algo xeneralizado e consideramos que a carga de traballo existe en todos xa que o “protocolo” e as conseguintes medidas que del derivan triplican as tarefas deste persoal.

Por outra banda, tampouco é suficiente que só se reforce o persoal de limpeza e non se faga o mesmo co persoal de cociña que segundo declaracións da propia consellería o pasado fin de semana pretenden solucionalo co incremento (insuficiente) de persoal colaborador que participa voluntariamente na atención ó alumnado durante o servizo de comedor. Dende a CIG Autonómica aínda que concordamos co incremento de persoal colaborador insistimos en que non resolve o problema do persoal de cociña profesional que é o que asume tanto a elaboración como a desinfección en todas as novas quendas de xantar establecidas e nos novos espazos habilitados e é garante dun bo servizo nutricional e de seguridade alimentaria.

Dende a CIG aledámosnos pola medida e insistimos no deber de participación da Xunta co persoal empregado publico para analizar a ampliación a tódolos centros tanto do persoal de limpeza como de cociña ou outro necesario neste contexto de pandemia.

Coa saúde non se xoga.

Marco teórico legal

A Orde do 13 de agosto de 2019, da Consellaría de Economía, Emprego e Industria, establece as bases reguladores para o período 2019/2020 onde se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas.

O pasado 22/05/2018 a Consellería de Emprego e Igualdade e as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT, asinaron un Acordo polo que se estableceron as condicións laborais do persoal de supervisión e seguimento da Formación Profesional para o Emprego nesta consellería. Previamente a este acordo, houbo unha modificación da RPT da consellaría para incluír a observación de “supervisión e seguimento da formación profesional para o emprego” aos postos que figurasen coa denominación de “titulado superior de formación ocupacional”, “técnico/instrutor de formación ocupacional” ou “titulado medio de formación ocupacional”.

As características das actuacións, recollidas na cláusula quinta deste Acordo, son: “desenvolver accións de supervisión, seguimento, control e xestión de centros e cursos de formación profesional para o emprego, establecidos no plan anual... Avaliar os procesos e resultados das accións formativas, mediante a elaboración de informes de cada acción formativa encomendada..,”. O persoal funcionario e laboral, suxeito a estas funcións de seguimento, terá un horario especial variable que se desenvolverá habitualmente entre as 7:30 e as 20:00 horas de luns a venres; excepcionalmente, poderá estenderse ata as 21:00 horas e os sábados entre as 10 e as 14:00. Para compensar este horario especial acordaron un complemento retributivo para cada un destes postos.

Marco práctico

As unidades formativas de empresa con compromiso de contratación son demandadas, principalmente, polas grandes corporacións privadas asentadas en Galiza.

Así as cousas, parece que toda acción formativa para o emprego, subvencionada con fondos públicos, deberá ser supervisada e avaliada polos empregados públicos da Consellería de Emprego e Igualdade.

Pois ben, isto non é así. Resulta que TRAGSATEC, filial da empresa pública TRAGSA, é a encomendada para a supervisión do desenvolvemento das accións formativas. Esta supervisión non comprende tódalas accións requiridas para a aprobación da subvención publica. A avaliación final ten que asinala un empregado público da Consellaría de Emprego e Igualdade con responsabilidades en supervisión e seguimento da formación profesional para o emprego.

Un empregado público ten que avaliar un expediente do que non foi partícipe. Como é posible que se lle esixa a sinatura dando conta dunhas actuacións que non pode constatar que se executaran?

A conclusión que se pode obter é que un empregado público actúa baixo os principios da legalidade e independencia; principios que non se lles esixen aos empregados de TRAGSATEC que traballan baixo as ordes e as directrices emanadas da empresa.

A experiencia deste ano demostrou que o teletraballo é unha ferramenta fundamental para a prestación dos servizos públicos que evitou o peche dos mesmos e demostrou que os servizos de carácter administrativo puideron seguir funcionando con normalidade e con altos índices de eficiencia durante a crise do COVID.

Pero lonxe de aprender desta experiencia, a Xunta nos presenta un borrador de acordo sobre o teletraballo con algúns avances pero tamén con varias eivas e limitacións.

Como CIG queremos destacar unha serie de elementos deste borrador que nos sirvan para afrontar a negociación.

 

A vía máis doada: exclusión total de determinados corpos, escalas e colectivos en vez dunha análise concreta dos postos de traballo

Se ben a nova regulación do teletraballo parece configurar un sistema máis amplo en canto ao persoal que pode recorrer a esta modalidade, establece en realidade un sistema de limitacións que debería ser máis flexible (exclúe colectivos completos onde parte dos seus efectivos fan todo ou parte do traballo de carácter administrativo).

