Novas por contido

O 29 de xaneiro, a Xunta de Persoal da Xunta de Galicia en Lugo mantivo unha entrevista co Fiscal Provincial de Lugo para darlle coñecemento do que ao noso entender é un dos máis claros exemplos de cómo se pode ignorar a lei todos os días e nin tan sequera disimulalo. E para ilustrar a nosa acción, elaboramos un informe (preme aquí para descarregalo) no que se poñen de manifesto e con exemplos, varios incumprimentos da Xunta de Galicia en materia de normativa reguladora nas comisións de servizos.

A comisión de servizos é un procedemento de provisión de postos de traballo de carácter excepcional para darlle cobertura a postos vacantes que teñan unha urxente necesidade. É un procedemento regulado e creado para suplir unha eiva temporal e está limitado no tempo xa que o procedemento ordinario é o concurso de traslados. O problema radica en que os concursos de traslados que deberían ser anuais e resolvidos en seis meses (artigo 29 da LFPG) no seo da Xunta de Galicia temos exemplos de concursos de traslados que se demoran ata dez anos.  Á parte diso, a Xunta de Galicia incumpre sistematicamente toda a normativa reguladora deste medio de provisión temporal como poñemos de manifesto no informe presentado e que se estrutura deste xeito:

 

  • Antecedentes: Nesta parte do informe poñemos de manifesto perante a Fiscalía provincial as solicitudes feitas por esta Xunta de Persoal desde xuño de 2011, solicitando información dos/das responsables da Xunta de Galicia sobre as comisións de servizo na nosa provincia sen ter nunca resposta por parte das autoridades e de como vimos denunciando periodicamente aquelas comisións de servizo que son a todas luces irregulares.
  • Aplicación e situación: Expóñense no informe os puntos onde se incumpre a normativa reguladora. Máis do 50% das comisións de servizo da provincia de Lugo incumpren a limitación temporal de dous anos que indica a lexislación. Tamén se burla a normativa en dereitos dos traballadores e traballadoras a optar limpamente a unha comisión de servizos cun mínimo de garantías de imparcialidade no proceso.Neste apartado tamén se pon de manifesto a utilización da comisión de servizos en postos de libre designación  na administración para non perder a praza que teñen obtido no concurso de traslados.  Neste caso temos exemplos tan claros como varias Xefaturas Territoriais ou o Secretario Territorial que tamén incumpren a limitación de tempo dunha comisión de servizos. Por último, analizamos que máis do 60% das comisións de servizo da provincia de Lugo están concedidas aos niveis máis altos da nosa administración coma se de postos de libre designación se tratase.
  • Referencia de sentenzas:  Nesta parte xuntamos sentenzas individuais de traballadores e traballadoras que se sentiron discriminados/as e decidiron acudir á xustiza para que se respectasen os seus dereitos.  Varios exemplos da acción da xustiza contra a Xunta de Galicia por este asunto.
  • Denuncia: Presentación ante a Fiscalía Provincial do que consideramos que é unha práctica irregular sistemática e continuada contra a lexislación e a normativa vixente para que investigue os feitos e actúe se cre que o debe facer.Denúnciase á Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Lugo e mais ao Director Xeral da Función Pública para que se estude se puideron ter incorrido en presuntos delitos de prevaricación ao seren coñecedores dos feitos tal e como acredita o informe.
  • Anexos : Enumeración das comisións de servizo concedidas na nosa provincia durante o último ano, libres designacións na Xefatura Territorial do Medio Rural e documentación de todas as denuncias e escritos feitos por esta Xunta de Persoal para intentar poñerlle freo a estas prácticas.

Outras novas recentes

Mércores, 09 Setembro 2026

Modificación RPT; datas actos de elección destinos; SPIF; oficinas emprego; finanzas (CP 09/09/26)

Á Comisión de Persoal do mércores 9 de setembro, foi como único punto da orde do día a proposta de modificación de varios postos na Relación de Postos de Traballo (RPT) das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración, e de Presidencia, Xustiza e Deportes, a causa da execución de sentenzas de persoas que reclamaron destino definitivo no posto que ocupaban en provisional....
Luns, 07 Setembro 2026

Mesa sectorial de funcionarios/as (04/09/2026): modificación RPT, datas actos de elección pendentes, PI23, escolas infantís, PND

Na MSF trouxeron a proposta da modificación da RPT Administración Xeral da Comunidade Autónoma na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e na Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na que se amortizan dous postos para crear outros dous. Dende a CIG non estamos de acordo coas amortizacións pero o que ademais lle fixemos saber á DXEP é que estas presas débense...
Mércores, 02 Setembro 2026

Carné de conducir + Persoal auxliar coidador

Chegounos información nestes días, de que persoal auxiliar coidador estaba a recibir un correo electrónico do Servizo de Selección de Persoal (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal), no que se lle informaba de que "para os efectos de acreditar estar en posesión do carné de conducir tipo B que se precisa para desenvolver determinados postos da escala...