Novas por contido

Como acostuma a facer nos últimos anos, a Xunta modifica a LEPG a través da lei de medidas. Adapta varios artigos á lexislacion básica estatal e establece medidas para as listas de contratación e procesos selectivos en tempos COVID

Modificacións da  LEPG derivadas da lexislación estatal básica:

  • Adaptación da LEPG en varias materias motivadas polo Real Decreto Lei 6/2019, do 1 de marzo de medidas urxentes para a garantía de igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres e pola acordanse agora da Lei 29/2011 do 27 de setembro de recoñecemento e protección integral das vitimas de terrorismo.
  • Así adiantamos que queda afectada a mobilidade interadministrativa, as reduccións e adaptacións da xornada de traballo, o permiso por lactación e por parto, adopción, garda e acollemento, permiso do outro proxenitor, vacacións do persoal funcionario, engaden as vítimas do terrorismo como causa de excecdencia voluntaria e tamén unha nova excedencia por razón de vilencia terrorista, adaptación no reingreso ao servizo activo.

O resto dos cambios son medidas específicas da comunidade autónoma:

  • Engaden unha nova Disposición adicional décimo quinta pola que poderá preverse como méritos valorar nas convocatorias ou concursos de traslados ou incluso no acceso extraordinario aos distintos graos da carreira profesional á prestación de servizos COVID en determinadas categorías.
    A CIG manifestou que en todo caso debe negociarse no seu ambito sectorial e que a LEPG non debe recoller singunha referencia a puntuacións adicionais, menos aínda cando quedan categorías excluídas e non podemos valorar os seus efectos.
  • Engaden un novo parágrafo á disposición transitoria primeira referida á funcionarización:
    “No suposto de que o persoal laboral fixo que posuíse a dita condición no momento da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do EBEP, e adquirise posteriormente outra categoría profesional como persoal laboral fixo polo procedemento de promoción interna, poderá participar no proceso ao que se refire o parágrafo anterior dende esta derradeira categoría profesional.”
  • Disposicion derradeira quinta: Aquí a Xunta pretendía derrogar a vixencia do grupo B a espera dunha suposta regulación polo Estado que non necesitan. Aceptaron as nosas alegacións e retiran o punto.

 

OUTRAS DISPOSICIÓNS

Medidas especiais en materia de listas de contratación de persoal funcionario interino ou persoal laboral temporal derivadas da situación de emerxencia sanitaria: 

  • Listas de contratación de categorías de perfil sanitario ou sociosanitario: No caso de non haber integrantes nas listas, acudirase ao establecido no 7.5.b.1.2 do V Convenio ou listas de contratación Sergas. Se non hai aspirantes acudirase a penalizados/as (primeiro aos que solicitaron a reincorporación e despois o resto).
    No caso concreto da categoría IV-3, auxiliar de clínica, poderá accederse opcionalmente a persoal doutras listas que teña o grado medio de técnico/a de coidados auxiliares de enfermería ou equivalente.
  • Nalgunhas categorías para as que se acude ao artigo 7.5.b.1.2, poderán ser seleccionados candidatos que carezan do certificado acreditativo de coñecemento da lingua galega.
  • O periodo de penalización pasa 1 ano a 6 meses.
  • As solicitudes de reincorporación (por suspensión) producirán efectos ao día seguinte da súa presentación.
  • O establecido nestas medidas ten vixencia limitada á duración do estado de alarma/emerxencia sanitaria e ás súas prórrogas, de ser o caso.

Medidas especiais en materia de procesos selectivos ou de provisión derivadas da situación de emerxencia sanitaria:

  • Ampliación dos prazos de realización de exercicios dos procesos selectivos
  • Posibilidade de realizar os exercicios en distintas quendas con distintos exercicios e en distintas sedes.
  • Posibilidade de segunda convocatoria por situación covid dalgún/ha aspirante (sintomatoloxía, illamento ou corentena)
  • Adopción de calquera outra medida proposta pola autoridade sanitaria.

 
Para a CIG é imprescindible o consenso para a realización de calquera exercicio e que as medidas das autoridades sanitarias non corrompan os principios para o acceso á función pública. A realización da proba pode ser “segura” pero se hai un alto indice de contaxio social as posibilidades de que aspirantes teñan que ir a segunda convocatoria é alta: unha fonte de conflito innecesaria, polo que o recomendable é agardar á mellora da situación sanitaria.

