Novas por contido

Coa Resolución do 25 de agosto do 2021 encoméndase á empresa Tragsatec a execución dun servizo de apoio técnico á Consellería de Política Social na xestión de diversas axudas.

Esta nova encomenda que se encarga á empresa de participación pública Tragsatec consolida a dinámica de Cultura coas externalizacións do traballo de informes de patrimonio cultural e arqueolóxico que substituíron ao persoal funcionario e que provocaron mesmo despedimentos. Neste caso a encomenda é para a Consellería de Política Social e para máis coa xustificación de “medio propio” a pesar de ser unha empresa con fins fundacionais de traballos técnicos agrarios.

 

  • Preténdese consolidar unha administración paralela

Cunha encomenda “para todo” e sen orzamento deixa clara a intención da Xunta de consolidar unha administración paralela que supón a usurpación de funcións do persoal funcionario.

  • A privacidade e o servizo público en perigo

Persoal alleo á Xunta vai tratar ou manexar datos sensibles, algo especialmente grave se temos en conta que son persoas usuarias de recursos ou de axudas sociais.

  • Abrir a entrada pola porta de atrás

Encomendas como esta foron causa da entrada na administración de persoas que denunciaron e gañaron nos xulgados demandas por "cesión ilegal de traballadores/as". Situación promovida pola Xunta e e que provoca conflito e inxustizas ao acceder ao emprego público sen proceso selectivo.

  • As listas de contratación ignoradas

Se necesitamos persoal hai fórmulas de sobra para a súa provisión. E se é urxente temos listas de contratación e lexislación adecuada que o permite.  Ou mellor que creen as prazas estruturais na RPT xa que moito nos tememos que esta encomenda a Tragsatec, con vixencia ata o 31 de agosto de 2022, ao final encadee outras e sexa permanente como no caso de Patrimonio Cultural que tivemos que demandar no xulgado.

 

Atención ás persoas e familias en risco de desafiuzamento

No ano 2017 a Consellaría de Política Social coa axuda do Fondo Social Europeo iniciou o programa “Reconduce”, coa finalidade de coordinar os servizos destinados á atención das persoas e familias en risco ou situación de desafiuzamento da súa vivenda habitual, co obxectivo de reducir a súa vulnerabilidade económica e/ou social.

Baixo a modalidade contractual de obra ou servizo determinado incorporáronse 14 persoas para o desenvolvemento deste programa. Estes contratos de traballo tiveron unha duración inicial de 3 anos e unha prórroga dun ano que remata o vindeiro 9 de outubro.

A resposta ás necesidades de vivenda da poboación galega non é unha situación que se poida resolver cun programa puntual; unha mínima pincelada con fondos europeos non é a solución para un problema tan profundo e tan sensible como é o desafiuzamento da vivenda pola imposibilidade de facer fronte aos pagos das rendas de alugamento ou ás cargas hipotecarias.

A solución ten que partir dun servizo estruturado e permanente que execute as políticas de protección da sociedade galega diante da perda da súa vivenda.

Polo tanto, a CIG esixe que as accións desenvolvidas polo plan "Reconduce" sexan incorporadas de cheo ás competencias da Consellaría de Política Social e, para elo, urxe a modificación da súa RPT coa creación dos postos de traballo na súa estrutura e así ofrecer unha resposta a unha situación que, aínda que non queiramos, agrávase cada día máis.

No DOG do 19/08/2021 publican a Resolución do 12 de agosto de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se modifica a Resolución do 14 de xullo de 2021 pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala superior de finanzas, e do corpo de xestión de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala técnica de finanzas.

A modificación consiste nunha serie de correccións de erros sen que exista cambios substanciais nas bases. Tan só subliñamos o cambio que afecta a unha serie de postos ofertados, na columna "corpo/escala".

Consecuencia da modificación, e de que estamos en pleno agosto, amplían en 10 días hábiles o prazo disposto para a presentación de solicitudes de participación no concurso convocado pola Resolución do 14 de xullo de 2021. O devandito prazo rematará o 13 de setembro de 2021.

