Novas por contido

A CMATV enviounos unha nova proposta da súa RPT para tratar nunha xuntanza que teremos o venres 25 denovembro. Se é do teu interese podes  descargar a documentación e contactar coa CIG

A proposta afecta principalmente ao Parque das Illas Atlánticas. Pero ten máis cousas: dotación de postos xurídicos ás xefaturas territoriais, execución de sentenzas, e máis cambios.

A Dirección Xeral de Función Pública achega os borradores dos temarios para os procesos selectivos derivados da OEP extraordinaria da Lei 20/2021 (lei da temporalidade) das escalas  técnica de auxiliar de informática (descargar) , e técnica de condución (descargar), subgrupo C1. Que é do teu interese, podes contactar coa CIG.

No DOG do 24/11/2022 publican a RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización definitiva de méritos correspondente ao ano 2021 das listas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Publican a actualización definitiva de méritos correspondentes ao ano 2021 dos integrantes das listas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se especifican no anexo I desta resolución e a persoal laboral dos grupos e categorías que se determinan no anexo II.

As puntuacións totais das persoas integrantes das listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de «Listas de contratación».

As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Coa Lei de Orzamentos para o ano 2023 a Xunta introduce un artigo (artigo 21.d) co que os importes dos complementos específicos adicionais poderán ser reducidos ou eliminados. Estes complementos retribúen as condicións específicas de determinados postos, como as diferentes prestacións do servizo ou as funcións.

Os complementos específicos adicionais retribúen nalgunhas escalas de persoal funcionario cuestións como a penosidade, a toxicidade, o traballo irregular con quendas de maña e tarde e noite e en fin de semana e festivos, as gardas, a especial responsabilidade ou a nocturnidade e, tamén outras especificas das funcións como as de dirección, coordinación, inspección, policía e control.

Regúlanse dentro dos acordos de condicións de traballo, logo da loita do persoal, e conseguimos mudar retribucións variables por un complemento fixo global e consolidable que repercutira nas cotizacións. Aínda que había perda de masa salarial tiñamos claro que gañabamos na estabilidade dos soldos.

A Xunta pretende rebaixar o complemento específico adicional e faino á forza (por lei)

Cárgase o sentido do complemento específico e introduce pola forza, na Lei de orzamentos do 2023, a condición da efectiva prestación de servizos mediante acreditación mensual no que “pode establecer un módulo” para o cálculo do importe efectivo. Desta forma muda unilateralmente un complemento que viña a valorar en conxunto as funcións e permítense dividilo ou eliminalo de cheo.

Cal é o sentido desta medida? Unha coacción para traballar ata os 67 anos aínda que a saúde non acompañe? Poñer máis pedras á conciliación?

Sospeitamos que aos primeiros compañeiros e compañeiras que lle van tocar o soldo son aos que teñen adaptación de posto, moi probablemente derivado dos danos que sobre a saúde fixeron anos de traballo lesivo. O peor é que con esta rebaixa minguan as cotizacións nos derradeiros anos da vida laboral.

Todo isto ocorre cando andamos a reclamar unha xubilación anticipada como no persoal das escalas de Gardacostas, pois xa non se sostén que teñan que embarcar, levantar redes e controlar o furtivismo ata os 67 anos.

O director xeral asegura que a rebaixa do específico non se vai aplicar nas baixas máis non di en que situacións e como pretenden “modular” o específico

Ante a queixa, o director xeral da Función Pública dixo que non ía afectar ao persoal que está de baixa. Pero non nos fiamos. Sabemos como as gastan as consellerías e ademais se o vinculan a unha certificación mensual da realización das funcións ou tarefas concretas pois o cristo está servido: van tratalo como unha produtividade. Na CIG estamos pendentes xa que se o fan ás bravas están a mudar substancialmente as condicións laborais dos empregados e empregadas públicas e o conflito está asegurado.

Lembramos o precedente: A Consellería do Medio Rural rebaixou o salario do persoal técnico de incendios para reprimir o conflito laboral e o dereito a folga

No 2020 ao persoal técnico do servizo de incendios forestais secuestráronlle o soldo base e o complemento de destino en pleno conflito polas condicións de traballo. Rebaixáronlle ata 900 euros ó mes empregando un criterio “modulable”: importes en función do número de incendios no distrito durante ese mes (a máis lumes, menos desconto). Nas zonas con menos actividade incendiaria ou mais húmidas da Galiza a rebaixa salarial era maior, si no distrito houbera un numero de incendios moi alto descontarían menos.