Cando se trata dos exercicios coidamos que o máis obxectivo e preferible é un mesmo exercicio simultáneo en multisede (tipo ABAU) que exercicios diferentes en horarios diferentes. A propia Xunta de Galiza conta con medios dabondo para levar adiante isto, habendo máis de 1.000 institutos de secundaria repartidos polo país nos que se poderían facer os exames.

Outra información:

  • Mesa Xeral o 24/11 para tratar os estatutos da integración do persoal do Consorcio.
  • OPE 2020: convocan para negociar vindeira semana
  • Dende FP impoñen o seguinte criterio na elección de destino do A1 e A2: Mudan o criterio inicial e anuncian a seguinte orde xustificando “que non quedan prazas para A1 e que non queren facer saltar interinos” (é destino provisional): A1PI-A1L-A2PI-A2L. Co cal lle están dando prioridade na elección ao persoal de acceso libre do A1 sobre o de promoción interna do A2. Isto despois de ter advertido que os números non daban e seguir Función Pública mantendo que primeiro ía ir toda a promoción interna.
  • Gardacostas: Publicación inminente as prazas que quedaron do concurso e toma de posesión con carácter definitivo

Máis alá da ampliación dos prazos de realización dos exames, Función Pública non concretou nada. O único que temos son as declaracións de Feijóo na prensa de que este ano non van ser, cousa evidente porque de facelo incumprirían a súa propia palabra (non sería a primeira vez) de avisar cun mes de antelación e porque meteríamonos en pleno nadal.

En definitiva, manteñen a incertidume das persoas aspirantes, sen datos concretos de posibles datas e sen un cronograma real que permita unha planificación axeitada do estudo e da preparación dos exames. Unha vergoña.

 

 

Comunícanos Función Pública que a elección de destino provisionaol das persoas que superaron os procesos selectivos do corpo superior (A1) e corpo de xestión (A2) de Administración xeral, tanto de promoción interna como de acceso libre, vai publicarse o luns 23 de novembro. 

Acompañan a comunciación do listado que lles van ofertar: descargar.

Os criterios seguidos por Función Pública para decidir os postos a ofertar, co apoio de CCOO e UGT, e que a CIG non comparte, son:

  1. Postos vacantes sen ocupación.
  2. Postos ocupados en comisión de servizo por persoas que aprobaron a promoción interna (todos os casos son de xente que ocupa posto aberto a grupo superior, e por tanto queda no seu propio posto).
  3. Postos ocupados por interinos/as que aprobaron o proceso selectivo.
  4. Se os anteriores non chegan, postos ocupados por interinos/as de menos de 3 anos.

Temos un novo marco de teletraballo ordinario que tamén prevé o treletraballo especial por razóns de emerxencia sanitaria, que agora toca potenciar. A Inspección de Traballo obrigou á Xunta a entregar máscaras a todo o persoal, e vai ser no mes de decembro. As novas evidencias requiren un maior control da ventilación. A desinfección e limpeza deben manterse e mellorarse.

Transcorridos nove meses dende que no mes de marzo se decretaraa alarma sanitaria pola COVID-19, dende a CIG denunciamos as eivas que a día de hoxe continúan a darse nos centros de traballo. En liñas xerais:

  • Falta de material de protección e falta de información e formación en medidas de prevención fronte ao COVID-19 ás persoas empregadas públicas.
  • A evidencia científica do contaxio por aerosois amosa carencias en información preventiva ao persoal en xeral en aspectos como a renovación do aire e ventilación en baños, despachos e zonas comúns e específica aos delegados/as de prevención das tarefas de mantemento e control dos sistemas de aire acondicionado, de existiren.
  • A insuficiencia ou falla de medidas preventivas específicas está a expor ao persoal innecesariamente a un risco biolóxico e a un risco psicosocial derivado das situacións de estrés emocional ao que se ven sometidos os traballadores e traballadoras.
  • Descoñecemento da existencia de avaliación de riscos laborais ao risco biolóxico da COVID-19 nos centros de traballo.
  • O desprazamento diario aos centros de traballo de máis de 10.000 persoas a través de medios de transporte ateigados cuns niveis de ocupación do 90-100% das prazas ocupadas supón un enorme e innecesario risco de contaxio.