No DOG do 13 de agosto vén de ser publicado o nomeamento do tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo facultativo superior da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de veterinarios (subgrupo A1)

A modo de costume arraigada, Función Pública incumpre de novo as instruccións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección como xa fixera co tribunal do anterior proceso selectivo de 2018. Daquela o incumprimento viñera por estar composto o tribunal maioritariamente por funcionarios/as do corpo ou escala de veterinarios/as. Ilegalidade que tras o recurso interposto pola CIG se viron obrigados a corrixir.

Desta volta, o incumprimento vén dado pola composición manifestamente ilegal do tribunal ao ir en contra do apartado terceiro do artigo 4 das anteditas instruccións, que dispón que “Os órganos de selección serán colexiados e a súa composición deberá axustarse aos principios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros, e responderán ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, agás por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas.”

Este incumprimento amosa unha vez máis a necesidade imperiosa dun Plan de Igualdade, que catorce anos despois da aprobación da lei orgánica de Igualdade que estableceu a obrigatoriedade dos Plans de Igualdade no ámbito das Administracións Públicas, a Xunta de Galiza foi incapaz de negociar e aprobar.

Resulta inadmisible e vergoñento que en pleno século XXI na Xunta de Galiza non se teñan superado cuestións tan básicas e de sentido común como a presenza equilibrada de mulleres e homes en tódolos seus ámbitos.

Dende a CIG-Autonómica esixímoslle a Función Pública que tome cartas no asunto e proceda á modificación inmediata da composición do citado tribunal en aras da legalidade e da igualdade plena e efectiva de mulleres e homes.

As organizacións sindicais anuncian próximas moblizacións co obxecto de reclamar a apertura da negociación das condicións laborais e solucionar a precariedade deste persoal empregado público nas Illas

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT denuncian ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, as condicións de precariedade laboral, do persoal empregado público que presta servizo no Parque Natural das Illas Atlánticas. Reivindícase urxentemente a apertura dunha negociación.

As 25 persoas empregadas públicas, entre persoal funcionario e laboral, que prestan servizo os 365 días ao ano nas illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada están en loita pola regulación das súas condicións laborais xa que se atopan nun limbo dende a transferencia deste espazo natural protexido do estado español á Xunta de Galiza no 2008.

Axentes, vixilantes, guías e tripulación conforman un grupo de traballadores que en dúas quendas semanais manteñen o funcionamento deste espazo natural protexido e a atención aos usuarios, apoiándose e realizando tarefas máis alá de calquera convenio ou función. Mentres, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantén o servizo as 24 horas do día os 365 días do ano cun cadro de persoal raquítico e sen un Acordo de condicións de traballo que regule a súa situación singular. Para máis, as empresas e contratas das que tira a Xunta no verán para obras e actuacións, nas que os traballadores teñen condicións aínda peores, comparten co persoal empregado público espazos e penosidades tirando da solidaridade e da vontade do persoal propio e a espera dunha regulación de coordinación das actividades empresariais nas illas e da delimitación de espazos e responsabilidades que nunca chega.

A inexistencia dunha regulación específica das condicións laborais favorece o abuso laboral e afonda na precariedade do persoal. Todos os que prestan servizo nas illas do Parque Nacional están nunha situación laboral extremadamente penosa, que contrasta coa imaxe de “paraíso natural” do lugar onde traballan. Polo que, denunciamos que:

