Novas por contido

A Xunta impón a modificación da lei de emprego público e os orzamentos en materia de persoal para 2022

O acontecido na Mesa Xeral de Empregados Públicos do 15 de outubro non foi pasar o rodete, foi unha falta de respecto a todos os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza. Non teñen escrúpulos e desta vez foi o recente falecemento do conselleiro de Facenda a escusa para non informar debidamente e modificar a lei de emprego público as présas e sen negociar.
Así, Función Pública solucionou en menos de 24 horas o amargo trago de cumprir coa lei e sentarse coas organizacións sindicais previa aprobación no Parlamento destas leis que afectan ao persoal empregado público.

Os Orzamentos para 2022

Non nos deron documentación ningunha. Soltaron uns poucos datos xerais (sen diferenciar nin sectores, nin consellerías, nin moito menos partidas orzamentarias). De seguro que serán máis completos no telexornal da RTVG. Preguntamos e... Isto é o que hai:

  • Suba salarial que marca o goberno do Estado: 2%
  • Recuperación do poder adquisitivo perdido na Galiza: CERO
  • Recuperación do complemento específico nas pagas extras: CERO
  • Recuperación do Fondo de Acción Social: CERO
  • Recuperación das compensacións e dereitos do V Convenio: CERO
  • Recuperación de emprego público: CERO
  • Graos extraordinarios 1 e 2 da carreira profesional: parece que si, pero non se sabe canto, nin onde, nin para cantos.
  • Orzamento para pasar o persoal de incendios de 9 a 12 meses: na “bolsa” (debe ser un caixón de xastre dos orzamentos)
  • Orzamento para as “primas” do persoal escollido para os Fondos de Recuperación e Resiliencia (FRR): unha incógnita

O que nos venderon:

  • O orzamento en materia de persoal aumenta en un 4,25 % a pesares de que xa non teñen os fondos extraordinarios da Covid. Pasa de 4.123 a 4.327 millóns de euros (pola suba do 2% do goberno do estado español)
  • Queren que se derrogue a taxa de reposición (esquecen que foron eles os que a impuxeron e defenderon sempre) pero que o “goberno non llo aceptou”. Ironicamente véndense como os defensores do público, pero o que fan é agochar a súa incompetencia acusando de todos os males ao goberno do estado mentras non asumen a súa propia responsabilidade no cumprimento das OEP que eles mesmos aproban.
  • Din que van cumprir o Acordo do Consorcio e que van pagar o último tramo salarial da equiparación co V Convenio.

 As modificacións da Lei de Emprego Público

A Xunta acostuma a empregar a lei de medidas tanto para recortar dereitos (como no 2012), como para impoñer modificacións á Lei de emprego público de Galiza. Estas son as máis significativas, pero podes consultar o documento completo aquí:

