Novas por contido

Mediante Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, do 7 de setembro do 2022, autorízase a difusión da campaña de vixilancia periódica da saúde para o persoal docente e non docente destinado en centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

  • Aplicable a persoal docente e non docente ( laboral e funcionario) que presta servizo en centros docentes públicos non universitarios.
  • A inscrición realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no seguinte enlace: https://revisionmedicaeducacion.xunta.gal
  • A inscrición terá carácter voluntario e debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a súa tramitación.
  • Prazos de inscrición do persoal docente e non docente (funcionario e laboral) que sexa interino/substituto: os establecidos no documento “Precisión dos prazos de inscrición”.
  • Toda inscrición xerará un xustificante de consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.


Prazo de inscrición ordinario ata o 10 de outubro

A Dirección Xeral de Función Pública convocou unha Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, e unha Comisión de Persoal, para o día 20/09/2022, e unha xuntanza previa o venres 16, para tratar tres Relacións de Postos de Traballo.

1. RPT do Instituto Galego de Estatística. Descargar

2. RPT da Consellería do Medio Rural. Descargar

3. RPT da Axencia Galega de Industrias Forestais. Descargar

Ante a protesta da CIG, o director xeral de Función Pública infórmanos que van rematar coa actualización das listas esgotadas antes de que remate o mes de setembro, entre elas as de axentes ambientais de Medio Rural e varias categorías da Consellaría de Política Social.

Esiximos que o fagan na maior brevidade posible a fin de evitar que os máis de 35 chamamentos pendentes da Consellaría de Medio Rural se fagan a través do Inem, o que constituiría unha fraude para todas aquelas compañeiras e compañeiros que pagaron unhas taxas para formar parte desas listas, ademais de xogar coas súas expectativas para acceder ao emprego público.

Dende a CIG denunciamos o abuso da Xunta de Galiza, máis se cabe neste momento no que o traballo non espera e sobrecarga aínda máis ao reducido cadro de persoal.

Esta regulación entra no miolo da organización do persoal ao servizo da Administración Autonómica ao procedimentar a maneira de como o funcionariado vai poder cambiar de posto de traballo.

A Xunta de Galiza publicou no DOG do luns 12 de setembro o Decreto que regula os procedementos de mobilidade do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma e dos entes públicos autonómicos. A publicación chega ben fría, tres anos e medio despois de pasar polas mesas de negociación a comezos do ano 2019.

Daquelas, a Dirección Xeral da Función Pública fixera un "paripé" de negociación do texto, proposta que contou coa oposición frontal da CIG e do resto de organizacións sindicais, por falta de diálogo e verdadeiro espírito negociador, pois ningunha das alegacións ao texto fora recollida naquel momento.

En xeral, é unha oportunidade perdida para regular aspectos que necesitan unha revisión (por exemplo, as comisións de servizos), e no que si entra é no concurso específico, a verdadeira motivación deste decreto.

O Decreto regula as tres maneiras de acceso ordinario aos postos da Administración por parte do persoal funcionario: libre designación, concurso ordinario e a modalidade que leva anos agardando, o concurso específico.

Esta última modalidade (basicamente para xefaturas de servizo, habilitacións e direccións de centros), ten un marcado carácter discrecional. Constará dun baremo de méritos (55%) e valoración de capacidades a través de probas, test, memorias e mesmo entrevistas. No proceso de selección de cada posto intervirá unha comisión conformada polas persoas que decida a mesma consellería que ofrece o posto (e sen control sindical). Aos cinco anos do nomeamento haberá unha revisión, polo que veremos a moito xefe e xefa co cu apertadiño e compracente cos/coas superiores.

Menciona o concurso ordinario "permanente", pero non compromete ni prazos para convocar os concursos nin prazos para a súa resolución, e queremos lembrar que o último concurso tardou tres anos en finalizar, e que hai escalas que levan dez anos sen concurso.