  • A xornada de traballo non está regulada, o tempo que permanecen dispoñibles na illas, 24h/día durante sete días consecutivos non computa a efectos de xornada. Así as xornadas de traballo nas illas son infinitas xa que a dispoñibilidade é total. En cómputo anual traballan máis do dobre das horas máximas anuais doutros compañeiros de terra, superándose en ocasións as 2.000 horas.
  • As responsabilidades inherentes á prestación de servizo nas illas non están recoñecidas, o traballo deste persoal fai posible solucionar as problemáticas de control e xestión inherentes á insularidade destes espazos (as especiais dificultades técnicas e loxísticas na subministración de auga, luz, xestión do lixo, emerxencias e outras situacións asimilables) facendo posible o día a día do Parque Nacional para as persoas habitantes e usuarias dos espazos..
  • As especiais penosidades vinculadas as tarefas destes traballadores non están recoñecidas, tampouco, as quendas e as noites nin os traballos que se realizan con risco tóxico ou biolóxico.
  • As condicións de seguridade son ínfimas e incúmprense as medidas básicas en prevención de riscos laborais. Tanto os plans de acción das avaliacións de riscos laborais, como os requirimentos da Inspección de Traballo simplemente ignóranse.
  • A conciliación da vida laboral, persoal e familiar é imposible, é necesario estudar outro sistema de rotacións que permitan conciliar.
  • A maioría do persoal é temporal de longa duración en prazas estruturais, cun claro abuso por parte da Xunta, que nin completa a RPT, nin ten previsto ningún proceso de consolidación de emprego. Recordamos, a antigüidade deste persoal remóntase aos anos 2003-2004. É inadmisible que despois de 18 anos de servizo continuado non se negociara unha solución nin existise ningún tipo de interlocución.
  • O ámbito mariño e a insularidade do traballo non se teñen en conta, os embarques periódicos durante todo o ano, o manexo de embarcacións, os traballos con maquinaria en zonas portuarias, etc., son necesidades reais, inherentes a estes postos de traballo e é obrigado o seu recoñecemento.
  • As vivendas son compartidas, con enormes carencias e algunhas practicamente inhabitables. O persoal só quere condicións dignas, sen humidades nin riscos eléctricos ou por inhalación de gases, auga quente e calefaccións, pero sobre todo un cuarto de seu.

Pese a esta especial situación laboral, motivada pola insularidade propia do único Parque Nacional galego, a Consellaría de Medio Ambiente Territorio e Vivenda xunto coa Dirección Xeral de Función Pública NÉGANSE A REGULAR A SITUACIÓN LABORAL DO SEU PERSOAL dende a transferencia á Xunta do Parque Nacional no ano 2008.

Parece que as boas palabras e o bo facer demostrado polos feitos e refrendado polas recentes declaracións aos medios do propio Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Nuñez Feijoo, gravando o traballo dos empregados públicos do Parque Nacional non son avais suficientes para sentar a Xunta nunha mesa negociadora.

Anuncia unha nova diagnose unilateral sen tratalo na Comisión Negociadora como indica a norma

A última reunión foi para constituír a Comisión Negociadora o 23 de decembro de 2020, pero a estas alturas non sabemos se a Comisión está realmente constituída (pois non existe acta da súa creación), nin se contamos con regulamento de funcionamento, nin que datos, método ou prazo entrarán para a diagnose. Non houbo máis reunións nin nos enviaron propostas de ningún tipo.

A finais de xullo, dende Función Pública se nos indicou que estaban a realizar unha diagnose de forma unilateral que se nos presentaría en setembro. Dende a CIG enviamos escrito (09.08.2021) solicitando que se retomara a negociación dos documentos pendentes e se convocara a Comisión negociadora avisando que esa  forma de proceder era contraria a negociación colectiva e a normativa que regula os Plans de Igualdade. Na contestación que nos deu Función Pública, insisten na súa errada idea do que é a negociación e no pouco que lles importa cumprir ca legalidade da Lei Orgánica de Igualdade do ano 2007, e contar cun “conxunto ordenado de medidas adoptadas despois de realizar un diagnóstico de situación, tendente a alcanzar na empresa a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes e a eliminar a discriminación por razón de sexo”. 

Pois ben sr. Director Xeral da Función Pública, a recollida de datos é a chave que permitirá facer unha boa diagnose para facer visíbeis os atrancos e detectar os impedimentos a igualdade  de oportunidades real e efectiva entre o persoal empregado público da Xunta de Galiza. Esta recollida de datos ten que ser sistemática e precisa, recollendo os datos necesarios e obviando os superfluos. E, por suposto, non pode ser decidida de forma unilateral pola empresa (lembramos que na última reunión da comisión só presentaron un borrador que non foi aprobado en ningún momento).

