Novas por contido

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar convocou aos sindicatos a unha xuntanza para "expoñer" a súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería.

De entrada, observamos que a proposta implica unha destrución neta de 20 postos de traballo (crean 36, amortizan 56). Tamén ten numerosas modificacións e recualificacións que teremos que analizar.

A xuntanza está convocada para o martes 12 de xullo, pero hai un incidente que é necesario que solucionen previamente. Mentres tanto, para o que teñas que dicirnos, podes contactar coa CIG.

A administración muda o criterio de primar a experiencia, onde quedou o esperado 90-10?

O xoves 7 tivemos a primeira xuntanza informativa sobre o borrador de criterios comúns que van rexer os procesos selectivos de estabilización. O director xeral da función pública anuncia a negociación ao longo do mes de xullo ainda que posiblemente se traslade a setembro, Tamen realizará unha convocatoria modelo para poder comprobar como vai quedar (que achegaran cara finais de mes). Temos ata o venres 15 para presentar alegacións ao primeiro documento. Podes achegarnos as túas alegacións, contacta coa CIG.

Cuestións a destacar da xuntanza (aclaramos que estas non son as achegas da CIG, é o que se tratou):

  1. Malia que a administración nun principio criticaba a proporción da experiencia dos criterios do Estado de 60-40, e propuña achegarse máis ao 90-10, agora recúa coa escusa da seguridade xurídica.
  2. O tempo traballado na propia administración convértese no cabalo de batalla: como máximo proponse un coeficiente multiplicador (cutre: de ata 1,3) para máis nin o mete no baremo.
  3. Aclara o carácter eliminatorio do coñecemento do galego.
  4. Os baremos de formación teñen un peso excesivo sobre o conxunto máis cando non é de acceso universal, sobre isto non aclara nada.
  5. Sobre a puntuación polas listas de agarda están abertos a valorar outras listas públicas e decretos anteriores.
  6. A autoevaluación aínda está en pañais, recoñecen estar a traballar co Amtega e Asesoría Xeral da Xunta. Non haberá que pagar taxas para acceder a autoavaliacion e falou da posibilidade de ter que cumprir unha puntuación mínima para presentar o que pode ser restritivo.
  7. Abertos a mudar a data límite de referencia dos méritos.
  8. Recoñecen especificidades dalgúns colectivos/escalas que se poden integrar nas convocatorias.
  9. Sobre acadar o máximo de antigüidade con 25 anos non argumenta porque escollen ese e non outro, di que reducir moito pode traer problemas de empate, cuestión esta a discutir.
  10. Na valoración de exercicios de procesos selectivos anteriores: abertos a valorar os procesos superados sen praza e os de prazas que eran para contratos temporais.
  11. Sobre as convocatorias nos entes do artigo 45.b) da LOFAXGA (sociedades mercantís e fundacións) din que poden ser separadas. O resto serán convocadas pola dirección xeral da función pública, pero todas con estes criterios.

Por outra, din que enviarán a actualización dos buzóns de postos a vindeira semana coa resposta as alegacións presentadas.

Quedaron por tratar cuestións importantes e falar falouse de moito, pero sen avanzar, polo que a negociación está por comezar. Na CIG achegaremos con boa fe propostas para que as bases sexan o máis equilibradas posibles e que teñan a flexibilidade suficiente para admitir as diferencias e especificidades. A única forma de non afondar nas discriminacións que provoca a lei 20/21 é recoñecer o esforzo e experiencia dos compañeiros e compañeiras temporais que traballan con nós.

Mais avisamos, na CIG non somos complacientes e si non avanzamos temos claro que a loita é o único camiño.

Unha nova proposta da Xunta para non pagar o que pactaron e non executaron, e evitar a ampliación de dereitos ao persoal excluído.

O goberno galego enviou aos sindicatos unha proposta de acordo para regular o sistema de carreira profesional. A proposta contén algúns cambios significativos respecto da actual carreira, todos na liña de recortar dereitos.

Facemos un repaso polo miudo de como se cociñou o actual sistema de carreira e cal era o panorama que tiñamos naqueles anos. Analizamos como está montado o tinglado, os incumprimentos, mentiras .. 

Se che interesa, descarga o boletín.

¿Mais postos de estrutura para que? Outra modificación rápida da RPT da Consellería que segue sen reorganizar e abordar os problemas

Nesta nova modificación rápida da RPT da consellería volvese repetir o doutras veces: un mero formalismo de presentar a información á representación sindical sen intención real de negociación. Así, despois desta xuntanza, a proposta vai ir directa á Mesa Xeral.

