Novas por contido

A Xunta segue sen querer falar de calquera órgano de control deste tipo de contratos onde estea presente a parte social.

Os días 13 e 15 de novembro publicábase no DOUE os anuncios de adxudicación de tres contratos de servizos informáticos da Axencia de Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) da Xunta de Galiza por valor de case 2.700.000€. De novo, e máis dados os tempos que corren, Indra e Altia volveron a ter unha sorte incrible na lotaría da contratación pública coa Xunta, e en concreto coa AMTEGA, onde traballan conxuntamente coas traballadores públicos decenas de asistencias técnicas.

Mentres se enarbola a bandeira da austeridade e a racionalización do gasto para todo o que teña que ver coa prestación directa de servizos públicos, para a súa privatización non existe ningún tipo de reflexión, nin análise, nin debate. Desde a CIG-Autonómica queremos denunciar que a Administración autonómica ignora reiteradamente as nosas peticións para desenvolver estas funcións con recursos propios ou canto menos da súa posibilidade; por ingnorar, ignora até as nosas demandas de información.

O primeiro dos contratos de INDRA por un valor total final de 741.355,93€ é para dar servizo de soporte técnico e funcional de diversos sistemas de información xestionados na AMTEGA. O outro ten un valor total final de 307.800,00€ e está orientado para dar servizo de mantemento da plataforma de correo electrónico da Xunta de Galiza. Ambos contratos teñen unha duración de 24 meses.

No caso do contrato con ALTIA Consultores, o contrato adxudicado o 15 de novembro ten un valor total final de 1.619.703,65 € e ten por obxecto o mantemento, licenzas e soporte de produtos avanzados de xestión de base de datos e servidores de aplicacións. A duración do contrato será de 48 meses.

Consonte á Lei de contratación no sector público hai que recordar que destas cantidades está excluído o IVE, co cal habería que engadirlle un 21% do tipo xeral.

Convén recordar, segundo os datos da plataforma de contratación da Xunta, que nos últimos 3 anos e medios foron case 35.000.000 € os destinados a contratos informáticos sendo case sempre os afortunados unha das catro seguintes empresas: Indra, Altia, Plexus ou El Corte Inglés). Igualmente, neste período, foron máis de 4.000.000 € os destinados a licenzas de software privativo coas grandes multinacionais como Microsoft.

Cabería pensar que cantidade de postos técnicos informáticos propios se podería crear para atender estas necesidades con ista cantidade de cartos ou o diñeiro en licenzas que poderíamos ter aforrado de ter implantado o software libre coma xa fixeron noutras comunidades autónomas. Non hai que deixar de lado que detrás destes contratos existe un beneficio empresarial que redunda nun empeoramento do servizo, das condicións laborais dos traballadores ou ben de ambos. Que maneira mellor de facer austeridade no gasto que evitando este innecesario "beneficio empresarial" ao desenvolver as funcións con persoal propio?

En época de crise a táctica empresarial habitual de cara a supervivencia da empresa é reducir os servizos externos e asistencias. Pois ben, no caso das Administracións empapadas de política neoliberal está de moda o contrario: reducir en persoal propio e aumentar os servizos tecnolóxicos externos. Xa que logo, tendo en conta o elevado ritmo de privatizacións, resulta evidente o escaso interese por parte do Goberno actual en asegurar a supervivencia da Administración autonómica como tal.

Dado que esta política está afectando gravemente a prestación dos servizos públicos, así como ao emprego público, a CIG-Autonómica, volve poñer enriba da mesa, por enésima vez, a súa proposta de comisión de control sobre a privatización da Administración autonómica. A atención focalizaríase nos contratos que pola súa natureza poidan dar lugar a cesións ilegais de traballadores ou a contratos en fraude de lei, e ao mesmo tempo fixar se o obxecto e natureza do contrato non é determinado na duración da obra e servizo e pode considerarse que é un traballo estrutural a desenvolver con persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza.

Descargar documentación

Nota remitida aos medios

 

Outras novas recentes

Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo dos subgrupos A1, A2, C1, C2 e agrupación profesional

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo...
Luns, 22 Xuño 2026

Actos de elección de destino definitivo: restritivos e chapuceiros

O venres 15/06/2026 publicáronse os actos de elección de destino de varias escalas, despois de ter rematado o concurso de traslados das mesmas (arqueólogos, facultativos, axudantes e auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos, restauración en bens artísticos e arqueolóxicos e delineantes). O caso máis rechamante é o da escala de delineación, con 15 prazas que quedaron...
Venres, 19 Xuño 2026

A XUNTA "NOSTRA": uso de prácticas mafiosas no concurso de traslados

Ameazas de desterro de oficio a quen non ceda o seu posto Estrañas manobras en Emprego Público para que algunhas persoas renuncien aos postos obtidos no concurso. A lei do silencio chega á Función Pública galega. A DXEP pretende tapar os seus erros xudiciais roubándolle os postos aos persoal mediante a táctica do susto ou trato telefónico. O "trato" é que colles un posto...