Novas por contido

Ante a recente crise de contaminación da auga de consumo humano en Ferrolterra, a CIG-Autonómica denuncia a falta de interese da Xunta en todo o que ten que ver coa sanidade ambiental, e manifesta o seu asombro de que non se teñan producido máis casos de alertas sanitarias.

Segundo publica algún medio de comunicación a conselleira de Sanidade manifestou que “tomou as rendas”, porque o servizo galego de saúde “non podía permitir que pasasen días sen tomarse decisións”. Engade a Delegada Territorial da Coruña que abren un expediente informativo para “dirimir responsabilidades” e así “garantir que non volva a producirse un fallo na cadea de responsabilidade”.

A vixilancia sanitaria das augas de consumo humano e de baño son competencia da Consellería de Sanidade, polo que non é aceptábel que a conselleira tente responsabilizar a outras administracións do que son as súas obrigas, para o que ten á súa disposición o corpo de Farmaceúticos Inspectores, 71 funcionarios e funcionarias para atender á totalidade das praias do Pais, ríos, pozos, o programa de prevención e control sanitario da prevención da Lexionelose e demais funcións que entran dentro dos seus deberes cos cidadáns e cidadás.

Con este reducido número de 71 efectivos para a inmensidade das tarefas de vixilancia da sanidade ambiental encomendadas ao corpo de inspección farmacéutica, é imposíbel que a Consellería de Sanidade poida garantir un nivel sequera mínimo de calidade no control dos riscos ambientais, cun corpo de funcionarios e funcionarias que non daría nin para estabelecer gardas na maioría dos centros dende os que realizan as súas funcións se tivesen intencións de facelo. Especialmente sensíbeis á aparición de problemas sanitarios son os fins de semana, días nos que tampouco se realizan traballos de vixilancia, porque non se estabeleceron gardas, xa que terían que destinar maior dotación orzamentaria á Sección de Sanidade Ambiental.

Sanidade non ofrece un servizo abondo para cumprir as súas obrigas cos cidadáns que debe protexer. Pero tampouco ofrece unha compensación económica suficiente polo seu traballo ao seu corpo de inspectoras e inspectores que, dende a súa creación no ano 2006, está a padecer unha discriminación retributiva respecto doutros corpos de inspección da mesma administración, e inclusive da mesma consellería. En definitiva, Sanidade non valora suficientemente o traballo de vixilancia da saúde do seu Corpo de Farmaceúticos de Saúde Pública.

A CIG demanda a ampliación da partida orzamentaria destinada á Sección de Sanidade Ambiental, de xeito que mellore a vixilancia da saúde dos cidadáns, mediante a ampliación dos efectivos para que estes poidan levar á práctica o sistema de calidade e auditoría estipulado, así como ver cumpridas as súas demandas de equiparación salarial con outros corpos de inspección.

Outras novas recentes

Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Martes, 20 Outubro 2026

Destinos limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc. (DOG 30/09/26), inspección consumo, inspección turismo, veterinarios/as-2024. Convocator...

Información da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario, do 20/10/26: Nomeamento das escalas convocadas a escoller destino no DOG 30/09/26 (limpeza, cociña, mantemento, RRNN, etc, que agrupou 18 convocatorias de procesos selectivos: afirma a DXEP que publicarán a resolución co nomeamento e destino adxudicado no DOG do 30/10/26. En canto á data de toma de...
Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...