Aínda que esta modificación puntual da RPT, e xa van tres, ven dada polo decreto de estrutura (Decreto 116/20220 do 23 xuño, publicado no DOG do 4 de xullo), e non se amortizan prazas, seguen a crear postos de dirección sen pensar nunca na creación de postos base. Máis necesarios se cabe agora nesta consellería pola carga de traballo da tramitación fondos Next Generation, para os que van crear grupos de traballo en base a persoal temporal e interino.. En fin, a repetición dos erros do pasado que deron lugar a Lei 20/2021, da temporalidade.

Ademais, 3 dos 4 postos de nova creación están abertos a A11 (Xunta, Estado e outras CCAA), e A12 (ídem mais administración local), como se o persoal da Administración Autonómica de Galiza non estivese máis que capacitado para cubrir estes postos. E por riba presentando unha xustificación nula na memoria funcional, por moito que o Secretario Xeral Técnico nos conte o conto de que necesitan un perfil que coñeza os procedementos dos concellos. Por suposto, seguen sen dar información económica do que supón a creación desta nova estrutura (debe ser que como non amortizan prazas xa pensan que non é preciso).

Existen incoherencias nos requisitos de corpos e escalas para servizos centrais e as xefaturas territoriais que non teñen sentido xa que realizan o mesmo traballo.

Recordámoslle a consellería que temos gañada no Tribunal Supremo unha sentenza contra a anterior RPT, polo que cando a consellería queira negociar a modificación global da RPT, como asi anunciou nesta e noutras reunións, terá que facelo obrigatoriamente sobre a RPT anterior anulada xudicialmente, non sobre a última existente.

Preguntados pola situación do persoal afectado pola Lei 20/2021(BOE 29 decembro) e que as súas prazas non aparecen no decreto 79/2022 (DOG 30 maio), dinos que os erros xa foron postos en coñecemento da Dirección Xeral de Función Pública para a sua corrección, e debe ser ela a que articule como facelo.

En resumo, outra modificación “puntual” da consellería que segue sen abordar os problemas.

A CIG solicitou o luns 4 de xullo a extensión da sentenza que afecta ás funcións do persoal de servizos xerais (PSX), referida á limpeza de maneira ordinaria nos centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

A CIG interpuxo demanda de conflito colectivo sobre a imposición das tarefas de “limpeza ordinaria” ao persoal de servizos xerais do Consorcio, que foi xulgada o 2 de setembro de 2021 na provincia de Lugo. A sentenza deu a razón á CIG, polo que o persoal PSX, non ten que realizar tarefas de limpeza ordinaria.

O Consorcio interpuxo recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra a antedita sentenza, resolvendo o TSXG a desestimación do recurso, co que ratifica a sentenza da primeira instancia.

Transcorrido o prazo para presentar recurso de casación de unificación de doutrina perante o Tribunal Supremo sen que se presentara, a sentenza obtén carácter de firmeza.

Por todo isto a CIG solicita a extensión de dita sentenza ao resto de traballadores/as que teñen as mesmas condicións de traballo.

A Dirección Xeral de Función Pública enviou aos sindicatos un primeiro borrador para comezar a negociación dos criterios que rexerán as convocatorias de procesos selectivos derivados da Oferta de Emprego Público extraordinaria do 2022, derivada da Lei 20/21 (lei da temporalidade). A primeira xuntanza vai ser o xoves 7 de xullo. 

Neste borrador hai cousas que son inadmisibles, como que non se valore máis o tempo traballado na propia Administración. E outras que están sen resolver, como as singularidades de determinadas escalas, a valoración do tempo traballado das persoas con contratos fixo-descontinuos, a data límite para valorar ter superado un proceso selectivo, ou incluso a falta de acceso en pé de igualdade á formación valorable. Hai moito que discutir. 

Por outra parte, segue pendente a xuntanza á que nos ían convocar para falar das prazas ofertadas co obxecto de engadir/emendar o que proceda. O director de Función Pública comprometérase a respostar ás alegacións que presentamos e non foran atendidas, para dar así un prazo para xustificar documentalmente e poidan reconsiderar a situación.

Podes achegarnos o que consideres: contacta coa CIG.

Recibimos convocatoria e documentación dunha proposta de modificación da RPT da Consellería de Economía, Industria e Innovación. A xuntanza vai ser o mércores 6 de xullo.