A situación actual precisa que por parte da Administración se tomen todas as medidas obrigadas e necesarias para a protección da saúde da poboación en xeral e, neste caso, do conxunto do persoal empregado público. Nese senso dende a CIG instamos a necesidade de tomar as seguintes medidas:

  • Garantir a seguridade e saúde das persoas traballadoras a través das medidas preventivas de carácter individual e colectivo ditaminadas polo servizo de prevención de riscos.
  • Avaliación ou reavaliación nos centros de traballo adaptadas á nova evidencia confirmada pola comunidade científica e sanitaria da transmisión do virus a través de aerosois, o que implicou un cambio na clasificación do virus que pasou actualmente de nivel de risco 2 a nivel de risco 3.
  • Convocatoria dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) das consellerías e do CSSL Intercentros para realizar un seguimento das actuacións preventivas indicadas pola normativa en prevención de riscos laborais.
  • Co obxecto de minimizar o impacto do COVID-19 nos centros de traballo, as normativas estatal e a autonómica priorizan o establecemento de medidas organizativas de carácter colectivo como a adaptación das condicións de traballo, a ordenación de postos de traballo, a organización a quendas e, sobre todo, a potenciación do teletraballo. Así se fixo no anterior estado de alarma, diminuíndo enormemente a exposición ao risco do persoal empregado público e, ao tempo, mantendo os servizos públicos e a atención á cidadanía.
  • O teletraballo combinado coa organización de quendas de traballo nas unidades amósase como a mellor medida organizativa nos centros administrativos de cara a garantir a saúde do persoal empregado público e usuarios/as e a atención presencial.

Cumpre que a Administración se tome realmente en serio a saúde do seu persoal, polo que vimos de dirixir un escrito a Función Pública esixindo:

  • Establecer con carácter inmediato a prestación de servizos na modalidade de réxime especial de teletraballo por razóns de declaración da situación de emerxencia, tal e como estipula no recentemente aprobado Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración xeral.
  • Dotación ao persoal de máscaras cirúrxicas ou, de ser o caso, máscaras FFP2 e instrucións para o seu uso adecuado.
  • Control e revisión dos sistemas de aireación e ventilación que garantan a baixa concentración de aerosois en aras de minimizar o risco de contaxio.
  • Adopción de medidas específicas para as persoas traballadoras especialmente sensibles (grupos de risco), para as que non é aceptable a presenza física nun mesmo lugar de traballo compartido espazo con traballadores/as e usuarios/as.
  • Cumprimento das medidas previstas na Avaliacións de Riscos Laborais en materia de medios (xel hidroalcólico, produtos de desinfección...) e de protocolos de desinfección e limpeza dos centros especificando a persoa/s responsables da tarefa, periodicidade, etc.

A situación de alarma sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19 durante o ano 2020 provocou que as persoas empregadas públicas se viran, como o resto da poboación, en situacións diversas: confinadas coas súas familias, traballando en servizos esenciais...etc polo que non puideron facer uso das súas vacacións e días de asuntos propios.

Así, determinado persoal empregado público que ten limitadas as súas vacacións no período estival por razón das súas funcións ou polas necesidades do servizo ve agora como as novas condicións de confinamento limitan a posibilidade de facer uso deles.

O feito de que as necesidades de servizo das distintas unidades e centros de traballo deban estar cubertas en todo momento, vai facer imposible en gran parte que o persoal poida desfrutar dos días de asuntos propios e vacacións pendentes no suposto de levantarse os confinamentos nos meses de decembro ou xaneiro.

Diante desta situación, a CIG vén de dirixir un escrito á dirección xeral de Función Pública no que solicita que os días de vacacións e asuntos propios non desfrutados por circunstancias derivadas da crise sanitaria da COVID-19 poidan atrasarse ata que a situación sanitaria o aconselle, de xeito que se permita a súa acumulación aos correspondentes ao 2021.

A Xunta e o Consorcio terán que dar máscaras FFP2 ao persoal das Escolas Infantís. A autoridade laboral dá de prazo, para o cumprimento do requirido, até o día 12 de decembro.

A CIG denunciou no mes de agosto, ante a Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social, a situación na que están as Escolas Infantís e os incumprimentos en materia de seguridade e saúde laboral.