En canto a regulación da provisión de postos de maneira excepcional non toca nada do xa regulado no anterior decreto. Así, as comisións de servizo seguirán sendo adxudicadas a dedo, sen baremación e sen transparencia, con rebasamento do tempo máximo de dous anos para varias modalidades, sen problemas a realizar cruzamentos ou encadeamentos. O importante aquí para as persoas que teñen a responsabilidade política da Administración é.. que nada cambie.

Tamén aproveita para meter no saco algo que non ten que ver en demasía coa mobilidade como son as áreas funcionais que permiten identificar as peculiaridades laborais de cada praza e acadar máis puntuación para o concurso de méritos.

Aínda que o texto regula a mobilidade do persoal funcionario de carreira, esqueceron regular a posibilidade de permutas entre persoal interino ao mesmo xeito do que xa fai a consellería de educación entre interinos/as docentes, para cumprir así coa doutrina sentenzada polo Tribunal Constitucional.

En definitiva, neste Decreto o que implica discrecionalidade non cambia. O que implica independencia nas funcións, queda máis sometido. O que implica avances, vai cara atrás ou se esquece. Unha oportunidade perdida.

O compromiso adquirido polo Consorcio de prestar atencións aos usuarios/as de forma directa, esfúmase.

A nova residencia de Cerdedo anexa á que xa está en funcionamento e que xa leva rematada desde novembro de 2021 vai cambiar o modelo de xestión e pasa a privatizar os seus servizos.

O 21/05/2019 despois de unha concentración no centro por parte das traballadoras solicitando un modelo de xestión público para o centro residencial o xerente do Consorcio Perfecto Rodríguez, adquiriu o compromiso do modelo de xestión pública para esta residencia, tal e como tamén se recolle na páxina do consorcio e en medios de prensa.

Pois lonxe de todo isto o 05/08/2022 a Xunta de Galiza publica no seu Portal de Transparencia e Goberno Aberto, (aberto a privatización) a licitación do servizo asistencial de atención diúrna e atención residencial nos centros de día de Cambados, Cuntis, Redondela, Centro Residencial de Redondela, (que sempre tiveron unha xestión indirecta) e a miniresidencia de Cerdedo (construtiva coma unha ampliación da que xa presta servizos de atención directa cen por cen públicos). Dende logo canto hai que mentir para o partido e xustificar os medios!!

Segundo a memoria xustificativa do contrato a desculpa do Consorcio e da Xunta para meterlle na man os seus amigos/as a xestión da residencia de Cerdedo, e os demais centros, “é propor unha xestión mediante unha fórmula que permita combinar ambas as dúas encomendas que a Lei de Servizos Sociais propón para a xestión deste tipo de servizos. Así, esta fórmula cumpre cos criterios de xestión e intervención interinstitucional e suporá o mellor control da calidade, eficacia e eficiencia na xestión dos servizos sociais, así como un aforro nos custos respecto da xestión directa”.

O anteriormente exposto non se sostén. Quere dicir que o barato sae caro, e que ese prezo é o que hai que pagar polo modelo ultraprivatizador dos servizos sociais, xerando á vez precariedade nas atencións que se prestan as/os nosos maiores e as/os propios traballadoras, como se puido comprobar nestes anos de pandemia onde se produciu unha porcentaxe bastante máis elevada de mortes nas residencias de xestión privada que nas de xestión pública.

Por outra banda no informe de insuficiencia de medios o Consorcio xustifica o inxustificable, “De conformidade co disposto no artigo 8 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico o Consorcio non conta con medios persoais suficientes para a prestación deste servizo e non é posible nestes momentos ampliar o seu cadro de persoal nin pola natureza da prestación cabe acudir á autoprovisión doutros órganos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma".

O Consorcio ten as súas propias listas de contratación, non transparentes, pero ten, e nunca fixo nada para solucionar esta carencia de persoal cando as listas se esgotaban. É máis doado darlle o negocio os que peor xestionaron a atención dos nosos maiores.