Como é posíbel que 14 anos despois da obrigatoriedade dos Plans de Igualdade para as Administracións Públicas, a Xunta de Galiza non conte con esta ferramenta que analiza a situación nas empresas, detecta posíbeis discriminacións e establece medidas de corrección para avanzar no camiño da igualdade de oportunidades para todos/as? A Administración demostra que sabe negociar en períodos extraordinariamente curtos dependendo da materia de que se trata, pode ser que a igualdade do persoal empregado público non está entre elas.

Pero é que tamén está obrigada pola Disposición Adicional sétima do TREBEP (RDLX 5/2015 do 30 de outubro), e, o que aínda é un maior incumprimento, pola propia lexislación aprobada por vostedes  en Galiza: Art. 72.2 da Lei 2/2015 de emprego público de Galiza e artigos 66 e 67 do Decreto Lexislativo 2/2015, polo que se aproba o Texto Refundido das disposición legais da Comunidade Autónoma de Galiza en materia de Igualdade.
Que é o que pasa na Xunta de Galiza para que se incumpran normas obrigatorias para o común das mortais, e que son esixidas para as empresas privadas baixo ameaza de sanción económica se non contan cun plan de igualdade e un rexistro retributivo a partir de 50 empregados/as? Por que en todos estes anos só estiveron a facer que facían? Xa no ano 2019 presentaron unha diagnose chea de erros cualitativos e cuantitativos,  sen cumprir os requisitos de negociación ca representación do persoal tal e como obriga a lei. Nesta nova oportunidade pretenden facer o mesmo, marearnos outros cantos anos máis.

Dende a CIG solicitamos unha vez máis que se cumpra a legalidade e se elabore o I Plan de igualdade, que afectará arredor de 23.000 empregadas e empregados públicos/as, e que é unha ferramenta indispensábel para garantir a igualdade efectiva de mulleres e homes no traballo, nos salarios, na conciliación familiar-laboral, na promoción laboral, na formación ou na carreira profesional, no teletraballo, etc, eliminando as desvantaxes, dificultades e atrancos que sofren as mulleres traballadoras no seu día a día laboral. 

Como primeira medida positiva e activa para rematar con todos estes anos de pasividade solicitámoslle a Administración Galega que asuma e cumpra ca primeira parte de todo Plan de Igualdade, que é o compromiso do recoñecemento da eficacia e eficiencia das políticas de igualdade de oportunidades na empresa e da implantación do plan do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza dunha forma  pública diante do seu persoal empregado público a través dos medios de comunicación masivos para darlle a mesma importancia que a outros anuncios da Administración noutras materias.

A Xunta de Galiza debe ser parte activa e dinámica na implementación de políticas de igualdade, comezando polo seu propio persoal coa negociación do Plan de Igualdade. Seguir nesta postura negativa e de pasividade só indica a falta de compromiso nas políticas prácticas de Igualdade e que só se fan declaracións institucionais en días sinalados e se aproban Leis que despois non se cumpren. De non modificar esta actitude de machismo institucional, tomaremos as medidas oportunas para que se posibilite a igualdade de oportunidades e rematen moitos dos atrancos existentes que imposibilitan a plena integración da muller na vida laboral.

 

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.
Podes consultar a publicación no DOG 12.08.2021

Fanse públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos e escalas que se relacionan co anexo I desta resolución, así como para o desempeño de postos reservados a persoal laboral dos grupos e categorías que figuran no anexo II da mesma.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo).

Nestas listas saen as persoas solicitantes que están admitidas nelas, con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006; tamén saen as persoas solicitantes que non foron admitidas constando a causa de exclusión.

O prazo para presentar reclamacións será de 10 días hábiles, a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no DOG.