Tras dúas reunións en setembro e outubro na Inspección de Traballo e Seguridade Social, a autoridade laboral require tanto ao Consorcio como á Consellaría de Política Social, que proporcionen as traballadoras e traballadores os EPI para a súa protección, manifestando o seguinte:

Ademais, a Inspección de Traballo e Seguridade Social, tamén require ao Consorcio, entre outras cuestións, as seguintes:

  • Uniformes suficientes para o lavado e reposición
  • Reforzo de limpeza: estudaranse as necesidades reais de cada un dos centros co obxecto de priorizar a asignación de reforzos
  • Que se resolvan con dilixencia as solicitudes de conciliación

Na CIG seguimos na loita na defensa do persoal, da súa seguridade e das persoas usuarias.

Achegounos Función Pública o listado de prazas que van publicar nos vindeiros días para a elección de destino provisional dos corpos superior-A1 e de xestión-A2 de corpos xerais, tanto de promoción interna como de acceso libre, e outro listado para o corpo auxiliar administrativo-C2 de promoción interna. Neste caso, o de acceso libre queda pendente.

En contra do parecer da CIG, a orde de elección vai ser: A1-PI, A2-PI, A1-Libre, A2-Libre, C2-PI. A nosa proposta era que primeiro fosen todos os procesos de promoción interna (A1, A2, C2) e posteriormente os de libre. 

Unha vez restadas as 42 persoas de promoción interna que xa quendan na súa praza por estar esta aberta ao grupo superior, necesitan cubrir 104 prazas, para o que ofertan 121.

En canto a C2, ofertan 128 para as 108 que necesitan cubrir.

Hai localidades nas que sempre hai suficientes prazas (por exemplo, servizos centrais). Pero noutras localidades, non hai, e veremos como algún compañeiro ou compañeira renuncie a súa praza de promoción interna por non desprazarse a Compostela.

A CIG apoia en solitario o Acordo de teletraballo na Administración galega. Esta nova regulación dá carpetazo ao lesivo acordo de teletraballo asinado en 2013 e 2014 por CCOO, CSIF e UGT. Durante a negociación conseguimos introducir flexibilidade a todas as limitacións propostas por Función Pública.

A regulación anterior nacera obsoleta. Era un acordo discriminatorio e excluínte que restrinxía o teletraballo a practicamente unhas poucas escalas e a algunhas “elites”, sendo anecdótico para a maioría do persoal empregado público. Na conxuntura actual, e premidos polas circunstancias sanitarias, a Administración veuse obrigada a formular unha nova regulamentación do teletraballo.

Partiamos duns posicionamentos moi enfrontados nos que a proposta inicial da Administración era seguir a excluír do teletraballo a certos colectivos de traballadores/as como fixera no anterior acordo. Toda a negociación virou darredor desa pretensión. Na negociación do anterior e do actual acordo, a CIG defendeu un modelo de teletraballo garantista e aberto para todas as persoas empregadas públicas que polas súas tarefas e funcións puidesen acollerse a esta modalidade de prestación do servizo.

Pese a que a Administración semellaba non querer dar o seu brazo a torcer, dende a CIG formulamos redaccións alternativas para a eliminación de raíz de calquera referencia á exclusión de inicio de colectivos concretos. 

A nosa loita non foi baldía. Con este acordo conseguimos poñer fin a unha das principais eivas do anterior acordo ao abrir a posibilidade do teletraballo a todas as persoas que poidan realizalo. Incluíndo corpos, escalas e colectivos que a Xunta quería excluír enteiros, para os que queda aberta a porta para que, motivadamente, poidan acceder ao teletraballo.

A nova norma é de aplicación á Administración xeral, organismos autónomos, axencias, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos. Tan só quedan fora as sociedades mercantís públicas e as fundacións do sector público autonómico, que terán que negociar a súa propia regulación.

Partiamos dunha proposta inicial da Administración que incorporaba excesivas autolimitacións que inclusive impedían á Administración adaptarse ás súas propias necesidades segundo as circunstancias. No proceso de negociación foron mudando as cousas, pois conseguimos meter algún tipo de flexibilidade a todos os límites e vetos, de xeito que todos eles poden ser superados.

