Novas por contido

Actualmente hai un lío tremendo e moitítisima confusión cos postos que se ofertarán para este concurso. Trateremos de facervos unhas aclaracións sobre as distintas casuísticas e as razóns de Función Pública das prazas que "teñen ou non teñen" que saír. En todo caso, desde a CIG solicitamos unha ampliación do prazo para analizar polo miúdo todas e cada unha das situacións. Por outro lado, no que respecta ás bases farémovos un resumo das nosas alegacións principais.

Este concurso de corpos especias ten a peculiaridade de ser un totum revolutum de moi varias e pequenas escalas, de afectarlle sucesivas modificacións lexislativas e de arrastrar unha deixadez total á hora da modificación de diferentes RPTs (Medio Rural e Cultura). A resposta de Función Pública é que xa "levan agardando moito tempo" por estas modificacións e que se non o sacan agora, non sairía nunca. A época na que o sacan non está exenta de suspicacias, como tampouco o está o feito de levar, por exemplo, a RPT de Cultura varios meses nun caixón.

POSTOS

1.- Postos abertos nas RPTs a xeral/especial: Función Pública di que estas prazas xa saíron no concurso dos corpos xerais en 2010, permitíndolle ao persoal dos corpos especiais que reunira os requisitos para eses postos participar e, polo tanto, agora non queren sacalas de novo.

Se as prazas son Xeral/especial, deberían e saíron no concurso de xeral, tamén teñen que saír no especial. (Isto implicaría modificar as bases pois neste caso e para ser recíproco co concurso de corpos xerais, calquera que pertenza ao corpo xeral podería participar e optar aos postos para os que cumpra os requisitos).

2.- Postos de corpos especiais xenéricas, sen especificación da escala: Nas RPT a maioría das prazas aparecen como "corpos especiais" sen especificar unha escala (código A2 da columna ADMIN.) aínda que logo sí piden unha titulación específica e en moitas ocasión meten un requisito imprescindible.

Do borrador inicial (porque están facendo xa modificacións no buzón) hai 858 prazas e delas 729 teñen código A2 (aínda que dentro destes 27 postos de Cultura, piden como requisito imprescindible ser facultativo dunha escala concreta, e 42 de Traballo piden técnico superior de riscos laborais). As 660 prazas restantes, calquera persoa que pertenza aos corpos especias pode optar a elas sempre que posúa os requisitos de titulación, formación e experiencia esixidas.

Unha curiosidade: 3 xefaturas de sección en pesca, nivel 25, abertas A1 A2 C1 de corpos especiais (A2) sen ningunha esixencia, nin mérito, nin requisito imprescindible, nin titulación ningunha, nin sequera experiencia. Preguntámonos que terán estas prazas de facultativas.

3.- DT 8ª e 9ª do Dlex. 1/2008 que aproba a Lei FP: Algunhas escalas aínda teñen sen facer a 3ª convocatoria daquelas aprobadas na lei de FP 4/88 que lles aseguraba tres convocatorias e de non aprobar, o pase a persoal laboral fixo. Ten que ser persoal que estivera traballando antes do 99 (coma Feijoo, que andou ben listo no seu momento para que se aprobara esta disposición) Estas prazas teñen que saír no concurso. Segundo a DT 8º queda claro que estas prazas deben saír no concurso e que tamén o persoal afectado se lle adxudicará outro posto, no caso de que se ocupe.

4.- DT 14ª Dlex. 1/2008 que aproba a Lei FP: As prazas ocupadas interinamente antes de 1 de xaneiro de 2005 e de forma ininterrumpida  non poden saír no concurso porque así o estableceu a Lei de medidas do mes de febreiro (artigo 7). Estas prazas tiñan que estar ocupadas por persoal interino nesa data e teñen que seguir estando ocupadas polo mesmo interino. Neste caso FP só admite aquelas prazas que nesa data eran vacantes. Se imos ao literal das leis teremos que reclamar que se retiren tódalos postos ocupados interinamente antes de 2005 ainda que naquel momento non fosen vacantes.

5.- Sentenzas de indefinición de persoal laboral polas que crean as prazas como persoal funcionario (e a obligatoriedade de crear aquelas pendentes nun prazo máximo de tres meses): teñen que saír no concurso. V.LEI 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autóno­ma de Galicia para o ano 2012. Hai 49 prazas con observacións “ocupadas por persoal laboral indefinido non fixo".

6.- Profesores numerarios e os Mestres de Taller, da Consellería do Mar: son un caso especial, cunha regulación específica. Todos estes postos se retiran do concurso e teñan a coletilla de "Eliminarase por proposta da consellería ata a resolución dos procesos selectivos" . Son 35 prazas.

7- Postos que se retiran do concurso ata a creación das novas escalas: de SEGURIDADE E SAÚDE, consellería de Traballo (Instituto de seguridade e saúde= 42 prazas),  e de INVESTIGACIÓN, consellería de medio rural (centro de investigación de Lourizán= 5 prazas).  A saber cándo se crean estas escalas, en 5, 10, 15 anos, e mentres tanto sen saír a concurso.

8.- Postos eliminados por proposta de amortización da consellería (38 postos): Neste caso fixemos saber a Función Pública que queremos ter constancia das certificacións das consellerías conforme a praza se amortiza,  que debe indicar o motivo da amortización e o prazo concreto.