Consorcio e Xunta paralicen a adxudicación dos centros privatizados e non engadan máis os que xa hai!!

 

O Presidente da Xunta realiza unhas declaracións cara a galería que amosan o seu perfecto descoñecemento do Servizo público contra incendios

O que non concorda coa actual realidade que temos no País é o que dixo. Se algo precisa a nova tipoloxía de lumes é de coñecemento e celeridade, tanto na previsión como na execución.

Entre as novas que avanza, chamounos a atención a aposta por brigadas multifunción cara ao futuro, cando as brigadas multifunción xa existen e están recollidas na normativa actual, tanto para a prevención e a extinción -no V convenio da Xunta dende hai 14 anos- como na Lei 17/2015, de protección civil, ao pasar a formar parte oficialmente dos servizos de emerxencias.

Xa ten delito que alguén que estivo de vicepresidente dende o 2009 descoñeza o funcionamento do servizo, máis cando foi o responsábel dos servizos de emerxencias (foi a súa consellería) ao longo dos anos.

A multitarefa mal xestionada e sen os recursos suficientes pode atrasar a actuación nun lume onde o tempo de reacción é básico

Ao respecto de dotar de maior temporalidade os contratos do persoal da loita contra incendios, BENVIDO SEXA!!, o goberno do que forma parte dende 2009 tivo numerosísimas propostas, demandas, informes do grupo de expertos de apoio á Comisión do Parlamento de Galiza sobre incendios forestais que así llo recomendaron e esixiron, aínda así, benvido sexa. Mágoa que non se concrete en tempo e forma e todo nos lembre a unha manobra mediática.

A Administración galega está nun bo intre para o incremento de tempo de traballo do persoal descontinuo, dado que cos procesos de funcionarización internos que se están a acometer, sería un momento idóneo para converter tódalas prazas descontinuas a todo o ano, e crear un corpo público único e homoxeneizado que tería moita maior eficacia no traballo e estabilidade laboral que o actual e desleixado modelo dos "sete mil efectivos".

Se algo precisa a lacra estrutural dos lumes do noso País no momento actual é non funcionar a golpe de nota de prensa buscando resultados electorais. Atopámonos dentro dun mal endémico e estrutural cronificado nas últimas décadas.

Dende os servizos de prevención e extinción públicos -SPIF- levamos anos esixindo melloras que nunca chegan, e que lembraremos de novo:

1.Pulamos pola a profesionalización de todo o SPIF, todo o persoal debe traballar todo o ano.

2.A prevención debe ser o eixo troncal do traballo. Hai que adaptar a prevención aos novos tempos e novos perigos.

3.O Pladiga é un plan obsoleto centrado en botar cifras á esgalla e orientado unicamente cara a extinción

4.Todo o persoal de prevención e extinción debe estar baixo o mando único do SPIF e formar parte deste.

5.As brigadas helitransportadas deben estar xestionadas e ocupadas por persoal do SPIF.

6.A formación integral nas multiemerxencias e en concreto na nova tipoloxía de lumes e o adestramento continuado nas situacións derivadas destes deben formar parte do día a día dos persoal do SPIF.

Dende a CIG levamos anos esixindo unha adaptación xeral do dispositivo diante do paso xa dos lumes da quinta á sexta xeración. A mestura do abandono do rural coa nefasta xestión do monte por parte da Xunta de Galiza, pon en perigo as poboacións. O incremento do modelo 4 de combustible nas zonas próximas ás casas fan de cada incendio de interface unha ameaza no só ao ecosistema, senón tamén ás vidas e bens da poboación.

Todas estas cuestións son modificábeis, tanto o medio sobre o que se pode actuar como a formación do persoal neste tipo de circunstancias.

Estamos dispoñíbeis para abordar todas estas cuestións -propostas concretas xa houbo dabondo e por escrito nos últimos anos- cando o Sr. Rueda e/ou o Conselleiro do Medio Rural o consideren.