PROPOSTA INICIAL DE FUNCIÓN PÚBLICA TEXTO FINAL APOIADO POLA CIG
COLECTIVOS QUE PODEN TELETRABALLAR
Relacionaba unha serie de colectivos aos que en ningún caso se lles permitiría o teletraballo Xeneralízase o teletraballo aínda que manteñen excepcións por entender a Administración  que certas funcións e tarefas son incompatibles co teletraballo. Pero inclusive nestes casos pode autorizarse se está suficientemente motivado. Esta autorización permitirá aos postos ou colectivos que en determinadas épocas do ano requiren traballo presencial a teletraballar durante os períodos nos que non estean sometidos á incompatibilidade
A PRESENZA FÍSICA OBRIGATORIA
Esixía en todos os casos a presenza diaria mínima  do 40% do persoal dun órgano ou centro Manteñen o 40%, pero esa porcentaxe pode ser inferior  se está suficientemente motivado
Todo o cadro de persoal da unidade tiña que prestar servizos de forma presencial simultaneamente un día de cada semana (o día do contaxio) O titular do centro poderá (ou non) dispor que un día da semana, da quincena ou do mes, todo ou parte do persoal preste servizos presencialmente
XONADAS MÁXIMAS MENSUAIS DE TELETRABALLO
Limitaba o teletraballo a un máximo do 50% das xornadas mensuais, sempre Segundo os datos de FP, actualmente o 80% das persoas que teletraballan fano 1 ou 2 días á semana (menos do 20% supera o 40% das xornadas). Coa redacción final do Acordo fixan un máximo do 50% das xornadas mensuais, pero esta barreira pode ser superada se está suficientemente motivado
ANTIGÜIDADE REQUIRIDA
Para conseguir autorización era necesaria unha antigüidade de dous anos no posto de traballo para o que se solicita o teletraballo ou experiencia en postos con funcións e tarefas análogos aos do posto de traballo A antigüidade requirida pasa a ser de un ano en postos con funcións e tarefas análogas. Permítese que sexa menos se hai un correcto coñecemento das funcións a xuizo da persoa supervisora.
HORARIO DE TELETRABALLO
Impoñía un horario de referencia de 9 a 14:30 h. para as persoas teletraballadoras con flexibilidade por conciliación Mantense o horario de referencia, con carácter xeral, de 9 a 14.30 h., para garantir o dereito efectivo á desconexión dixital da persoa teletraballadora, da supervisora e demais persoal dos órganos. Pero aínda así permiten realizar un horario diferente mediante acordo no plan individual de traballo
CONTROL SINDICAL
O papel da representación sindical do persoal limitábase ao coñecemento dun informe anual. Xa que logo, non existía ningún tipo de control que vixiase a aplicación do teletraballo. E como sempre, para chantaxear, só para as organizacións que asinasen o acordo Mensualmente comunicarán as autorizacións e as denegacións aos sindicatos con presenza na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CSIF e UGT). E entregarán as motivacións das denegacións aos sindicatos que asinan o acordo.
A CIG mantén a defensa de que todas as organizacións sindicais máis representativas formen parte das comisións de seguimento, pois rexeitamos que utilicen isto como chantaxe.
VIXENCIA DO ACORDO
Vixencia indefinida.  Propuxemos, e aceptaron, limitar os efectos a tres anos, prorrogables, de xeito que poidamos denuncialo e renegocialo se non funciona correctamente.

A maiores, queremos subliñar que no Acordo xa se contempla un réxime especial de teletraballo, que permitiría estender esta modalidade de traballo a situacións de violencia de xénero, vulnerabilidade, obras ou traslados de instalacións, ou emerxencias climáticas, sanitarias (como a actual polo COVID) e outras.

Para rematar, non estamos ante unha simple actualización da anterior normativa de teletraballo do ano 2013. Estamos ante un cambio de modelo pola extensión dunha nova forma de traballo e pola futura aplicación do traballo por obxectivos aínda inexistente. O proceso requirirá a dixitalización dos expedientes, a supresión do papel,.. e un tempo de experimentación que pode ser positiva ou que requirirá renegociar as condicións dentro de tres anos.

Dende esta ligazón podes descargar o texto final do Acordo de teletraballo

Entre o venres 6 e o mércores 11 de novembro tivemos tres reunións co director xeral de Función Pública, principalmente para falarmos sobre o teletraballo (vai ir noutra nova), pero tamén de moitos outros asuntos que poden ser do teu interese.

