Na súa deriva discriminatoria cara ao persoal, a Xunta leva tempo facendo propostas de subas de niveis a cachos e onde lle peta.
Vimos de rexistrar unha petición para que fagan dunha vez por todas un estudo serio da estrutura de postos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que está completamente obsoleta e cuns niveis mínimos inferiores a outras administracións públicas, tales coma o Estado ou Xustiza.
Temos claro que a funcionarización chapuza e sen garantías artellada no seu momento pola Administración con CCOO e UGT é unha fonte directa da desigualdade e fendas retributivas inxustificables entre profesionais que desempeñan idénticas funcións e asumen a mesma responsabilidade no seo do mesmo centro ou escalas.
Pero a chapuza da Xunta non remata aí, e na vez de realizar xa a avaliación de todos os postos da Administración , avaliación á que están obrigados segundo a normativa vixente (Real Decreto 902/2020 de igualdade retributiva, Estatuto dos traballadores, etc.), so cumpre coas resolucións xudiciais individualizadas, obrigando ao persoal empregado público a ir, cadaquén por separado, ao xulgado a defender o seu dereito á igualdade retributiva.
Por todo isto, esixímoslle á Xunta que cumpra coas súas obrigas e faga dunha boa vez a avaliación dos postos que esixe a normativa. E e por suposto tamén, que traslade de inmediato ás RPT calquera resolución que recoñeza un incremento de nivel ou un complemento a un posto de traballo para todos os postos desa escala no mesmo centro de traballo, así como para os postos idénticos no resto dos centros.