Por incríble que pareza, isto sucedeu, aínda que moitos dos compañeiros non puideran exercer nin un só día o seu dereito á folga, (os servizos mínimos estaban impostos en case o 100%). Este luns 21 de novembro tivemos o xuízo e estamos a espera de sentenza para que a Xunta pague o salario roubado.

Demanda que na Lei de Pesca Sustentable se contemple a súa integración no TREMAR

A CIG-Autonómica vén de solicitar a modificación da Lei 47/2015, del 21 de outubro, reguladora da protección social das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro, cunha emenda á Lei de Pesca Sustentable, que está en trámite parlamentario, para que acolla o persoal funcionario das escalas de Gardacostas.

Ao persoal funcionario das escalas de gardacostas de Galiza se lle exixe, como a todos os traballadores do mar,  os requirimentos do Instituto Social da Mariña (ISM) para poder realizar as súas funcións como unha formación específica e a superación dun recoñecemento médico. Máis, ao tempo, o propio sistema non os admite porque non están dentro do réxime especial do mar xa que están no réxime xeral da Seguridade Social.

Está situación esperpéntica supón que o noso persoal non teña a protección para a súa saúde, como a xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que necesitan polos riscos que para a saúde supón o traballo no mar. Isto é mais grave se temos en conta que, porén, os compañeiros da privada que comparten o ámbito laboral coas tarefas e  os  medios da Xunta (embarcacións, etc..) están no TREMAR con normalidade.

A CIG-Autonómica leva meses reclamando á consellería, ao Goberno e ao Parlamento de Galiza que aporten unha solución a esta discriminación que unicamente sofren por ser persoal funcionario, razón coa que o ISM determina a súa exclusión do réxime especial do mar. Neste sentido denunciamos que malia ser coñecedores, polo de agora nin a Xunta de Galiza nin os ministerios implicados aportaron solución real ao problema.

Por isto a CIG preparou unha emenda á Lei de Pesca Sustentable en trámite parlamentario e a remitiu a todos os grupos galegos e españois co fin de buscar unha saída viable que remate con esta retorta situación.

A emenda foi finalmente presentada polo BNG e propón o encadramento do persoal gardacostas no TREMAR para ter acceso a formación e os recoñecementos do ISM e a aplicación dos coeficientes redutores para a xubilación do 1,5 que pode verse aumentado en relación coas súas funcións efectivas.

A CIG-Autonómica solicita o apoio de todos os grupos políticos e da sociedade en xeral, “para que remate unha discriminación arbitraria que unicamente se xustifica por razón do seu réxime xurídico: son funcionarios e funcionarias públicas”.

O martes 22 de novembro tivemos unha Comisión de Persoal e Mesa Xeral onde se trataron os seguintes asuntos: 1) RPT de Promoción do Emprego e Igualdade, 2) RPT de funcionarización das categorías V-001 e V-011, 3) Orde de flexibilización horaria por conciliación familiar, e 4) Orde de integración do persoal laboral fixo do Consorcio I+B.

RPT de Promoción do Emprego e Igualdade

Coa abstención da CIG e CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT creáronse con cargo a fondos finalistas estatais 136 postos postos das escalas de orientación laboral (130 postos nas oficinas de emprego e 6 postos en servizos centrais). En adaptación á estrutura orgánica da consellería modificouse tamén a denominación dalgunhas unidades e creáronse en servizos centrais unha subdirección xeral, un posto de secretario/a de director/a xeral e tres xefaturas de servizo. Amortizan oito postos de traballo (sete vacantes e un ocupado en comisión de servizos).

Dende a CIG expuxemos que estamos a favor da creación en rpt dos postos de orientación laboral con carácter permanente, porque é unha vella demanda nosa, mais entendemos tamén que o financiamento debe ser permanente e non a través de fondos finalistas. Tamén que estamos en contra da apertura de postos a outras administración sen reciprocidade e da amortización de postos.

RPT de funcionarización das categorías V-001 e V-011

  • Non tivemos resposta ás alegacións que xa presentaramos sobre prazas concretas.