Nunha primeira ollada, a proposta deriva da modicicación da estrutura orgánica, e non implica amortización de postos de traballo.

Se queres achegarnos algo, podes contactar coa CIG.

A Xunta de Galiza mais os sindicatos asinantes do mal chamado Acordo de Concertación Social teñen o obxectivo de funcionarizar a case que todo o persoal laboral sen considerar situacións de máxima precariedade e indefensión na que se sitúan algúns colectivos. A saber:

1. Categorías de persoal laboral que polo seu pequeno número non teñen correspondencia no Decreto 165/2019, de 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galiza.
Ex., categoría 20, do grupo IV, conserxe. Este persoal a a pesares de instar a súa opción a participares no proceso de funcionarización e percibir o complemento de carreira profesional, non poderán ser persoal funcionario xa que a Admón non quere incluír esta categoría no decreto 165 polo que continuarán como laborais fixos sen posibilidade de concursar, promocionar.... permanecerán ancorados ao posto ata a xubilación.
Mesmo acontece coa categoría tradutor/a, intérprete da administración de xustiza, III-052, tamén coa de auxiliares de autopsias, categoría IV-039 e outras.

2. Nas cociñas dos colexios da Consellaría de Educación, a diferencia dos das escolas infantís de Política social, o persoal responsable das mesmas é un oficial 2ª, mentres que nas EEII o é un oficial de 1ª. Os oficiais de 2ª se funcionarizarán na escala auxiliar de cociña, subgrupo C2, do corpo auxiliar de carácter técnico da admón especial da Xunta de Galiza, e os oficiais de 1ª  farano na escala técnica de cociña, subgrupo C1, da mesma admon especial.
A maior parte dos oficiais de 2ª das cociñas dos colexios están percibindo retribucións de oficial de 1ª de acordo coas sentencias xudiciais que lles recoñecen retribucións da categoría superior polo exercicio e a responsabilidade na elaboración dos distintos menús; incluso para os distintos grupos de alérxenos
As funcións diferenciais do subgrupo C1 e o C2 establecidas na Lei do Emprego Público de Galiza son a xestión dos alérxenos e a xestión de residuos.
Se os oficiais de 2ª se funcionarizan ao C2 perderán o dereito a reclamar estas diferencias polo traballo de superior categoría pero ao mesmo tempo, quen fará os menús para os alérxenos que son responsabilidade dun subgrupo C1?

3. A taxa de temporalidade en persoal laboral é moi alta. A maior parte destes postos contan cunha antigüidade na Xunta de máis de 10 anos; antigüidade suficiente para ter dereito á percepción do complemento de carreira profesional. A pesares de que a xurisprudencia do Tribunal Supremo afirma que a carreira é unha condición de traballo que afecta a todos por igual e que o vínculo contractual non pode ser causa de discriminación, a Xunta e os sindicatos asinantes da Concertación Social os continúan excepcionando deste dereito. Mesmo acontece co persoal laboral fixo que decida non funcionarizarse. Esta discriminación obriga a unha continua presenza nos órganos xurisdicionais do social para o recoñecemento do dereito.

A funcionarización non pode ser unha chantaxe para a percepción do complemento de carreira xa que o cambio de vínculo contractual é unha decisión sometida á voluntariedade do persoal laboral.

Asistimos a unha modificación velóz da RPT de Facenda e Administración Pública. Non pasou máis que unha semana dende o día que nos enviaron a proposta inicial (mércores 22), ata que finalmente foi aprobada (mércores 29). Eso xa indica a clara intención das persoas responsábeis políticas da Administración de non discutir moito cos sindicatos.

Destrución e centralización do emprego

A proposta de Facenda crea 9 postos, que financia mediante a destrución de 13 (destacan entre os eliminados, 7 negociados).

Chama a atención que todos os postos creados son en servizos centrais. Porén, dos 13 destruidos, 11 son en servizos periféricos, dos que tan só 2 son niveis base. É dicir, que a Administración centraliza o emprego destruindo 11 postos de niveis (grupos, negociados e seccións) en servizos periféricos, co que reduce as posibilidades de mellora fora de servizos centrais mediante tanto por concurso de traslados como por promoción interna, porque non hai postos na periferia.

Outro aspecto da destrución dos 9 postos de traballo é que polo menos 3 non están vacantes. Por tanto, as persoas titulares destes postos, terán que ser adscritas provisionalmente a outro posto, e estarán obrigadas a escoller destino no seguinte concurso de traslados. Son unha xefatura de sección, un negociado, e un posto de subalterno/a todos eles en Pontevedra.

