Novas por contido

As preferentes estanse a converter nun chollo para privilexiados da Xunta. Até o de agora, o chollo era para NovaGaliciaBanco, tamén foi un chollo para familiares de Feijóo, pero a Xunta está a destinar gran cantidade de recursos humanos, pagando produtividades a persoal posto a dedo, paralizando o resto de reclamacións que o Instituto Galego de Consumo ten que resolver e tramitando non entanto as reclamacións das preferentes en conivencia coa entidade bancaria.

 

No mes de agosto a CIG xa denunciou publicamente que o custo do procedemento das arbitraxes das preferentes o pagaría toda a cidadanía con cartos públicos, estes días estase a falar de que xa se presentaron 16.000 reclamacións. Pero hai un colectivo que ten claramente a consideración de beneficiarios con estas reclamacións, os árbitros das preferentes. Cada árbitro cobra 20 € por laudo emitido en concepto de produtividade, ou sexa, que a Xunta vai pagar centos de miles de euros por este asunto. Este colectivo está formado por 23 persoas (inicialmente eran 10), e entre eles hai altos cargos da Xunta e amigos e afíns a, até hai ben pouco directora xeral de Comercio, Nava Castro.

Pois ben, novamente volvemos a denunciar que, mentres os afectados seguen vendo como se multiplican os seus prexuízos, a desfeita das preferentes segue traendo beneficios para Caixanova, Caixa Galicia, Bankia... e tamén para os familiares de Feijóo, xa que o noso presidente da Xunta de Galiza decidiu recorrer a unha solución moi beneficiosa: contratar nun primeiro momento á empresa privada Eulen (da que a súa irmá, Micaela Núñez Feijóo, é apoderada) para desenvolver funcións de información ao cidadán, e despois, vista a publicidade negativa que se lle estaba dando a esta adxudicación, pasarlle a pelota do contrato á empresa Aider-Serviguide. E quen traballa nesta empresa? Pois, como non, familiares de algún conselleiro e de persoal de “confianza” da Xunta.

Agora ben, a pesar de que o goberno do Partido Popular di que sobran empregados públicos, ao final son os funcionarios/as de consumo quen teñen que asumir esta nova e voluminosa carga de traballo xunto coa incorporación dun novo cadro de persoal: os bolseiros e bolseiras, que aínda que teñen que recibir a formación nas dependencias da Dirección Xeral de Comercio ou das xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria, cun programa formativo relacionado coa actividade comercial, coa pequena e mediana empresa ou artesanía, resulta que teñen a orde de traballar para Consumo, facendo fotocopias dos expedientes das preferentes. Nin estes bolseiros nin o resto de funcionarios que están traballando nisto cobran plus de produtividade, só o cobran os árbitros.

E a desfeita non remata aquí. Para xestionar os expedientes das preferentes a Xunta utiliza unha aplicación facilitada polo propio banco, onde figuran todos os datos así como o seu estado actual, e aínda hai máis, o banco é quen cita aos reclamados (chámanlle “precita”), indícalles o día e, posteriormente, Consumo é quen concreta a hora. A conivencia é total entre NovaGalicia e a Xunta, até se reparten tarefas.

Por último, dende as altas instancias da Xunta, hai unha orde clara con respecto ás reclamacións que calquera cidadán pode presentar en Consumo: toda outra cousa que non sexa relacionada coas preferentes ficará no caixón. Se un cidadán ten un problema coa factura telefónica, coa empresa eléctrica, ou con calquera outra cuestión, que agarde sentado, porque non se lle vai dar saída en moito tempo, polo menos mentres esteamos en período electoral.

Dende a CIG manifestamos o noso desacordo con esta solución e denunciamos publicamente todas estas chanchulladas, non é admisible que o pagamento dos custos relacionados coa arbitraxe das preferentes recaia na cidadanía cando se debería imputar ás entidades que estafaron aos particulares e tampouco é admisible que os Servizos Públicos estean ao servizo da banca.

Outras novas recentes

Martes, 22 Setembro 2026

A CIG denuncia o absoluto abandono do persoal técnico de enxeñaría forestal pola Consellaría do Medio Rural

Esiximos a convocatoria urxente da Mesa de seguimento do Acordo das condicións de traballo e avances na xubilación anticipada e a inclusión na xuntanza do 24 de setembro das especializacións e da actualización do Acordo de condicións de traballo, ao tempo que denunciamos a total falla de planificación de Defensa do Monte para o dispositivo de incendios ante o posíbel...
Luns, 21 Setembro 2026

Non á perda da axuda dos 180 € tras a estabilización

A CIG vén de solicitar a Función Pública que aquel persoal que supere un proceso de estabilización e que teña recoñecida a axuda por persoa con discapacidade do artigo 35 do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza non deixe de percibila. Entendemos que, como xa pasou co persoal laboral que se funcionarizou, o persoal que estabilizou deixará de percibir esta axuda e cando...
Venres, 25 Setembro 2026

Novos actos de elección de destino, Consorcio, comisións de servizos en Política Social, INTECMAR (mesa sectorial do 23/09/26)

Preguntamos pola promoción interna de Psicoloxía xa que a primeira parte foi o día 30 de xuño e o segundo exame tiña que ser en 40 días e sacaran resolución ampliando 20 días máis. O prazo (coa ampliación) rematou o pasado 18 de setembro e non temos máis información. O que nos din da DXEP é que remataron de preparar o buzón de postos e continuarán en breve, pero non da...