Esta exclusión de corpos e escalas completos é máis cómoda para a Xunta que determinar que postos de traballo concretos poden acollerse ao teletraballo ou non. A modo de exemplo, nun instituto de ensino secundario onde hai 3 ou 4 auxiliares administrativos, por que se exclúe a este persoal do teletraballo?

 

Flexibilización por conciliación OU teletraballo

No relativo á conxugación do teletraballo con medidas de flexibilización horaria por conciliación xa existentes o borrador supón un retroceso ao restrinxir esta flexibilidade ás franxas da ordinaria (de 9 a 14:30 como período obrigatorio de conexión) o que supón dinamitar a flexibilización horaria por coidado de fillos menores ou maiores a cargo e impedir que o persoal que xa a teña autorizado poida acollerse ao teletraballo.

 

Concursos e promoción interna OU teletraballo

Outra limitación absurda establecida neste borrador é a de esixir 2 anos de servizo no posto de traballo para o cal se solicita o teletraballo. Isto parece significar ou que ben a Xunta ou non quere teletraballo ou non quere mobilidade nin concursos nin promocións internas, porque quen se mova non vai saír na foto do teletraballo.

 

Redución das xornadas de teletraballo con respecto ás actuais

Restrínxense as xornadas que se poden prestar nesta modalidade en relación á regulación actual pasando a ser a metade das xornadas laborais mensuais o que reduciría en cómputo semanal as xornadas de 3 a 2,5.

 

O 40%: Presente!

Outra limitación arbitraria, recurso da indolencia intelectual da Xunta é a de fixar como café para todos unha porcentaxe de presenza dos efectivos de cada unidade administrativa, neste caso do 40%. É o camiño máis cómodo en vez de analizar as necesidades de presenza do persoal en cada unha das unidades.

 

Día do contaxio

Establécese que un día de cada semana todo o cadro de persoal de cada unidade administrativa preste servizos de forma presencial simultaneamente. Se ben nunha situación de normalidade isto pode ser aceptable, na situación actual non parece unha grande idea e habería que contemplar a suspensión desta obriga nunha disposición transitoria.

 

A parsimonia coas solicitudes de teletraballo actualmente en trámite

Para as solicitudes presentadas este ano e que estean en trámite á entrada en vigor deste acordo, a Administración amplía o seu prazo outros 3 meses máis para resolver o que non foi capaz de resolver, polo que haberá persoas que teñan unha agardar de ata 6 meses para poder teletraballar.

 

Medios propios OU ata un ano para que che concedan o teletraballo

No caso de non utilizar medios propios hai que esperar a que AMTEGA os facilite. A pesar do que di a nova modificación do EBEP, a Xunta establece que a obrigatoriedade de facilitar os medios non vai ser efectiva ata que transcorra un ano dende a entrada en vigor, o que supón que se a persoa non ten os medios non poderá teletraballar.

 

E o dereito á desconexión dixital?

Como xa dixemos aquí, na modificación do teletraballo no EBEP asinada por CCOO, UGT e CSIF, un dos motivos da CIG para non asinala foi que moitas das nosas demandas se contemplaban na exposición de motivos pero non na parte dispositiva e polo tanto non obrigaban ás administracións. Unha delas era a desconexión dixital, e parece que desgraciadamente tiñamos razón. Para a Xunta o que está na exposición de motivos non existe e por isto non contempla este dereito.

 

Conclusións provisionais

Parece que moitas destas limitacións, como a incompatibilidade con algunhas flexibilidades horarias ou con concursos e promocións internas, parecen destinadas a impedir que o persoal que teletraballa non sexa a maioría que en principio se deduce.

A Administración segue a gardar un as na manga ao establecer as necesidades do servizo como guillotina das concesións do teletraballo.

Todo parece ralentizarse, danse un ano de vacatio da obriga de facilitar os medios e prorróganse o seu prazo para resolver as solicitudes en trámite 3 meses máis.

En definitiva, que o que nos presentan é un documento ambiguo, con algúns avances, pero tamén con retrocesos. Retrocesos con respecto ao teletraballo COVID, pero tamén con respecto á regulación anterior.

Non parecen entender que o teletraballo non só é un dereito senón un sistema eficaz para dar cumprimento aos cometidos das administracións públicas, unha ferramenta que pode permitir a unha administración afrontar retos como o presente ou futuros. A percepción da Xunta de que o teletraballo debe ser algo anecdótico, restrinxido a uns poucos e graciable na súa concesión, é o pasado. E na CIG apostamos polo futuro.