Apertura a outras administracións

Pero sabemos o que vai pasar en servizos centrais: a demanda de postos é baixa, e moitos deles non se poderán cubrir con persoal propio, polo que acabarán abrindose a ser cubertos con persoal doutras administracións. En definitiva, a Xunta abre os postos de nivel da súa Administración para ser cubertos con xente de fora, e mentres teñen ao seu persoal propio sen poder mellorar na maior parte do territorio galego.

E así fan nesta RPT. Dos 9 postos creados, 4 son para ser cubertos por persoal da Xunta. E 5 por persoal de calquer administración. 

Aprobado a toda velocidade

A proposta, sen moito máis marxe de discusión e liquidada no prazo dunha semana, finalmente foi aprobada co voto en contra de CIG e CCOO, a abstención de UGT e o voto a favor de CSIF.

Esta proposta de modificación de RPT ven con amortizacións e un “experimento” dunha unidade de oficina agraria móbil

Aportan un documento de acordo sobre as condicións dos equipos de traballo de apoio ás oficinas agrarias comarcais, que daría servizo á oficina agraria móbil, e que non recolle compensación económica ningunha

A modificación da RPT con despedimentos e saldo negativo (-18 prazas)

A proposta da modificación da RPT da Consellería de Medio Rural trae a creación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) , de 19 postos que dan por chamar “mellora organizativa e de dotación de persoal para apoiar as Oficinas Agrarias” e de postos da unidade de Inspección da Cadea Alimentaria.

Como xa é un clásico, ven acompañada de amortizacións, 80 para cubrir 62 creacións, e sen explicar por que escollen unhas prazas e non outras nin xustificar a súa non necesidade por funcións,criterios ou obxectivos.

Na CIG estamos en contra de que destrúan prazas do servizo de incendios para crear as UIFO cando a creación destas unidades estaba comprometida politicamente no 2017. Para colmo, establecen o requisito dun curso específico que están a realizalo 50 persoas escollidas de forma opaca.

Opoñémonos a apertura de máis postos a outras administracións (A11) sen acordo de reciprocidade, máis cando xa admiten que nos pasamos da porcentaxe máxima nesta consellería (6,11% cando debera ser un 5%). Non entendemos que outra organización sindical solicite ademais a apertura de 6 postos de axente furtando prazas dos nosos compañeiros e compañeiras.

O Acordo que crea persoal “para todo e para todos os lados” cun novo sistema de “apoio” as OACS

Coa creación dun equipo de traballo en cada xefatura territorial para apoiar ás oficinas agrarias comarcais e cubrir a unidade agraria móbil din que van a facer unha proba, cun periodo de dous anos para poder avaliala pero sen establecer os criterios desta avaliación, e poñen como escusa unha suposta especialización e reorientación das oficinas agrarias. Para a CIG, isto CHEIRA A DESMANTELAMENTO DAS OACS . Este acordo non aclara cuestións básicas como cal é a necesidade de prestar servizos de tarde ou en sábados, domingos e festivos, isto SONA A AUTOBÚS DE PROPAGANDA NAS FEIRAS. E cando non vaian no autobús, toca substituír nas OACs na vez de tirar de listas de contratación. En definitiva: persoal para todo e para todos lados, con posibilidade de ter que realizar ampliacións de xornada, xornadas irregulares, sin sequera establecer coa antelación debida os horarios etc, e todo isto GRATIS.

Para máis a oficina agraria móbil rota cun so autobús con condutor para toda Galiza : PRIVADO

Máis cousas

  • Trouxeron na mesa un documento de estudo sobre as oficinas agrarias comarcais, feito por técnicos da consellería nos anos 2019-2020 (estamos a espera de que o envíen por correo).
  • Establécense niveis diferentes para postos similares. Solicitamos que se nos remita información sobre as tarefas e responsabilidades para contrastar e que homologuen os niveis
  • Modifícase o centro de destino dunha praza de vixilante fixo/a por mor dunha sentenza xudicial firme do ano 2014.
  • A consellería racha o pacto de non usar as modificacións de RPT para despedir a traballadores/as. Cambian o carácter da praza ao convertela en administración xeral e ao fin botar á rúa traballadora interina que a ocupa (da admón especial). Isto tiña fácil solución, abrir ás dúas administracións e non despedir

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...