  • Modifican a definición do persoal funcionario interino para adaptarse ao RDL 14/2021, cunha redacción ambigua que cuestionamos. Queremos que se inclúa e aclare o dereito á carreira profesional para todo o persoal.
  • Eliminan a porcentaxe reservada para a promoción interna nos procesos de consolidación e estabilización. Opoñémonos, e esiximos que se aplique para todos os procesos o 50% xa que non computa na taxa de reposición. Queremos que as prazas que queden desertas se acumulen para a seguinte convocatoria de PI.
  • Amplían o tempo de comisión de servizo do artigo 100 (traslado voluntario en sectores prioritarios), de 6 meses a 1 ano con outro de prórroga. Unha barbaridade que pretenden xustificar coa xestión dos fondos de recuperación e resiliencia. Sabemos que na práctica son comisións opacas e que coa funcionarización poden xeralizarse ao ter máis persoal nestes sectores. Que modifiquen ás RPT, convoquen concursos de traslados e se deixen de chanchullos.
  • Sancionan a fraude no procesos selectivos (para persoas empregadas e aspirantes): o copiar de toda a vida sanciónano con 2 anos e se é por medios dixitais con 5 anos sen poder presentarse a un proceso selectivo. Un manto co que Función Pública pretende tapar o escándalo do segundo exame do subgrupo C2 e da consolidación da categoría IV-1.
  • Crean as escalas de enxeñería química e aeronáutica, e na escala de ciencias as especialidades de matemáticas e física. As primeiras para atender o polígono de Rozas e as segundas só indican que é por petición da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
  • Engaden unha nova tarefa ao persoal da escala de gardas de recursos naturais sen tela negociado previamente. Claro, agora non podemos ir a denunciar por incumprir o Convenio porque o fan na escala coa funcionarización avanzada: Con cantos cambios de funcións máis nos imos atopar nesta funcionarización chapuza?
  • Entran nunha serie de cambios para permitir a funcionarización deseñada no Acordo de Concertación cos que nin os asinantes están de acordo: a novacion do contrato do persoal laboral temporal e indefinido non fixo en persoal funcionario interino. Era visto e xa o avisamos. O que trae agora a novación ademais da perda de dereitos indemnizatorios por despedimento é a permanencia máxima de tres anos como persoal funcionario interino, segundo recolle o RDL 14/2021. Precarizan ainda máis as 5000 compañeiras e compañeiros laborais temporais da Xunta.
  • Manteñen para o 2022 as medidas especiais da Covid para garantir a contratación do persoal sanitario das residencias. Por exemplo, poderán tirar do Servizo Publico de Emprego antes que despenalizar as listas, exclúen a esixencia do coñecemento do galego ou incluso poden tirar de persoal para a categoria de auxiliar de clínica que cursou estudos pero que aínda non ten a titulación. Manter esta excepcionalidade porque non hai xente nas listas denota que non se están a facer as cousas ben na xestión do persoal: sobrecarga de traballo, poucos descansos e inseguridade xurídica por falta de persoal e instrucións temerarias das direccións dos centros, na maior parte residencias de Política Social.
  • E hai máis, derrogación das medidas que modificaban a lei de igualdade, eliminacion do período da toma de posesión do persoal eventual ou o traslado das mulleres vítimas da violencia machista e medidas para as vítimas do terrorismo, unicamente para adaptarse a lei básica, claro.

Permítennos facer achegas para presentar no trámite de emendas. Así están as cousas, a Xunta do PP coma sempre, tarde, mal e arrastro e vacilando con chulería ao seu persoal.

Rogos e preguntas:

O director xeral de Función Pública contesta o que quere e cando quere, hoxe tocou:

  • Concurso de traslados: bastante avanzado
  • Plan de igualdade: a ver se neste mes
  • Procesos selectivos: bombeiros e funcionarización bombeiros na segunda quincena de novembro
  • RPT do Consorcio: nuns días
  • Non hai paralización dos procesos selectivos

A Xunta quere financiar as escolas infantís privadas de 0 a 3 anos en vez de crear novas escolas públicas


A CIG esixe a consolidación e fortalecemento dunha rede pública 100% para a educación infantil.

Feijoo, no canto de potenciar a rede pública de escolas infantís, tanto as dependentes directamente da Consellería de Política Social (Axencia) como as do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, anuncia que van conseguir a gratuidade da educación infantil a golpe de talonario, pagándolle ás escolas infantís privadas e desfornecendo os servizos públicos.

Para acceder ao Bono Concilia (axuda, segundo renda, para as escolas infantís privadas) era requisito que solicitases e non obtiveses praza nunha da rede pública. Nos últimos tempos, os segundos fillos non pagan a escola infantil tanto pública como privada, sen requisito previo de ter que solicitar primeiro a praza no sistema público.

Agora estamos ante a aposta da Xunta de Galiza polo ensino concertado xa dende a raíz: dende os 0 a 3 anos. A fórmula dun neoliberal é desprenderse da xestión pública das escolas e apostar por financiar á privada, ben con bonos escolares ben con subvencións, ben concertando servizos.

A necesidade de crear novas escolas infantís e novas unidades en moitas das existentes é algo que levamos anos pedindo dende hai moito tempo. A rede pública necesita incrementar o seu número de centros ata cubrir o 100% da poboación e do territorio, xa que é a única que garante un servizo de calidade e que chega a todo o territorio e non só ás grandes vilas e cidades.

Tal como se presenta este asunto para a empresa privada, vai DOMUSVI adicarse tamén ao sector da infancia?

Función Pùblica vén de convocar ás organizacións sindicais a unha Mesa Xeral de Empregados Públicos que terá lugar o venres 15 para "negociar" o anteproxecto de lei de orzamentos do 2022 e o anteproxecto de lei de medidas naqueles aspectos que afectan ao persoal empregado público.