Concursos de traslados

Do de corpos xerais, unha vez máis seguimos sen información concreta interesante, máis que están coa lista de persoas admitidas/excluídas case rematada. Non temos previsión, pero a cousa pinta que vai para moi lonxe polas interferencias que ten cos procesos selectivos paralizados polo COVID.

Dos demais concursos, nin unha palabra. Como moito, o DXFP xustifica o atraso do de persoal veterinario (enviaran o borrador en xaneiro/2020) nalgunha proposta pendente de modificación de RPT, pero sen compromiso algún. 

Persoas que superaron a promoción interna de corpos xerais e participaron no concurso de traslados

Por fin se molla e nos di algo firme: quen obteñan posto no concurso de traslados, tomarán pose do mesmo no grupo dende o que concursaron; e esto será simultáneo (fala de un día de diferenza) á toma de pose de destino definitivo da promoción interna. Quen no concurso obtivese posto  aberto ao grupo superior, xa se quedaría no mesmo na elección de destino definitivo. Os demais terían que escoller destino definitivo.

Eleccións de destino pendentes dos procesos selectivos de corpos xerais

  • Será destino provisional. Probablemente neste mes de novembro. 
  • O DXFP opta por esta orde de elección: A1-P.I., A2-P.I., A1-libre, A2-libre, C2-P.I., C2-libre. A CIG propón que sempre escollan primeiro as persoas de promoción interna, e existindo prazas abertas a A2 e C2, entón defendemos a seguinte orde: primeiro todas as de P.I. (A1, A2, C2), e a continuación todas as de libre (A1, A2, C2). O DXFP non comparte a postura da CIG pero comprométese a revisar as implicacións que tería a proposta da CIG.
  • En canto ás prazas a ofertar, temos controversia. Algún sindicato opta por non ofertar as ocupadas en comisión de servizo, outros en non ofertar as ocupadas por persoas interinas dunha antigüidade determinada. A CIG defende que no destino provisional se oferten todas as vacantes que non teñan algún tipo de impedimento legal. Pero en todo caso, que o criterio que se aplique sexa o mesmo en todos os casos (todo o persoal interino ou en comisión de servizos que estea en circunstancias similares, ten que estar en igualdade de posibilidades de manter ou perder o posto que ocupe). E o que parece que vai ser é que segundo o caso, e con idénticas condicións, uns postos sexan ofertados e outros non.
  • Enviarán un novo listado de postos cos criterios que decidan aplicar.

Prórroga das comisións de servizo

A norma de aplicación fala de que esta forma de cobertura temporal de postos de urxente necesidade é por un ano, prorrogable por outro máis. Cando o concurso de traslados parecía que estaba a piques de saír do forno (xa choveu), os sindicatos asumimos a decisión de Función Pública de prorrogalas ata rematar o concurso. Pero vai xa demasiado tempo, e moito máis que pode faltar (como dixemos, a cousa pinta que vai para lonxe). Así que preguntamos ao DXFP pola súa intención de manter ou non as prórrogas. Non quere tomar decisións, contándonos que o están a valorar e xa nos contarán.

Procesos selectivos pendentes e Oferta de Emprego Público-2020

O director de FP non acaba de darnos unha previsión para a reactivación dos procesos pendentes. Mantén que están en contacto permanente coas autoridades sanitarias, pero nada. Manteñen en FP que avisaran aos sindicatos da reactivación dos procesos con un mes (ou catro semanas) de antelación. 

O Presidente da Xunta declarou á prensa o xoves 12 que o máis probable era que no que resta de 2020, non haxa exames de oposición. Os sindicatos non temos comunicación oficial.

En canto á Oferta de Emprego Público-2020, asegura que en dúas semanas estaremos negociándoa. Limítase a dar informacións moi superficiais. Na rolda de prensa do xoves 12, o Presidente da Xunta deu algúns datos numéricos á prensa (datos que ainda non trasladou aos sindicatos para negocialos). Fala de 2.741 prazas, das que 2.346 serían de acceso libre e 395 para promoción interna. Das de acceso libre, 1.215 corresponderían a procesos de estabilización e consolidación de prazas do Consorcio de I+B. Veremos como concretan a cousa.

Consorcio I+B

Neste mes de novembro negociariase e adaptariase os estatutos, e na OEP-2020 irían as prazas de estabilización+consolidación.