  • Mandaron unha segunda folla de datos máis incomprensible que a primeira. Solicitamos unha explicación polo miúdo da información. Nomeadamente preguntamos que van facer coas medias xornadas e, sobre todo, unha cuestión fundamental: pode haber funcionarios a media xornada?

  • Esiximos a retirada do nivel 9 e que se aplique o mínimo establecido para a Agrupación Profesional (nivel 10).

  • A retribución dos pluses de persoal laboral debe facerse a través da suba de niveis. Os pluses recoñecidos por sentenzas xudiciais individuais deben ser aplicados a todo o persoal que desenvolva o mesmo traballo nas mesmas condicións. Nese senso solicitamos que nos informen dos postos que teñen recoñecidos pluses por sentenza xudicial.

  • Preguntamos que criterios son os que levan a propoñer para a funcionarización a determinados postos de media xornada, fixos-descontínuos, fins de semana e de 4 e 2 horas de xornada respectivamente. Esiximos que se funcionaricen todos os postos de media xornada e que se reconvertan en xornadas completas.

  • Preguntamos pola situación dunhas 100 persoas que están en destino provisional como persoal laboral e que non tiveron a opción de funcionarizarse. Que van facer con elas?

  • Na columna de observacións mantense a observación “XORNADA IRREGULAR, SEGUNDO ACORDO CO COMITÉ INTERCENTROS DE DATA 10 DE XUÑO DE 2008”. Solicitamos unha explicación a como se vai a traspoñer o acordo do comité intercentros ao persoal funcionarizado.

  • Entendemos que as listas de contratación temporal se teñen que unificar antes do proceso de funcionarización. Preguntamos como se van a cubrir en caso de IT, vacacións....etc aqueles postos que non se funcionarizan.

O director xeral de Función Pública di que de 629 postos, só hai 1 ao que van ter que meter o complemento de funcionarización. Examinarán as sentenzas de pluses e trasladarán os importes a esta RPT. Temos ata o mércores 23 para presentar alegacións por escrito.

Orde de flexibilización horaria por conciliación familiar

Para a CIG:

  • Esta Orde de flexibilidade vén dar cumprimento ao establecido na Lei 5/2021 de Impulso demográfico de Galiza. A demora na súa implantación imposibilitou que moitas persoas con fillos/as maiores de 12 anos, pero menores de idade, non puideran facer realidade o seu dereito a conciliación.

  • Solicitamos dar cumprimento a obriga legal de ter un Plan de Igualdade e esiximos
    negociar esta orde dentro dese ámbito.

  • Solicitamos a inclusión nesta Orde das outras entidades instrumentais do sector público autonómico indicadas na alínea b) do art. 45 da LOFAXGA.
  • Denunciamos que o persoal non docente que presta servizo nos centros de ensino non pode quedar excluído. En xeral estamos en contra das exclusións a priori se as necesidades de servizo e o número de efectivos fan viable permitir a conciliación.

  • Nos supostos de flexibilidade horaria por conciliación deben engadirse os supostos de familias monomarentais e monoparentais. Deben incluírse todos os casos que sexan análogos ao matrimonio. Como consecuencia disto, no artigo 5 que se fala das solicitudes, deben incluírse estes casos.

  • No art. 2.c) engadir “Convivir ou estar acreditado como persoa de referencia na atención e o  coidado de familiares que por enfermidade ou avanzada idade necesiten asistencia”.

  • No art. 3 onde fala do marco horario e do horario diario de referencia solicitamos engadir que dentro dese horario diario de referencia establecido, o persoal empregado público poderá cumprir a súa xornada de traballo con absoluta liberdade, sempre e cando se cumpran todas as horas de traballo aplicables en cómputo mensual. Tamén solicitamos engadir que previamente a autorizar ou denegar unha flexibilización deben ser oídos os órganos de representación do persoal.

  • No caso das solicitudes denegadas por necesidades de servizo propoñemos substituír o trámite de "reconsideración da solicitude" por unha negociación entre as partes para chegar a un acordo que conxugue as necesidades de conciliación e do servizo, da cal debe informarse aos órganos de representación do persoal.

  • Solicitamos atender as necesidades específicas da atención do posto e as de conciliación tamén a través dun proceso de negociación e que non se negue a posibilidade de poder facer en xornadas completas a priori, polo menos naqueles casos en que a persoa traballadora xa cumpriu coa totalidade do saldo mensual.