Xunto ás reclamacións achegarase, de ser o caso:

- Documentación precisa para emendar a causa de exclusión
- Certificado de servizos prestados na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, no mesmo grupo, categoría, corpo ou escala, nos termos previstos nos artigos 9.b) e 9.bis.a.1 do Decreto 37/2006, segundo o modelo que figura como anexo III desta resolución.
A certificación se servizos prestados será expedida polas unidades seguintes:
- Servizos centrais: Secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva ou do ente público instrumental onde estea a prestar servizos ou onde os prestou por última vez.
- Servizos periféricos: Xefes/as territoriais ou funcionario/a responsable da área de persoal dos departamentos territoriais, directores/as provinciais ou delegados/as comarcais da consellería ou do ente público instrumental onde preste servizos ou onde os prestou por última vez.
- Servizos en concellos ou en mancomunidadesde municipios da Comunidade Autónoma de Galicia a mesma categoría, categorías análogas ou asimilables ás categorías adscritas aos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: a certificación axustarase ao modelo que figura como anexo IV da presente resolución e deberá ser asinada polo/a secretario/a do concello.
- Servizos prestados nas demais entidades públicas instrumentais do sector público autonómico na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables ás categorías adscritas aos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: a certificación axustarase ao modelo que figura como anexo V da presente resolución e deberá ser asinada polo/a órgano da entidade equivalente ao/á secretario/a xeral técnico/a con competencia en materia de persoal.

A partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, tanto as persoas solicitantes provisionalmente admitidas como as provisionalmente excluídas poderán presentar solicitude de suspensión de chamamentos de conformidade co establecido no artigo 15.2 do Decreto 37/2006, utilizando o modelo que está disponible no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, punto de <Listas de contratación>.

Nestas listas NON SE INCLÚEN , porque xa foron obxecto de publicación as listas definitivas, as listas para contratación temporal de persoal laboral dos grupos:

Grupo I, categorías 2 (médico/a e outras), 6 (titulado superior psicólogo/a) e 11(titulado/a superior pedagogo/a).
Grupo II, categorías 2(ATS e outras), 6 (educador/a e outras), 11 (fisioterapeuta), 17 (asistente social) e20 (terapeuta ocupacional).
Grupo III, categoría 50 (técnico especialista en xardín de infancia)
Grupo IV, categoría (auxiliar de clínica e outras)

Modificación da RPT da Consellería do Medio Rural co obxecto de crear as Unidades de Investigación de Incendios Forestais (UIFO)

Na reunión celebrada o día 23 de xullo de 2021 a administración expuxo a creación das 3 prazas que terán dependencia da DX de Defensa do Monte. O resto das 12 prazas terán unha dependencia funcional desta dirección xeral e localización física nos distritos e preténdese adxudícalas “a dedo”. Desta maneira queren eliminar mandos intermedios e din que será máis doado realizar os protocolos e accións conxuntas en toda Galiza. A CIG oponse rotundamente a este procedemento de provisión aínda que apoiamos as brigadas investigación.

Así na CIG denunciamos que estas prazas son insuficientes, e incumpren o que prometera o presidente Feijoo na medida 26 presentada ao Parlamento de Galiza logo da vaga lumes do ano 2017, onde falaba da creación destes equipos formados por un mínimo de 57 axentes.

O PLADIGA 2019 tamén indicaba a creación destas unidades cun mínimo de 23+8 axentes en todo Galiza e como a medida de Feijoo, non se cumpriu.

Entendemos que se deben crear prazas novas como se comprometeran e mostramos o noso total rexeitamento a amortización de 5 prazas (curiosamente todos elas con incidencia directa na prevención e extinción de incendios) e a modificación de 12 prazas ocupadas de axentes adicados á extinción.

Sobre os criterios de selección de axentes

Pedimos que se eliminen todos aqueles criterios de adxudicación que non se poida demostrar que todos/as os/as axentes forestais tiveron opcións para conseguilos.