CIXTEC e AMTEGA

Asegura que o Cixtec estará integrado en Amtega en 2-3 meses, cos estatutos modificados e a RPT de Amtega adaptada (os sindicatos aínda non temos a documentación). A funcionarización do persoal laboral fixo sería máis adiante (non hai concreción). Este proceso implicaría a negociación da RPT completa de Amtega. 

A carreira profesional do persoal do Cixtec quedaría para unha vez integrados, e xa coas mesmas condicións que o resto de persoal de Amtega.

A maiores, os catro sindicatos con presencia na Comisión de Persoal (CIG, CCOO, CSIF e UGT) votamos o mércores 11 en contra da proposta de modificación da RPT de Amtega, consistente na apertura dun posto á adminsitración local. Din que por ser un posto de difícil cobertura. Seguro que o nome e apelidos da persoa que queren colocar no posto xa está escrito nalgún papel xunto coa documentación xustificativa da proposta.

Carreira profesional

A convocatoria que tiñan que publicar no segundo semestre do 2020 vai con atraso por mor dos orzamentos. Teñen moi caladiño o que vai pasar no 2021. Alguén se atreve a apostar?

Reformas lexislativas no emprego público

Está prevista unha xuntanza o venres 13 para falarmos sobre as modificacións da Lei do emprego público de Galiza mediante a Lei de medidas do ano 2021. Din estar abertos a recibir propostas (veremos). 

Decreto de provisión

Foi aprobado en Comisión de Persoal fará un ano, e xa conta con informe do Consello Consultivo. Porén, continúa sen ver a luz. Pero que présa van ter, se mentres sigamos así van manter os postos de “concurso específico” ocupados por quen lles pete!

Funcionarización do persoal laboral fixo (de quenes xa se examinaron)

Contan rematar o proceso no primeiro trimestre do 2021. Esperamos ter antes a sentenza do conencioso-administrativo que a CIG interpuxo no 2019 no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o acordo de concertación, e así desapareza a chantaxe da carreira profesional que foi o que motivou á maioría do persoal laboral fixo a querer pasar a persoal funcionario para poder cobrar a carreira.

Convocada a Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario

Como curiosidade final, contámosche que despois de máis de unha década sen convocar a “Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario”, e tras anos coa CIG dando a paliza pedindo a súa convocatoria, por fin a convocaron, seguramente porque é o único foro no que ten cabida o sindicato corporativo Sepga. Total, algún que fala dende a bancada sindical, ata fai pouco falaba dende a bancada da Administración.

Función Pública envíanos os buzóns de postos para o acto de elección de destino de Gardacostas derivados dos procesos selectivos da OEP de 2017, para alegacións.

PROCESOS SELECTIVOS AFECTADOS: Orde do 2 de decembro de 2016 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia.

PRAZO ALEGACIÓNS: 3 días

 

Recomendacións para a operación de sistemas de aire acondicionado. ¡Basta xa de oficinas ateigadas sen ventilación!

Fai xa case cinco meses que dende a CIG lle lembramos a Xunta de Galiza as recomendacións que en materia de sistemas de climatización feitas por: ATECYR, REHVA ou ASHRAE ou o Ministerio de Sanidade (https://i.gal/be2Lo) para evitar a propagación do COVID-19.

Aínda así, despois do retorno o traballo presencial atopámonos unha vez mais con oficinas e edificios ateigados de persoal e sen as condicións mínimas de ventilación necesarias para evitar a propagación do virus; especialmente sanguento se consideramos que a maioría dos contaxios danse en espazos pechados, con tempos de exposicións longas e con ventilación inadecuada. Estas situacións producen que a Xunta reduza a capacidade de cines, ximnasios, teatros.... pero non nos edificios da Administración de Galiza.

A todo isto únese a reticencia da Xunta en subministrar mascaras a todo o persoal, a súa insistencia en manter a todo o persoal en traballo presencial, a tardanza en negociar o acordo sobre o teletraballo, a falta de información de contaxios.... Vamos, o caldo perfecto para unha explosión de contaxios.