  • Solicitamos que o establecemento dun marco horario propio sexa a través dun procedemento negociador coas organizacións sindicais e non de forma unilateral polas secretarías xerais técnicas.

  • Entre os criterios de prioridade debe contemplarse tamén ás persoas maiores a cargo.

  • No caso do art. 5.f) (procesos de nulidade, separación ou divorcio) procede a inclusión de todos os casos análogos ao matrimonio así como a inclusión dos supostos de acordos extraxudiciais de custodia.

  • No art. 6 as causas de cesamento por necesidades do servizo deberíase substituír por “causas extraordinarias ou de forza maior debidamente negociadas”.

  • Entendemos que a ampliación da flexibilidade ata a maioría de idade dos menores debería facerse de xeito automático sen necesidade de nova solicitude.

  • Consideramos que a aplicación da flexibilidade horaria á xornada da persoa traballadora debe producirse con independencia da modalidade de traballo (traballo presencial ou teletraballo). Consecuentemente a iso, solicitamos a posibilidade de compensación do saldo de horas mensuais pendentes ben de xeito presencial ou ben durante a xornada de teletraballo.

Orde de integración do persoal laboral fixo do Consorcio I+B


A orde de integración é similar á do persoal laboral fixo doutros entes que xa se integraron como persoal laboral fixo da Xunta. Solicitamos unha solución ao tema das titulacións, nomeadamente á necesaria para exercer na categoría III-50 (técnica especialista en xardín de infancia). Preguntamos se existen algún persoal fixo con problemas de titulación.

Denunciamos que o non ter a RPT aprobada supón facer unha integración a cegas porque nas retribucións do persoal do Consorcio non figuran os complementos tal e como están establecidos no V Convenio.

Na Comisión de Persoal do 22 de novembro foi aprobada, coa abstención da CIG e CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT, unha modificación da RPT da consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tras dúas xuntanzas previas coa consellería.

Durante máis de dez anos, ao abeiro do chamado Plan Estratégico para que el Servicio Público de Empleo Estatal y los Servicios Públicos de Empleo de las Comunidades Autónomas avancen progresivamente en la mejora de sus recursos humanos, materiales y tecnológicos, o servizo de orientación profesional que a Xunta de Galiza prestou ás persoas usuarias das oficinas de emprego estivo substentado na precariedade e na temporalidade dos empregados públicos que exerceron ditos traballos.

Diante das características do traballo desenvolvido polo persoal que exerceu as funcións de orientación laboral de xeito temporal, a CIG leva solicitado en numerosas ocasións a transformación deses postos de traballo temporal en postos estruturais dentro da RPT da consellería.

Non sen tempo, e en cumprimento do solicitado pola CIG, a consellería de Promoción de Emprego e Igualdade trouxo a negociación unha modificación da súa RPT para a creación de 130 postos de técnico/a de orientación e prospección laboral dentro da escala técnica de orientación laboral adscritos ás oficinas de emprego dependentes das catro xefaturas territoriais.

Dentro das escalas Superior e Técnica de Orientación Laboral crea tamén nos servizos centrais da consellería os seguintes seis postos:

• Un coordinador/a de orientación laboral, nivel 25
• Un coordinador/a de prospección laboral, nivel 25
• Catro técnicos/as de emprego, nivel 22

A creación destes 136 postos de traballo financiarase durante o exercicio 2022 con cargo a fondos finalistas estatais, mais na CIG amosamos a nosa inquedanza de como se financiarán en exercicios futuros e que a posible falta de financiamento se traduza en amortizacións.

Mentres non se proceda á provisión definitiva destes postos mediante a convocatoria dos correspondentes procesos selectivos, ofertaranse en comisión de servizo e os que non se cubran por ese sistema farase a través das listas de contratación temporal de persoal interino.

En adaptación á estrutura orgánica da consellería modifícanse a denominación dalgunhas unidades e créanse tamén en servizos centrais os seguintes postos:

• Subdirector/a Xeral de Emprendemento
• Secretario/a do/a director/a xeral
• Xefatura de Servizo de Programas de Apoio ao Emprego
• Xefatura de Servizo de Fomento do Emprendemento
• Xefatura de Servizo de Coordinación de Xestión de Programas e Fondos

Ao tempo, a consellería amortiza oito postos de traballo, dos cales setes están vacantes e un está ocupado en comisión de servizos.

