Novas por contido

Informan dunha vindeira lei de medidas a nivel estatal para abril ou maio que podería chegar a agravar as xa aprobadas nas diferentes comunidades autónomas.

O Ministerio de Facenda confirmou, na xuntanza da mesa xeral da Función Pública convocada na tarde deste mércores, o mantemento de todas as medidas adoptadas polo PP para os empregados públicos, á súa chegada ao goberno, que inclúen a conxelación salarial e unha taxa de reposición do 0%. Xunto a isto, informou da modificación, a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos, do Estatuto Básico do Empregado Público, impoñendo unha xornada xeneralizada de 37,5 horas.

A CIG considera que a chamada ‘conxelación salarial’ é, en realidade un recorte e unha perda de capacidade adquisitiva. “Non se aplicará ningún incremento aos salarios, malia a suba do IPC. A isto hai que engadir que xa se nos rebaixaron os salarios nun 5%, e que tamén foron conxelados nos anos 2010 e 2011.

Respecto da taxa de reposición, se mantén nun 0% para todo o sector público, agás para o que denominan sectores básicos, Educación e Sanidade, en concreto Hospitais e Centros de Saúde, onde será dun 10%, ao igual que para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Forzas Armadas e corpos de loita contra a fraude fiscal.

Neste sentido, a CIG xa denunciou, no seu momento, as graves consecuencias que isto tería e xa está tendo para os servizos públicos e para o seu mantemento. Advertimos daquela, e mantemos, que así o que se provocará será un colapso da administración e dos servizos públicos, que serán incapaces de atender ás demandas dos usuarios por falta de persoal.

Para a CIG, tras desta medida agóchase a decisión do PP de ir adelgazando a administración, que non é outra cousa que abocar ao peche a certos servizos públicos porque non será posíbel atendelos e favorecer a privatizacións dos que sexan máis rendíbeis.

Xornada de 37,5 horas

A novidade incluída na batería de propostas explicadas na Mesa, foi o anuncio de modificar, a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos, o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), para impor unha xornada de 37,5 horas a todo o persoal de todas as administracións públicas.

En Galiza, a maioría das administracións xa teñen esa xornada. Porén, si terá impacto no persoal de algúns grandes concellos ou das Deputacións, que tiñan recoñecida, en convenio propio, outra xornada.

Para a CIG esta decisión é unha gravísima intromisión nas competencias das comunidades autónomas e vulnera o artigo 37 do EBEP, que determina que cada administración terá potestade para fixar as condicións laborais dos seus empregados/as públicos.

Sobre a Mesa tamén se puxo a cuestión dos fondos de acción social, para saber se confirmaba ou non a achega aos plans de pensións. A resposta foi que se consideraba que ese tema non correspondía ao ámbito do capítulo I, polo que non houbo resposta algunha.

Na xuntanza a CIG manifestou a súa disconformidade con esta convocatoria polo día, a hora, e a carencia de información previa por escrito, para poder valorar as propostas concretas. A resposta foi que non se puido proporcionar esa información por escrito, porque aínda se están pechando diferentes aspectos.

A CIG subliña que, ao final as medidas impostas en Galiza polo goberno do PP de Núñez Feijoo, foron moito máis alá que as adoptadas polo Goberno do Estado. Padecemos un recorte de dereitos e de servizos públicos, aínda máis profundo coa aprobación da  Lei de Medidas Temporais en determinadas materias do emprego público en Galiza; a reforma laboral, en trámite parlamentar, modifica o marco de relacións laborais, privatizando o servizo de emprego e abrindo a  posibilidade de efectuar despedimentos nas administracións públicas, a través de ERES por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción.

Outras novas recentes

Mércores, 01 Outubro 2025

RPT de Medio Rural e RPT da administración especial para poder finalizar o concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias

O venres 26/09/2025 celebrouse a Comisión de Persoal onde se levaban dous asuntos,   RPT de Medio Rural Estamos en contra dunha modificación de RPT na que se amortizan 14 postos de traballo para crear 7. Sen os postos derivados do decreto de estrutura temos que se destrúen 7 postos para crear 2 e para financiar a inmoral e insolidaria suba do complemento específico dos...
Luns, 06 Outubro 2025

A Xunta, cómplice de maltrato nas residencias

Dende a CIG apoiamos a loita do Comité de Empresa de Política Social fronte á posición de desleixo e inacción da Cosellaría, incapaz de aportar solución algunha ante o maltrato e as agresións que están a sufrir o persoal das residencias e as usuarias e usuarios.   Dende o Comité de Empresa de Política Social de Pontevedra convocouse o pasado venres 3 de outubro unha...
Venres, 26 Setembro 2025

Avaliacións de saúde do persoal do Consorcio. Xa non era sen tempo!

Xa non era sen tempo! Por fin van comezar a citar ás persoas traballadoras para as revisións de saúde de 2025!Despois de poñernos en contacto co Servizo de Prevención propio da Xunta e con Vitaly, esta última comunícanos que van comezar a citar ao persoal para as revisións médicas ordinarias. Unicamente as avaliacións que se fixeron este ano foran petición propia dun centro...