Novas por contido

Na modificación da súa RPT quere crear 27 postos, que financia mediante a destrución de 40, dos que 30 son grupos baixos e 26 en centros de atención ás persoas (ensino, museos .. e ata centros de educación especial)

A CIG asistiu á segunda xuntanza con responsábeis de persoal da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para tratar a súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da consellería.

A maiores dos cambios que propoñen para adaptarse ao Decreto da nova estrutura, destaca a destrución de emprego. Crean 27 postos, dos que 13 son xefaturas de sección. O diñeiro sae da destrución de 40 postos de traballo, basicamente cortando por abaixo (30 dos 40 son postos de auxiliar administrativo, subalterno e os grupos IV e V equivalentes de persoal laboral).

Os 40 postos que amortizan teñen valor, todos; pero para que se vexa o que describiremos no parágrafo seguinte, vamos a relacionar os 26 que están en centros da consellería:

  • 6 Auxiliares administrativos en IES
  • 7 subalternos en IES ou CEIP
  • 1 subalterno nun arquivo histórico
  • 1 condutor no CGAC
  • 1 oficial de 1ª xardineiro/a e 1 oficial 2º de mantemento en CIFP
  • 2 titulado/a superior psicólogo/a en IES
  • 1 asistente social, 1 profesor/a de educación física e 1 educador/a en CEE
  • 2 camareiro/a-limpador/a en IES
  • 1 telefonista en CRD
  • 1 vixiante en museo

A consellería xustifica a súa decisión en que xa non son necesarios pola tecnificación dos postos e dos procedementos. Pero traballos como os anteriores, uns predominantemente manuais como os de conserxería, ou de atención directa ás persoas como os dos Centros de Educación Especial, non son substituíbles por tecnoloxía. En realidade, o que están a forzar é: ben a sobrecargar ao resto do persoal, ben a externalizar os servizos, ou ben a que directamente non se preste o servizo.

Outra pata da xustificación da destrución de emprego é que os 40 postos estaban vacantes e sen persoa substituta. Pero esa circunstancia, por si soa, non é válida, xa que temos constancia de que a cobertura de moitos deses postos foi insistentemente demandada polas direccións dos centros e dos compañeiros sobrecargados e sobrecargadas.

SEPGA, o único sindicato ao que non lle preocupa esta destrución

O sindicato dos subdirectores foi o único que non fixo nin unha soa referencia á destrución de emprego por abaixo nas dúas xuntanzas que xa mantivemos coa consellería.

Non é algo novo, xa llo temos escoitado dicir ao representante de SEPGA nalgunha outra xuntanza: temos que ir cara a un modelo de Administración máis tecnificado, de alta cualificación, e procedería reducir a oferta de emprego de grupos inferiores.

Vale. E como realizamos os traballos manuais non tecnificados ou a atención directa ás persoas? Como non o van a asumir as persoas de certos niveis, pois a cousa quedará como xa dixemos: ou sobrecarga ao resto do persoal, ou privatizacións, ou non se fai.

Consecuencias de non incluír en RPT postos creados

A área de Educación acostuma a crear postos en centros de ensino, pero a esquecer que teñen que incorporalos á RPT. Con este actuar, a consellería cubre as necesidades (que considera) dos centros. Pero produce prexuízos ao persoal: os postos non poden ser ofertados nos concursos de traslados nin nas eleccións de destino, e cando se trata de persoal laboral non poden cobrar os pluses que lles corresponderían.

Non fai tanto, a consellería tivo a ben incorporar unha serie de postos de persoal funcionario baixo a ameza de accións xudiciais por parte da CIG. Nesa ocasión (setembro/2019) comprometéranse a facer o mesmo co persoal laboral. E non o fixeron.

Fai uns meses houbo elección de destino do persoal que superou o proceso selectivo de camareiro-limpador, e ese tipo de postos pantasma non puideron ser ofertados.

Promete agora a consellería o mesmo que prometeu no 2019: poñerse pronto con esa parte da RPT. NON NOS VALE. Ou o fan xa, agora, nesta modificación, ou veremos se temos opcións de levar esta neglixencia ao xulgado, mesmo polo penal.

