Novas por contido

A Plataforma está integrada polas organizacións sindicais e profesionais e traballadores e traballadoras da Xunta, Seaga, Tragsa e Natutecnia. Convoca o seu primeiro acto público conxunto o sábado 29 cunha gran manifestación nacional.

MANIFESTO

Un número significativo das organizacións sindicais e profesionais que actuamos no colectivo de traballadores e traballadoras da prevención e extinción de incendios forestais en Galicia, vimos de xuntarnos de cara a denunciar publicamente o desmantelamento que o actual goberno da Xunta de Galicia está a realizar no Servizo.

Este ano tiveron entrada no servizo empresas plenamente privadas, que pretenden obter beneficio económico por apagar os lumes que se producen no noso País. É unha privatización en toda regra que se suma ao desmantelamento planificado nestes últimos anos do servizo propio da Xunta de Galicia


A día de hoxe son xa cinco os instrumentos que a administración galega emprega no operativo de extinción. Persoal da Xunta, da empresa pública Seaga, de Tragsa, de Natutecnia e dos concellos (Grumir), cada un coas súas condicións laborais propias, sen que sexa posible que exista unha coordinación axeitada, e que o que pretende realmente é só man de obra barata e sen dereitos laborais. Polo tanto sen experiencia e non profesional. Unha política absolutamente irresponsable nun tema tan complicado en Galicia como o dos lumes, e onde se renuncia de antemán a realizar unha política preventiva e forestal verdadeira de tal nome.

En vistas da situación, as organizacións sindicais e profesionais e traballadores e traballadoras da Xunta, Seaga, Tragsa e Natutecnia constituímos esta Plataforma, que se fundamenta nas seguintes reivindicacións:

  • A defensa dun Servizo Público, Único e Profesional de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais. Non ás privatizacións do Servizo.

  • A contratación de todo o persoal realizada a través dun sistema único de listas de contratación, dentro do ámbito da función pública, e cunha valoración equitativa do tempo traballado segundo cada caso.

  • A profesionalización do dispositivo e eliminación do gasto da militarización dos nosos montes.

  • Por un Plano Forestal de verdadeira prevención de incendios. Queremos un traballo digno no que se fomente a prevención e a colaboración cos propietarios forestais para a conciliación de intereses como ferramenta contra os incendios forestais.

  • Anticiparse ao lume significa minimizar os seus efectos, e acadar así un emprego máis estable e un sector forestal máis produtivo e xerador de riqueza nun momento tan necesario para Galicia.

  • A apertura inmediata dunha Mesa de Negociación onde busquemos as solucións ao Servizo.


A Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e defensa contra incendios forestais, nacida do colectivo de traballadores e traballadoras, fai un chamamento público á sociedade galega a apoiar esta iniciativa de racionalizar a situación do monte galego, e en especial anima ás diferentes organizacións e colectivos vinculados ao sector forestal e ao mundo rural a sumarse a esta Plataforma, e a apoiar as súas mobilizacións.

O sector forestal é unha riqueza de todo o pobo galego, e debemos ser todos e todas nós quen o defendamos das erradas políticas dos diferentes gobernos galegos.

MANIFESTACIÓN, SÁBADO 29 DE SETEMBRO, ÁS 11:30 HORAS

DENDE A ESTACIÓN DO TREN DE COMPOSTELA

HABERÁ AUTOBUSES DESDE AS COMARCAS

PARTICIPA!!!

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...