Función Pública envíanos hoxe o borrador do Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Xunta de Galiza e tamén nos convoca a unha reunión para tratar este asunto o venres 23.

Á espera de estudalo en profundidade e poder alegar e negociar, poñémolo á disposición de todo o persoal empregado público da Xunta de Galiza.

Dilátase a entrega das máscaras a espera dunha posible compra xeral. 

A negativa de proporcionar máscaras e outro material de protección, fixo que tivéramos que acudir á Inspección de Traballo a denunciar aos responsables das consellerías e dos centros administrativos.

Hai xa mais dunha semana que recibimos a resolución da Inspección de Traballo pola falla de dotación de máscaras, e como novidade a inspectora diríxese ao responsable da Xunta para Covid requirindolle que proporcione máscaras a todo o persoal administrativo, polo que dende a CIG solicitamos no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral que de inmediato se estenda a dotacion deste material de protección.

O venres 9 de outubro, na xuntanza de presentación da nova consellería de Economía, Empresa e Innovacións, tras o noso requirimento para que non retrasasen máis a dotación de máscaras, o secretario xeral técnico afirmou que estaban a esperar unha compra xeral para toda a Xunta.

Sospeitabamos que podía ser outra artimaña dilatoria, pero posteriormente confirmamos, por outras fontes, que a Xunta si ía dotar de máscaras a todo o persoal, e iso que tamén soubemos que a Xunta recurrira a resolución da Inspección de Traballo.

Na Xunta, na vez de dar exemplo de compromiso ante a pandemia, tentan fuxir pateticamente da súa responsabilidade con escusas imbéciles xogando coas nosas vidas por aforrar catro cans. A ver si agora, co nomeamento da nova responsable COVID (subdirectora xeral de Coordinación e Servizos Transversais) poñen algo de sentidiño nesta pandemia, que xa son horas.

Aínda así na CIG voltamos instar a todalas consellerías para que doten urxentemente de medios de protección ao seu persoal (máscaras, xeles, desinfectantes, EPIS..), reavalíen os centros ao risco biolóxico do COVID (no especial, sistemas ventilación, accesos…) e amplíen medidas organizativas e teletraballo para evitar a masificación nos centros en plena segunda onda da pandemia.

Despois de insistir en que para o acto de elección de destino das persoas que promocionan ao corpo administrativo (subgrupo C1) se inclúan todas as vacantes ou polo menos que nos dean razón do criterio empregado para incluír uns postos e outros non, volvemos a ter un asunto similar, pero aínda máis rocambolesco para o caso do persoal veterinario.

A CIG ven de poñerse en contacto con Función Pública para que nos explique por que se retiran dous postos da relación de postos para o acto de elección de destino de persoal veterinario.

Segundo Función Pública os postos que se ofertan son os ocupados pola xente que aprobou máis unha serie de vacantes puras (non ocupadas por persoal interino).

Pois ben, a CIG ten coñecemento de que polo menos 11 das que se ofertan inicialmente (9 se descontamos as que se retiraron anunciadas no DOG de hoxe), están ocupadas por persoal interino.

O noso criterio sempre foi o de que teñen que saír todas as vacantes, tal e como solicitamos en todos os procesos. Se a Administración pretende impoñer outros criterios ten que explicalos e teñen que ser criterios obxectivos.

Parece que incluír uns postos e outros non obedece máis que á política que seguiron sempre Medio Rural e Sanidade de salvar a unhas persoas e condenar a outras, non sabemos se por afinidade de algún tipo ou por que. O certo é que esas decisións prexudican primeiro, a todas as persoas que superaron o proceso selectivo e segundo a aquelas persoas interinas que ven que os postos que ocupan saen a elección de destino mentres outros de similares características non. Restricións de dereitos para uns e agravio comparativo para outros.

Volvemos insistir que o criterio máis xusto é que saian absolutamente todos os postos vacantes.

Outras novas recentes

Xoves, 02 Mai 2024

A administración pública galega en apoio ao pobo Palestino

Cesamento do fogo xa! Israel ten que rematar coa agresión a Palestina e finalizar a ocupación! As administracións públicas, baixo o principio de servizo á cidadanía, non deben xestionar decisións políticas que supoñan alimentar a agresión de Israel a Palestina. O conflito en Gaza, xunto ás duras restricións que o goberno israelí impón a Cisxordania, teñen un impacto...
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...