O resto da proposta de modificación da RPT

A modificación proposta ten máis efectos. No que segue, tan só vamos a dar unhas ideas das liñas das alegacións presentadas pola CIG. Se son do teu interese contacta connosco:

  • Exceso de cobertura mediante libre designación e concurso específico.
  • Exceso de apertura de postos a outras administracións e/ou docentes, sen reciprocidade, e sempre en postos de libre designación.
  • Ampliar as xornadas parciais a xornada completa.
  • Nivel insuficiente de numerosos postos.
  • Infradotación de persoal nalgúns centros.
  • Conveniencia de abrir a duas escalas os postos de restauración.
  • Necesidade de adaptar algún posto ás sentenzas xudiciais.
  • Negociados de nóminas que deixan fora da homologación que anuncian.
  • Seccións “C”, que exercen de subdireccións en centros, que non queren homologar.
  • Manteñen a exclusión das áreas funcionais a postos base.
  • Néganse a dotar á area de educación co posto obrigatorio de arquiveiro/a.
  • Non se comprometen a cubrir todas as vacantes nos centros, o que está a producir sobrecargas e problemas cos permisos.

As alegacións completas están á túa disposición nos locais sindicais da CIG.

Aproveitamos para presentar a nova gama do persoal tecnificado que prestará servizos de conserxe, coidador, auxiliar administrativo e oficial de mantemento:

No DOG do 01/06/2021 publican as datas de de realización do segundo exercicio dos seguintes procesos selectivos:

- o 12 de xuño de 2021 ás 16:30 no recinto da Feira Internacional de Galiza en Silleda o relativo ao proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral, subgrupo A1, convocado mediante a Orde do 22 de novembro de 2019

- o 13 de xuño de 2021 ás 9:00 no recinto da Feira Internacional de Galiza en Silleda o relativo ao proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo de xestión da Administración xeral, subgrupo A2, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019

- o 12 de xuño de 2021 ás 16:30 no recinto da Feira Internacional de Galiza en Silleda o relativo ao proceso extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 004 do grupo I, titulado/a superior, de persoal laboral fixo da Xunta de Galiza, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019

- o 13 de xuño de 2021 ás 9:00 no recinto da Feira Internacional de Galiza en Silleda o relativo ao proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 007 do grupo II, titulada/o grao medio, de persoal laboral fixo da Xunta de Galiza, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019

Os delegados e delegadas da CIG imos ter unha asamblea en Compostela o xoves 3 de xuño. Posteriormente, ás 12:30, vamos a concentrarnos diante do complexo administrativo de San Caetano.

  • Polos efectos da funcionarización chapuza e sen garantías.

  • Polo grao 1º e 2º da Carreira Profesional.

  • Concurso de traslados XA.

Director Xeral da Función Pública: DIMISIÓN 

Ven de comunicarnos Función Pública o seguinte:

Previsión de convocatorias de exercicios a desenvolver en xullo de 2021

A Disposición Adicional Segunda da Lei 4/2021, de medidas fiscais e administrativas publicada no DOG núm. 19, do 29 de xaneiro, faculta ao titular da consellería competente en materia de Función Pública, para establecer medidas especiais en materia de procesos selectivos ou de provisión derivadas da situación de emerxencia sanitaria.

Froito de dita habilitación, publícase a previsión das datas e lugares nos que esta previsto que se realicen os procesos selectivos que non puideron desenvolverse regularmente como consecuencia da pandemia ocasionada polo covid-19.

Ditos procesos poderán celebrarse en distintas sedes e a súa distribución virá determinada polo número de aspirantes de cada proceso e polo enderezo reflectido na súa solicitude, así como a quenda ou a opción á que son convocadas. A sede na que se desenvolveran ditos procesos sera:

• SILLEDA: Feira Internacional de Silleda. Recinto Feiral, s/n - 36540 Silleda.

Unha semana antes da celebración de cada proceso selectivo, todas as persoas aspirantes poderán comprobar na páxina Web da Dirección Xeral da Función Pública, tanto o día de celebración do seu exercicio, a hora de chamada, a sede, o pavillón (1 ou 2) de cada sede e a porta pola que serán chamadas. Non se permitirá cambio ningún de sede.

A celebración de ditos procesos conta coa autorización provisional de Saúde Pública que deberá ser confirmada pola autoridade sanitaria, en función da evolución epidemiolóxica da pandemia.