Afondando no costume instaurado polo director xeral de Función Pública, fomos convocados tamén a unha xuntanza previa no mesmo venres e para falar dos mesmos temas. Un dous por un dos de toda a vida.

É de agradecer o esforzo en materia de conciliación da vida laboral e familiar de Función Pública ao enviarnos a documentación hoxe xoves a última hora da mañá, con menos de vintecatro horas para as xuntanzas. Deste xeito poderemos adicar a tarde ou a noite á lectura da mesma.

A falta dunha análise polo miúdo do texto, un ano máis o director xeral de Función Pública pretende modificar a Lei de emprego público de Galiza, coma quen di, dun día para outro, sen negociación real e pasando o rodete.

Con este precedente xa nos facemos unha idea do que van ser as xuntanzas de mañá. 

No DOG do 08/10/2021 publican a Resolución do 6 de outubro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a relación de persoas excluídas con carácter provisional das listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades, resultantes da transformación de oficio de listas das categorías profesionais laborais equivalentes, ao abeiro do establecido no artigo 4.2 da Orde do 20 de xullo de 2021.

A relación provisional de excluídos/as pode consultarse no web de Función Pública, no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012 e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galiza.

Nesta relación provisional figuran exclusivamente os solicitantes admitidos/as nas listas de categorías profesionais laborais que non cumpren os requisitos legais exixidos para seren admitidos nas listas únicas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades declaradas equivalentes, que non resultasen penalizadas o 15 de xullo de 2014 ou con anterioridade a esta data.

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellería de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

Corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo I:

  • A1 208F Escala de facultativos. Especialidade medicina
  • A1 208G Escala de facultativos. Especialidade psicoloxía
  • A1 208H Escala de facultativos. Especialidade pedagoxía
  • A2 208A Escala técnica de facultativos. Especialidade enfermaría
  • A2 208C Escala técnica de facultativos. Especialidade educadores
  • A2 208B Escala técnica de facultativos. Especialidade fisioterapia
  • A2 208E Escala técnica de facultativos. Especialidade traballo social
  • A2 208D Escala técnica de facultativos. Especialidade terapia ocupacional
  • B 208J Escala de axentes técnicos facultativos. Especialidade xardín de infancia
  • C2 20A3 Escala de auxiliares de clínica

Nos vindeiros días vaise celebrar unha nova reunión da Comisión de Seguimento do Acordo de Teletraballo na que a CIG está representada.

Dende xullo o teletraballo ordinario é o único que está vixente na Administración da Xunta de Galiza; e moitos de vos xa estades a traballar nesa modalidade de prestación.

Pero aínda así houbo certos problemas nalgunhas unidades e algunhas/os de vos fixéstenolo saber con queixas, que xa imos levar a tratar na Comisión.

Se traballas nalgunha unidade que teña problemas na concesión do teletraballo e pensas que non se cumpre o Acordo, podes poñerte en contacto connosco, do xeito que prefiras:

A) Abre un ticket no noso web.

B) Escríbenos un correo a autonomica@cigadmon.gal

C) Ou contacta cos delegados da CIG nos locais de SSCC ou nas delegacións territoriais.

O día 30 de setembro tivemos a segunda reunión do 2021 do Comité de Seguridade e Saúde Laboral Intercentros para o persoal da Administración Xeral da Xunta de Galiza. Informouse do novo procedemento estatal para ás vulnerabilidades fronte a Covid, o informe de accidentes do primeiro trimestre e se achegou a táboa coas sesións de todos os CSSL (2007-2021)

Tan so dous comités de seguridade e saúde laboral cumpriron a lei de prevención de riscos laborais no 2020, o da consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o de Mar. Isto é a excepción que confirma unha vergoñenta regla pois son os únicos. Destacan de xeito intolerable os comités de Cultura, Sanidade, de Facenda, os dos edificios administrativos e de servizos centrais, que levan sen reunións dende 2018. Outros como os de Política Social e Medio Rural, consellerías que teñen o “ranking” de accidentes de traballo, apenas o fan unha vez ao ano, incluso no ano da Covid con persoal esencial de primeira liña.