9.- Parque das illas atlánticas: O parque xa hai tempo que foi transferido e a RPT segue sen facer, polo tanto todas estas prazas non saen no concurso... ¿ata cando?.

10.- Postos que faltan en Cultura: denunciamos a falta da nova RPT en Cultura que fai unha sinrazón as prazas que ofertan.  Función Pública debería obligar a inmediata aprobación da RPT, e deixarse de pensar só en eleccións, que fixeron todo este ano?

11.- Postos de dirección de parques naturais e reservas: Por qué se amortizan estas prazas? acaso os van pechar os parques ou será que funcionarán sen dirección? Queremos saber a verdade: si realmente se amortizan por non ser necesarias ou se realmente é unha manobra para que queden vacantes e transformalas en LDs

12.- Xefaturas de distrito forestal: Son prazas vacantes abertas a xeral/especial. Non saíron no concurso de corpos xerais e agora tampouco saen no de especiais, que pasa  con estas prazas?


BASES

Base I. Requisitos para a participación

Base I.1.a) Participación desde postos de libre designación

Recoñecendo que a Lei da Función Pública esixe 2 anos de permanencia só para os funcionarios que accedesen ao posto que veñen desempeñando con carácter definitivo por medio de concurso de traslados, sen incluír a mesma previsión para o persoal que ocupa en destino definitivo postos provistos  por libre designación, desde a CIG estaremos vixiantes de que non se autoricen comisións de servizo para postos de libre designación inmediatamente logo de resolución do presente concurso a traballadores que cambien de destino definitivo a consecuencia deste.


Base II. Postos ofertados

Base II.2. Postos ofertados na fase de resultas

Solicitamos a modificación da redacción da base II.2, no sentido de eliminar a condicionalidade referida á necesaria cobertura dos postos na fase de resultas.


Base III. Valoración de Méritos

Base III.1. Antigüidade

Solicitamos que se diferencie a valoración dos servizos prestados na Xunta de Galicia, no sentido de outorgar a metade da puntuación por servizos prestados noutras Administracións Públicas da  correspondente aos servizos prestados na Administración galega.

Así mesmo, solicitamos unha nova redacción do apartado, de xeito que se acade a puntuación máxima por antigüidade cun menor número de anos de servizos prestados. Deste xeito, por un lado poténciase o peso relativo da antigüidade no conxunto da baremación, e por outro rebáixase a 25 anos o tempo de servizos esixido para acadar a máxima puntuación por este apartado, en coherencia coa realidade desta escala na Administración autonómica.

Base III.4.1.2. Valoración do traballo desenvolvido segundo o nivel do posto solicitado.

Consideramos que se axuste a gradación da puntuación en función da diferenza co nivel do posto desempeñado. Na proposta da Administración, a valoración do tempo no caso de que o posto solicitado sexa inferior ao posto desempeñado en máis de dous niveis duplica a valoración do tempo no caso de identidade de nivel entre o posto solicitado e o desempeñado.

Base III.4.3.1. Puntuación por solicitude de postos na localidade onde radique o posto de traballo do/a cónxuxe ou parella de feito.

Solicitamos a revisión da puntuación outorgada por este concepto. Así mesmo, propoñemos que se contemplen tamén outras circunstancias para os efectos de computar a correspondente puntuación neste apartado: familias monoparentais, cando se teña escolarizado algún fillo ou filla menor de idade e persoal que teña maiores dependentes ao seu cargo.

Base III.4.1. Puntuación por cursos de formación e perfeccionamento.

Insistimos en que a valoración dos cursos sería máis xusta de facerse un fraccionamento por horas e non por tramos.

Consideramos excesivo o tope máximo da puntuación por formación na base III.4.1 (3 puntos), xa que equivale, por exemplo, á puntuación por 20 anos de antigüidade (tendo en conta a redacción proposta pola Administración para a Base III.1).

Así mesmo, propoñemos reducir o tope máximo da valoración das linguas oficiais da UE, a 1,25 puntos, mantendo a proporción do 50% no conxunto deste apartado.

Base III.6. Puntuación polo grupo de pertenza.

Solicitamos que se reduza a diferenza da puntuación polo grupo de clasificación neste apartado.


Base IV. Solicitudes de participación e documentación que debe acompañala

Base IV.3.a) Localidades na fase de resultas

Solicitamos que se amplíe o número de localidades a solicitar nesta fase, por orde de preferencia, así como a Consellería, se procede.

Outras novas recentes

Mércores, 18 Decembro 2024

Consellarías de Educación e de Economía van adiante co traspaso forzoso e non negociado de persoal propio, laboral e funcionarial de GAIN

A última hora da xornada laboral do 16 de decembro, dende a dirección da Axencia Galega de Innovación (GAIN) remítesenos o texto oficial do 2º Acordo de traspaso: adscripción de postos con nivel orgánico inferior a sevizo e traspaso de créditos asignados aos servizos traspasado, entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería...
Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...
Luns, 16 Decembro 2024

Decreto OEP2024 de escalas sanitarias (Lei 17/89) (MSF 13/12/24)

A Dirección Xeral de Función Pública trouxo á Mesa Sectorial de Funcionarias (13/12/24) o Decreto da OEP 2024 das escalas sanitarias da Lei 17/89. Este persoal segue a ter unha xestión á marxe de Emprego Público, cando se trata de persoal funcionario de Administración. Seguindo o seu modus operandi, onde a boa fe negocial brilla pola súa absoluta ausencia: enviáronnos a...