Insistimos da necesidade de negociar ditos criterios e incluílos no regulamento de funcións, tal como o plasmou a consellería nos acordos asinados o 15 de setembro de 2016 e o 11 de outubro de 2018.
 

A provisión das prazas

Propoñen como forma de provisión das prazas o concurso específico para os coordinadores 1 e 2, e de libre designación para o posto de coordinador autonómico, polo que mostramos o noso rexeitamento. Deben ser por concurso ordinario (con mérito esixible).

Para o resto dos axentes que vaian formar parte das UIFO din que enviarán unha circular aos distritos para que se poidan apuntar todos os funcionarios e funcionarias de carreira que estean interesados. E tamén que van modificar 12 prazas para consignalas como UIFO e que dita modificación da RPT non se vai poder realizar ata setembro-outubro (aínda non se negociou).

Anuncio de creación das UIFO

Tras o anuncio da creación as UIFO o luns día 9 de agosto por parte do conselleiro do Medio Rural, dende CIG recordamos que non estamos en contra da creación destas unidades, pero esiximos explicacións de como se realizou a selección do persoal para as UIFO e a revisión do expediente.

Sorprende que sen modificar a RPT, sen prazas ás que adscribir ao persoal, sen garantir os principios de publicidade, mérito e capacidade para a provisión destes postos e se atrevan a escoller a compañeiros e compañeiras en apenas uns días e en pleno agosto.

Cheira a emprego de medios públicos con interese partidista e esperemos que non usen aos axentes e logo deixen esmorecer as UIFO como fixeron coas brigadas de investigación de incendios forestais pola falta de medios persoais e materiais e pola deriva dos expedientes aos corpos e forzas de seguridade do estado.

Dende a CIG defenderemos que se garanta a legalidade na modificación da RPT e na provisión dos postos na que todo o mundo se poda presentar as prazas, con criterios de selección obxectivos. E seguiremos vixiantes para que o proceso sexa público e transparente.

A Xunta anuncia nos medios de comunicación a modificación do protocolo COVID das escolas infantís sen incluír o uso de máscaras FFP2 para as traballadoras/es e sen consultalo no Comité de Seguridade e Saúde Laboral

A Xunta de Galiza vén de actualizar o protocolo fronte á COVID-19 das escolas infantís de 0 - 3 anos e as delegadas de prevención do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría de Política Social non recibiron a máis mínima comunicación para poder facer achegas ao texto.

Este malfacer da Administración xa foi abroncado en varias ocasións e o pasado ano tivo que rectificar este protocolo e incluír o procedemento de achegas da representación do persoal.

A maiores diso, en datas recentes, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e o servizo de prevención alleo, MUGATRA CUALTIS, foron condenados a facilitar ás máscaras FFP2 e a modificar a avaliación de riscos, tanto en centros de maiores como de escolas infantís.

Se como di a Xunta o curso pasado foi seguro na COVID, foi pola forte responsabilidade do persoal e recordamos que están a mercar as máscaras FFP2 do seu peto sen que se lle reintegre o gasto e incluso con advertencias de que non debían portalas.
Temos coñecemento por parte do persoal que para este curso 2021-2022 repiten que as máscaras FFP2 soamente se poderán usar en caso de sospeita por COVID. Un copia e pega sen sentido logo da sentenza gañada pola CIG que obriga a proporcionalas con carácter xeral porque os cativos/as de 0 a 3 non as portan.

Por outro lado, a Xunta di que o Comité Clínico avala este protocolo que lles fan, pero recordamos que a avaliación de riscos dos centros non está modificada ao risco III que é o actual do virus, como dispón a normativa europea, trasposta á do Estado español.
Ademais, deben manterse os convenios de reforzos de persoal de limpeza con que se contaba neste curso para todas as escolas infantís da Consellaría de Política Social (Axencia e Consorcio), cuestión que aínda está sen aclarar.

Xunta, Consorcio: non lle deades máis voltas, díxoo a Inspección de Traballo, díxoo o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, dixémolo as traballadoras, que pretendedes?