Estamos convocados a unha Mesa Xeral e unha Comisión de Persoal para o martes 22 para tratar os seguintes asuntos:

Comisión de Persoal 22/11/22

  • Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Descargar

Mesa Xeral de negociación de Empregados Públicos

  • RPT de funcionarización do persoal laboral do grupo V, categorías 1 e 11, na escala de persoal de limpeza e cociña e recursos naturais e forestais (especialidade de persoal de limpeza e cociña). Vai á Mesa Xeral. Descargar

  • Modificación da Orde de flexibilidade horaria por motivos de conciliación. Descargar

  • Procedemento de integración como persoal laboral da Xunta do persoal laboral fixo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Descargar

Se é do teu interese dicirnos algo, podes contactar coa CIG.

Na CIG Autonómica consideramos claramente insuficiente a suba do 5% anunciada onte polo conselleiro de Educación, que supón tan só 12 céntimos para alimentos, máis gas e produtos de limpeza por alumno/a e día.

Esta suba do 5% chega despois da denuncia pública da CIG na que recolliamos a demanda do persoal empregado público dos comedores escolares para que se actualizaran as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares, pola suba desmesurada da enerxía e dos alimentos e pola carestía da vida.

A suba anunciada do 5% é totalmente insuficiente diante da proposta de suba do 20% que propuxemos dende a CIG.

O gasto que se destina inclúe non solo alimentación, senón que tamén se teñen que asumir, con ese importe, os produtos de limpeza e gas propano (empregado nas cociñas dos centros escolares) polo que aínda incluíndo o 5% do ano anterior, o investimento total da Consellería para este ano é de 0,24 céntimos.

Dende a CIG consideramos ese incremento totalmente insuficiente para manter a calidade dos servizos públicos e aportar unha alimentación con produtos frescos, locais e de proximidade cun contido nutricional adecuado para os/as escolares.

A consellaría incrementou nun 30% a partida destinada a comedores privados

O aumento anunciado en medios de comunicación do 5% dos comedores públicos non soporta unha comparativa fronte ao 30% dos comedores das ANPAS (de xestión privada), o que lévanos a pensar que a ridícula suba na pública ten como obxectivo final baixar a calidade para xustificar unha privatización do servizo.

Afecta maioritariamente a comedores escolares do rural

Lembramos que a maioría dos comedores escolares do rural aínda son de xestión publica que resisten a política privatizadora do PP grazas ao magnífico servizo do persoal empregado público e á presión social das familias que se opoñen a que empresas fagan negocio coa saúde dos seus cativos e cativas.

O día 9 de novembro dende a CIG Autonómica remitimos un escrito ao conselleiro de Educación para que se revisaran e actualizaran as contías destinadas ás bolsas para o financiamento do servizo dos comedores escolares, xa que ao persoal se lle fai cada vez máis difícil dar unha alimentación saudable con produtos frescos, locais e de tempada.

Aínda non obtivemos resposta mais esperamos que o conselleiro recapacite e atenda a demanda da CIG para analizar polo miúdo os problemas das cociñas e dos comedores escolares co fin de seguir a dar unha alimentación de calidade e que deixe de utilizar aos nosos escolares para facer unha campaña da propaganda por uns ridículos e míseros 12 céntimos.

A nova Orde para acceder ao grao I e II do sistema extraordinario de carreira ultímase en Mesa Xeral de Empregados Públicos. A Administración tráeos en formato de "Acordos" para que CCOO e UGT continúen dóciles a dicir amén, mais non aproveitan para corrixir as eivas anteriores. Limítanse só a cumprir as sentenzas firmes ao mínimo indispensable.

Despois de que Función Pública decidira non publicar a Orde de acceso ao grao II no segundo semestre de 2020 (e lembramos que daquela non había ningunha sentenza que llo impedira), tráennos agora uns borradores nos que inclúen a case todo o persoal que cumpra os requisitos, obrigados polas sentenzas gañadas pola CIG.