O venres 5 de agosto tivemos unha nova reunión para concretar cuestións. O director xeral de Función Pública comprometeuse a enviar un novo borrador de criterios destas bases comúns cos acordos e achegas.

Función Pública convocará todos os procesos agás os daqueles entes que teñan convenio propio (que non estean adheridos ao V Convenio) e os das fundacións e empresas públicas mercantís (Lofaxga 45.1.b).

A destacar:

  • Puntuarán só o tempo traballado como temporal ou interino/a.
  • Regularán non obter máis dunha praza nos procesos selectivos e evitar o acaparamento de prazas. O obxectivo é baixar a temporalidade (e pagar as menos indemnizacións posibles).
  • Muda a rixidez do reparto do concurso de méritos: racha a barreira do 60% (profesionais) - 40% (outros méritos). A Dirección Xeral “pode chegar o 70-30”, máis seguiremos loitando porque suba a porcentaxe do tempo traballado.
  • Os anos necesarios para chegar o tope poderían reducirse ata 20.
  • Para modular o tempo traballado e que se puntúe máis na administración convocante proponse aumentar o valor a 3-1, e outra opción sería engadir un coeficiente multipicador. O que si quedou claro é que se vai valorar máis o traballo na propia administración convocante que noutras.

O tempo traballado en calquera ente convocado por Función Pública vai ser puntuado igual que o tempo de traballo na Admón xeral

E, coma os postos van ser funcionariais (Acordo de Concertación), faranse listaxe de equivalencias, coas que compre estar vixiantes para que non quede fóra ningunha titulación e que todas as persoas que ocupan hoxe un posto se poidan presentar a esas prazas.

O desempate: en primeiro lugar o baremo legal da infrarrepresentación feminina, no seu caso; e logo proponse a antigüidade na administración na categoría/escala.

O que queda:

  • Subir a porcentaxe de tempo traballado sobre outros méritos.
  • Valorar en diferente categoría (menos) e recoñecer alternantes e sucesorias. Compensar o tempo de inactividade do persoal fixo-descontinuo.
  • Mudar a data de referencia dos méritos para a data da convocatoria ou fin de presentación de solicitudes (como é o habitual).
  • Que na valoración dos exames de procesos selectivos se elimine o “último proceso selectivo” admitíndose varios e tamén de temporais.
  • O resto das alegacións e propostas presentadas pola CIG para equilibrar estes procesos.

Función Pública está a ser máis receptiva coas nosas propostas e cambios para chegar a unhas bases equilibradas e asumibles polo persoal. Aínda asi queda moito por percorrer e na CIG estamos alerta e non dubidamos en recorrer a calquera medio ao noso alcance, se isto se enquista ou non se consolidan as melloras achegadas.

Retomarase a revisión dos postos no mes de setembro cun grupo de traballo

O venres 5 de agosto tivo lugar unha nova xuntanza con Función Pública para tratar a revisión dos últimos listados de prazas da OPE extraordinaria 2022 publicada o 30 maio.

Unha das primeiras cuestións é a da retirada de 354 prazas do persoal das brigadas de 6 meses creadas no 2019 no servizo de incendios. Función Pública manifestou que querían un pronunciamento dos sindicatos, xa que entenden que pode haber inseguridade xurídica ao incluílas na oferta, e seguían estudando as diferentes opcións. 

Por parte da CIG facemos un chamamento á cautela e manifestamos que nós o que queremos é igualdade no tratamento da convocatoria destas prazas. Non pode ser que se fagan parceliñas e que o persoal se pelexe por un puñado de prazas. . 

Seguimos mantendo que nos preocupan como se vai baremar o tempo de traballo segundo os criterios comúns desta oferta xa que pode xerar inseguridade e discriminacións.

Con respecto ao Consorcio nos comunican que aceptaron aproximadamente o 90% das alegacións.