 

Proceso selectivo Prazas convocadas Nº. aspirantes Data exercicio Nº exercicio Hora chamamento Lugar Pavillón
A1 PI 46 82 3.07.2021 9:00 h

 

Silleda

1
C1 PI 195 991 3.07.2021 9:00 h 2
A2 PI 127 465 3.07.2021 16:30 h 1
C2 PI 52 119 3.07.2021 16:30 h 2

 

Pasan as semanas e Función Pública segue sen anunciar as datas da promoción interna de corpos xerais.

Non se pode entender que autoricen procesos selectivos de libre onde o número de aspirantes chega a multiplicar por 50 aos de promoción interna e que destes nin sequera se saiban as datas aproximadas.

A última pista que deu o director xeral de Función Pública é que ían ser todos os procesos antes de agosto. Pero isto é insuficiente.

Dende a CIG esiximos que se fagan públicas as datas xa. Tanto para promoción interna como para os procesos de libre, como e o caso da Agrupación profesional de persoal subalterno. Por transparencia e por decencia deberían anuncialas XA e non esperar a que falte tan só un mes, como é costume desta tropa.

Este luns comezan a funcionar as novas paradas dos buses en SSCC co motivo do traslado da estación de autobuses ao novo enclave do Hórreo.

Este cambio creou certa preocupación entre o persoal pois vanse ter que crear novas paradas para dar acubillo aos cerca de 10 buses que saen todos os días dende Compostela cara ao resto de cidades galegas para dar traslado a todo o persoal que traballa en SSCC e ven de esas localidades.

A cousa queda así:

Paradas de San Lázaro: Seguen a ser as mesmas.

Paradas en San Caetano: Vanse centralizar nos carrís da Avenida Rodríguez de Viguri, parece ser que no de subida para recoller ao persoal e no de baixada para deixalo a primeira hora.

Acollemos o esforzo comunicativo da área de Mobilidade e mantemos a preocupación pola loxística de tanto bus nun espazo exterior; manifestando que se manteñan as medidas de seguridade viaria (pois recordemos que a rúa está en obras ao que se vai xuntar a reforma e derrubo da propia estación) e se habiliten totalmente as marquesiñas para a carga e descarga do persoal e permita acollerse nos días de chuvia.

Recibimos documentación para unha proposta de modificación da RPT da consellería de Cultura, Educación e Unviersidade. Estamos convocados para discutila o mércores 26. Se antes desa data queres aportar algo, contacta coa CIG.

Nunha primeira ollada xa observamos que a proposta implica a destrución de 40 postos de traballo, especialmente de grupos baixos (30 son de grupos C2, Subalterno, IV e V), para crear 27 postos, ningún deles de nivel inferior a C1, dos que 13 (a metade) son xefaturas de sección. 

E como non: aperturas de postos de libre designación á Administración do estado, outras comunidades autónomas, administración local e docentes. Vamos, que a consellería ten a idea de que o seu propio persoal non ten a capacidade ou méritos abondos para ocupar postos de responsabilidade, e hai que traelo de fora.

O mércores máis.

Na Comisión de Persoal do venres 21 de maio tratáronse os seguintes asuntos: indemnización por auxilio a tribunais de selección de educación, convocatoria de tres procesos selectivos das escalas de finanzas, e diversos asuntos no apartado de rogos e preguntas (procesos selectivos, concursos, funcionarización, listas de agarda e conciliación por fillos ata 18 anos).

Indemnizacións por auxilio a tribunais de educación

A proposta inicial limitábase a incrementar de 25 a 35 € brutos/día as indemnizacións ao persoal auxiliar dos tribunais de educación. 

A CIG solicitou unha negociación máis ampla, pero en todo caso que aparecese unha referencia expresa ao persoal subalterno e de limpeza, e deixar constancia que se trata dunha colaboración voluntaria.

Finalmente, o importe pasou a ser de 40 €, introduciron expresamente ao persoal subalterno e de limpeza, e queda constancia en Acta que sempre será voluntario. Ver documento final.

Con estes cambios, a CIG votou a favor da modificación. O mesmo fixeron CCOO e UGT. CSIF abstívose.