Os importes anuais, tanto do grao I como do grao II van ser os seguintes:

IMPORTES ANUAIS DA CARREIRA
Ano % A1/I A2/II C1/III C2/IV AP/V
2022 60% 1.553,47 € 1.087,20 € 774,72 € 595,08 € 480,89 €
2023 80% 2.071,30 € 1.449,60 €

1.032,96 €

793,44 €

641,18 €

2024

100%

2.589,12 €

1.812,00 €

1.291,20 €

991,80 €

801,48 €

O procedemento para solicitar o acceso, unha vez aprobado, será a través da plataforma FIDES que de xeito automático determinará se se cumpren os requisitos. No caso de que o programa non admita a solicitude de carreira dunha persoa, esta disporá dun prazo de 10 días para poder presentar a solicitude e documentación xustificativa en sede electrónica. Non van aceptar actualizacións de expedientes no Portax, polo que se non temos introducida a formación, deberemos agardar a que nola requiran.

Pero ollo esta carreira trae trampa:

  • O grao I non ten efectos retroactivos (isto determinarao o acto de execución de sentenza ante o TSXG), polo que se lle recoñece a todo o persoal que cumpra os requisitos dende agora, pero non dende o 2019.

  • Non se restitúe o ano de grao II que nos fixeron perder CCOO, UGT e Función Pública ao non publicar a tempo Orde de acceso ao grao II, polo que os efectos deste serán dende o 2022.

  • A data para cumprir os criterios do acceso ao grao I e II é o 31/12/2021, co cal ao suposto período de 5 anos de antigüidade para acceder ao grao I e 11 anos para o grao II se converten a día de hoxe en 7 e 13 anos respectivamente.

  • Non manteñen aberta a convocatoria para os casos en que a relación laboral se vira interrompida a día de hoxe.

  • Aceptan a alegación da CIG de que o tempo de maternidade, permiso de paternidade, acollemento adopción.. poida solicitarse ata un mes despois da reincorporación da baixa e dos permisos, así como os efectos económicos.

  • Ábrese a carreira a todas as persoas empregadas públicas (incluído o persoal do Consorcio e Lei 17), agás ao persoal laboral fixo que non queira funcionarizarse.

  • Deixan tamén fora da nova carreira ao persoal funcionario de carreira que xa percibe o grao I e que sumou tempo de antigüidade no corpo/escala doutras administracións públicas.


A campaña de ataque á CIG orquestrada pola Xunta cos socios necesarios de CCOO e UGT busca dividir o persoal e perder forza na loita polos dereitos do persoal

E a esta carreira de trolas xa habituais dos que deixaron fóra da carreira ao persoal e que nos deixaron sen un ano de grao II, CCOO e UGT, súmase agora o SEPGA que nunha nota di “o SEPGA foi o único sindicato que pediu tanto a eliminación da discriminación e o agravio económico que sufrimos os Grupos A1 e A2 en relación co resto de grupos”.

Pois resulta que a CIG, como se pode ver por exemplo aquí, xa pedía hai 3 anos a redución dos períodos alongados para o A1 e A2 para que todos puideran acceder ao 100% nos mesmos anos, ao igual que pedíamos a suba dos importes dos subgrupos C1, C2 e AP para que non se ensanchase máis a brecha entre os subgrupos altos e os baixos.

Van xa case catro anos de ataque á CIG, a quen busca xustiza e igualdade, a quen loita polos dereitos de todas e todos, sen exclusión. E cando o tempo e a xustiza nos dá a razón, veñen de solucionadores do problema que eles mesmos crearon por compracentes coa patronal.

Nota: Para a Comisión de Persoal posterior á Mesa Xeral, a Dirección Xeral de Función Pública cambiou o texto duas veces. Vai aquí ligazón para acceder á última versión:

- Carreira administrativa (carreira persoal funcionario)
- Complemento de desempeño (carreira persoal laboral)

Outras novas recentes

Xoves, 02 Mai 2024

A administración pública galega en apoio ao pobo Palestino

Cesamento do fogo xa! Israel ten que rematar coa agresión a Palestina e finalizar a ocupación! As administracións públicas, baixo o principio de servizo á cidadanía, non deben xestionar decisións políticas que supoñan alimentar a agresión de Israel a Palestina. O conflito en Gaza, xunto ás duras restricións que o goberno israelí impón a Cisxordania, teñen un impacto...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...
Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...