Novas por contido

Feijóo vén de nomear como nova Secretaria Xeral de Emprego a unha grande vella amiga, e unha vella coñecida entre as/os traballadoras/es e sindicatos da Xunta de Galiza pola súa dilatada e ampla traxectoria profesional e xudicial de despedimentos, represión sindical e acoso laboral. Será por eses derroteiros por onde vai ir o emprego, ou mais ben… o desemprego en Galiza? 

A experiencia laboral da Sra. Toca Carús

Dende logo hai que recoñecer, na honra da verdade, que Toca Carús é unha gran profesional do emprego, visto dalgunha maneira, sobre todo do emprego que destrúe alá por onde pasa… sobre todo, e particularmente. Algunha experiencia, polo tanto, no seu novo cargo de flamante secretaria xeral de Emprego si que ten, aínda que algunhas e a algúns lles soe máis ben a unha inocentada ou a unha broma macabra do Samaín…

No proceso de selección posto en marcha por Feijóo para o cargo da secretaría xeral de Emprego, sempre tendo en conta a súa inigualable capacidade, deberon valorarse con bastante puntuación, sen dúbida, a represión sindical (léase, represión sindical contra os/as delegados da CIG e contra candidaturas electorais da CIG e UXT), o acoso laboral (léase acoso laboral contra delegadas/os sindicais electos da CIG), ou os despedimentos nulos e indemnizacións contiosas de cartos públicos para acordos xudiciais destinados a aceptación dos despedimentos de traballadores fóra da órbita da ideoloxía do PP, e iso sen mencionar a consabida e especial predilección de Toca Carús polos despedimentos de traballadoras embarazadas ou recén incorporadas ao traballo tras o período de baixa maternal, sen dúbida a guinda que coroa o pastel pestilente dun grande currículum vítae, sobre todo de alguén que ostente un cargo público en materia de Emprego!

Entre a experiencia inigualable e inestimable de Toca Carús, Feijóo tivo especialmente en conta partes do currículo desta grande profesional inesquecibles para todas/os, como son o seu paso pola extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, na que aterrou como xerente en 2009 tralas eleccións autonómicas nas que gañou o PP, ou o Igape, onde é nomeada secretaria xeral no 2012, escapando do conflito laboral que tiña ás súas costas, que xa duraba anos, e que a tiña empantanada nos xulgados e na Inspección de Traballo día si e día tamén.

CV recente da nova secretaria xeral de Desemprego

2009-2012 Xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza (actualmente Axencia Galega de Innovación).

Nada máis aterrar no seu novo cargo nesta fundación pública da Xunta de Galicia, Toca Carús comezou os despedimentos selectivos e fraudulentos masivos de persoal claramente non afín ideoloxicamente ao PP, o que levou a un conflito laboral que durou varios anos, e que abocou a boa parte do persoal , ao Comité de Empresa da Fundación e aos delegados sindicais da entidade a denunciar en innumerables e interminables ocasións ante a Inspección de Traballo e ante os xulgados.

Os primeiros grupos de despedimentos tiveron lugar durante o proceso de eleccións sindicais do persoal daquela entidade, e nas que participaban os sindicatos CIG, UXT e CC.OO. Nada máis tomar posesión do seu posto, Toca tentou impedir a constitución do Comité de Empresa da Fundación, elixindo deliberadamente como primeiros grupos de despedidas/os aos traballadores que integraban as listas da candidatura da CIG ao completo, e tamén a parte dos candidatos de UXT. Isto tivo como consecuencia que as eleccións sindicais se demorasen e tivesen que refacerse as candidaturas da CIG e UXT, nun clima totalmente hostil onde o persoal recibía ameazas de despedimento en caso de aceptar ser candidato/a. Finalmente, e a pesar de toda a saña e forza en atrancar o proceso sindical de elección de representación dos/as traballadores/as, o Comité de Empresa da Fundación era constituído poucos meses despois, coa vitoria da CIG, o que posteriormente, e até a fuxida ao seu novo cargo, a levou a someter con ensañamento a todo tipo de actuacións de acoso laboral e represalias diarios aos delegados da CIG electos.

O regueiro sen fin de denuncias e demandas xudiciais en contra das actuacións despóticas de Toca frutificaron no recoñecemento xudicial e da Inspección de Traballo de represión e acoso sindical contra a CIG, motivo polo que parte do persoal despedido tivo que serlle restituído o posto de traballo, mentres que a moitos traballadores/as se lles mercaba unha sentenza xudicial favorable a cambio de boas contías de diñeiro para que aceptasen o seu despedimento –cousa que moitos fixeron de boa gana, dado o ambiente laboral existente.

Ademais diso, Toca Carús puxo todo o seu empeño en recortar durante todo o seu mandato os dereitos das/os traballadoras/es da entidade, e foi a pioneira en eliminar o Fondo de Acción Social na súa totalidade ao persoal da entidade da que estaba ao cargo, sendo o primeiro fondo de acción social en eliminarse da Xunta de Galiza.

2012-2015 Secretaria xeral do Igape

Aínda inmersa nos xuízos polas demandas realizadas polo persoal da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, Toca Carús escapa do conflito laboral creado, e mellora na súa carreira profesional desempeñando as súas funcións como secretaria xeral do Igape, obsequio polo seu bo facer do seu amigo Feijóo, onde permaneceu até a actualidade.

Será esta a nova fuxida para a diante de Toca Carús, polo seu brillante traballo no Igape, como órgano xestor de subvencións que están a moreas nos nosos xulgados? Non sería mellor que Feijóo lle achandase un pouco o camiño dos xulgados e a colocase nalgún departamento xudicial da rúa de Viena que é tan dada a frecuentar?

Outras novas recentes

Sábado, 04 Xullo 2026

Carreira profesional e concursos F0425, F0326 e F0525 (CP 03/07/2026)

Na rolda de intervencións da Comisión de Persoal do venres 3 de xullo preguntamos polas solicitudes da carreira pendentes de resolución, así como pola concreción de datas das distintas fases dos concursos F0425, F0326 e F0525.  Resolucións pendentes da carreira profesional  Preguntamos pola situación na que está a tramitación das solicitudes, dado que nos consta que a día...
Xoves, 09 Xullo 2026

Coeficientes redutores de Gardacostas: a consellería segue inactiva e non cumpre

O luns 06/07/2026 tivemos unha xuntanza coa Consellería do Mar pola pretensión desta de iniciar un novo procedemento para o acceso á aplicación dos coeficientes redutores ao existir unha nova norma. Como xa dixemos aquí, o novo decreto é máis restritivo, pon máis atrancos e é menos garantista. A consellería pretendeu colar que a vía aberta pola CIG ao promover o...
Venres, 10 Xullo 2026

Actos de elección de destino (CP 10/07/26)

Nesta xuntanza do 10 de xullo da Comisión de Persoal tratamos a situación caótica dos actos de elección de destino. O propósito da CIG é trasladarmos información completa e transparente e que se negocie, algo que botamos en falla. A modificación da resolución da elección de destino das escalas sociosanitarias (DOG do 13 de xullo) incluirá a eliminación de persoas falecidas...