En rogos e preguntas: carreira profesional, procesos selectivos, concursos, adscricións do persoal temporal, plan de igualdade, oficinas agrarias. Na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal, dos días 5 e 6 de agosto.

RPT DE AMTEGA

O asunto foi tratado na Mesa Xeral, e retirado da orde do día da Comisión de Persoal.

  • Non se nos entregou a documentación solicitada para dar cumprimento a sentenza 1338/2020 do Tribunal Supremo.
  • Incumpriron o compromiso de enviarnos a nova documentación con tempo para presentar alegacións.
  • Solicitamos que o director da Función Pública (DXFP) poña fin a actitude da xerencia de Amtega de non crear unha mesa de negociación para tratar varios puntos que as distintas centrais sindicais levamos reclamando.
  • Segundo as nosas contas amortizan 107 prazas do CIXTEC e crearían 101.
  • No documento co cadro de equivalencias que relaciona as novas prazas a crear na Amtega cos códigos das prazas en CIXTEC advertimos de numerosos erros que trasladaremos por escrito.
  • Modifican a proposta inicial de reclasificación dos postos das persoas de promoción interna de escalas de informática, que pasa a creación+amortización (con observación de amortizar cando vacante). Vai ser destino provisional. Nalgunha localidade van a suprimir postos de C1-Operador, e o futuro A2 non se vai adicar a resolver as incidencias dos usuarios, co que van a sobrecargar ao resto. É convinte facer un estudo serio das necesidades de persoal, dende unha óptica de descentralizar (o que permitiría unha mellor promoción interna) e redimensionar ás necesidades reais.

A tramitación continuará nunha Comisión de Persoal non antes do 8 de setembro.

ORDE DE INTEGRACIÓN DO PERSOAL DA EPOSH

Como aconteceu coa RPT de AMTEGA, este asunto foi tratado na Mesa xeral e retirado da orde do día da Comisión de Persoal.

  • Despois de seis anos de parálise do proceso de integración do persoal laboral fixo da extinta EPOSH (Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos) como persoal laboral fixo da Xunta, Función Pública plantexa agora unha modificación da orde de integración de 2015 coa xustificación de que “Durante este período de tempo producíronse, ademais, importantes acordos e modificacións normativas que modifican sustancialmente as expectativas do persoal que presentou solicitudes ao abeiro da mencionada orde.”
  • Eses acordos e modificacións normativas son o decreto 165/2019, de funcionarización, e a Lei 4/2021, de medidas fiscais e admvas, concretamente a súa disposición adicional primeira, que establece un complemento persoal de mantemento das retribucións en concepto de antigüidade e que na CIG no seu día denominamos como o complemento da vergoña, cando unha vez aprobada a lei se materializou por primeira vez na orde de integración do CIXTEC.
  • Non entendemos a xustificación desa suposta afectación normativa porque tanto o decreto de funcionarización como a disposición adicional primeira da Lei 4/2021 limitan os seus efectos unicamente ao persoal laboral fixo da Xunta de Galiza, condición esta que non acadou o persoal afectado porque precisamente o proceso de integración leva paralizado dende 2015.
  • Cumpre lembrar que entre o persoal afectado por esta modificación atópase nin máis nin menos que unha conselleira do actual goberno, Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, así como parte do seu equipo directivo, todos eles persoal laboral fixo da extinta EPOSH.
  • Ao abeiro desa xustificación, Función Pública pretende modificar a Orde de 2015 para que as persoas que solicitaron participar do proceso de integración poidan agora desistir de tal solicitude.

Na CIG preguntámonos que se agocha realmente detrás desta modificación e manexamos dúas hipóteses:

  • Todo forma parte dun proceso de lavado de cara da conselleira e do resto de persoal afectado diante do resto de empregados públicos para que desistan agora da integración como persoal laboral fixo da Xunta, e por tanto, do complemento da vergoña, mais cumpre lembrar que desistir non é o mesmo que renunciar.
  • A pretensión de Función Pública é facer o mesmo que no IET (Instituto de Estudos do Territorio), onde tres persoas que non se integraron como persoal laboral fixo da Xunta están a manter, pola porta de atrás, unhas retribucións moi superiores ás do resto do persoal que si se integrou.