A lei marca que estes comités deben reunirse coma mínimo cada trimestre hoxe e a falla de convocatoria periódica son un reflexo da actitude dos responsables das consellerías na preocupación pola seguridade e saúde dos seus empregados públicos. Para máis no 2021 parece que nin vai cumprir o comité intercentros de saúde laboral xa que o 30 de setembro ainda vai pola segunda reunión.

A responsabilidade de que non se convoquen os comités é da administración

A presidencia dos comités e, polo tanto as persoas responsables de convocalos e levalos adiante, soen ser secretarias xerais ou vicesecretarias das consellerías. Mentres as secretarías tocalle a parte sindical o que as converte nunha misión imposible pola deixadez da administración.

Pero, que son os Comités de Seguridade e Saúde?

Son órganos paritarios e colexiados de participación, representantes da administración e delegados de prevención designados polas organizacións sindicais, para a consulta regular e periódica de actuacións na empresa en materia de prevención de riscos laborais. Participan con voz pero sen voto os técnicos dos servizos de prevención.

A lei marca que, como mínimo se reunirán trimestralmente e sempre o solicite algunha das partes.

Na Xunta temos un comité de seguridade laboral por edificio administrativo, outro por Consellería e outro Intercentros. Ademais, por razón do elevado risco na consellería de medio rural hai un a maiores que é o de incendios forestais.

O persoal dos centros educativos está representado en comités de seguridade e saúde laboral de prevención provinciais, e teñen un CSSL Intercentros de Educación específico. Os datos de funcionamento dos comités neste caso son aínda peores pois algúns están aínda sen constituír.

Cales son as funcións dos comités de seguridade e saude laboral?

A Lei de Prevención de Riscos Laborais atribúe ao Comité de Seguridade e Saúde as seguintes competencias:

  • Participar na elaboración, desenvolvemento e avaliación dos programas de prevención de riscos da empresa. A tal efecto, no seu seo debateranse, antes da súa posta en práctica e no referente á súa incidencia na prevención de riscos, os proxectos en materia de planificación, organización do traballo e introdución de novas tecnoloxías, organización e desenvolvemento das actividades de protección e prevención e proxecto e organización da formación en materia preventiva
  • Debater, antes da súa posta en práctica, os proxectos en materia de organización do traballo e introdución de novas tecnoloxías, no referente á súa incidencia na prevención de riscos.
  • Promover iniciativas de prevención e mellora das condicións de traballo.
  • Propoñer á empresa a mellora das condicións de traballo ou a corrección das deficiencias existentes.


Que supón na práctica que non se convoquen os comités?

A falla de vixiancia e participación pode supor que por exemplo non se corrixa un procedemento de traballo que esta a producir lesións ou accidentes ao persoal nun centro, que non se revisen as avaliacións de riscos, ou non se faga formación necesaria que preveña un determinado accidente ou como actuar ante unha emerxencia.

A Xunta ante a crise da Covid: tarde mal e arrastro

A Xunta tratounos dende un principio como se fosemos a poboación xeral, obviando a responsabilidade que tiña na protección do persoal fronte ao contaxio da Covid. Foi a presión e o traballo dos delegados e delegadas da CIG, que en moitos casos tiveron que presentar denuncias na inspección de traballo e nos xulgados, a que provocou algún cambio. Dotarnos de máscaras de protección, de EPIS ou avaliacións de riscos específicas foron alguns exemplos.

Aínda quedan cousas por facer como que os contaxios e as súas secuelas se traten como un accidente laboral (ao que temos dereito segundo a normativa estatal). Cuestión especialmente gravosa nos contaxios das residencias e centros de día, ou incluso nos rexistros, escolas e centros con elevada atención ao público.

En conclusión, está a ser unha verdadeira dor de cabeza para os empregados públicos enfrortarse ao pasotismo de quen tiña que protexelos.

Diante da diversidade de procesos selectivos existentes ( acceso libre, promoción interna, estabilización e consolidación) na CIG levamos anos insistindo na necesidade de fixar unhas bases comúns que rematen coa arbitrariedade dos tribunais, sobre todo no referente á fase de oposición, onde tivemos varios exemplos de criterios de corrección e notas de corte totalmente diferentes.

Resulta acaído lembrar que a Lei de Emprego Público de Galiza contempla como un dos principios xerais na selección do persoal ao servizo das administracións públicas a “Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións ou tarefas que se van desenvolver.

