Novas por contido

De acordo co art. 76.1.a) do Decreto lexislativo 1/2008 polo que se aproba o texto refundido da Lei da Función Pública de Galicia (LFPG), os empregados públicos teñen o seguinte permiso: "Polo falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, tres días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e cinco días hábiles cando sexa en distinta localidade."

Este permiso está desenvolvido polo apartado Sexto da Resolución da Dirección Xeral da Función Pública de 12 de marzo de 2013 pola que se ditan Instrucións sobre o rexime de vacacións, permisos e licenzas (DOG do 20/03/2013), no que se dispón o seguinte:

 1. Os días en que se faga uso deste permiso deberán ser en todo caso inmediatamente posteriores ao feito causante, e computarase o día do falecemento, accidente ou enfermidade cando o funcionario ou funcionaria non preste servizos ese día, e lle correspondería prestalos. Así mesmo, estes días deberán ser consecutivos no caso de falecemento, e poderán desfrutarse de forma descontinua no caso de enfermidade ou accidente mentres persista o feito causante e ata o máximo de días establecido.

2. Para os efectos do desfrute deste permiso, considéranse días hábiles os sábados e tomarase como referencia para o cómputo dos prazos na mesma ou en distinta localidade o lugar de residencia habitual do funcionario.

3. Se durante o desfrute do permiso por accidente ou enfermidade grave do familiar, sobrevén o falecemento deste, suspenderase o permiso que se viña disfrutando e iniciarase o cómputo dun novo permiso.

Desde a CIG-Autonómica estamos a detectar que algúns departamentos como a Consellaría de Traballo e Benestar están a aplicar unha interpretación restritiva da posibilidade de gozo discontinuo do permiso por enfermidade grave de familiar, no sentido de esixir aos traballadores e traballadoras co horario xeral da Xunta (de 7.45 h a 15.15 h de luns a venres) que computen os sábados como días laborables cando exercitan este permiso un venres seguido dun luns.

Resulta a todas luces evidente que esta interpretación da Consellería de Traballo e Benestar baleira de contido a previsión da disposición Sexta das Instrucións de vacacións, permisos e licenzas, ao impedir de feito o gozo discontinuo do permiso por enfermidade grave de familiar, cando dous dos días do permiso son un venres e un luns, xa que nese caso impón aos traballadores a obrigatoriedade do gozo continuado. 

Por outra banda, a esixencia de xustificación dos sábados no suposto dun permiso exercitable en días discontinuos implica un agravio comparativo en prexuízo dos traballadores e traballadoras que prestan servizo no horario xeral da Xunta de luns a venres, xa que na práctica se lles estaría a obrigar a computar como días laborables os sábados para os efectos do exercicio dun permiso no que as Instrucións prevén a posibilidade de gozo discontinuo.    

Por estes motivos, a CIG-Autonómica vén de solicitarlle unha entrevista á Dirección Xeral da Función Pública, en aras de demandar que en todas as consellerías se autorice o gozo discontinuo do permiso por enfermidade grave de familiar.

Descargar o escrito dirixido pola CIG á Dirección Xeral da Función Pública

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...