Convocatoria de procesos selectivos das escalas de finanzas

Foron aprobadas as seguintes tres convocatorias:

No caso da promoción a A1 (tanto a separada como a que vai con libre), restrinxen a participación exclusivamente á escala técnica de finanzas. A postura da CIG é permitir a participación dende calquer escala sempre que se teña a titulación, e sempre recíprocamente en todos os casos. Defendemos que dende as escalas/especial se poida ir a xeral, e ao revés. Os responsábeis políticos da Administración non o permiten.

Para a promoción á escala técnica de finanzas, A2, pode participar calquer C1, pero sempre que tivese 2 anos no corpo administrativo. Por tanto, non pode participar calquer C1.

En A1 manteñen o exame oral e non hai ningún de corrección obxectiva (test). En A2 si hai un test, pero é precisamente o que menos puntos vale. As distintas probas non eliminan partes do programa entre si. Non aparece a nota de corte nas bases. A antiguidade a valorar na fase de concurso da promoción interna quédase curta (12 anos de servizos). En A2 non hai diferenza algunha (en temario, probas ou corte) entre promoción interna e acceso libre.

E para rematar, hai unha incongruencia entre a fase de concurso de acceso libre de A1 e A2:

  • Na escala superior de finanzas-A1, a experiencia profesional en A2-finanzas puntua o dobre que en calquer outro corpo/escala (por exemplo, A1-finanzas). Priman o tempo traballado na escala técnica-A2 por riba do tempo traballado na propia escala superior-A1.
  • Na escala técnica de finanzas-A2, é xusto ao revés, pois a experiencia na propia escala técnica, puntua o dobre que en calquer outro corpo/escala. Priman o tempo traballado na propia escala técnica-A2.

As tres convocatorias foron aprobadas co voto en contra dos catro sindicatos con representación (CIG, CCOO, CSIF e UGT).
 

Rogos e preguntas

Convocatorias de oposicións de escalas santiarias: unha vez máis insistimos en coñecer as previsións da negociación e convocatoria das prazas de escalas sanitarias das ofertas de emprego dos anos 2018, 2019, 2020 e 2021, que están integramente sen convocar. Despois de repreguntar, por fin dígnanse a respostar algo: afirma o DXFP que en dúas semanas darán datas coas previsións, e que nas convocatorias acumularán as ofertas de todos os anos. Insistiremos.

Datas de exames de corpos xerais: preguntamos pola previsión do primeiro exercicio de subalterno e todo o de promoción interna, sen data anunciada. O DXFP deulle voltas ao asunto, pero nada novo.

Concursos: para variar, preguntamos polas previsións, tanto do xa convocado (corpos xerais), como os non convocados. E outra vez sen resposta.

Funcionarización do persoal laboral fixo: preguntamos pola previsión dos nomeamentos, das modificacións das RPTs, así como dos exames dos recén convocados. O DXFP limítase a informar de que nas bases xa consta que os exames serán aos dous meses da convocatoria, e de que a negociación das RPTs será primeiro de Admón. xeral (“no prazo máis breve posible”), e despois as escalas sociais. 

Metodo do cálculo dos 30km de distancia para concursos: informa o DXFP que nuns días publicarán no web un método de calculo dos 30 km de distancia que constan nos concursos de traslados para a obriga de solicitar postos do persoal en adscrición temporal ou a disposición. Di que está feito polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), e os cálculos son sobre as traxectorias das estradas. Non coñecemos o texto, pero en todo caso era necesario a concreción do método, pois en múltiples ocasións tivemos conflito co método de cálculo e era necesario regular o método.

Concellos limítrofes para os concursos de traslados: informa o DXFP que nos vindeiros días publicarán no web unha relación de concellos limítrofes para aplicar nos concursos de traslados no baremo de medidas de conciliación. Tamén está feito polo IET.

Conciliación por fillos ata os 18 anos: informa o DXFP que nuns días remitirán unha proposta de regulamento sobre as medidas de conciliación por fillos ata 18 anos prevista na Lei de impulso demográfico.

Unificación das listas de substitución persoal funcionario/persoal laboral: informa o DXFP que a semana que ven haberá xuntanza para falar do asunto.

No DOG número 24 do 21/05/2021 publícanse duas novas convocatorias de funcionarización do persoal laboral fixo de diversas categorías de persoal laboral, dos grupos IV e V, que irán aos grupos C2 e Agrupación Profesional. Outra vez a casa polo tellado. Estes procesos de funcionarización foron aprobados na Comisión de Persoal do 12 de maio co voto a favor de CCOO e UGT, e o voto en contra de CIG e CSIF.