Desta volta, o nivel de coñecemento e manexo dos paquetes ofimáticos LibreOffice 5.4.4 (folla de cálculo, procesador de textos) esixido ás persoas aspirantes nas probas selectivas celebradas o pasado martes 28 de setembro destacou pola súa excesiva dificultade.

Das 40 preguntas a contestar nun espazo temporal de 60 minutos, 32 foron da parte de folla de cálculo e só 8 da parte de procesador de texto, cun excesivo abuso de fórmulas con funcións anidadas que precisaban dunha lectura e atención especial aos enunciados.

Descoñecemos os motivos desta disparidade no reparto das preguntas mais a lóxica lévanos a pensar que o obxecto dun proceso selectivo destas características debe ser que as persoas aspirantes amosen un coñecemento por igual de ambos paquetes adaptado ás funcións a desenvolver, polo que esta proporción semella totalmente esaxerada.

Haberá que agardar ás notas finais destes exames para facer un balance, mais o sentir maioritario entre as persoas aspirantes é que o nivel de dificultade das probas vai facer moi difícil a cobertura das prazas ofertadas. Sentir compartido tamén polo persoal que participou pola quenda de consolidación da categoría IV-001, que considera que as súas posibilidades neste proceso reducíronse enormemente.

Como manifestamos na nosa denuncia de hai uns días polo resultado da promoción interna do C2, non se trata de regalarlle o posto a ninguén, pero estas circunstancias fan máis que evidente a necesidade duns criterios homoxéneos e comúns nos procesos selectivos que eviten situacións como a acontecida con estes procesos selectivos.

A Dirección Xeral da Función Pública está a modificar contratos de forma unilateral, unha vez que concede un dereito a algún/ha traballador/a

Aproveitando a concesión de unha permuta, a Xunta de Galicia está a modificar o contrato de traballo no caso de persoal indefinido, engadíndolle a “coletilla” de máximo 3 anos de contrato.

Facendo unha utilización perversa do RD. 14/2021, e cunha interpretación do mesmo, poderíamos dicir que, particular, a DXFP considera que o citado decreto fala de “postos de traballo” e ao solicitar unha permuta o persoal indefinido non fixo gañado por sentenza xudicial, pasa a modificar o contrato de xeito unilateral engadindo a cláusula de máximo 3 anos.

Na práctica isto quere dicir que toda aquela persoa que sexa indefinida non fixa á que lle engadan esta cláusula ao cabo de 3 anos será despedida por “remate de contrato”.

Si ben, é certo que o RD dí taxativamente que os contratos de persoal funcionario interino terán unha duración máxima de 3 anos, nada fala da inclusión de novas cláusulas en contratos xa en vigor de persoal laboral e de xeito explícito, marca que dito límite será de aplicación unicamente ao persoal contratado a partir da data de entrada en vigor do dito RD, isto é, persoal contratado a partir do día 8 de xullo de 2021.

Dende a CIG ESIXIMOS que estas modificacións contractuais e a aplicación do RD 14/2021 e as súas consecuencias sexan negociadas cos/as representantes dos/as traballadores/as.

Entendemos que a inclusión deste tipo de cláusulas, a parte de ser abusivas, é unha modificación substancial das condicións de traballo que debe ser negociada.

A Consellería de Facenda publicou no DOG do 30/09/2021 a Resolución pola que fan públicas as listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas do Fondo de Acción Social do ano 2020.

Como ven sendo habitual dende que o Goberno do Presidente Feijoo metera a tesoira no ano 2012 a través da Lei de medidas no emprego público, o FAS do persoal da Administración da Xunta de Galiza quedou reducido exclusivamente á axuda para a atención de persoas con discapacidade. Pasaron os anos, presumiron de recuperación económica, pero algunhas das medidas de recortes continuaron, entre elas, o FAS. Así, dende o FAS-2011 levamos perdidos máis de 7 millóns de euros anuais (pasamos dun orzamento de 9.136.392 € no FAS-2010 a 2.000.000 € de orzamento no FAS-2020). Neste ano, o asto foi de 1.662.503,62 €.

As persoas interesadas poderan consultar a súa resolución dende o web de Función Pública. Contra a resolución cabe recurso de alzada no prazo dun mes.

No DOG do 29/09/2021 publican a RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <listas de contratacion>, no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012 e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galiza (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Turismo).

As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...