A modificación non se aprobou porque Función Pública retirouna a última hora da orde do día da Comisión de Persoal. Á volta das vacacións veremos realmente en que acaba todo isto.

 CONVOCATORIA DE FUNCIONARIZACIÓN DO PERSOAL LABORAL DO SPIF (grupos C1 e C2)

O punto xa fora á MX anteriormente, así que tan só foi votado na Comisión de Persoal.

na CIG sempre defendimos que a funcionarización tiña que ser o último (tras un concurso de traslados, procesos selectivos, promoción interna..). Neste colectivo destaca a necesidade de pactar condicións de traballo, quendas, horarios.. antes de optar a funcionarización. Esto son motivos de continuas demandas xudiciais. Nestas condicións non podemos apoiar. A maiores, manteñen desaparecido o grupo B.

Para a convocatoria de C2: CIG vota en contra, CCOO e UGT a favor, e CSIF en contra.

Para a convocatoria de C1/B: todos votamos en contra.

ROGOS E PREGUNTAS 

Carreira profesional: A CIG presentou un “incidente de esclarecemento e rectificación” á sentenza do TSXG. Ao DXFP non lle gustou así que non quere sentarse por agora. A Xunta téñeno doado: sentarse, estender a carreira, e punto final.

Procesos selectivos:

  • Exames pendentes para algunha escala pequena (podería haber algún segundo exame), sería os días 20 e 21 de setembro nalgunha facultade de Compostela pola tarde.
  • Segundo exame de C1, C2 e funcionarización convocados e que xa saíron listas provisionais e definitivas (irán saindo listas, pero non pode dar datas), será a partir do 25/26 de setembro, ou semana seguinte. Publicarán datas no web.
  • Funcionarización SPIF: publicarán a convocatoria no DOG a principios de setembro.
  • Notas pendentes de publicación: irán publicando segundo se vaian corrixindo, tendo en conta as datas. Esperan antes do 15 setembro estean todas publicadas. En agosto haberá algunha corrección. En agosto non se vai publicar nada no DOG de puntuacións. Si poderían publicar algo no web de FP.

Niveis do persoal subalterno: co gallo do persoal subalterno do CIXTEC, que ten nivel 12, informan que foi un erro, que pasan con nivel 10, aínda que específico superior. Di estar aberto a trasladar a niveis superiores os específicos superiores que existan (ollo, non se refire a incrementos retributivos)

Concursos.

  • Cando van negociar as convocatorias de especiais e escalas? Unha vez máis, o DXFP non resposta. Insistiremos.
  • Sobre o de informática, lembramos que se cargaron os centros de destino en servizos centrais, e queremos recuperalos.
  • Corpos xerais. A semana pasada dixo que ía a estudar o asunto da xente que está con mérito “0”. Non di nada máis que estudarán as alegacións e as consecuencias xurídicas.

Adscricións de persoal temporal. Están a preparar instrucións sobre ese tema. Hai un cambio importante na normativa, polo dos tres anos máximo de interinidade.

Plan de Igualdade. Enviamos un correo a FP fai uns días preguntando pola diagnose do plan. Queremos resposta e reunión urxente da comisión negociadora. Se repiten o malfacer de hai dous anos nunca imos ter PI. O DXFP comprométese a unha xuntanza en setembro.

Falta de persoal en Oficinas Agrarias: Problemas nas OA pola falta de cobertura de vacantes do persoal que se arrastra dende hai anos e que agora complicase máis por mor da non cobertura en vacacións. Dixéronnos que o problema era de función pública, e isto así? Ou e un desmantelamento efectivo. O DXFP di que non sabe do caso.

Outras novas recentes

Venres, 26 Abril 2024

Informa da comisión de seguimento do SPIF

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF. Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación. E a todo isto, por se fora pouco,...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...