  • Resolución do 12 de maio de 2021 pola que se convoca o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira do corpo auxiliar da Administración xeral e do corpo de auxiliares de carácter técnico da Administración especial, subgrupo C2, do persoal laboral fixo de diversas categorías e postos pertencentes aos grupos IV e V do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico.

  • Resolución do 12 de maio de 2021 pola que se convoca o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira da agrupación profesional de persoal funcionario, do persoal laboral fixo de varias categorías pertencentes ao grupo V, do V convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante o seu cambio de vínculo xurídico.

As categorías para as que sae esta convocatoria, son:

Categorías do grupo IV que pasan a C2 :

  • 001-Auxiliar de gravación. Oficial linitopista.
  • 017-Almaceneiro/a
  • 030-Auxiliar de formación ocupacional
  • 032-Operador/a codificador/a de datos do SDCIF
  • 003-Auxiliar sanitario. Aux. clínica.
  • 005-Oficial/a 2º cociña
  • 006-Axudante/a servizos técnicos
  • 018-Oficial/a de segunda
  • 009-Oficial/a 2ª agrario/a
  • 042-Oficial/a establecemento
  • 011-Auxiliar de laboratorio
  • 016-Condutor/a
  • 035-Auxiliar de arquivos e bibliotecas
  • 036-Auxiliar de museos

Categoría do grupo V que pasa a C2

  • 009-Celador/a de 2ª. Vixilante de recursos naturais

Categorías do grupo V que pasan a AP

  • 001-Camareiro/a-limpador/a
  • 011-Limpador/a
  • 002-Axudante/a traballos ou oficios
  • 012-Peón/oa. Laborante
  • 003-Ordenanza. Celador/a
  • 010E-Vixilante de arquivos, bibliotecas e museos
  • 008-Peón/oa agrario/a
  • 010F-Peón/oa forestal

Procedemento a seguir:

• O persoal laboral fixo que desexe participar neste proceso debe facelo constar cubrindo o modelo de solicitude.
• O modelo de solicitude estará a disposición dos/as interesados/as no portal corporativo funcionpublica.xunta.gal. Para cubrir o formulario deberá dispoñerse dun certificado dixital , DNI electrónico ou Chave 365.
• Solo poderán anotarse de xeito telemático.
• O prazo para anotarse é de 20 días hábiles (dende 22 maio ata o 18 de xuño inclusive).

A Dirección Xeral de Función Pública anunciou o mércores 19 de maio os lugares e as datas previstas para a realización dos exercicios dos procesos selectivos que se indican máis abaixo.

Despois de comprobar que o sistema multisede funciona pero a realización dos exercicios a distintas horas NON, e que supón unha vulneración do principio de igualdade como se comprobou en varios procesos selectivos realizados, Función Pública volve optar por facer os exames a distintas horas.

As sedes nas que se poderán realizar os exercicios son:

SILLEDA: Feira Internacional de Silleda, Recinto Feiral, s/n - 36540 Silleda
VIGO: IFEVI. Avda. do Aeroporto, 772. 36318 Vigo

Unha semana antes da data prevista, as persoas aspirantes poderán comprobar o día, a sede, o pavillón de cada sede e a hora de chamamento, dende o web de Función Pública.

Esta previsión conta con autorización provisional de Saúde Pública, que deberá ser confirmada en función da evolución epidemiolóxica da pandemia.

Esta é a relación de exercicios previstos:

 

Proceso selectivo Data exercicio Nº exercicio Hora chamamento Lugar
C2 Aux. Administrativo 20/06/2021 1º  8:50/9:15 Silleda
16:20/16:45 Vigo
G IV Cat 001 20/06/2021 8:50 Silleda
16:20 Silleda

 

Neste comunicado do mércores 19 non especifica se son de libre ou promoción interna, aínda que polo número de matriculados e de prazas entendemos que se trata do proceso de C2 libre.

Outras novas recentes

Venres, 03 Mai 2024

Listas de substitución de persoal funcionario e laboral: actualización provisional dos méritos

No DOG do 03/05/2024 publican a RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos, correspondente ao ano 2023, das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza. Publican a...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...