Ante esta inoperancia e desidia queremos reiterar o noso compromiso coa protección da saúde dos traballadores e traballadora mediante a nosa insistencia de que se apliquen as recomendacións en materia de sistemas de aire acondicionado:

  1. NON APAGAR O AIRE ACONDICIONADO, xa que o estrés térmico causado por un mal sistema de climatización da lugar a baixada das defensas, que é un risco maior que o de contaxio polo sistema de climatización.
  2. Revisar as instalacións de aire acondicionado, verificando o seu correcto funcionamento e facendo os axustes pertinentes para adaptalos a esta nova situación.
  3. Activar os sistemas de aire acondicionado como mínimo 2 horas antes do inicio da xornada laboral e mantelos despois outras 2 horas, continuando logo a un mínimo do 25% do caudal máximo para favorecer a eliminación de partículas infecciosas. Se é posible manter os sistemas funcionando en continuo 24h/7d.
  4. Aumentar o caudal o máximo posible da instalación, durante as horas de traballo; recoméndase un caudal mínimo de 12,5 litros/segundo/persoa, segundo indica o “Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios” nos apartados IT 1.1.4.2.3 para os locais de tipo “IDA 2: aire de boa calidade” do apartado IT 1.1.4.2.2 no que están tódolos locais da Xunta de Galiza). Manter os maiores niveis de impulsión e expulsións que sexan posibles. Ventiloconvectores e divisores deben funcionar de maneira continua a sua velocidade mínima, para evitar a deposición dos virus.
  5. Cerrar completamente a recirculación de aire, é dicir, facer que o 100% do aire veña do exterior e non aproveitemos parte do aire interior do edificio para volvelo facer pasar dentro, taxa de renovación de aire do 100%. Os filtros situados nos recirculadores non son quen de reter partículas de virus. Se a instalación o permite, crear zonas limpas dentro do sistema de ventilación illadas das zonas de maior risco como por exemplo a recepción de usuarios.
  6. Evitar que os sistemas de entrada e extracción de aire nas estancias xeren correntes que propaguen o virus duns traballadores a outros, segundo o establecido no “Real decreto 1027/2007” no apartado IT 1.1.4.1.3. No caso de os ventiladores a saída do aire ten que ser dirixida ó exterior.
  7. Vixiar fugas naqueles intercambiadores de calor nos que exista separación entre o aire de entrada e o da saída; no caso de que non exista separación (ex: intercambiadores rotatorios) apagalos.
  8. Abrir as fiestras para favorecer a renovación de aire e a ventilación cruzada de forma periódica, e un mínimo de 15 minutos antes de empezar a traballar.
  9. Durante o reemplazo dos filtros do sistema de ventilación estes serán tratados como material de risco biolóxico e tomaranse as correspondentes medidas de protección individual (luvas, máscaras, gafas, botas e traxe de protección). Non é recomendable subsistir os filtros por uns de maior filtraxe (mais finos). Non limpar nin manipular os filtros, hai que cambialos.
  10. Instalar sistemas extra de purificación de aire que reduzan a carga de virus (UV-C, filtración electrostática, xeradores de ións, etc).
  11. Manter a ventilación dos baños de forma continua e descargar os inodoros coa tapa pechada.

Na CIG seguimos reclamando a convocatoria dos comités de saúde e seguridade laboral, informes dos contaxios nos centros para poder tomar as medidas axeitadas, avaliacións de riscos personalizadas para cada centro e non protocolos de medidas xerais, e a modificación dos plans de prevención de riscos laborais para adaptalos a nova clasificación do COVID-19 (SARS-CoV-2) como patóxeno humano do grupo de risco 3 do anexo III da Directiva 2000/54/CE. Este cambio de nivel que implica que en tódalas avaliacións de risco o perigo do contaxio por COVID-19 esta minusvalorado. A Xunta non pode eludir a súa responsabilidade como garante da saúde e seguridade das persoas traballadoras (Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais).

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Venres, 03 Mai 2024

Listas de substitución de persoal funcionario e laboral: actualización provisional dos méritos

No DOG do 03/05/2024 publican a RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos, correspondente ao ano 2023, das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza. Publican a...
Xoves, 02 Mai 2024

Os deberes para a nova directora de Función Pública

Representantes da CIG-Autonómica acudimos o martes 30 de abril a unha xuntanza de cortesía convocada pola nova directora xeral de Función Pública (DXFP), que agora pasa a chamarse Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (en diante, DXEP). Na xuntanza estaban presentes a nova DXEP, Nuria Aguilar Vázquez, e o anterior DXFP, José María Barreiro.  A...