A maiores Función Pública nos trasladou a seguinte información:

  1. Aínda están a traballar no listado dos entes (enviarano nos vindeiros días, din)
  2. No mes de setembro farase un grupo de traballo técnico con persoal de Función Pública e dos sindicatos para valorar cada unha das alegacións denegadas.
  3. É probable que nas convocatorias publiquen o listado das prazas da OEP cos postos identificados para dar maior seguridade xurídica.

O traballo de noite, en quendas semanais e os sábados á mañá, ademais das funcións de inspección, levantamento de actas e control de establecementos públicos adicados ao lecer e hostalería xa ten recoñecemento para o persoal inspector da Axencia de Turismo da Galiza. A CIG ven de ratificar na Comisión de Persoal do 3 de agosto a regulación das súas condicións de traballo xunto co recoñecemento salarial nun Acordo vinculante no que o persoal vai percibir un complemento salarial adicional de 368,54 € ao complemento específico.

Mais coidamos que o camiño de ir parcelando negociacións e acoutar acordos por escalas ou grupos de postos fai que as condicións laborais dependan da presión que exerce cada colectivo de traballadoras e traballadores, ou da necesidade que a Xunta teña polo servizo que aportan. E lembramos que este ano é Xacobeo, e que o turismo é a “ficha” pola que aposta a Xunta para a economía da Galiza. No entanto, o seu recoñecemento era unha demanda histórica do persoal e da CIG.

A intención inicial dos responsábeis da política de persoal da Xunta era impoñer un texto sen negociación coas organizacións sindicais. Pero na CIG coidamos que é necesario facer algo máis amplo, polo que na negociación introducimos a necesidade dun estudo para harmonizar coherentemente os niveis do complemento de destino de todos os postos de inspección da Xunta. O director xeral de Función Pública comprometeuse finalmente a realizar ese estudo global das circunstancias de todos os postos de inspección, e os niveis correspondentes, que teñen que ser compatibles cos complementos adicionais polas especiais condicións de traballo do posto.

Necesitamos un Acordo Marco co que regular as condicións laborais e retributivas de todos os empregados e empregadas públicas, e isto ten que implicar unha revisión dos niveis non só a determinados corpos e escalas, se non a todo o persoal ao servizo da Administración Autonómica de Galiza. Da necesidade de abordar globalmente este tema da conta a decisión da Xunta de baixar o nivel mínimo de complemento de destino existente na Administración Autonómica, que pasa do actual 10 ao novo 9, e afectará principalmente a algunhas escalas de Política Social e Educación.

A Axencia de Turismo de Galiza (ATURGA) decidiu destruír 6 postos de traballo e crear 2, o que é unha destrución neta de 4 postos. 

A proposta inicial era ainda peor: decidiran eliminar 8 postos de traballo, todos eles na propia ATURGA, e case todos da escala de inspección de turismo. A proposta final pasou a destruír 6 postos, dos que 1 é en ATURGA e outros 5 da Presidencia da Xunta. Destruír dous postos menos (serán 6, e non 8), para crear 2, e que dos 6 que destrúen 5 deles serán en Presidencia e non en ATURGA (como se importaran menos), foi xustificación abonda para algún sindicato para votar a favor.

A maiores, modifican algúns postos de traballo das oficinas de turismo, para aplicar o acordo das súas condicións de traballo, o que implica introducir o "horario especial e xornada partida". O acordo que o regula fala de que eso será voluntario para os postos ocupados, e obrigatorio para os vacantes. Pero meten no saco postos que foron collidos no último concurso de traslados que cando foron solicitados non tiñan ningunha observación de horario. Certo que se comprometen a non aplicarlle as novas condicións obrigatoriamente a estes últimos, pero a CIG pediu que como mínimo, ese "horario especial e xornada partida" que van meter na RPT, quede clariño que será "cando quede vacante.."

Toda esta proposta foi votada na Comisión de Persoal do 3 de agosto, e contou coa abstención de CCOO e o voto favorable de CSIF e UGT. A CIG votou en contra.

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...