Novas por contido

A Xunta de Persoal do persoal funcionario da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, leva varios anos traballando para que a Xunta de Galicia cumpra coa lexislación vixente en materia de comisións de servizos. Despois das continuas irregularidades que se producen e que constatamos dun xeito cotián, e ao comprobar que a Xunta de Galicia facía caso omiso das nosas peticións de cumprimento e transparencia, tomamos a decisión de facerlle chegar a nosa demanda ao Valedor do Pobo. E hai unhas semanas recibimos escrito da Oficina do Valedor do Pobo dándonos conta dos pasos que tiña dado e das respostas recibidas.

Desde a oficina do Valedor do Pobo, requiríuselle  documentación á Consellería de Facenda para achegar ao expediente da queixa presentada. Na resposta da Consellería de Facenda, a través da dirección Xeral da Función Pública, xustifica o que nin eles mesmos acaban de crer.

No tocante á nosa queixa relativa á duración das comisións de servizos (lembremos que poden ter un máximo de duración de dous anos) a Xunta de Galicia xustifícalle ao Valedor do Pobo que este retraso se vén producindo debido á proximidade da resolución de varios concursos de traslados. Esta afirmación vese contestada por si mesma cando estamos a ver todos os días comisións de servizo que exceden con creces este período, chegando algunhas ocupacións a contarse por lustros. Isto é facilmente demostrable.

Con respecto ás prazas de libre designación que estaban sendo ocupadas en comisión de servizo, para que o funcionario ou funcionaria nomeada non perda a súa praza de concurso, di o informe do Valedor do Pobo que a Consellería non se pronunciou neste punto no seu escrito de resposta a pesar de ter sido preguntada por este feito. Non existe mellor resposta, ás veces, ca un silencio. Con este silencio o que lle di a Xunta de Galicia é que non ten resposta para esta realidade incontestable e esta perversión da lexislación actual.

En concreto, no informe do Valedor do Pobo, faise referencia ao feito de que existen dúas prazas como son a Xefatura Territorial de Presidencia e mais a Xefatura Territorial do Medio Rural e do Mar e di textualmente este informe: “sería interesante ter información sobre os motivos que xustifican a autorización destas comisións cuxa duración iniciouse en xuño de 2009”.

Tamén, e tendo en conta a resposta da Consellería de Facenda ao valedor, este último diríxese “ás Consellerías do Medio Rural e do Mar co fin de obter información concreta sobre as prazas que lle competen, sobre as solicitudes para as comisións de servizo e a súa xustificación, tendo en conta a porcentaxe existente no seu ámbito”.

Por último, a Oficina do Valedor do Pobo, indícanos que cando reciban “o preceptivo informe que este organismo ten que remitirnos, poñerémonos de novo en contacto coa Xunta de Persoal, dándolle conta da nosa actuación e, se é posible, da solución do seu problema”.

Á vista de todo o exposto é evidente que o Valedor do Pobo ten serias dúbidas sobre moitos aspectos que aínda están sen aclarar por parte da administración galega. E polo que podemos ver, non debe ser fácil para a Xunta de Galicia explicalo porque desde a petición feita polo Valedor do Pobo e despois de varios meses, aínda non tivemos resposta destes feitos. A intención nosa, non é outra que o cumprimento da lexislación vixente, como vimos dicindo desde o principio deste proceso. Non se pode utilizar a administración en beneficio propio nin colocar ao persoal a dedo atendendo a razóns persoais e non profesionais.

Desde a Xunta de Persoal, non imos parar ata que consigamos unha administración máis pura e cristalina a pesar do intento dos seus dirixentes de que isto sexa máis parecido a unha oficina de colocación de submisos en postos que deberían ser cubertos respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade.

Outras novas recentes

Mércores, 15 Xullo 2026

Concurso Específico de persoal técnico de Medio Rural: a crónica dun concurso á carta

O martes 14 de xullo, discutimos con Medio Rural a súa proposta de Concurso Específico para os postos de xefaturas de distrito forestal. Constatouse unha máxima da moi rica e variada gastronomía galega: igual que temos caldo de repolo, de nabizas ou de grelos coas miles de variantes comarcais e incluso familiares, a Xunta pretende emulala nos concursos específicos.  O...
Luns, 20 Xullo 2026

Esiximos novas avaliacións de riscos para gardas e axentes ambientais

A CIG reclama avaliacións de riscos para todo o persoal axente ambiental e garda de recursos naturais en base as novas directrices do INSST Nestes días estamos a solicitar á Xunta a elaboración de novas avaliacións de riscos laborais adaptadas á Lei 4/2024, básica de axentes forestais e medioambientais, e ás novas directrices do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no...
Venres, 17 Xullo 2026

Datas dos concursos de traslados e procesos selectivos (MSF 16/07/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do xoves 16, a directora xeral de Emprego Público (DXEP) deu información actualizada das previsións das datas de toma de posesión dalgúns concursos de traslados e procesos selectivos. Indica a DXEP que debido ás incidencias técnicas das últimas semanas, tiveron que ampliar os prazos (como foi en corpos xerais ou escalas sociosanitarias) para...